4 oct. 2009

(Foto: R.X. García Romero)

Asemblea de presentación da plataforma
Botadura oficial de ProLingua: dorna plural "para que non afunda a ilusión"
Unha iniciativa para que a lingua e cultura galegas non sexan condenadas a ser "un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado".

Vieiros, R. Noguerol, 03/10/2009

Ilusión, rebeldía, esperanza, gañas de traballar, vontade de colaboración e optimismo inxectouse este sábado na asemblea fundacional da plataforma ProLingua. Unha iniciativa que botou a andar con masiva afluencia este primeiro sábado de outubro ao salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Interveu en primeiro lugar Francisco Fernández Rei, quen subliñou o escenario de preocupación e desalento do que hai uns meses xurdiu a idea de unir voces en favor de "crear algo apartidario e plural capaz de traballar a prol da visibilización da lingua" e para "devolver o idioma ao lugar que merece". Fernández Rei definiu a xornada como "un día feliz para acudir á botadura de Prolingua" á que comparou cunha dorna "de fasquía plural" e "símbolo do país". Botando man do vocabulario mariñeiro, continuou o profesor Fernández Rei apuntando que "mesmo no mal tempo a dorna é barco seguro se leva bo patrón ou patroa". Ao fío, advertiu que, logo dun tempo con vento lixeiro "de popa", para a lingua o vento chega agora de proa, ameazando freala. Por ese motivo, remitiuse ás verbas dos vellos mariñeiros, que tiran da expresión "voltaghear" para definir a estratexia de aproveitar os refachos para navegar nesa condición adversa. "O que Galiza necesita" "Estou en Prolingua porque quero estar cos bos, coa xente miña, e estou totalmente seguro de que temos razón e ademais non mentimos", expresou de seguido Xabier P. Docampo, de cuxa cabeciña saíu inicialmente a idea de crear algo semellante ao que agora abrolla como a plataforma Prolingua, e encargado de explicar máis polo miúdo os detalles do funcionamento do colectivo. "Sempre puxemos fe e traballo, pero agora hai que poñer algo máis", salientou en referencia á vontade de Prolingua de autofinanciarse coas achegas dos seus asinantes e renunciar a calquera subvención de institucións públicas ou privadas. "Dise que cada país ten o que merece, pero Galiza neste momento debe ter o que necesita", desafiou Xabier Docampo, instando os presentes ao compromiso activo para garantir que a plataforma poida desenvolver "unha chea de cousas visíbeis e necesarias" en favor da lingua galega. Como primeira acción, Prolingua distribúe un pequeno pin co símbolo da plataforma. O abrocho, destacou Docampo, quere "visibilizar o orgullo da nosa lingua e a necesidade de defendela, promovela e falala". A curto e medio prazo, o escritor avanzou unha ducia doutras ideas que Prolingua pretende desenvolver, entre outras: a elaboración dun amplo argumentario "que contrarrestre as mentiras que se están a difundir", a distribución de colantes con lemas a prol da lingua, a promoción do galego en ámbitos como o da Igrexa ou o ensino e a organización dunha "gran marcha pola lingua" en maio de 2010. "Motivos" plurais para o apoio a unha iniciativa plural "Actuar en positivo" e despregar "accións sociais que ninguén fará se non as facemos nós", foron obxectivos destacados polo escritor Agustín Fernández Paz na defensa do nacemento de Prolingua, ao que definiu tamén como acción de "rebeldía ante o intento de deslexitimar dereitos dos galegofalantes". Evocou Fernández Paz á histórica Rosa Parks, figura clave do movemento polos dereitos civís nos Estados Unidos e protagonista dunha faísca decisiva o día que se negou a cederlle o asento no bus a unha persoa branca. Recordou o escritor vilalbés as palabras de Parks: "Estaba farta de ceder e ceder", e considerounas inspiradoras á hora de reclamar para os galegofalantes igualdade de dereitos no país para que a nosa cultura "non sexa un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado". Falou tamén Mercedes Queixas quen repasou o contexto de represións e prexuízos que lle fora imposto a seus avós e pais e dixo estar segura de que a xeración de súas fillas "habita unha páxina en branco que entre todos podemos axudar a escribir" contribuíndo a que "estean orgullosas de quen son e de onde veñen". "A cidadanía debe marcar os tempos e ser o motor dos cambios", engadiu Queixas. "Eu estou en Prolingua por meus fillos", sentenciou tamén Henrique Costas. Pola súa parte, Pilar Ponte destacou unha vez máis a heteroxeneidade das persoas que apoian Prolingua arredor "dunha causa común que nos une: o galego". Da súa banda, e para ilustrar a tal pluralidade, Martin Pawley quixo cinxirse á breve lectura dalgunhas das ducias de profesións dos primeiros mil asinantes do manifesto: mestres, avogados, camareiros, historiadores, economistas, labregos, mariñeiros, un fareiro, farmacéuticos, editores, carteiros, libreiros, pasteleiros, veterinarios... Xosé Luís Rodríguez Pardo chamou a defender a lingua "como se fose a nosa vida". "Será, se todos queremos, Prolingua para sempre", arreboloulle ao auditorio. Finalmente, Rafael Cuíña, pechou a rolda de motivacións da decena de promotores que falaron inicialmente, recordando o paradoxo de súa infancia cando na escola lle impartiron "aulas de galego en castelán" e subliñou o seu "compromiso absoluto coa lingua" e a vontade de loitar contra "complexos de inferioridade" que lastran o idioma na sociedade. O núcleo de traballo de Prolingua artellarano neste inicio un grupo de arredor de corenta persoas, entre os que están os antes mencionados, mais na asemblea quedou lanzada a chamada á colaboración e o traballo de todo aquel que queira realizar achegas de calquera tipo. Na web Prolinguagalega.org está toda a información ao respecto, incluídos enderezo electrónico e ligazóns a redes sociais. Prolingua constituirase a efectos formais como asociación, pero sublíñase que internamente seguirá un funcionamento "non xerárquico". En breve, comezará a constitución dunha rede de núcleos comarcais de apoio, información e traballo. "Necesitamos máis ollos, máis mans, máis cerebros e máis corazóns, porque os inimigos da lingua son poderosos", advertiu Xabier Docampo. "Dependemos das nosas forzas... e xogamos na casa", animou.

