6 oct 2009

(Foto: Raíces de Rosa Puig)
Anselmo

Afonso V. Monxardín

La Región, 6.09.2009

Ultimamente, quero dicir as últimas veces que me crucei con el na rúa ou que mo topei no quiosco do Javier en Samuel Eiján comprando a prensa, hai disto xa uns mesiños, parecía un xunco. O cinto semellaba darlle dúas voltas ao redor da cintura, sen apertar, só axudando a ter conta daquela sucinta e elegante arquitectura vertical que desprazaba un punto atoutiñante pero, coma sempre, veloz e apurada. Os seus ollos azuis vivísimos, escrutadores, intensos, seguían falando tanto como a súa palabra rapidísima, aínda que non tanto como o seu pensamento. De aí que a medida que se metía no tema, na charla, no debate, subía o ton, apaixonábase, e arrastraba algunhas sílabas longamente, case tatexando pero sen chegar a facelo.Cando lin o outro día que morrera lembrei que era vox populi neste Ourense que conserva dimensións humanas no trato persoal, a nova, xa non tanto, de que o Anselmo andaba moi, moi maliño. 85 anos non son demasiados, pero tampouco son poucos como para dicir que é unha vida truncada inesperadamente. Cóntanme os que estiveron ao seu redor que tivo unha morte tranquila. Que estaba canso e se deixou ir sen pelexar máis do debido, máis do razoable; que se foi apagando tal que unha veliña; ou sexa, que tivo unha morte doce e prácida, algo que a medida que nos facemos maiores, valoramos cada vez máis. Tamén pensei, vendo as follas deste xornal, en que morría alguén que podemos definir, con certo pudor nacido do excesivo uso que se fai da expresión, como unha figura histórica da cidade. O Anselmo do PSP de Tierno, o Anselmo da Xunta Democrática, o Anselmo da Fundación Santamarina, o Anselmo do Grupo Francisco de Moure, o Anselmo colaborador de La Región, pero sobre todo o Anselmo do Ateneo e o Anselmo pai. Ou sexa, o pai de Anselmo fillo, per alter nome, Selmi, e de Leo, Jesu e Mari Carme, eses catro fillos que tivo coa que noutrora foi a súa encantadora muller, Leonor Carrera.Por ourensán militante, chegou incluso a mancarse moito ao caer nunha zanxa do Paseo, que se ben non era estritamente municipal si que o era dunha empresa concesionaria das obras. E contan as crónicas escritas nos fíos de néboa da cidade que da relación persoal xurdida con esta caída veu o engaiolamento do anterior alcalde con Anselmo, de forma que, como é público e notorio, foi el o que se empeñou en nomealo, contra vento e marea, alá no 2002, como Cronista da Cidade. E moitos fomos os que o saudamos encantados nesta protocolaria e bastante inútil distinción.Seica din os budistas que unha persoa morre tres veces. A primeira cando falece e a enterran, a segunda cando morre a última persoa que a coñeceu e, por último, cando desaparece a última lembranza das cousas que fixo. Anselmo morre, agora, só na primeira das formas. A bonhomía do seu trato e compromiso e as súa realizacións farán que non morra das outras dúas maneiras en moitos anos. Entrementres, seguirá vivo. Desde aquí, envíolles apertas á familia e aos amigos do Ateneo, entre eles, especialmente, claro, a Rosa que tanto o apoiou nos últimos anos.O vello Anselmo, na casa e fóra dela, só estivo rodeado de boa xente. Un motivo de satisfacción nesta despedida, como corresponde, saudosa e acougada.

No hay comentarios: