21 sept 2006


Raíces dunha cinefilia afastada
(Andoliña mércores 20 setembro)
Grazas ao milagre do DVD, a miña filla está a descubrir o cine clásico e iso permitiume revisitar nestes días xoias como Vertixe, Rebeca, Eva ao espido, Psicose, Ao leste do Edén, A gata sentada sobre o tellado de zinc, Días de viño e rosas, etc. Marabillas todas elas nas que sempre hai algo novo que descubrir, aínda que se vexan vinte veces: por iso é que lles chamamos clásicos. Obras mestras que elaboraron, sobre todo no cine americano dos anos 40 e 50, a linguaxe desta arte fascinante. Cantas películas de hoxe terán a sorte de pervivir no futuro tan cheas de significados?
Tiven unha etapa cinéfila na miña vida: traballei en varios cine-clubs de Ourense e Compostela (e tamén na Federación Galega e nas asembleas españolas), fixen crítica cinematográfica nos xornais, vin cine de todas as latitudes e épocas (e na Facultade, co profesor Hueso, todas as grandes obras do cine mudo). E acudo ao arquivo da memoria e lembro que todos estes grandes clásicos eu xa os vira con 14 ou 15 anos. Porque a miña cinefilia viña dunha época dourada de TVE: cando a tele emitía acotío ciclos de Hitchcock, John Ford, Henry Fonda, Gary Cooper, Ingrid Bergman, etc. Que sorte tivemos os mozos daquela!
(Na imaxe, Anne Baxter en Eva ao espido, sen dúbida unha das mellores películas sobre o que significa o mundo do cine e do teatro (por dentro) xunto con O crepúsculo dos deuses e a inmortal Gloria Swanson).

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Aquela televisión!

Aqueles magníficos ciclos de cine!

Aquel "Estudio 1"!

Alguén imaxínase hoxe poder ver pola caixa "A guerra de Troia non terá lugar" ou "Agardando a Godot"?

Non, de ningunha maneira!

E, sen embargo, vimos todo iso con doce, trece, catorce anos.

E era durante o franquismo: cantos paradoxos ten a historia!

Anónimo dijo...

Pois si, paradoxas da vida. Eu aínda era unha cativa cando estaba ansiosa por desfrutar de Charles Chaplin, de Buster Keaton ou dos Irmáns Marx (ai que será deles...!!), escachar a rir coa "Bola de Cristal e os electroduendes" (non se volveu idear un programa infantil con tanta imaxinación!!!)e con moitos outros (Alfalfa, Érase unha vez..., Heidi, Dragóns e mazmorras, etc.). Non falemos xa de filmes clásicos como unha das miñas favoritas: Eva ao espido, ou Gilda, Casablanca, Rebeca, As uvas da ira (recomendo o libro de Steinbeck), Breve encontro, Un tranvía chamado desexo, Rebelde sen causa, Almorzo con diamantes, Dos na carretera (Audrey Hepburn aquí está do mellor e a montaxe desta peli é portentosa)etc. Creo que eran filmes moi bos pola calidade fantástica dos actores(Paul Newman, Humphrey Bogart, Marlon Brandon)/actrices(Bette Davis, Lauren Bacall, Vivian Leigh) e sobre todo porque toda a forza centrábase na idea e no guión, sen esquecer as portentosas bandas sonoras. Eran como obras grandiosas de teatro: inxenio e poderío. MAIS A NOSA TELEVISIÓN ACTUAL SÓ PON BORRALLA E BASURA DA IANQUILANDIA GLOBALIZADA (E SEMPRE REPETIDA). MOITO PROMETÍAN....PERO EU NON VEXO CAMBIOS...

Anónimo dijo...

Eu creo que o problema da borralla televisiva actual non está tanto nos produtos da "ianquilandia", senón dos produtos made in Spain. Que eu saiba Tomates e Salsas, non son norteamericanas, senón españolas, moi españolas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu creo que hai borralla en todas partes: en Ianquilandia e en Españalandia e sobran exemplos. O da TV-lixo (cor amarela ou marrón) si parece un fenómeno moi hispánico, aínda que o sensacionalismo non é de agora, noutros formatos. Volvendo ás series, o que sucede é que entre as norteamericanas hai varias moi dignas e, sobre todo, cuns medios actorais e guionistas espléndidos. E as máis pasables das españolas pinchan neste terreo e aburren pronto. Por riba, os españois imitan sempre o modelo norteamericano e imitan o peor e sen os medios que ten aquela industria, claro.

Anónimo dijo...

Creo que non me expliquei moi ben no meu comentario de arriba. Fixen referencia a "Ianquilandia", porque estaba a falar dos "clásicos" de cine da época dourada norteamericana, acto seguido fixen mención ás películas que botan, procedentes dese país, na nosa "caixa tonta" que, maioritariamente, son basura dese "imperio" (sobre todo as "paranoiadas" de sobremesa): o contexto chamaba a ese contexto . É evidente que hai filmes bos dese país que proxectan no cine ou en festivais independentes aos que só aceden un poucos privilewxiados. Como comprenderedes, non podo dar as miñas opinións completas nun post dun blog, podería estar horas. Por suposto que hai borralla en todas partes, que me ides dicir da tv española!!! tomate, cotilleo e máis cotilleo!! E podería seguir falando. Unha aperta

Anónimo dijo...

Creo que non me expliquei moi ben no meu comentario de arriba. Fixen referencia a "Ianquilandia", porque estaba a falar dos "clásicos" de cine da época dourada norteamericana, acto seguido fixen mención ás películas que botan, procedentes dese país, na nosa "caixa tonta" que, maioritariamente, son basura dese "imperio" (sobre todo as "paranoiadas" de sobremesa): o contexto chamaba a ese contexto . É evidente que hai filmes bos dese país que proxectan no cine ou en festivais independentes aos que só aceden un poucos privilewxiados. Como comprenderedes, non podo dar as miñas opinións completas nun post dun blog, podería estar horas. Por suposto que hai borralla en todas partes, que me ides dicir da tv española!!! tomate, cotilleo e máis cotilleo!! E podería seguir falando. Unha aperta