10 jun 2009








A lingua derrotada

A opción de se dedicar á escritura en Galicia (enténdase: á escrita en lingua galega), aínda non goza da consideración social que se pode respirar noutras latitudes, cando o certo é que, grazas ao labor de quen escolle este modo de expresión estética, o noso país aínda segue vivo, con vida cultural propia e diferenciada, por máis que ferido en múltiples partes vitais.

Moitas veces, por enredar, nunha brincadeira algo macabra, téñome proposto imaxinar que, de súpeto, desaparecesen a lingua e a literatura galegas. Que Galicia se entregase, cansa e derrotada, á lingua de Castela ou á lingua inglesa, ou ás dúas xuntas, queimando todo o patrimonio literario nas cacharelas de San Xoán e renunciando así á súa propia enerxía para se botar en brazos do alleo, cara ao que tanta querencia ten, por certo.

Imaxinar a reacción da sociedade, se un día aparecese nos medios de comunicación que os nosos escritores e escritoras, todos, unanimemente, renunciaban a seguir escribindo, dando dese xeito por rematado e fracasado para sempre o ciclo que se abrira con Rosalía, e dispostos a continuar a súa vocación noutras linguas.

Antóllaseme que quizais o xogo habería ser algo así como o que fixo Orson Welles o 30 de outubro de 1938 na radio, cando con impresionante realismo levou a cabo unha adaptación da novela de H.G. Wells, A guerra dos mundos, provocando o pánico en Nova York e Nova Jersey, onde moita xente tomou por verídico o que estaba escoitando sobre unha invasións de naves marcianas que viñan aniquilar os Estados Unidos e os seus habitantes con gases velenosos.

No meu xogo non imaxino, dende logo, unha reacción inmediata tan radical como a dos ianquis, pero tampouco non acabo de poder imaxinar un encollerse de ombreiros, unha abulia xeneralizada e perdurábel ou mesmo un aplauso minoritario entusiasmado con semellante catástrofe. Non acabo de ver iso no meu pesadelo de vixilia e, quizais polo afán de procurar un final feliz, vexo a troco un vagaroso balbordo social nacendo e medrando mesmo dende os individuos e os sectores máis recalcitrantes e belixerantes contra o galego; un desacougo que había rematar engordiñamente nun clamor pedindo que as cousas volvesen ao seu e que os nosos escritores seguisen para adiante na angueira de construír unha literatura coa que poder presumir fóra de Galicia. Mesmo a furibunda (seica) bilingüista Gloria Lago de seguro que amosa certa fachenda cando a poñen na tesitura de ter que se definir dediante das súas amizades nas praias de Valencia, Cataluña e Euskadi ou nas piscinas esteparias castelás, dicíndolle a Montserrat ou a Jordi, a Ainoa ou a Iñaqui, a Almudena ou a Isidro, que ela tamén leva na súa bagaxe cultural algo propio que presentar, e a certeza de poder dicir que os galegos temos unha lingua milenaria recuperada e cultivada nunha literatura que nada ten que envexarlles a outras moitas. ("¡Ay, hija! pues nosotros también te tenemos una lengua propia y mas una literatura muy buena").

Se eu non estivese seguro de que este habería ser o final verdadeiro, como podería amencer todos os días e saír á rúa a respirar o noso aire en terra queimada, sen lilas, nin orballo, nin outra primavera?.ANXO TARRÍO VARELA:Galicia Hoxe-10/06/09

7 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Debería facerse unha campaña do tipo:

O galego, un toque de distinción.

Ou mellor aínda: A Touch of Distinction.

Anónimo dijo...

As reaccións contra esta enquisa están sendo numerosas, a sociedade civil galega segue a mostrarse viva ainda que as formas políticas partidarias estean periclitadas.

ms dijo...

Os que na Terra falades e escribides en galego de xeito consciente tedes que estar máis unidos que nunca na defensa da lingua. E máis agora que os partidos da oposición están adormecidos, e a maior parte da prensa escribe a ditado das subvencións.

Nunca choveu que non escampara.

Agora, afortunadamente, temos un medio para nos dar a valer: Internet, os foros de opinión, os blogs, etc.

Anónimo dijo...

Prégase a difusión deste escrito ao equipo directivo, profesorado, consello escolar e ANPA. Grazas.





As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:



1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.



2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.



3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.





CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística

Anónimo dijo...

"Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego."

E toda esta arterada baixo a mirada atenta do grande profesional Anxo Lorenzo, a quen se laudaba hai pouco por aquí.

XDC dijo...

Non é un pouco forzada esa tendencia a identificar a continuidade da lingua coa existencia de unha literatura galega?. Sempre os escritores autoerixíndose nos paladís da defensa da lingua cando moitos deles mesmo son castelánfalantes na práctica.
A continuidade da pasa por a sua fala cotiá na rúa, de xeito natural , en todos os rexistros, non sólo no literario.
Tampouco se garantiza a sua continuidade na rúa anque o 100% do ensino se dera en galego. Os rapaces diferencian o mundo da rua do mundo da escola.
No Senegal, o 100% do ensino, é en francés. Pero a ningún se lle ocurre falar francés na rúa.

Anxo Bama dijo...

Se quere oír o máis triste que se me ocurriu con toda esta leria das enquisas e tal? Algo no sentido de que nun día todo cambia, non que se deixe de escribir en galego, outra cousa que vai na mesma liña.
Daquela pase por:

http://cuartos.blogaliza.org/2009/06/13/galiza-espertar-sono/