12 may 2006


Galeguismo e vidas truncadas
(Andoliña venres 12 maio)
‘Vidas cruzadas’ é un excelente volume de contos de Raymond Carver que logo levou ao cine Robert Altman: aí está un magnífico relato no que un matrimonio que acaba de perder o seu fillo recibe estrañas chamadas telefónicas. Pero eu estaba hoxe a pensar non nas vidas cruzadas, senón nas vidas cortadas, truncadas polo fado: dende os gregos, un xeito de definir aquilo que non coñecemos. Na historia da nosa cultura e do galeguismo non foron poucas, por certo.
En 1918, con 29 anos, morría Luis Porteiro Garea, un dos meirandes valores das Irmandades da Fala, doutor en Dereito e profesor da Universidade de Santiago. El mesmo pronunciara o discurso de inauguración da Irmandade nesa cidade. Castelao despídeo emocionado dende ‘A Nosa Terra’: "unha mala fada caiu enriba de Galicia". Durante varios anos o semanario nacionalista dedícalle fondas lembranzas. Cal sería o futuro do galeguismo sen esa morte temperá?
E qué dicir do futuro tamén fanado (ningún deles chegou aos 30 anos) das grandes voces dun Manuel Antonio ou dun Amado Carballo? Sería diferente a nosa poesía das vangardas sen a súa morte prematura? Que camiño poético tomarían logo da guerra incivil?

" TERRA CEIBE!"
(Pan por Pan venres 12 maio)
En maio de 1931 dous mozos, Manuel Antonio e Xavier Soto, distribúen en Vigo un panfleto co título “Terra Ceibe!”. Criticaban nese texto aos concelleiros desa cidade por negarse a poñer a bandeira galega nos actos oficiais, ao carón da española. Hoxe nin sequera os nacionalistas coñecen ese texto: cousas da desmemoria. Texto ben radical, por certo. Velaí: “O noxo e a vergoña chegan a nós en rafaxes fondamente carraxosas, que nos obrigan a non poder calar a nosa protesta. A única Patria que recoñecemos, Galicia, ten a sua fala e a sua Bandeira, Bandeira que nós ollamos como insinia da nosa raza, a raza céltiga, forte e domiñadora, que si vai decaíndo é a forza da intrusión española que nos vai enchendo de sangue sin coor e sin vida, sangue escravo. Isto é o que nós temos por españoes; e certamente que tal herdo non merez outra defensa que a dos profesionaes do patriotismo trasnoitado”.

11 may 2006


A POLÍTICA NON DEU MATADO O GALEGO... (NOTAS PARA UN DEBATE)

Esta mañán estivemos en Telemiño (Ourense), nun debate sobre o Día das Letras Galegas e Lugrís Freire, Afonso Vázquez Monxardín, Xulio Fernández Senra (emiteno esta noita, ás 22 h.). Falamos de moitas cousas, do significado da festa das Letras Galegas e, moito, moitísimo, sobre o idioma.
E creo que coincidimos (e creo que hai moita xente en toda Galiza que pensa o mesmo) en que non imos demasiado ben.
En que hai que ser imaxinativos e audaces.

En que hai que crear un novo discurso sobre o noso idioma.
Velaí en riscos só bocexados (só quero abrir o debate) algunhas ideas posíbeis para empezar a falar:

UN DISCURSO A FAVOR DO GALEGO EN POSITIVO, sen enfrontamentos inútiles cando non son rendíbeis.
UN DISCURSO EN POSITIVO E OPTIMISTA: subliñar aquilo que funciona ben e todo o que anuncia un alborexar futuro do noso idioma en todos os usos sociais

A POLÍTICA NON DEU MATADO O GALEGO, PERO A POLÍTICA TAMPOUCO O VAI SALVAR.
A sociedade civil, a xente do común, é a que ten a palabra.

Non é un problema de subvencións: o que cómpre para que a xente fale máis galego, son ganas, non cartos.

Queremos provomer o amor, e o amor non ten prezo.

Recuperar vellos lemas como FALEMOS GALEGO para forxar ese novo movemento
cívico, aberto e con pouca estrutura e máis acción, sempre en positivo.
Colaboracionista declarados con todo o que sexa a favor, veña de onde veña.

