Mostrando entradas con la etiqueta Euskadi. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Euskadi. Mostrar todas las entradas

5 dic 2008


Azpeitia, medo, desconcerto
Andoliña 5-12-08

Estiven en Azpeitia hai anos, convidado por amigos vascos. Confeso que daquela, finais dos 70, non percibín na rúa o medo ós violentos, quizais porque non o quixen ver, quizais porque entón o apoio pasivo ás teses de ETA era moito maior que hoxe. A imaxe que dan agora as televisións, tralo covarde asasinato dun empresario, é moi diferente: albíscase o medo na xente que nin quere falar cos xornalistas, nunha parte dos obreiros de Ignacio Urrutia que non protestan pola súa morte, nese deixar pasar as cousas como se non sucedese nada.
Ou como se todo se debese a un fatal accidente da natureza. A foto que onte publicaba un xornal de Madrid é incomprensible dende un mínimo sentimento de empatía coas vítimas: os compañeiros de baralla do empresario seguen a xogar a partida como se tal cousa. E logo que farían se morrese nun accidente de tráfico: permanecerían tamén impasibles? Son realidades moi difíciles de entender, aínda nun concello gobernado por ANV, brazo político hoxe dos violentos.
A banda terrorista segue a ser un poder fáctico en Euskadi: quere unha nova vitoria como as de Lémoniz ou a autovía de Leizarán. E moitos vascos miran cara a outro lado, co sangue a secar na rúa.

3 oct 2007


Cara onde vai o nacionalismo vasco?

A petición de varios contertulios, abrimos un novo fío para debater as liñas estratéxicas do nacionalismo vasco hoxe gobernante, isto é, o PNV, cos apoios de EA e IU. Nas sempre citadas dúas almas do PNV, semella que a caída de Imaz deixa a porta aberta a un proceso de radicalización e nese contexto enmarcaríase a proposta, xa con data, de referendo por parte de Ibarretexe. Pero, como xa se apuntou, tampouco cabe rexeitar que se trate só dunha nova manobra electoral, oportunista, dirixida a rabuñar o celeiro de votos da esquerda abertzale (de HB-ANV a Aralar), tan sensible a este tipo de propostas. En calquera caso, a proposta Ibarretxe servirá de alimento intelectual básico para o debate político nos próximos meses, dende logo ata as eleccións xerais: ó PP venlle de marabilla para lanzar campañas “en favor de España”; o PSOE semella en proceso de reubicación (e certo desligamento dos nacionalismos) e mesmo nacen novas forzas que teñen no discurso antinacionalista a súa razón de ser (o partido de Savater e Rosa Díez).
Parece comprensible que unha proposta deste calado debería darse nun marco político diferente, dende logo sen o peso da violencia de ETA enriba da mesa. Ibarretxe replica que a autonomía debe valer cando menos para saber a opinión dos cidadáns e ese argumento tampouco é desprezable: outra cousa é as consecuencias xurídicas e políticas dunha decisión coma esa. A máis de 30 anos de distancia, a Constitución segue a ser o muro contra o que ó cabo chocan todas as posibles iniciativas políticas nacidas no País Vasco e os vascos responden que esa Constitución non foi apoiada nin aprobada aló.
En fin, aporten os seus argumentos: estamos nun debate que semella non ter fin e que seguirá a marcar, de forma inevitable, o resto da lexislatura.
(Na imaxe, o Peite dos Ventos, de Eduardo Chillida, 1977, San Sebastián.