24 ene. 2010

Xavier Queipo, escritor
'Feixóo quere e non pode fuxir das súas raíces'
César Lorenzo Gil . Durante dous anos, Xavier Queipo (Santiago, 1957) locutou unha columna no 'Diario cultural' da Radio Galega. Todas reunidas compoñen 'Felices e diferentes' (Laiovento), conxunto de reflexións dun galego veciño de Bruxelas.
A Nosa Terra, 23.01.2010

“Sexan felices e diferentes”. Así se despedía dos ouvintes. Unha das grandes críticas que lle fai á sociedade actual que se deixou levar polo mimetismo.
Padecemos de gregarismo acrítico. En moitos eidos. Os programas dos partidos políticos coinciden entre si nun 90%, as noticias máis lidas nos xornais dixitais son sempre as mesmas e ao redor dos mesmos temas: catástrofes, deportes, curiosidades... Para que haxa avance social cómpre unha masa crítica de pensamento, diversidade sociopolítica. Reflexionar por nós mesmos e non por consignas. A liberdade ten que ser algo máis ca unha palabra baleira, hai que experimentala. Un dos mellores xeitos de facelo é pensando e declarando a túa posición aínda que non sexa a máis politicamente correcta. Pensar libremente é unha terapia, axuda a manter o equilibrio, a encontrar a felicidade.
Cando un vai a contracorrente non pode acabar marxinado?
Hai unha tendencia a pensar que é mellor facer coma a maioría. Banalízase a propia existencia e até a linguaxe. Todo o mundo fala coma os futbolistas, con lugares comúns e sen saír das pautas do que se estima “correcto”. Pero no fondo iso dana. A diferenza é unha necesidade antropolóxica e as sociedades que renuncian a ela acaban por infantilizarse. Andar agochando permanentemente o que es crea conflitos, infelicidade.
No libro é moi crítico cos que vostede denomina “escritores orgánicos”.
Si, con aqueles que goberne quen goberne sempre están a carón do poder. Son os que escriben discursos presidenciais e tanto viaxaron con Manuel Fraga a Copacabana coma a La Habana con Ánxela Bugallo. A estratexia para non baixar da peaña é gardar silencio cando dicir o que se pensa incomoda. Pero que conste que entendo que o modelo de transición política tras o franquismo obrigue a que determinados intelectuais teñan esta actitude por pura supervivencia. Eu escollín outro camiño. Defínome coma inorgánico e iso supón nunca baixar a garda diante do poder. Un librepensador sabe que non pode contentar a todo o mundo e debe sinalar aquilo que está mal. En Felices e diferentes critiquei parte da xestión cultural do bipartito. Na presentación do libro, Xosé Manuel Beiras dixo que aquelas palabras foran un aviso de navegantes para o que despois pasou.
O libro é un terzo literario, un terzo un libro de recomendacións culturais, un terzo político.
Non penso que as proporcións sexan exactas. En realidade, cando fago unha escolla, dun libro, dun filme, dunha exposición, e falo diso, a miña escolma é sempre política. Engadiría tamén que no libro hai un 5% de música porque escribía pensando en que os textos ían ser lidos en voz alta.
Vostede non oculta que é un dos “peor vendidos” da literatura galega.
Pero tampouco coido que sexa un mérito selo. Iso si, non é un demérito. O produto que vendo é moi caro e por iso teño menos “clientes”. Se para vender 5.000 exemplares teño que escribir novela policíaca, prefiro que me compren 500 persoas que están dispostas a facer o esforzo que se precisa para desfrutar do que eu escribo. É lícito ver a literatura, tanto desde o punto de vista do autor como do lector, para entreter ou descansar pero coido que para coñecer a vida hai que ler algo máis ca “novelas doadas”. O que non me gusta é ese modelo de escritor que deixa de preocuparse polo que escribe e só pensa naquilo que coida que lle pode dar éxito: os temas candentes, o estilo óptimo para ser recomendado nos institutos, os xéneros con maiores vendas... A satisfacción do escritor non chega ao ver as cifras de resultados senón moito antes, cando o texto que escribiu lle dá pulo para seguir escribindo.
O escritor proponse un reto, entón?
Eu escribo para ser feliz. E faime feliz escribir dun determinado xeito. Non me importa tanto o qué conto coma o xeito de contalo. Eu son un artista e un científico, por iso cada libro é un experimento, completamente distinto desde a raíz até as follas. Tento non repetirme nunca aínda que, logo de 20 anos de escrita, se me vaian notando as teimas: dualidade dalgúns personaxes, fascinación pola cultura oriental, interese polas minorías, a diferenza e o libre pensamento... Na miña literatura tamén ten unha fonda pegada a música. Quero que a lectura transmita un ritmo determinado que contaxien un estado de ánimo concreto. Teño textos que soan coma boleros ou coma heavy metal ou incluso como doces cancionciñas pop.
Vivindo fóra, como se analiza o cambio na política lingüística da Xunta?
Cando Alberte Núñez Feixóo foi a Bruxelas para presentar o Xacobeo 2010 houbo un cóctel. O presidente que tanto defende o ensino trilingüe falou en castelán, un castelán pésimo. Neses actos fálase ou ben inglés ou ben a lingua oficial do mandatario, que no caso de Feixóo é o galego porque o Estatuto indica que só esa lingua é oficial fóra do territorio de Galiza. Este é o artífice de todo isto, un Feixóo que non é máis ca un paleto, alguén que quere e non pode fuxir das súas raíces, nos Peares, incapaz de gobernar algo máis grande ca a súa casa e arrodeado de persoas que, dificilmente, se expresan en galego e que usan un castelán que faría arrubiar a calquera filólogo. E este camiño que tomou é imprevisíbel porque a lingua é un sentimento e cando se xoga cos sentimentos as consecuencias non son calculábeis. No propio PP hai unha tradición galeguista, como afirmou Xosé Manuel Baltar, que enlaza coa época da preguerra e tamén co romantismo. Deixarase absorber esa liña? Permitirá o soño do presidente de converter a Galiza nunha provincia máis de Castela e León? De todos os xeitos, penso que a chave está no PSdeG. Coido que nese partido só hai un 25% de galeguistas, o 75% é españolista e apoia tacitamente o modelo Feixóo.

