20 may 2006


Dona Segunda República debeu quedar abraiada, supoño
Por aí embaixo anda un post no que anunciaba a miña intervención nun debate sobre a guerra civil e o franquismo en Telemiño. Xa deixei alí unha primeira impresión, pero agora veño de ver o programa gravado enteiro e quero engadir algo. A sensación de disparate é aínda maior que cando eu estaba alí. Aquilo semella que rematou sendo un debate sobre Carrillo, Paracuellos e o ouro de Moscú: quizais o moderador debeu acotar máis o tema ao que falaramos previamente, centrado en Ourense e nas tres etapas (República, guerra e dictadura, desta última non houbo tempo a falar).
E, si, na publicidade seguiu o debate. Carmen Nóvoa, socialista acérrima, quería marcharse e estaba indignada porque Virxilio se meteu con Zapatero e Bono (presumiu de berrarlle ao ministro nun acto público na Catedral de Toledo). Coa súa teoría dos "catro tolos" non oímos de don Virxilio nin sequera unha palabra de arrepentemento da súa militancia falanxista naqueles días. E todos sabemos o papel que tivo Falanxe (á marxe do que el fixera, reciclado logo en Acción Católica) naqueles días: o traballo suxo do exterminio, arredor de mil mortos en Ourense, nun concello que non pasaba dos vinte mil, algúns máis se sumamos Canedo. Os "paseados" ("claudiados" en Ourense) aínda están sen contar rigorosamente.
Quizais conveña a emisión destes programas para que saibamos como é a realidade, que non é o que nós percibimos nos nosos círculos máis estreitos e ideoloxizados ou ilustrados: hai moito pensamento franquista aínda vivo e non só nestes "supervivientes de Falange". Non é tamén curioso que as chamadas exteriores fosen en apoio dos pro-golpistas? A Amador coñézoo hai tempo das cousas da cidade, pero non sábía que era tan reaccionario.
E o Virxilio, por se alguén non o sabe, é irmán dos escritores Julio e José Luís López Cid, debe ser a ovella negra (ideolóxica) da familia. Pareceume tamén indignante a súa utilización de persoas republicanas xa mortas, como Alberto Vilanova, para xustificarse, ou mesmo de comunistas como Clemente Jiménez para atacar a Carrillo. Ao seu irmán José Luís López Cid sempre lle quixen ben e sempre me tratou moi ben e mesmo me presentou nunha ocasión a Valente traballando na Biblioteca da Deputación Provincial. Que pensaría deste seu irmán "exaltado"?
Pola miña banda, aínda que tiven pouco tempo para falar (sen ser maleducado), dixen o esencial que quería dicir. Sobre todo, quedei satisfeito da miña intervención final con estes dous reclamos:
(1) Concello de Ourense (grupo de goberno) retire xa as últimas pegadas do franquismo na cidade: eses nomes golpistas de "Coronel Ceano", "Capitán Eloy", etc.
(2) Seguimos a agardar un aceno de perdón e arrepentimento polo papel da Igrexa (institución) bautizando como "Cruzada" e asistindo a esta barbarie no bando gañador. Nin sequera unha palabra en nome dos católicos masacrados: entre outros, A. Bóveda, Camilo Díaz Baliño, o nacionalista catalán Carrasco Formiguera, etc.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Non puiden ver o programa cando se emitiu. Sabe se o repoñen outro día e a que hora?

Marcos Valcárcel López dijo...

Xa o repuxeron tres veces, creo, esta tarde de sábado mesmo. E creo que a última reposición é mañá pola noite, sobre as 22 h. (pode consultar a programación na web de teleminho).

Anónimo dijo...

O mellor que se pode facer é exhumar todo aquel oprobio, como fixo Julio Prada con esa magnífica tese doutoral, ou como fai Marcos Valcárcel a cotío coas súas aproximacións á Segunda República e a Guerra en Ourense.
Eu sei de mestres que foron condenados á pena de morte por "explicarle a las mujeres como debían hacer para no tener hijos". Textual: Pronto estará no prelo.