11 dic. 2009

Escoitar a voz dunha xeración
Entrevista con Manuel Pérez Rúa, premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009
http://www.editorialgalaxia.es/weblog/

Onte recibía o premio Ramón Piñeiro de Ensaio e hoxe, a primeira hora, mantiñamos unha conversa sobre a súa obra, ‘Retrato da xeración de 1950. Microhistoria do cambio social na Galicia contemporánea’, na que, como el sinala, quixo que as voces dos protagonistas fluísen e se deixasen oír. Lonxe dun estudo sociolóxico ao uso, cheo de estatísticas e listados, o autor constrúe un retrato dunha época e dunhas xentes que, partindo de Moaña, debuxan unha Galicia universal nun tempo e nun país en transformación. O libro é, tamén, en palabras do autor, ‘unha homenaxe a Xan Bouzada, que finou mentres estaba a escribilo’.

PREGUNTA: ¿A que se debe o seu interese porla xeración dos nados nos 50?

RESPOSTA: Esa xeración, ese tema, era algo moi tentador para min como estudoso, na medida en que aquí, en Moaña, onde eu traballo, había unha pandilla de nove persoas, que eran amigos dende a catequese e membros desa xeración. Con eles e dende eles fixen toda a análise, dende eses instantes primeiros ata o casorio. Este contacto e esta metodoloxía de deixarlles falar serviume para explicar o cambio social desa segunda metade do século XX, é dicir, eles teñen 25 anos no franquismo, e cando eu os entrevistei xa ían 25 anos de democracia, co cal xa tiñan unha certa perspectiva histórica para analizar dende as súas vivencias moitos temas como o ensino, o traballo, os estilos de vida, a lingua…

PREGUNTA: ¿Que pasou co traslado dende o rural ás cidades, nese tempo, por exemplo respecto a lingua?, ¿como se vivíu a saída da parroquia rural cara a grande cidade?

RESPOSTA: Viviuse de dúas maneiras. Estatisticamente, esta xeración foi a que máis perdeu o uso do galego, precisamente, ao facer ese traslado á cidade. De Moaña a Vigo quédase, polo medio, a lingua. Nos 60 e 70, eles, que eran fillos de galegofalantes (probablemente son a última xeración que recibe o galego de forma hexemónica de seus pais), rematan facendo unha reflexión que lles convence de que é mellor deixar a lingua fóra. O contexto convenceunos de que era mellor falarlles aos fillos en castelán, entre outras cousas, polas experiencias traumáticas que van vivir eles mesmos nos centros de ensino de Vigo, pasándoo, nalgúns casos, francamente mal. Chegan a convencerse de que o galego é un problema para os fillos. Pero por outra banda a cidade era moi sedutora porque era o lugar do comercio, da moda, onde se ligaba. Pensemos que estaba a nacer unha incipiente sociedade de consumo. Eles chegaban á cidade con roupa de costureira, probablemente feita polas propias nais, a un lugar onde comeza a vestirse o ‘pret-a-por-ter’

PREGUNTA: O xurado falou de ‘orixinalidade’

RESPOSTA: Puidera ser. A maneira en que enfoquei o traballo pode parecer un atrevemento. Pero eu non quixen facer un libro de socioloxía ao uso, cheo de estatísticas e listados varios. Podía facelo, pero non me interesaba tanto. Eu quería deixar que fluísen as voces dos entrevistados. Eu non lles puxen un cuestionario para que fosen opinando. Foron eles os que marcaron o territorio a ese nivel, dándolle peso ás temáticas que eles consideraban importantes. Eu tiven que darlle contexto e reconstruír a historia para que todo iso se entendese.

PREGUNTA: ¿Como viviu esa xeración o paso da ditadura á democracia?

RESPOSTA: Por unha banda hai unha minoría á que o ano 68 colleu estudando en Santiago. Aqueles acontecementos vailles ir facendo ver que hai máis cousas que o franquismo. Outros, saen fóra de España, e coñecen o que está a pasar noutros lugares de vangarda, como Londres, por exemplo. O certo é que case que ningún deles ten formación política, entre outras cousas porque lles roubaron a memoria da República ou da represión, da que practicamente non se falaba, ou facíase dun xeito moi veado e oculto, a pesar de que no Morrazo houbo algúns episodios de represión durísima. Por outra parte, hai outros que entran na militancia antifranquista, polo que, ao chegar a democracia, súmanse con entusiasmo ao cambio. Unha boa parte deles, de feito, traballaban en fábricas, co cal o seu sindicalismo vai servir tamén de motor persoal para unirse aos novos tempos.


1 comentario:

apicultor dijo...

Parabéns ao premiado. A obra pinta estupenda.