6 comentarios:

Montuno Medulio dijo...

Está ben criticar a eses "escritores orgánicos" (denominación nada orixinal, por certo), pero que teña a valentía de dicir nomes. O contrario é tirar a pedra e agochar a man. Ou sexa, é querer ir de guai sen gastar un peso.

UC dijo...

Noraboa para Queipo, valente e independente, dende logo que dará que falar, e ben.

Non se lle poden pedir nomes, é un libro de artigos non unhas denuncias ante o xuzgado, quen queira entender entenderá de sobra.
Amais a súa intención non é ir contra as persoas, senón contra certas practicas.

Anónimo dijo...

¿E non serás ti, UC, un dos que quixeran ser orgánicos e non poden?

UC dijo...

Iso dise Anónimo de todos ou case todos os que critican aos orgánicos. Os mecanismos de socialización pola envexa estudounos moi ben George Simmel, mais coido que no que se refire Queipo, non é cuestión de envexa nin de estética, senón de ética.
Non Anónimo non quero, nin quixen nunca ser un deses, puidese ou non, reservaríame outras cousas, se fose escritor, e envexaría outras virtudes, isas non.

Anónimo dijo...

O anónimo anterior, ese si que debe de ser orgánico, e se non o é aínda, debe de andar a facer oposicionciñas para chegar a selo: un amiguete nunha editora que me publica, outro amiguete que me me deixa escribir no seu xornal, unha universidade que me paga unhas conferencias...

日月神教-向左使 dijo...

成人論壇,080聊天室,080苗栗人,免費a片,視訊美女,視訊做愛,免費視訊,伊莉討論區,sogo論壇,台灣論壇,plus論壇,維克斯論壇,情色論壇,性感影片,正妹,走光,色遊戲,情色自拍,kk俱樂部,好玩遊戲,免費遊戲,貼圖區,好玩遊戲區,中部人聊天室,情色視訊聊天室,聊天室ut,成人電影,成人遊戲,成人文學,免費成人影片,成人光碟,情色遊戲,情色a片,情色網,性愛自拍,美女寫真,亂倫,戀愛ING,免費視訊聊天,視訊聊天,成人短片,美女交友,美女遊戲,18禁,三級片,自拍,後宮電影院,85cc,免費影片,線上遊戲,色情遊戲,日本a片,美女,成人圖片區,avdvd,色情遊戲,情色貼圖,女優,偷拍,正妹牆