12 comentarios:

Falcatruán dijo...

Chaman por nós.Unirémonos con toda a nosa forza.
E moito desexável q . todas as plataformas q están a xurdir, a prol da lingua, converxan dalgun xeito,ou se unifiquen nunha entidade superior.Nada de minifundios. A tarefa é urxente. Os "afrikaneers" andan a todo bulir.
Adiante Pro Lingua e as outras!

apicultor dijo...

Hai que felicitar esta iniciativa, que xorde realmente da sociedade civil.

Loureiro dijo...

Eu, pola contra, penso que é mellor non "unificar nada". ¡Que viva o minifundio!

Así ninguén vai artellar un organismo-anel para controlalos a todos, un anel para xuntalos, un anel para atraelos e atrapalos no lado escuro.

En serio -un pouco máis en serio-: Prolingua xa está a ser atacado. A súa páxina web está clausurada. ¿Un erro técnico ou algo máis?

Anónimo dijo...

"Hai que felicitar esta iniciativa, que xorde realmente da sociedade civil."

E logo hai outras iniciativas (non felicitábeis?) a prol do galego que non xorden "realmente" da sociedade civil? E se as hai, pódese saber cales son?

Dighoeu dijo...

Creo que o que querer dicir apicultor é que non hai un partido-patrón por tras para teledirixir ou mover os fíos segundo conveña por interese puramente partidario ou, se é peor, por confundir os pequenos intereses de partido cos da nación-lingua. Branco e tetrabrick, leite.
Por suposto, nada de unificacións. A realidade é plural e ningúen debe impor formas unívocas de entender o mundo e a historia

arume dos piñeiros dijo...

Parece que hai ganas de comentar o asunto. Sigan, sigan. Pero que quere dicir pluralidade cando en todas están mutatis mutandis tamén todos?

arume dos piñeiros dijo...

Dame a impresión de que escribo demasiado neste blog e a falta de respostas non contribúe precisamente a negar tal percepción.
Ninguén escribe aquí xa?

apicultor dijo...

Moitas grazas, amigo Dighoeu. Eu, xaora, non o podería dicir mellor ca vostede.

Eu si que lle escribo (e outros), don Arume, cando poider.

Saúdos e boa noite a tod@s.

Xosé M. González dijo...

Lin nalgún sitio aí atrás: "Non terei claro como están as cousas ata que no pase o día 18". Mutatis mutandis.

O certo é que a actual vaga progalego ten algúns aspectos que eu consideraría, con precaución, exemplares. Primeiro, porque ninguén nin ningunha instancia fala mal de ninguén nin de ningunha instancia. Segundo, porque a pluralidade de intuicións, sentido e culturas políticas (incluído o hábito de organización e mobilización) está dando en iniciativas diversas; pero non só sen desculificar senón apoiando con presenza cando cómpre.

Dito isto: eu non penso que en todas esteamos todos; hai algúns deles -iso si- que deben estar na maior parte delas, e a magnitude ou resón das sinaturas pode dar a impresión de instancias multiplicadas innecesariamente. Pero nin isto di o que isto nin sequera isto implica o mesmo que implicaba isto. Todo cabe e é de agradecer o sentido da realidade que denotan as sinerxias; por moito que, nalgún foro, haxa quen mannifeste un afán de 'unidade' ou 'confluencia' no que non quero ver afán de control ou exclusivismo. Para que imos reñer se a pluralidadeé inevitable...

Así, eu seguramente acabarei inscrito en Prolingua se certo e enigmático problema de comunicación internética se soluciona. E, xaora, o dezaoito a previsión é de estar en Compostela; que na mobilización, cousa por certo imprescindible, marcan pauta inequívoca.

Balonga dijo...

Vivimos nunha "democracia de baixa intensidade", onde o noso destino é decidido polos poderes financeiros, que se apropian de todos os aspectos da vida social até reducirnos a consumidores pasivos e espectadores, segundo nos di o grande Samir Amin.
Galiza que leva dous séculos perdendo poboación, non vai ben, aínda que a Renta per cápita subíra.
Quizabes o ataque de xenreira da Xunta con DANFeijóo ao frente contra o galego (as anteriores FragaXuntos facían o zoinamoinas), é o comezo do futuro.

o mesmo, pero disimulando dijo...

Eu vivo na periferia de case todo. É posible que ata na periferia de min mesmo, pero iso é outra historia.

Non sei se o que vou expoñer ten algo que ver co que se trata neste fío. Pido comprensión, en calquera caso.

Eu estou facendo a miña propia inmersión na lingua galega. Decidín ler, un por un, todos os clásicos universais que van sendo traducidos ó galego. Anoto todas e cada unha das palabras ou expresións que descoñezo ou non coñezo a fondo e logo contrástoas con paisanos da miña zona, as primeiras estrivacións da Terra Chá. (Begonte). Tamén anoto, naturalmente, as palabras e expresións que recollo da xente desta bisbarra e logo intento comprobar se están recollidas nos diversos dicionarios "serios" de que dispoñemos. Hai moitas lagoas, pero hai moitos "plenos". Hai deficiencias, como por exemplo, recoller SUBELA só como instrumento propio dun zapateiro e non como prototipo de muller meticona e impertinente, ou, tamén, avispada.

Ben, trátase dun traballo de campo moi humilde, quede claro.

Véxase un exemplo: CORGO, tomada d'O Señor das Mosacas. O dicionario di: poza natural ou non que se forma nun río ou fora del. Un paisano díxome: ¿Corgo? Un corgo é cando vén unha chea e ó baixar o río deixa charcos.

HABENZA. Eu coñecía esta palabra así: AVENZA, e referida a un queixo resultado da mestura do leite da cabra e da ovella. HABENZA, no gran xerais, refírese a algo semellante ou igual a FACENDA.

Ben, ¿a onde quero chegar? Quero chegar a que a miña experiencia me demostra que a lingua galega, máis alá da Literatura e da política e da reimplantación máis ou menos efectiva no eido urbán, continúa viva e vixente no rural e nas zonas periféricas coma sempre ocorreu. Pero tamén continúa vivo o rexeitamento, tanto rural (complexo de inferioridade ou autoodio) e urbán, moitas veces raiano no absurdo porque quen ataca a lingua nin a coñece nin desexa coñecela.

Daquela, ¿contra quen se ergue Prolingua? ¿Contra quen? Só contra a Xunta e a Política de Feijóo, só contra os infumables seareos de GB? ¿Contra quen? Porque, con toda honradez digo que eu non sei moi ben contra quen teño que erguerme para defender o galego. Moitas veces penso que eu mesmo son o meu inimigo.

Pido perdón se isto non é máis ca un galimatías. Pode que, ademais, sexa unha tortura.

Saúdos.

Xosé M. González dijo...

O inimigo pode ser un mesmo, as súas contradicións, determinada pulsión mesmo herdada; a propia complexidade. Porén, non entendamos, necesariamente, a a actual mobilización progalego coma unha reacción contra; xustamente, o sentido prefixal de pro- é o que marca unha corrente que se quere moito máis positiva e amical ca irritada fronte a dimitentes e infumables.

O que vde. di é máis ca notorio, máis ca notorio niso mesmo o que nunca fixeron cabalmente as institucións máis públicas: tomar en serio, consecuentemente, aínda que só fose a dignificación social profunda do idioma propio do país. Era, quizá, tan terapéutico que meteu medo; ou tan político (e que son tales institucións senón iso?) que a natureza -e non inercia- dos que detentaron ou administraron o poder desbotou desde o inicio a mesma posibilidade.

O goberno bipartito non realizou tampouco política cabal e planificada. Ora ben, abondou cun indicio de que podería chegar a facelo (un simple decreto de vehicularidade no ensino, de implantación desleixada, sen prazos, nin control nin explicación) para que no bando adverso saltasen as alarmas e fose activada a reversión. E eis ondeandamos agora nós, cunha nova insurxencia.

Suxestivo e laborioso o seu traballo, Mesmo. Direille que, para min, o substantivo habenza debe andar relacionado con 'haber'> no seu senso de 'ter<'; na miña etimoloxía quizá rudimentaria, tan adecuado coma 'o que debe ser feito'(facenda?).