14 mar 2006


ANDOLIÑA martes 14 marzo
E PACO VÁZQUEZ FALABA EN GALEGO
A segunda canle de TVE inaugurou o sábado unha serie documental sobre a historia da Autonomía galega entre 1975 e os nosos días, realizada sobre un guión do xornalista Agustín Díaz (que contou en directo aquelas andainas na prensa) e do profesor Portero Molina e cos fondos documentais da propia TVE. Do xa visto, chamáronme a atención varias cousas. Por exemplo, o exótico de certas imaxes perdidas no faiado da memoria como un moi novo Francisco Vázquez falando en galego en defensa dun federalismo ideal para España.
Comprobamos tamén como algúns políticos daquela hora tiñan dificultades para ler un texto breve en galego. Moitos deles falaban en castelán, sobre todo da dereita gobernante (Meilán Gil, por exemplo). En honor á verdade lembremos tamén o emprego habitual do galego doutras figuras máis galeguistas naquel proceso, á marxe da súa ubicación ideolóxica, como Antonio Rosón ou Paz Andrade.
Camilo Nogueira, dirixente entón do Partido Obreiro Galego, autonomista crítico, dicía algo que non perdeu actualidade: o Estatuto galego non pode ter menos competencias nin status xurídico que o catalán e o vasco. E outras curiosidades das que falaremos mañá.
(Imaxe: Francisco Vázquez nun deseño de Pepe Carreiro).

3 comentarios:

Anónimo dijo...

A propósito de Valentín Paz Andrade, é curioso que a intelectualidade patria non repare máis na súa importancia capital, tanto dende o ámbito político como no meramente cultural. Como poeta, o seu "Pranto matricial" é unha das elexías máis fondas que xamais se teñen escrito na nosa lingua. E non falemos xa da súa biografía de Castelao. É unha mágoa, pero así de inxusto é o noso xenio, a veces.

Marcos Valcárcel López dijo...

Tes toda a razón, fisterrán. Creo que o nacionalismo de esquerdas foi inxusto coa figura de Valentín Paz Andrade, de inmensa valía como poeta, ensaísta, biógrafo, etc. Quizais iso se deba ao seu terríbel "pecado" de representar a Galiza nas negociacións dos inicios da transición democrática, en nome da Xunta Democrática e de Coordinación Democrática, organismos vencellados ao PCE e á oposición ao franquismo non nacionalista (os outros estaban no Consello de Forzas Políticas Galegas). O cronista, que xa ten algúns anos, lembra que unha das primeiras reivindicacións ferventes de Paz Andrade fíxoa Méndez Ferrín, cando escribía en "A Nosa Terra", onde comentou con entusiasmo o seu libro "Castelao na luz e na sombra": iso debeu ser polo 1982-1983 (falo de memoria). E desde aquela, nada.

Anónimo dijo...

Tampouco idealicemos. Como calquera de nós, don Valentín tamén ten as súas luces e as súas sombras.