Desbotar a imaxe que asocia o galego como algo exclusivo do nacionalismo (que teñen tantos mozos: se falas en galego xa tes que ser militante do Bloque). O galego é de todos e salvarase entre todos, á marxe de ideoloxías e opinións políticas. Mal favor lle facemos a nosa lengua asociándoa ao futuro dunha alternativa partidaria.
A única política que interesa é o consenso de verdade, como a LNL e o PXNL, pero asumido, explicado, etc.

Se fose preciso, ese novo discurso levaría a unha nova organización a favor do idioma, que recollese este novo espírito: FALEMOS GALEGO.

Espero as vosas opinións...
(Ilustramos estas pertinentes preguntas cun cadro do xenial Virxilio).

QUE PASOU NAQUEL DÍA LONXANO?
(Andoliña xoves 11 maio)
Leo no suplemento cultural de “La Vanguardia” que existe unha tenda en Barcelona especializada en vender xornais e revistas antigas. Chámase “La premsa d’ aquell dia” e demostra unha vez máis que os cataláns son espelidos como allos. O seu público non se compón só de historiadores, como se podía sospeitar, senón sobre todo de persoas do común que acoden en busca do xornal dunha determinada data. Hai moita demanda dende os anos 70, pero tamén aparecen diarios dos 50 e mesmo revistas de comezos do século XX: a datas máis arredadas, moita máis dificultade para localizar eses papeis.
Para que? Pois seica a xente merca esas follas amarelas, ás veces restauradas, porque quere saber qué pasou xusto no día en que naceu. E está disposta a pagar entre 15 e 50 euros pola portada ou o xornal completo de data tan relevante. Confeso que a min mesmo, que non son nada supersticioso, gustaríame saber qué pasou en Ourense, en Galiza e no mundo o 3 de marzo de 1958: habería algún accidente grave, algún crime pasional, unha inundación do Barbaña? Levo trinta anos coleccionando xornais, recortados e catalogados por temas, e teño un arquivo ben dotado ao respecto. Pero, xa ven, fáltame esa data…
(Na imaxe, o magnífico Retrato dunha vella, 1611, de Guido Reni).

10 may 2006



Xavier Costa Clavell
(Andoliña mércores 10 maio)
Falei con el hai unhas semanas, pero non tiven a sorte de coñecelo en persoa. Chameino para pedirlle datos para o catálogo de autores de O Correo Galego e Galicia Hoxe, onde asinaba dende hai 13 anos. Alegrouse moito de que alguén se acordase do seu xornalismo en galego e díxome que estaba moi orgulloso de atesourar en toda a súa vida sobre todo libros e viaxes: percorrera medio mundo facendo guías de viaxe e volumes de arte. Daquela suxerinlle ao director do noso xornal que sería elegante facerlle unha pequena homenaxe: ao cabo era, con don Paco del Riego, o decano dos columnistas galegos.
Fillo de José Costa Figueiras, escritor agrarista-republicano, Costa Clavell poeta, narrador, xornalista, crítico literario e tradutor. Escribiu en todos os xornais galegos e en moitos cataláns. Co seu volume Las dos caras de Galicia bajo el franquismo (Cambio 16, 1977), foi un dos primeiros en deitar luz sobre a memoria desa etapa negada da nosa historia. Coa mesma ilusión escribía sobre o bandoleirismo galego ou sobre a nosa gastronomía, que tan ben coñecía. E sempre cun mesmo fío condutor, co que titulou un dos seus últimos traballos: Sempre Galicia no meu corazón (1992).
Na rede pódese consultar o limiar que lle preparou Manuel Vázquez Montalbán ao seu libro sobre a cociña galega.

Pouca xeografía, tamén, nos Estados Unidos
(Pan por Pan mércores 10 maio)
Andou estes días por Internet e por algúns xornais un informe que afirma que a metade dos mozos dos EEUU non saben situar Nova York nun mapa. É unha enquisa da National Geographic que demostra tamén que, despois do que choveu en Iraq, xa me entenden, máis do 37 por cento dos mozos menores de 24 anos non son quen de situar no mapa ese país mesopotámico onde teñen instalado medio exército imperial. Moitos deles sitúan países como Sudán en Asia ou mesmo non saben dicir onde está Luisiana, despois do furacán Katrina do ano pasado. Os datos non me sorprenden. Pero non botemos nós foguetes. Os coñecementos xeográficos no alumnado español tamén son moi escasos e creo que a última xeografía que se estudou en serio foi aquela do vello bacharelato que algúns padecemos, pero non tanto. E despois din que o mundo está a globalizarse: permítanme un sorriso irónico. (Imaxe: detalle do "Baño de Diana" de Parmigianino).

9 may 2006


Da presenza galega en América, hoxe

Afonso Vázquez Monxardín fala no seu Camiño do Vao de hoxe (galicia hoxe) da presenza galega en América, da súa diversidade ideolóxica, do seu aproveitamento electoral ata o presente e dalgunhas posíbeis medidas a tomar para revitalizar aquel mundo. Velaí o remate do seu artigo:
E sobre o panorama da diversidade ideolóxica que existía, e cunhas crecentes necesidades comúns por envellecemento de poboación e decaemento económico do país de acollida, as forzas políticas españolas -e galegas, por suposto- foron incapaces de deseñar entre todas unha auténtica política de estado sobre o tema emigratorio (asistencia, nacionalidade, cultura, etc.) e xogouse con eles só no tema electoral, tentando todas as forzas arrecadar os seus votos, e impóndolles unha responsabilidade absolutamente inxusta e desproporcionada, a través da obriga de tomar decisións políticas sobre os niveis locais, autonómicos e estatais, dun país que deixaran había décadas e que apenas coñecían na súa realidade actual.
Ata o momento de hoxe, os sucesivos gobernos galegos, apoiáronse alá en quen os apoiaba, e, certamente, naquelas oficinas era difícil establecer separacións entre funcións administrativas e políticas, de xeito que parecía que só uns monopolizaban o contacto coa administración galega.
O ideal sería que o novo goberno galego non cambiase de "socios" senón de política. A Xunta de Galicia podía comprar, por exemplo, o antigo Centro Ourensán -enfronte do Centro Galego e con grande carga simbólica- e facer unha oficina de representación política institucional en terreo neutral, de actuación administrativa, de información económica, turística, de centro de exposicións, de recepcións, de estancia de viaxeiros da administración galega, etc. e que, xunto cun pequeno núcleo de funcionarios de aquí, promovese a execución de políticas deseñadas co máximo consenso a ambas beiras do mar, entre as sociedades, dándolle preferencia, obviamente, ás máis representativas. Cómpre proxectar máis Galicia e menos interese electoral. ¿Será posible? (
Imaxe do pintor Sucasas)

Polas terras de Merlín, a vella Eire
(Andoliña martes 8 maio)
O xornalista ourensán Luis Menéndez filmou para a TVG a serie documental Por terras de Merlín. Vina na tarde do sábado pasado, por vez primeira, cun capítulo dedicado ás realidades culturais da costa oeste de Irlanda, aquela que garda con máis forza a súa identidade e a súa lingua: o gaélico. Casas pintadas con cores vivas, verdes paisaxes con valados e palleiros, a enerxía do mar que brúa en todas as fisterras (que xa filmara con engado Flaherty en Homes de Arán), a conta tráxica dos naufraxios e os mariñeiros de colores rechamantes (para encontrar os corpos dos afogados), as lendas do Pozo Sagrado e os contos de aparecidos nos fiadeiros: son todos eles trazos que lembran, sen dúbida, o que foi a nosa Galiza tradicional.
Os nenos aprenden nas escolas cantos e bailes irlandeses e nas casas aldeás hai recitais nos que se xuntan os veciños para escoitar a voz dos vates locais. Tras séculos de regresión, o gaélico teno hoxe moi difícil: só o falan cento cincuenta mil persoas, aínda que saben falalo un millón. Na escola secundaria dáselle un plus nas notas aos mozos que fan nesa lingua os seus exames: unha idea que ata se podería importar, co apoio dos mestres máis comprometidos coa nosa cultura. Ou non? (Imaxe: un debuxo da arte celta xa cristianizada).

Leakey, Dian Fossey, as mulleres
PAN POR PAN martes 9 maio (La Región)
A min nunca me preguntaron os que miden as audiencias que programas vexo na TV, pero sigo, cando podo, os documentais da Dúas. E por iso ás veces comento aquí cousas deles: por exemplo, onte emitiuse un da Nacional Geographic sobre Dian Fossey, a californiana que viviu 18 anos cos gorilas nas montañas de Kenia e que foi logo asasinada. A súa historia é ben coñecida pola película “Gorilas na néboa”, aínda que nela se oculta o papel relevante de Bob Campbell, o fotógrafo que filmou esas imaxes inmortais. Foi o paleontólogo Louis Leakey o que escolleu a Fossey para esa misión científica e a Jane Goodall para estudar os chimpancés en Tanzania. E Goodall, premio Príncipe de Asturias, contou por qué Leakey elixiu a dúas mulleres: porque teñen máis paciencia para observar e están habituadas, dende a maternidade, a entender a seres que se expresan en silencio. Como os gorilas. (Imaxe: retrato de Dian Fossey).

