23 jun 2009


AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN
Maldita lotería

Galicia Hoxe, 23/06/2009
Imaxe: Pamen Pereira. Curso Circular. Galería Trinta.
Non lles son eu moito de barras, pero aquel día el tiña ganas de falar e eu nada mellor que escoitar. Á segunda caña o dono, desde detrás da barra, empezoume a contar a súa vida. Estabamos sós no lusco fusco daquel soto. Nunca entrara no local e nunca despois volvín. O caso é que el suspiraba con saudade pola vida tranquila e regalada que antes levara. Fora emigrante en Suíza uns aniños, poucos, os suficientes para arranxar a casa da aldea e facer un petiño para un apuro. Voltara á cidade e entrara a traballar de cociñeiro nun hotel (en Interlaken aprendera moito e tiña boa man). Non era un choio malo e tiña, como di a canción cubana, una casa, un carro y una buena mujer. E como era de bo facer, levábase ben cos compañeiros e cos xefes. Vivía tranquilo e cómodo cando lle sobreveu a desgraza en capítulos raros e lentos. Todo empezou, dicíame angustiado, co premio da lotería. Ser non era moito; o suficiente para unha axudiña e un mellor pasar: dez millóns de pesetas. Pero -logo soubo ben que era certo- tamén abondo para escorregar costa abaixo. E contou.

A muller, descendente directa de Eva, picouno con aquilo de non traballar para outro, de que el na cociña era o corazón do negocio no que daquela estaba e que non lle cumpría máis que estabelecerse pola súa conta para triunfar. Deslumbrado co progreso posible na palabra da muller, e por lle dar a razón, decidiuse. Entre os dez millóns do premio e os seis de aforros só tivo que pedir nove a un banco para coller o traspaso dun restaurante en horas baixas. Pero a maldizón do local seguiuno. Alí non entraba unha alma. Intentouno todo. Convites. Anuncios. Pero a xente non entraba. Non sabía o que pasaba. A preocupación medraba día a día. Os amigos do anterior traballo, que sentiran algo de envexa pola súa decisión, tíñanlle agora algo de lástima. Axiña se arrepentiu. Os nove millóns resultaron ser máis gravosos do que pensara, sobre todo sumado ao alugueiro do local, aos gastos enormes que xeraba e a que non tiñan os antigos soldos. Non daban conseguido unha clientela estable, non daban saído dela.

A muller botáballe as culpas a el... "O peor que me ocorreu na vida -dicía con rabia- foi que me tocase a lotería. O diñeiro pode dar a felicidade ou marchar con ela. E a min marchoume. A maioría das cousas que teñen valor, non teñen prezo".


No hay comentarios: