Gañar perdendo?
Leo varios comentarios (X.Luis Barreiro na Voz, liña editorial de Galicia Hoxe, no mundo blogueiro Dpaso) que dan a entender que Anxo Quintana gañou o pasado sábado, no Consello Nacional do BNG, perdendo a votación que propuña para implantar o sistema de delegados na próxima asemblea desta forza política. Vaia por diante que considero que o tema non me parece oportuno nin urxente, entre outras cousas porque o BNG non medrou significativamente dende a anterior asemblea (e ese si é un problema real, por qué non medra ou aínda perde militantes?).
A famosa votación foi unha loita de poder, como case todo dentro do Bloque, e reflicte a correlación de forzas internas: simplificando moito, un terzo escaso para o grupo de Quintana (co apoio simbólico do PNG e R.Mera); un terzo amplo para a UPG, e o resto para todos os que quedan repartidos (beiristas, Esquerda Nacionalista, exUG, Movemento pola Base, etc.). O que eu vexo, pois, é isto:
(1) Quintana pon as súas cartas sobre a mesa pero demostra o seu escaso control do aparato político da fronte.
(2) Demostra tamén que, coma sempre, Quintana non pode facer nada sen a UPG, que segue sendo o núcleo hexemónico: é previsible que os pactos futuros vaian, pois, por esa liña. De non ser que a UPG non decida prescindir de quen chegou a ese posto como "un mal menor".
(3) Todos os demais reunidos seguen sendo moi minoritarios e, como case sempre tamén, aínda se dividen (velaí o PNG, sempre tan oficialista). Hoxe é tan difícil unir todos os núcleos do Bloque de características afíns como o foi sempre: e nunca se logrou, ata agora.
Conclusión: o Bloque non vai cambiar, cando menos a curto prazo, a non ser que se produza un tsunami político.
E o máis surrealista: a negativa dese grupo de simpatizantes de Narón ós que se lles nega integrarse no BNG por non ter demostrado a súa condición nacionalista. E iso como se demostra, por certo? Quen asegura que os militantes do BNG de hoxe si teñen ese "carisma"? Ou sequera que son galego-falantes habituais?
Conclusión engadida: velaí o único partido no mundo que non quere aumentar o seu número de militantes. Un bo tema de reflexión e estudo para os politólogos...
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 1 semana
6 comentarios:
As accións políticas xeran con moita frecuencia efectos colaterais non desexados. O episodio do pasado Consello Nacional do BNG é un bo exemplo. Non discuto que en orixe a idea de recorrer á elección de delagados tivese como intención primeira garantir unha asemblea máis tranquila en termos de confrontación política, logrouse o efecto contrario, haberá un debate intenso sobre é idonea unha fórmula de democracia delegativa ou se hai que seguir (ademais) outras vías para a democratización do BNG. Segundo efecto, posibelmente a singularización da posición de Quintana se deba a que a UPG recou para evitar agrandar a crise interna que padece. Con todo, mesmo en negativo, Quintana vese obrigado agora a aprofundar. O resultado da Asemblea será un acordo coa UPG? Posibelmente si, pero a posición do quintanismo será de certo menos subalterna que até o de agora. Os cambios serán substancias, non o creo, non poderán selo mentres o bloque renovador estea tan fragmentado e sobre todo mentres non pese no BNG os cidadáns que se acantonan politicamente na súa periferia, espantados polo ideoloxismo e os déficits democráticos da organización. O suceso de Narón que lembras indica que a apertura á sociedade é un retrouso que é difícil converter nunha realidade mentres se manteña o actual estado de cousas no BNG. A vitoria de Quintana é moi provisoria e en precario, pero agora ten pouca marcha atrás. Debería decidirse a mirar para adiante. Agora é máis libre para facelo. Necesítase moita coraxe e vontade democrática.
De acordo totalmente coa túa análise. Eu tamén creo que non haberá cambios substanciais nin chamadas a enriquecer e facer medrar o Bloque cos cidadáns que se acantonan politicamente na sua periferia. Cando menos ata que falen as eleccións (se os resultados non son os que se agardan) ...
Hai nun blog chamado "Galicia confidencial" un debate sobre este asunto no que participa xente de distintas tendencias do BNG. A verdade non saquei moito en limpo, pois todo o mundo lle atribúe a todo o mundo unhas manobras rarísimas.
Para o último anónimo: en realidade, para enterarse ben do que sucede no BNG, creo que hai que estar cando menos no Consello Nacional ou, a poder ser, na Executiva: alí se coce todo e chega cocido ó resto da militancia.
Máis que chegar cocido á militancia, o que chega é recocido!
En calquera caso, amigo Anonimss,as minorías teñen dereito tamén a facer ver as súas opinións. E as maiorías poden cambiar co debate democrático. O problema non é sempre de lucidez nin de intelixencia, senón, tristemente, de loitas de poder. E os militantes acaban por decatarse que todo está cocido e recocido por moi poucas persoas, aínda que o BNG presuma de asemblearismo (eu non son defensor desaforado do mesmo) e de democratismo máximo. E esas poucas persoas, líderes, que deciden, non só defenden o país, senón tamén as súas posicións xerárquicas (e ás veces, os seus propìos soldos, pois moitos son liberados dese partido que logo presume de democracia directa).
Publicar un comentario