8 may 2006



Dúas voces que se despiden, para un merecido lecer, de "La Voz de Galicia"
Nestes días tivemos noticia de dúas despedidas de dúas voces moi representativas do xornal La Voz de Galicia. Siro López (Ferrol, 1943), mestre de humoristas, que nos contou a historia da transición democrática en Galiza dende as súas viñetas, autor de estudos moi valiosos sobre o humor e a arte da caricatura (entre moitos outros, os seus traballos sobre Castelao, Celestino Fernández de la Vega e Xosé María Cao), decidiu xubilarse do seu labor no xornal coruñés. Aínda hai pouco inauguraba unha magnífica exposición no Araguaney de Compostela e aínda hai pouco compartimos unhas horas de conversa e compaña na Bienal da Caricatura ourensá. Coñecendo a Siro, sabemos que seguirá a traballar polo país, pintando, pensando, escribindo ou soñando futuros mellores. E tamén este domingo, dende o seu pequeno recuncho da Voz ("Ao abeiro da fe", cada vez lle deixaban menos espazo), anunciaba a súa despedida como colaborador semanal Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932), un nome fundamental na historia da Igrexa máis comprometida co país, ensaísta e autor de moi valiosos estudos (Eu renazo galego, O misterio do lume, Para comprendermos Galiza, etc.) e responsábel de tantas iniciativas na nosa terra a través das revistas e movementos Encrucillada e Irimia. Coñecíno tamén como profesor (foi compañeiro meu só mes e medio) e sei como lle querían os seus alumnos e compañeiros de departamento. En La Voz de Galicia viña colaborando dende xaneiro de 1970, onde calcula que publicou máis de dous mil artigos, con diferentes cabeceiras de sección ("Pobo sen fronteiras", "A chouzana", etc.). Esperemos poder seguir compartindo os seus saberes, dende o libro, a conferencia ou os medios que el mellor dispoña.

CUBA, LUGRÍS, NEIRA VILAS
(La Región, luns 8 maio)
Cuba. Moito falamos da Cuba galega na tardiña do venres, na conferencia de Xosé Neira Vilas sobre Curros Enríquez e a Academia Galega. Na miña presentación do noso “Balbino emigrante” falei eu daquela Cuba que foi xermolo de identidade galega: a Cuba do Centro Galego, da Asociación Protectora e Iniciadora da Academia, do Teatro Tacón e de tantas cousas. Alí naceu a idea e alí xurdiron os fondos necesarios para a posta en marcha da Real Academia Galega, da man de Curros e Fontenla Leal; alí se interpretou por primeira vez o Himno Galego: teremos que celebrar ese centenario no 2007. Xa o teño dito máis veces: sen entender as achegas da emigración galega a América non se pode entender a historia do noso país. Un de cada tres galegos (medio millón en total) marcharon aló na segunda metade do XIX: todas as familias temos antepasados que estiveron en Cuba, na Arxentina, en Uruguai, en Nova York, etc. Entre eles, voces moi cualificadas: a finais do XIX con Curros Enríquez, Lugrís Freire, Álvarez Insúa, Armada Teixeiro, etc. A principios do XX con Antón Villar Ponte e Roberto Blanco Torres, Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas: e alí fundan xornais, publican libros, fan teatro, axitación política, recadan fondos para o agrarismo, unha chea de iniciativas.
Lugrís Freire. Entre eles estivo, chamado dende aló polo seu irmán Plácido, Manuel Lugrís Freire, a quen conmemoramos estes días nas Letras Galegas. Como todos os anos estou a dar conferencias sobre el (nesta ocasión, en compaña de Monxardín) polos institutos ourensáns e gústame insistir nesta súa etapa cubana. É o momento en que traballa no Centro Galego, fai teatro (descobre esa súa vocación) e nace como escritor e publica as súas primeiras obras, como o poemario “Soidades” (1894). Consegue que llo prologue Curros Enríquez, quen por certo fai un limiar non demasiado gabancioso. Pero, qué importa! É coma se a un mozo novo de hoxe lle prologase o seu primeiro libro de poemas Méndez Ferrín: todo un orgullo, dende logo. Na historia da Galiza cubana queda “A Gaita Gallega” como a maior contribución de Lugrís Freire a ese tesouro cultural: por certo, o seu compañeiro Armada Teixeiro non se portou moi ben con Lugrís e despois criticouno e atacouno no mesmo xornal, mesmo con caricaturas.
Neira Vilas. Falou máis de hora e media de todo isto e aínda outras dúas horas longas na cea posterior: qué memoria portentosa! Neira Vilas ten a sorte de pertencer a unha xeración esplendorosa: a que nos anos 50 se formaba arredor de Luís Seoane e tantos outros. Algúns derrotados pola vida (Lorenzo Varela, Suárez Picallo), case todos esquecidos en Galiza ata hai moi poucos anos. Por sorte, por alí andaba o Pepe Neira Vilar para gardar para sempre esa memoria e transmitírnola. Por sorte tamén chegou logo a Cuba e salvou o tesouro patrimonial galego (prensa, libros, etc.) antes de que se esfarelara. Por iso, e por moitas máis cousas, sempre lle estaremos agradecidos.
(Imaxe: un Neira Vilas aínda novo con Lorenzo Varela nun acto en Sargadelos).

