23 jun. 2009





Pranto polo camiño da Martinga

Afonso Vázquez-Monxardín

(La Región, 23/06/2009)

Na nosa Lombardía -que era como Otero Pedrayo lle chamaba aos Chaos de Amoeiro- hai moitas xoias. Estas naturais, como o Barbantiño de fervenzas enlazadas. Aquelas prehistóricas como os petroglifos do Chao das Ferraduras. Estoutras artísticas como a igrexa románica de Cornoces. Tamén literarias como o pazo de don Ramón en Trasalba. Se cadra por estas cousas, por esta multiplicidade de marabillas sempre foi lugar atractivo. Aínda lembran os vellos como nas primeiras décadas do século pasado os señoritos de Ourense, para escaparen das calores do verán que os afogaban no fondo do pozo, subían a Amoeiro de veraneo, para pasear entre as carballeiras ou gozar co refresco das noites. Logo veu a moda da praia. Hoxe son centos as casas que como segundas vivendas de ourensáns da cidade, inzan o Concello, desde a Bóveda hístórica á dinámica Parada ou a oteriana Trasalba. E tamén, claro, tamén están os pazos que nos falan doutras formas de vida e relación social. O dos Miranda en Parada, o dos Rivas en Bóveda, o que foi dos Suances en San Damián, o de Pedrayo en Trasalba, e, esquecendo varios, o que arestora nos interesesa, a Martinga en Cornoces.

A parroquia de San Martiño de Cornoces -con ese topónimo rabiosamente céltico e relacionado con Cork, Cornualles ou Corcubión- vémola especialmente fermosa. O río Barbantiño abrazándoa polo pé; a igrexa empoleirada no alto dun antigo castro cunha inscrición medieval que ocupa toda a fachada sur na que relata as circunstancias, persoas, reliquias e tempos da fundación, sen dúbida das máis espectaculares de España. E alí, preto da igrexa, érguese, abandonado hoxe, o vellísimo Pazo da Martinga. O nome evócanos a unha ‘Martinica’ latina, se cadra relacionada coa propia advocación da parroquia. Pois ben, ata hai uns meses, un dos percorridos máis gorentosos que se podía facer a pé por ese labirinto de camiños abandonados que o noso país, era o que ía desde a estrada que comunica Amoeiro con Ponte Mandrás ata o pazo da Martinga. As fondas rodeiras de carro, cheas de follas secas no outono, os muros de cachote con liques centenarios e couselos como carnosas ventosas vexetais, as sombras que o acobillaban, frescas no verán, quentes no inverno, o suave son do trepar nas follas do chao, os fentos de debaixo dos piñeiros e as fentas das sombras máis húmedas, as luces ocres coadas entre as follas dos carballos, os sons das cascas dos piñeiros ao abrir no medio das raxeiras do verán... Todo isto está, parcialmente perdido. Esta fin de semana, vin que onde había unha encrucillada hai un cruce. Onde había musgo e pedra, había macadán e grava. Unha longa pista que vai de ningún sitio a ningún sitio, que non pasa por núcleo habitado ningún, subrepuxérase ao vello camiño medieval. Os centos de anos de paso de carros fendendo a pedra ata facer as rodeiras guiadoras, volatilizáranse rapidamente coa acción da pala e das escavadoras. Eu non sei ver razóns de tipo económico que xustifiquen ese violento pasar páxina. Se cadra as hai. Pero tamén pode que sexa só un soño que se esvaeza deixando ferida a natureza, o camiño.

2 comentarios:

lobo neghro dijo...

A economía é a das máquinas en movemento. Son donos agachados moitos políticos, e pilótanas, como dín na miña aldea, "Romanos".Antes os pilotos explotados eran portugheses.

As máquinas non poden estar paradas. E son pagas frecuentemente con cartos da administración.

Kafka coa súa sensibilidade non comprendida no seu tempo adiantouse ó que ía vir, de maneira artística e metafórica, sen facer socioloxía nin história. Só con arte.

Poderíadesme indicar un artista galego que poda estar adiantándose ó que vai vir?, sen facer história nin socioloxía.E moito menos sen facer política, que pertenece a outra orde dos seres vivos.Nin animal, nin vexetal, nin fungo.

Anónimo dijo...

Hai tempo que non dou un paseo até o pazo, pero lembro a súa fermosura.Sinto mágoa do que acabo de ler, e xa non sei se haberá xeito de amañar este país. Desesperanza cando non albiscamos un futuro.