26 sept 2009



Do Retrogoberno á Galiza Potemkin
Feixóo, primeiro balance trimestral

Manuel M. Barreiro
A Nosa Terra, 23.07.2009

Balance do primeiro trimestre triunfal da Administración Feixóo: as inxustizas e os cambios impopulares débense facer todos á vez a fin de que, por probalos menos, fagan menos dano. Desde Maquiavelo en diante, esa recomendación gobernou o consello dos asesores dos príncipes. Os comezos teñen que ser feroces, que despois, virán días de leite e mel, favores e glorias que farán esquecer as inxustizas e as mágoas primeiras. Desde a ocupación da Xunta de Galicia por parte do Partido Popular, o almanaque gobernamental pautouse, basicamente, con días de derrubo, días de cancelación e días de peche por reformas.
Feixóo, que non é menos que calquera novo príncipe, na primeira tirada do seu goberno entregouse á derrogación, demolición e ortopedia extrema para borrar moitos dos rastros das políticas de cambio promovidas polo Bipartito. Sen apenas varianzas, a estampa reiterada nos (case) cen primeiros días da Xunta do PPdeG é a dun retrogoberno hipnotizado pola súa política de deconstrución.
Hai anos John Berger publicou “Un muro e un bulldozer”, un
esclarecedor artigo no que definía tres tipos de gobernos: o conservador, o construtor e o desmantelador. Daquela expresaba a súa señardade polos vellos tempos en que “os dirixentes políticos, cando falaban ante o seu país, ofrecían propostas de construción” ou mesmo cando, cunha óptica conservadora, facían “unha defensa activa de institucións e costumes xa existentes, máis ou menos respectadas por quen os escoitaba e que se consideraban en perigo”. No presente, a modalidade dominante, segundo sinalou o escritor inglés, é o goberno desmantelador, tensionado pola deconstrución "da herdanza social, económica e ética do pasado e, especialmente, de todos os mecanismos, asociacións e normas que expresan solidariedade".
A administración de Feixóo opera a día de hoxe máis como un gobermo desmantelador que como un goberno conservador e faino con fachenda e afouteza, norma de conduta moi lonxe do proceder que Berger indicaba como propio dos lideres contrarreformistas que aspiran a materializar as súas políticas de xeito disimulado e oculto. Nada diso, Feixóo é un desmantelador sen complexos ou remorsos. Os máis pesimistas cremos que o fai movido por un desexo de erradicar toda memoria e vontade de cambio no noso país, os menos pesimistas cren que se dedica a derrubar toda realización institucional ou lexislativa da Xunta do PSdeG e do BNG porque, simplemente, carece dun programa de goberno en positivo.
No seu discurso de investidura, Alberto Núñez Feixóo coroouse cos loureiros dun conservadorismo progresivo orixinal: “Nós non vimos restaurar ningún pasado nin derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores.” O catálogo de derrubos efectivos, ou en proceso, é amplísimo; sen ánimo de pormenorizar: derrogación do decreto do galego no ensino, suspensión da Lei de Pesca, desgaleguización da Función Pública, cancelación do PEGSI, chapoda da AGADIC, mutación da Rede de Galescolas, paralización do concurso eólico... Moito mal facía o anterior goberno do BNG e o PSdeG!Conservadores e conservadurosNa galaxia da dereita,
seguindo a Julio Caro Baroja, pódese recoñecer a existencia de conservadores e de “conservaduros”. Non hai dúbida ningunha de que no Consello da Xunta mandan os “conservaduros” e, se pola súa ansía fose, toda a oitava lexislatura había de ser un carrusel de demolición en nome da boa gobernanza, a eficacia e a austeridade; con todo, mesmo para eles é evidente que o tempo de comezar a gobernar é chegado.
Coa apertura do novo período de sesións parlamentarias, a Administración Feixóo 1.0 terá que comezar a render conta non só das súas ventureiras palabras senón tamén das súas obras e omisións,
principiando pola súa magnífica achega ao financiamento do noso autogoberno; pero hai máis: hai que ver que efectos reais e non só propagandísticos producen o plan de choque contra a crise, o desenvolvemento operativo do plan de competitividade ou o desenvolvemento do ansiado Plan de Infraestruturas (2009-2015) ou Plan Galicia 2.0..
Na axenda parlamentaria agárdano ademais un debate xeral sobre o noso autogoberno e a presentación do orzamento de 2010. Citas obrigadas, sen escapatoria ningunha. Ao retrogoberno acábaselle o tempo de enlearse co pasado e tócalle xa medirse cos problemas presentes. A partir de setembro non haberá ángulo cego ningún no que se poida seguir agochando a carencia de programa e de políticas públicas que, de xeito obrigado, van ter que fixarse tanto no calendario lexislativo como nas partidas presupostarias. Os conservaduros van ter que comezar a gobernar como conservadores ou como construtores.A Galiza PotemkinSeguindo o recto consello dos
Spin doctors cómpre inaugurar un tempo de glorias e logros históricos. Será a quenda da Administración Feixóo como goberno construtor da Galiza Potemkin. Os instrumentos serán tres vellos artefactos ben coñecidos polos galegos da Era Fraga: o Xacobeo, a reedición do Plan Galicia e a nova programación informativa da CRTVG, asfalto, cemento, requintadas programacións cosmopolitas de cartón pedra e vídeos apoloxéticos. O formato ensaiouno con innegábel éxito o mariscal duque Grigori Alexandrovich Potemkin, gobernador da Crimea tsarista de finais do século XVIII, e desde aquela triunfa como unha eficacísima fábrica de miraxes.
Segundo unha unha lenda urbana da alta sociedade de Moscova, cando, en 1787, Catalina II anunciou a súa visita a Crimea, o mariscal Potemkim, para agradar os ollos da tsarina, mandou construír unha aldea na que se fabulaba a felicísima vida que levaban os campesiños do val do Dnieper. A
aldea Potemkin era un tinglado teatral que se montaba e desmontaba para ser traslado dunha comarca a outra. A tsarina, convencida de que non debía entrar nas aldeas por motivos de seguridade, asistía desde unha posición afastada á mesma representación fraudulenta de benestar e prosperidade. A tramoia teatral como cerna da acción de goberno. Os “conservaduros” traballan xa na construción da Galiza Potemkin. De manternos afastados da crúa realidade ocuparase o tramado mediático público e privado (alugado ou directamente comprado) que nos mostrará novas escenas de felicidade, fartura e eloxio dun goberno tan eficiente como decente. A macroprodución da Galiza Potemkin estrearase na campaña outono-inverno pero, de momento, Nuñez Feixóo e compañía van seguir dándolle gas ao bulldozer e uso á bóla de demolición.