Dos blogs na Galiza
En Galicia Hoxe o autor de Territorio da desaparición, o poeta e amigo Miguel Anxo Fernán Vello, escribe sobre a actualidade do mundo dos blogs en Galiza, recomenda varios deles e adica unhas palabras moi xenerosas a esta miña, que é tamén vosa, casa.

6 may 2006


ÁLBUM DE FOTOS AURIENSES (1)

O amigo Xoán Fonseca, onte mesmo e compartindo cea con Pepe Neira Vilas e Anisia Miranda, confesoume que abría todos os días o meu blog (varias veces ao día cando ten tempo) e que o ten como páxina de inicio en Internet. Abrumado pola súa confianza, voulle dedicar esta foto (mediados ou finais dos 90?) dun acto celebrado no Liceo ourensán, nun Encontro de Escritores Ourensáns e nun recital de poesía de sobremesa, co café e as pastas. En primeiro plano, de esquerda a dereita, estamos Xoán Fonseca (daquela con moito máis “peso político” que hoxe, se me permite a broma), eu mesmo, Carlos Casares, a súa dona Cristina Berg e o escritor auriense Bieito Iglesias. Xoán e Carlos Casares cos seus insepárabeis puros que podían durar dúas ou tres horas en agradábel faladoiro. En segundo plano, os asistentes daquel recital de poesía, varios dos cales, creo, leron os seus textos. A Carlos gustábanlle moito este tipo de actos e lembro que aquela tarde me comentou polo baixiño: “Estou seguro que case todos os que están hoxe aquí teñen un poema escondido no seu peto, aínda que non se atrevan a lelo en público”. No acto había varios poetas ourensáns presentes que recitaron. Estaban, de seguro, Chus Pato e Manuel Guede (están as súas parellas no fondo da foto) e creo que tamén Manolo Outeiriño e varios máis. O acto fora organizado polo Clube Cultural Alexandre Bóveda (que eu presidía daquela), que cada dous anos organizaba un Encontro de Escritores Ourensáns. Por certo, dende o peche voluntario do Clube, non se volveu facer, pero quizais haxa que resucitalo (se os amigos escritores ourensáns están polo labor, claro). A fotografía é do amigo fotógrafo Eduardo Núñez, que cubría moitos dos actos culturais nosos daquela época.
As mestras de 1923...
Unha amiga (Laura Seara) envioume copia deste contrato para unha mestra, por só uns meses, datado en 1923. Entre as condicións estipuladas estaba, como pode ler o amábel lector, usar dous bisos na roupa interior, non tinguir o pelo, non casar nin andar con homes, non fumar, non pasear polas xeladerías da cidade, non vestir roupa de cores brillantes e non ir en automóbil cun home agás que ese fose o pai ou irmán. Cantas mozas de hoxe manterían a súa vocación do maxisterio en condicións tan draconianas?

