13 dic. 2009

(Foto: Paco Vilabarros, A Nosa Terra)

Rivas, o académico máis novo

A. LOSADA, Xornal de Galicia, 13/12/2009

O autor d‘Os libros arden mal’ reivindicou onte no Paraninfo da Universidade da Coruña o papel da literatura como gardiá da memoria e a identidade dos pobos. O seu ingreso na Real Academia Galega foi o último acto presidido por Xosé Ramón Barreiro, que deixa o seu cargo tras oito anos.
Con gravata nova e unha flor de toxo fresca, un dos seus símbolos preferidos, o escritor
Manuel Rivas presentouse onte no Paraninfo da Universidade da Coruña para ocupar o asento da Real Academia Galega (RAG) que antes pertencera a Camilo González Suárez-Llanos, máis coñecido como Camilo Gonsar. Foi recibido cunha andanada de aplausos, por máis xente da que cabía nas cadeiras da sala e unha ducia longa de fotógrafos, demostrando que é o máis parecido a unha rock star dentro do ecosistema da cultura galega.
A benvida comezou ao descorrer a cortina que cobre a enorme ventá da sala da Maestranza, deixando o mar á vista. O contraluz resultante dificultou o traballo dos fotógrafos, pero serviu moi ben como símbolo dun día no que a RAG abría e pechaba unha etapa, xa que o de onte foi tamén o último acto como presidente da centenaria institución de Xosé Ramón Barreiro, quen remata o seu mandato tras oito anos.

AS PALABRAS COIDARON DE NÓS
O máis traducido dos escritores en lingua galega –a novela O lapis do carpinteiro está dispoñible en máis de vinte idiomas– preferiu non falar de letras antes que de política no seu discurso de recepción na Academia, titulado A boca da literatura. Memoria, ecoloxía e lingua. Reivindicou o papel da palabra como depositaria da memoria, e do xeito que un pobo, o galego, ten de relacionarse co mundo e a realidade.
“Se hoxe falamos dunha cultura viva, dun país portátil , dunha arca en movemento, é porque se mantivo unha cadea de resistencia ecolóxica coas palabras, unha ecoloxía cun dobre sentido, porque na medida en que coidamos do sentido, da alma, das palabras, as palabras coidaron de nós”, asegurou quen, aos seus 52 anos, é o membro máis novo da Real Academia Galega. Armado co toxo que sempre defendeu como planta nacional de Galicia, Rivas foi máis moderado do que acostuma nas súas intervencións ante a prensa, nas que –como fixo cando acudiu a un café de redacción en Xornal, o pasado xullo– adoita acusar ao PP de “ter instalado en Galicia un laboratorio de deconstrución nacional”, como campo de probas para o conxunto de España. Onte centrou a súa defensa do galego e o seu país no que deu en chamar “a boca da literatura”, unha voz que de xeito máis ou menos directo apela á memoria colectiva, e di as verdades que non se poden dicir doutro xeito.
“A boca da literatura galega soubo estar na intemperie histórica, cunha afoutada fraxilidade, no lugar de vixía, e sen deixar de esculcar no ollo da pechadura da Historia, tampouco deixou de afondar na enigmática organización da alma humana”, dixo o novo académico, para quen a escrita literaria representa a capacidade do ser humano para rebelarse contra a inxustiza.
Nese roteiro que o levou a lembrar o verdadeiro nome das cousas, Rivas insistiu en reflectir a súa imaxe persoal da cidade da Coruña, unha presencia constante nas súas novelas, e remontouse aos fusilamentos ocorridos no Campo da Rata en 1936, que representan para el “A Coruña solidaria, A Coruña dos ateneos, as bibliotecas e as escolas racionalistas, A Coruña das Irmandades da Fala e o Despertar Marítimo, (...) en fin, esa Coruña ilustrada que foi violada e fanada polo fascismo triunfante”.
Lembrou a queima que reconstrúe na súa última novela, Os libros arden mal, e sinalou que os libros formaban parte do antigo escudo da cidade, xunto á torre de Hércules e os ósos de Xerión. “É xa é hora de que os libros volvan ao escudo da cidade”, asegurou o escritor, que identificou tamén a luz do faro romano coa da verdade que sempre persegue a literatura.

UN RESUMO DOS SEUS TEMAS
O secretario da Academia, Xosé Luis Axeitos, foi o encargado de darlle a réplica a Rivas no día de onte, por ser un impulsor do seu nomeamento, xunto á poeta Luz Pozo e ao escritor Neira Vilas.
Eloxiou Axeitos que, pese a ser “o escritor galego máis traducido”, nunca descoidou a súa “responsabilidade moral co seu pobo e a súa cultura”. E, na súa opinión, ese compromiso estivo sempre presente na poética persoal de Rivas, que se resume na heterodoxia, na sinxeleza aparente e na sensación de rebeldía, así como na reivindicación da memoria.
Para o autor d’A lingua das bolboretas, a función fundamental da literatura é a de lembrar, porque segundo o propio Rivas “este é un país de Ulises, de emigrantes, exiliados, desterrados, náufragos; Galicia é en gran parte diáspora, un país dorna, e o que máis pode unirnos, á fin, é a boca do máis estraño, a boca da literatura, porque ela nos transmite a memoria dos corpos, da terra e da linguaxe”.
Con máis aplausos aínda que ao comezo, Rivas rematou o seu discurso lembrando como Ulises, ao regresar a casa, conseguiu que o seu pai, o cego Laertes, o recoñecera ao recorrer á memoria e a poesía, lembrándolle as árbores que había na súa horta. “Vai ser que si, que a poesía é o maior milagre do mundo”. Agora comeza un labor no que declarou que non loita “nin por riquezas, nin honores, nin gloria, senón pola liberdade”.

8 comentarios:

Iacobus Von der Stein dijo...

A Academia xa é máis Academia, e O Rivas xa é máis Rivas.

sam rock dijo...

Pabarabén a Manuel Rivas pola súa entrada na RAG.

Falcatruán dijo...

Eu acudín, e estaba ateigado. O discurso de Rivas, unha miga longo, tivo pasaxes de fonda emoción. Noraboa a Rivas, merecéo.

arume dos piñeiros dijo...

Permítanme este autocita solainesca onde antes de ser académico era algo moito máis importante: o santo patrón das Uvas: 29 de xaneiro, por certo.
RIVAS 1 e RIVAS2.
Hai outro post que non atopo onde aparece unha ilustración desta devoción solainesca, que onte se fixo algo máis solemne, pero non máis cariñosa ca esta de hai case dous anos.

apicultor dijo...

Moitos parabéns a O´Rivas e á RAG.

Etxe dijo...

Felicidades Academia.
Felicidade Manuel Rivas Barrós.
Felicidades Galicia.
Non puiden asistir.
A negra sombra que nos atafega.

Arianne dijo...

Manolo Rivas, emocionante!!!!!!

alf dijo...

"Espantoso" Rivas, graciñas mestre e xardineiro de marabillas. Séguete a inspirar na nosa fermosa e única TERRA!!