[Nota: Este artigo foi publicado no mes de xullo, mais reprodúcese porque, dous meses despois, garda plena actualidade e complementa o de O´Rivas publicado na anterior entrada.]

12 comentarios:

M. Reboredo dijo...

Interesante artigo ainda que aos habituais deste blog lles pase desapercibido, ocupados como bos lambedores en facerlle a pleitesía ao que mai mola na moda habitual, e esto sen restarlle ningún mérito a Rivas pero si aos peloteiros cuxo pronunciamento con estes comportamentos perden credibilidade e valor.

arume dos piñeiros dijo...

A Dpaso somos moitos os que o seguimos e algúns mesmo lle poñemos comentarios no seu blog. Non vaia confundir. Do mellor da blogoleria.

SurOeste dijo...

Á marxe da proposta do post, gustaríame ver aos solaineiros polo menos un día na vendima.

arume dos piñeiros dijo...

Convide, amiga SurOeste, aos que coma min non temos viñas nin terras que traballar. Vou encantado.
Levarei mesmo uvas para a sobremesa e un par de cancións bonitiñas. Poñamos
Cando se pon a lúa
tras dos penedos,
choran as estreliñas
todas do ceo.
Tamén eu choro,
cando non me alumean
eses teus ollos.

SurOeste dijo...

Feito, está vostede convidado, xa concretamos as condicións laborais logo.

apicultor dijo...

Home, Reboredo, creo que está a facer algo fóra de testo e que fala por non estar calado, con todo o respecto llelo digo.

Coñezo a Dpaso dende hai moitos anos, sei desde sempre da súa gran finura analítica e da súa formación, cousas que aprezo enormemente. Mesmo algunhas veces fixemos algunhas cousas a medias, en diversos ámbitos. Ou sexa, que de desapercibido nada de nada.

P.S.: Eu iría encantado a unha vendima, mais a miña delicada saúde impete que me someta a tan duro labor. Iso si, estou disposto a probar o viño novo resultante, que non me fai dano, senón que me vivifica.

Boa noite a tod@s.

Reboredo dijo...

De desapercibido nada de nada, pero postea a Rivas do lindo e a Manuel M. Barreiro nada de nada até que se lle chama a atención pola súa descortesía e peloteril actuación.

apicultor dijo...

Homeeee, a Manolo non lle gusta que lle fagan a pelota nin nada parecido.

Está un pouco roñoso de máis, Reboredo. Déulle hoxe por aí ou seica é así de nacemento?

apicultor dijo...

Ah, e por se non o sabía, Reboredo. Fúnlle eu quen suxeriu aos amigos de Marcos que puxesen este artigo. Así que rabia rabincha...

Reboredo dijo...

A manolo gústalle que non lle fagan a pelota tanto como a vostede, e se suxeriu o seu artigo para penduralo da solaina, é de moita desconsideración mostrar logo indiferencia.

lobo neghro dijo...

Facer a pelota é un pouco burdo. Pero hai artistas da lisonja, e de outros procederes máis sutís. Depende dun tipo de intelixencia. Non sei se está inventariada, ou se entra na categhoría de "intelixencia social". Eso de ser "pelotas" con todos os seus matices.

Paradóxicamente algúns políticos de aspecto "austrolopithecoïdes", están dotados dunha grande intelixencia social. Cousa que lle falta a non poucos intelectuais.

Tamén hai que suliñar que de fontes ben próximas vimos a coñecer o grandes pelotas que foron algúns políticos que chegharon ben lonxe. Obviamente cheghan lonxe por moitas "propiedades", pero o ser pelotas non é despreciable. Por exemplo, comentan os coñecedores de Rajoy Brey. Quen o ía pensar?.

E con un ego tan elefantíasico como o de D. Manuel que o fai "sensible" e fráxil ó peloteo sería imposible facer carreira sen exercelo.

Eu coñecín ó Blanquito levando o maletín do segredario xeral. Ollo se vedes un lacaio levándollo ó Pachi, o día de mañá pode cheghar a ministro.

Outro grande pelotas de tomo e lomo foi D. José Luís Baltar: "profesor, le voy por tiza?", "profesor, le borro el encerado?". Contano os compañeiros de estudos en maxisterio.
De que xénero de personaxes se rodeará un de tal calibre?. É fácil adiviñalo, se dúvida escolle ós máis dotados polo ben da nación.

E na literatura tamén pode haber moito peloteo traducido en publicacións.

lobo neghro dijo...

A sociedade do consumo, a nosa, é o que é, estar continuamente a desfacer para volver facer. Levantar varias veces as aceras para meter diferentes cables. Gastar, despilfarrar, consumir para manter a producción.

Que vos estraña?.


O xenio de Praga xa o intuira, eis o valor da arte e da literatura.