OS LECTORES, ESPECIE A EXTINGUIR
(Andoliña sábdo 6 maio)
“Os lectores somos un grupo antropolóxico que está a extinguirse”: así nos define o sociólogo Vicente Verdú, tal cousa dixo hai un par de semanas na cidade de Vigo. Aparellados ás baleas e a outras especies en extinción e ás linguas minorizadas con dificultades de supervivencia ou aos propios perigos que sobre a natureza e o medio ambiente seguen a pousar a súa espada de Damocles: por certo, xa non se usa tanto aquel argumento que pintaba como utópicos apocalípticos aos ecoloxistas, por algo será. Os lectores seica entramos nese paquete: as especies en extinción que desaparecerán algún día, quizais moito antes do que pensamos, como lles pasou noutrora aos dinosauros.
Todos os días lemos declaracións semellantes. Tamén os xornais en papel van morrer, como din algúns agoireiros? (por certo, parabéns a El País, un gran diario europeo, no seu 30 aniversario). Quizais morran os xornais e os libros e tantas linguas... Pero nada cambia. Algúns seguiremos a ler e non só iso: a falar e escribir sobre a literatura, a tentar convencer aos mozos de que se deixen seducir polo engado dos libros, a organizar actos culturais arredor dos escritores e os libros… Máis dun xa nos mira con aceno compasivo: ¡Pobres toliños!
(Imaxe: Pier Paolo Pasolini, Autorretratto, 1947, Gab. Scient. Lett. G.P. Viesseux, Firenze

5 may 2006


O MANIFESTO DE AYAAN HIRSI ALÍ
(Andoliña venres 5 maio)
No seu día a deputada holandesa, de orixe somalí, Ayaan Hirsi Alí, da que falei onte, estivo a favor da “fawta” a Salman Rusdhie: hoxe ela mesma está ameazada de morte, polas mesmas razóns, acusada de blasfemia polo islamismo radical. Asumir calquera posición intelectual dende unha perspectiva abstracta é doado. Facelo cando afecta á túa propia biografía é moito máis complexo e ten moito máis valor cando se parte da propia experiencia persoal e intelectual.
O pasado febreiro Hirsi Alí pronunciou unha conferencia en Berlín que se connverteu nun manifesto “para defender o dereito a ofender”. E alí dixo cousas cousas como estas: “Creo que o profeta Mahoma se equivocou ao ditar que as mulleres estivesen subordinadas aos homes. Creo que o profeta Mahoma se equivocou ao decretar que se asasinase aos homosexuais. Mahoma trabucouse ao dicir que había que matar aos apóstatas. Equivocouse ao dicir que ás adúlteras había que azoutalas e lapidalas e aos ladróns había que cortarlles as mans. Errou ao dicir que quen morra en nome de Alá será recompensado no Paraíso. O profeta Mahoma fixo e dixo cousas boas, pero equivocouse ao situarse a si mesmo e as súas ideas por riba das críticas”.
(Imaxe da Medusa tal como a soñou Caravaggio, 1590).
Neira Vilas falará en Ourense de Curros Enríquez e a Academia Galega
Hoxe, venres 5 de maio, vai comezar o IV Ciclo Visións de Galicia do Liceo Ourensán, nesta ocasión adicado a escritores ourensáns que tiveron un peso decisivo na Academia Galega. O ciclo comeza cunha charla de Xosé Neira Vilas sobre o papel precursor de Curros Enríquez ao respecto. Engado a información que aportaba onte o xornal GALICIA HOXE (con dúas matizacións: o ciclo está organizado polo Liceo Ourensán, Sección de Literatura, e a Universidade de Vigo (non pola RAG) e na roda de prensa eu referínme aos labores da Cova Céltica, que non era unha revista senón un grupo galeguista e cultural.
A RAG homenaxea a catro dos seus precursores ourensáns (Galicia Hoxe, 4 maio)
Neira Vilas, Freixanes, Clodio González e X. Ramón Freixeiro falarán cada venres de maio dos académicos Curros, Otero, Eladio Rodríguez e Martínez Risco
. R.V.
Os escritores galegos Xosé Neira Vilas, Vítor F. Freixanes, Clodio González e Xosé Ramón Freixeiro serán os relatores nun ciclo de conferencias dedicados a catro promotores e membros ourensáns da Real Academia Galega (RAG) no primeiro acto previsto nesta cidade polo primeiro centenario da institución.
Un dos organizadores do ciclo de conferencias, o investigador literario e colaborador de GALICIA HOXE Marcos Valcárcel, explicou que os catro promotores ourensáns da RAG que centrarán os relatorios previstos para cada venres do mes de maio, serán Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, Eladio Rodríguez e Sebastián Martínez Risco.
"Os cen anos de historia da RAG -engadiu- non son os dunha institución cultural, senón que a súa presenza foi fundamental tamén nos eidos social e político de Galicia, e estes aspectos son os máis descoñecidos da nosa Academia".
Entre os académicos desta provincia, segundo Valcárcel, as conferencias céntranse en catro polo seu "papel fundamental" sobre todo os inicios da RAG, constituída o 30 de setembro de 1906. "Curros Enríquez non chegou a tomar posesión como académico pero foi un dos seus iniciadores e considérase que o acto da súa coroación na Coruña, en 1904, foi xa unha celebración preacadémica", apuntou.
Con respecto a outros membros desta provincia que centrarán algunha das conferencias do ciclo "Visións de Galicia", Valcárcel aludiu a Sebastían Martínez Risco como "o menos coñecido de todos" aínda que foi presidente da Academia "polo que a conferencia correrá a cargo do principal estudoso da súa figura, Xosé Ramón Freixeiro".
Entre os obxectivos do ciclo, segundo o seu organizador, está deixar constancia de que a RAG foi a primeira institución "que tivo autoridade moral para representar a Galicia no seu conxunto" e que neste labor "foi fundamental" a presenza de ourensáns e do grupo de coruñeses que publicou os seus artigos na revista Cova Céltica, desde finais do século XIX".
Entre estes precursores da RAG, Valcárcel nomeou o tamén ourensán Valentín Lamas Carvajal, entre outros, e os coruñeses Eduardo Pondal ou Manuel Lugrís, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Na presentación das conferencias tamén participaron representantes da universidade de Vigo como o vicerreitor Andrés Mazaira, Olga Galego, da RAG e o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar.

