3 jun 2006


Cen Poemas Galegos (7): o U... ju ju... de Risco

Tiña un pouco esquecida a sección dos Cen Poemas Galegos. E acordeime do xogo-experimento de Vicente Risco en xaneiro de 1920, en A Nosa Terra, co seu poema futurista (parcela esta do ourensán estudada por Carlos Bernárdez). Risco coñecía ben o mundo das vangardas e fixo de introductor das mesmas na prensa galega e galeguista entre 1911 e 1931 (El Miño, A Nosa Terra, etc.). Tamén actuaba de informante ao respecto con Manuel Antonio e outros poetas galegos (tiña ademais moi perto a Eugenio Montes, daquela un nome con certo relevo na poesía ultraísta). Daquelas experiencias quedou este U... ju... ju onde está o Risco máis cosmopolita e moderno. Como contraste reproduzo tamén outro poema moito máis convencional (esa panxoliña de 1919).

U… ju ju…
(Poema futurista)

Terra
Duas áas diagonaladas d’ azur baten no mar
Sóbor do Atlántico a diástole imensa da raza
Vapor en todol-os motores do mundo
Añudadol-os nosos nervos á todol-os fíos eléctricos
Terra
A Cruña fita as brétemas d’ Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
GALICIA FOR EVER
CRUÑA
Puntos de tensión maxima da vida
VIGO
Terra.
Nudo de todol-os fíos
Enfiando todal-as vilas do mundo
Todal-as sirenas a un tempo a sonar
Trés pintados de sol furando a terra
No cabo de todol-os paralelos
Terra
As flechas das arelas solagadas da Atlántida
Nas nosas espadañas
Onde repican ó bautizo dos séculos novos
Antenas pra radiografial-os nosos himnos ás estrelas
Terra
Folgos de millós de peitos
Mañan
Brinco de todal-as vontades
Estralar de todol-os miolos
Terra
N. S. E. W.
Terra
Chuvia d’ estrelas
Alborada
Lóstrego
Rayos X
Profecía
Terra
O ceo rachou d’ arriba abaixo
Terra
HIP HIP HIP
HURRA
Vicente Risco, Xaneiro 1920


¡Cantas luces acesas sobor da neve

Na noite de Natal!

A brétema non bota seu alento

En tan craro cristal.

A terra

Branca de neve ou de luar

Com’ unha donceliña de castidá vestida,

Hoxe viñérona buscar.

No ceo n’ hai estrelas.

Viñeron os anxos a por elas

Par’ as levar alén.

Hoxe choven estrelas

No portal de Belén.

(V.Risco, Poemas novos, ANT 6-I-1919)

Na imaxe: Curiosa foto de Vicente Risco con coroza

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Coñecería Risco a poesia de Mayakosky?. Porque nese poema eu vexo mais o poeta sovietico que os ultraistas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois non sabería precisar agora o grao de coñecemento que tiña Risco da poesía de Mayakovsky e dos futuristas rusos. Aolongo da súa obra, dende "El Miño" (1910) ata a súa morte, en diferentes medios ("A Nosa Terra", "La Centuria", "La Región", etc.) comenta a obra de moitos poetas universais: Ruben Darío,D'Annunzio, Rimbaud, Mallarmé, Rimbaud, Omar Khayyan, W. Withman, Marinetti, Duhamel, Huidobro, Reverty, Lautréamont, etc. Pero a túa pregunta é moi interesante e merece ser respostada. Consultarei as cartas a Manuel Antonio: quizais hai haxa algunha pista...