23 ene. 2010

Bieito Iglesias:
“Manolo Rivas é máis universal que o conselleiro de Cultura”
Xornal de Galicia, 23/01/2010. Arturo Losada

Está a piques de botar o seu vindeiro libro, unha guía persoal da cidade de Ourense
Bieito Iglesias (Ourense, 1957), é escritor e profesor de galego en Santiago, cidade na que reside. Porén, nunca abandonou realmente a súa cidade natal, como proba a que será a súa vindeira obra, O ouro de Ourense, que publicará en breve Edicións A Nosa Terra. O seu regreso tras a anovadora Pan e coitelo é unha guía para viaxar pola capital do interior de Galicia tal e como el a coñece e a viviu.
Será difícil de clasificar?
Un pouco si. Vén sendo un libro de ensaios, aínda que como as fronteiras entre os xéneros son tan porosas, ten tamén partes ficcionais. É unha guía para coñecer Ourense, pero non no sentido monumental. Repaso a identidade humana da cidade, en parte dende as miñas vivencias, e en parte dende o mundo literario, que está xa consolidado por moitos autores dende a Xeración Nós, a súa tradición no cine, con xente como Carlos Velo, que traballou en México pero sempre tivo a memoria na cidade, na fotografía, con José Suárez, e na música, dende as orixes ata Cristina Pato ou Lamatumbá.
Cal é o seu Ourense?
O Ourense arrabaldeiro, na marxe arredada do centro. Ourense está separado polo Miño, e como París, ten dúas beiras. A miña é a do barrio da Ponte, un barrio de aluvión, napolitano, cheo de furavidas, con enormes familias vivindo en casas pequenas unha vida abigarrada. Un barrio como os que retrata Passolini na periferia de Roma.
Ou como os que retrata vostede nas historias do inspector Nespereira...
Nespereira vive tamén na Ponte, e aínda que baixa ao centro para ir á comisaría, ten claramente unha mentalidade de barrio. O que pasa é que el, á parte, vive todos os episodios propios da época, a corrupción política, o escándalo do metílico, o tráfico de portugueses desertores da Guerra de Angola, e as mafias que os traían... Hai moitas fortunas familiares que se fixeron sobre esa base.
Tamén hai familiares dos implicados no metílico que son ben coñecidos, como Gloria Lago, de Galicia Bilingüe...
Ve? Iso sería outra novela, a das boas familias, cunha alta estima e unha alta complacencia. Do seu seo poden saír persoas valiosas, ou ser o ovo da serpe, que o paxaro incuba para deixarlle sitio ao inimigo no propio niño.
Aínda existe ese Ourense?
Ourense cambiou como cambiaron Galicia e Occidente. Xa non existen nin o da miña infancia nin o da Xeración Nós, cheo de artistas e comerciantes maragatos. Hoxe é unha cidade ao abeiro da industria téxtil, e iso nótase en que mentres cidades como Lugo, onde a burguesía goza de comer, teñen grandes restaurantes, en Ourense o que destaca é a vestimenta, as rúas céntricas son pasarelas de top models. Á parte, cambiounos a cultura de masas, hoxe a xente mira máis pola fiestra das redes sociais que pola dos seus veciños.
Como profesor, que sentir lle produce o decreto do galego no ensino?
Pensabamos que xa non teriamos que volver a loitar por cousas que estaban claras dende os oitenta, pero existe unha vontade nalgúns dos sectores da política española, que ten un eco aquí, e que é reducir as linguas non castelás a unha cousa folclórica, propia das corais da Sección Feminina. Se en Cataluña os pais votan a prol dunha educación en catalán, Rajoy anuncia unha lei que imporá a castelanización pola brava. Pero se en Galicia os pais votan polo castelán, a súa vontade é soberana. Ao final só lles valen os votos que non son do BNG, do PNV ou de Esquerra.
Esa é a sensación que lle transmite a Xunta de Galicia?
Algunha vez teño falado con eles, en actos da Asociación de Escritores ou do PEN Club, e procuro ser correcto, pero do Conselleiro de Educación xa dixen o que opino, e tampouco comparto a idea do de Cultura, que se empeña en dicir que a nosa é unha cultura provincial e ensimismada. Verá, unha vez que estiven en Moscova, nun acto do PEN Internacional, Günter Grass, preguntoume por Manolo Rivas, non por Roberto Varela, así que deduzo que Rivas é máis universal que Varela. Tampouco creo que o conselleiro saiba máis idiomas que Xavier Queipo, nin que fale mellor inglés que Xavier Alcalá, ou domine máis a Goethe ou a Tolkien que Ferrín. O de sempre, que os que escriben en castelán son universais e cultos, e os que non, somos uns pailáns con boina de perillo.
Tampouco é que as boinas de perillo teñan nada de malo...
Pois non, de feito seguro que algún con boina de perillo tería sitio no goberno.
Entón, non vai ir pedir subvención?
Non, porque ademais o tema das suvencións é un pouco esaxerado. Hainas en todos os países, pero aquí tampouco son tan impresionantes como din, e a proba é que os máis dos escritores temos outra profesión para vivir. Se nos desen tantos cartos, estariamos na casa dedicados ás letras todo o tempo, pero escribimos por gusto, non para facernos ricos. Pero claro, non hai que perder de vista que a cultura pode ser unha industria, aínda que o seu fin primeiro sexa humanizarnos. Se estes paletos de agora queren que falemos inglés, é porque os Estados Unidos foron quen de impoñelo, e máis veces empregando a forza das súas industrias culturais que a dos seus marines, así que non sei por que non se van dar axudas á cultura, cando se financian aventuras empresariais infinitamente máis ruinosas.

4 comentarios:

Vistadosmeusollo dijo...

Ben máis universal, de certo. O outro, desprecia canto ignora

Anónimo dijo...

O que fai este entrevistador lembrando que o pai de Gloria Lago tivo que ver co asunto do metílico é indecente. Tamén o pai de Ferrin foi xuiz nos primeiros anos do franquismo, e militares franquistas foron os pais de non sei cantos socialistas e naconalistas de hoxe... Pode que no mundo liteario o inglés non conte moito pero no eido científico sen ingles non hai nada que facer...

Anónimo dijo...

Moito máis indecente é o dano que ten feito Gloria Lago. E aí vostede caladiño, non si?

Anónimo dijo...

Todo mesta baba.
Que se o pai de Gloria Lago... Que se o pai de Ferrín...
Miren para adiante, cona!