4 may 2006

Sumar e non restar
Acordo total con Afonso Vázquez-Monxardín polo seu artigo de hoxe en Galicia Hoxe, nun tema que tamén a min me afectou (como diría o outro, sen comelo nin bebelo...):
Devolvendo ante as cámaras, por Afonso Vázquez-Monxardín
Foi o presidente da Mesa devolver os materiais da SXPL a San Caetano e eu síntome un tanto contrariado coa súa actitude, pois a maioría foron feitos polo meu amigo Marcos Valcárcel e mais por min, tamén eu coma el, do gremio dos catedráticos de lingua e literatura galega que se baten, día a día, nas esforzadas trincheiras do ensino medio.
E non me incomoda polo que leva de desprezo ao noso traballo -no fondo a min o que pense o señor Callón non me acaba de sacar o sono- senón polas outras desconsideracións que vexo integradas nesa devolución. O desprezo polo extraordinario traballo dos caricaturistas Manel Cráneo e David Pintor "Pinto"; o desprezo polo esforzo dos deseñadores do Clube da Esquina; o desprezo para cos realizadores do DVD. Moléstame por todo isto, que é bastante, pero sobre todo polo erro estratéxico que, creo, deixa ver. Menosprezo á historia do propio Día das Letras Galegas, concibido, desde 1963, como exaltación da lingua e cultura ao redor do traballo dun persoeiro da nosa cultura.
Menosprezo ao plenario da Real Academia Galega que foi quen decidiu rescatar para esta ocasión a figura dun seu ex presidente, todo compromiso, todo esforzo e todo boa vontade. Desprezo, tamén, a unha familia colaboradora con todos os que se achegan á figura de Lugrís e ilusionada co rescate da memoria dun avó e bisavó que centrou a súa vida no espertar do seu país.
Pero tamén me desacouga pola súa utilización como elemento de tensión e presión na política interna do goberno bipartito, que, seica, segundo o lido na prensa hai meses, conta con catro asesores, dous a proposta de cada forza, para esa secretaría xeral.
É obvio que se trata de ir quentando o ambiente para a manifestación do día 17 que se contempla como un auténtico tour de force desde o nacionalismo de cara a cuantificar os apoios para o seu deseño da cuestión lingüística na reforma estatutaria. Tamén pode empezar a sospeitarse agora o seu escaso interese polo control da "carteira" de política lingüística como algo pensado por alguén que valoraría positivamente as posibilidades que abría: ter un punto simbólico co que poder ter unha fricción permanente e marcar diferenzas, tan importante como a fala e sen sufrir o desgaste directo na relación política, porque a iniciativa vén de "fóra", dunha unha organización independente, organicamente, como é a Mesa.
O problema non está, meus señores da Mesa, en impedir que os profesores dos institutos e colexios teñan un recurso máis como este que permite traballar a lingua, a literatura e a propia historia do país ao redor de Manuel Lugrís Freire. Un recurso para revivir o agromar da conciencia e identidade moderna desta nación, nese frutífero camiño desde o rexionalismo do XIX ao Estatuto de Autonomía de 1936, nacido, lembrémolo e honremos tamén esa memoria exemplar, das pontes e mans tendidas entre a esquerda e o galeguismo.
Meus señores, o problema non lles está no que se fai, senón no que se deixa de facer, ou no que se podía facer e aínda non se fixo. E ese é outro tema do que, seguramente, hai que falar con boa vontade e interese único na eficacia, a través de ideas, iniciativas, proxectos, promoción de puntos de encontro -como o PNL- seriedade, e, por suposto, sen cámaras. Sobre todo, hai que tratar sempre de sumar e non de restar. E devolver é restar.

CEN POEMAS GALEGOS, ESCOLMA (6): Deitado frente ao mar
Hoxe vai un de Celso Emilio Ferreiro e por certo ben coñecido. Eu cheguei aos poemas de Celso Emilio a través dos cursos da Auriense dos primeiros anos 70 (que tempos! No mesmo curso de literatura galega podían participar Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Blanco Amor, Carlos Casares e Francisco Rodríguez). Despois fíxenme coa antoloxía que lle fixeran en Portugal (aquela de Razao editora): un dos primeiros libros galegos que devorei, xunto con outra escolma semellante do Manuel María. Despois veu Histrión 70 e os seus recitais sobre Celso Emilio (“Tempo de chorar” ou algo así chamábanlle) e Manuel Guede recitando “Verbas a un irmao” ou a historia do soldado Xurxo ou este “Deitado frente ao mar”. Este poema ten unha significación importante na miña vida. Chegados a Compostela, primeiro ano, vivimos xuntos Bieito Iglesias (o escritor), Benito Alonso ("Roi", historiador), Xoan Guerra (sindicalista) e máis eu. Xa traballaramos no Instituto ourensán no nacionalismo, pero era Bieito o máis organizado daquela. Pero Bieito, polo que fose, tardou uns meses, cando chegamos a Santiago, en poñerse en contacto con ERGA e coa UPG (os nosos alias eran, creo, Ernesto, Xavier, etc.). Había que gozar un pouco tamén dos tempos de Santiago: o Barra-China, as mozas, o novo sabor da rúa dos viños, etc. Ao cabo dun mes e medio en Compostela, semanas despois da morte de Franco, escoitamos nunha asemblea de distrito, na antiga Facultade de Económicas (daquela no Pazo de Fonseca), un mozo, non lembro o seu nome (creo que era de Económicas) que recitaba literalmente este poema de Celso Emilio. Bieito saiu de alí dicindo: este é de ERGA, seguro. Así era nas cousas daquela: falar en galego situábache de inmediato no campo nacionalista. Aos poucos días xa estabamos organizados, ERGA, logo a AN-PG, UPG e todo o demáis: e o contacto foi este poema de Celso Emilio. Lembro tamén que noutras asembleas posteriores houbera unha disputa polo idioma cos ácratas (eran debates habituais) e un deles (príncipe Galín, quizais?) dixo, en castelán, que só lles interesaba o galego como “lingua proletaria”, como quería Celso Emilio. Pero que, en canto o galego fose lingua de poder ou da burguesía, eles defenderían de novo o castelán. Que tempos!
Deitado frente ao mar...

Língua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gana;
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro
Premios X. A. Carracedo en Ourense (Pan por Pan xoves 4 maio)
Estiven na entrega dos Premios Xosé Aurelio Carracedo, que organiza a Deputación. Nesta ocasión os xornalistas recoñecidos foron José Paz e Fernández Pinal: parabéns aos dous. Ao primeiro deles xa o coñecen vostedes, fotógrafo e crítico de arte nesta páxina, sempre con rigor a procurar as claves da creación dos artistas. Fernández Pinal traballa na COPE do Carballiño e gañou o segundo premio cunha reportaxe sobre os sucesos de Oseira de 1909: traxedia nacida cando o bispo Eustaquio Ilundain autorizou que se desmontase o baldaquino barroco da igrexa de Santa María. Curioso e simpático paradoxo: a reportaxe, que non coñezo, emitiuse nunha emisora católica, onde traballa o premiado. Houbo tamén gabanzas na memoria de Xosé Aurelio Carracedo, xornalista íntegro e brillante que as novas xeracións non puideron coñecer: por que non se edita unha escolma dos seus textos de prensa?