29 nov 2006



Algunhas cidades literarias (I-Ourense)
(Andoliña mércores 29 novembro)

Ó fío do Encontro de Mariñán sobre Cidades e Literatura, imos facer algunhas calas nas nosas cidades literarias. Como é ben coñecido, Ourense e Compostela son, ata hoxe, as máis literaturizadas, sobre todo na narrativa. Ourense está inmortalizada con toda a inmensa obra de Eduardo Blanco Amor, en galego e en castelán, e con varias pezas mestras sobre a súa amada/odiada Auria (A esmorga, Xente ao lonxe, La Catedral y el niño). Pero antes de Blanco Amor xa se fixera literatura auriense coa Xeración Nós: Otero Pedrayo e Cuevillas deixaron relatos e novelas maxistrais, tamén do mundo urbano, e velaí O porco de pé como a peza máis representativa da modernidade e gran novela satírica das nosas letras. E antes deles os nomes de Lamas Carvajal e Francisco Álvarez de Nóvoa son referencia imprescindible.
Sobre esa vizosa tradición literaria traballaron as novas xeracións da posguerra, que fixeron contribucións de primeira liña: á cabeza Casares (Ilustrísima) e Ferrín (O Suso, Xeque Mate). Logo viñeron Antón Risco (As metamorfoses de Proteo), Julio López Cid, Bieito Iglesias, Manuel Guede ou Fernández Naval, entre outros. E, en castelán, José María Pérez Álvarez e os poemas de José Ángel Valente.

6 comentarios:

Silvio Falcón dijo...

Innumerables veces miña nai contoume que, na cidade das Burgas, acudira á búsqueda a mercar o libro "O porco de pé". As xentes da libraría solo acertaron a rirse, poñendo caras extrañas.

A ignorancia é un perigo pra calquera sociedade, tendo en conta que se propaga fácilmente: Miña nai preguntoume hai pouco se ese libro de verdade existía.

Sodes vós os responsábeis de saber difundi-la cultura que poida combatir tan transgreso aculturización.

Xosé Manuel Carreira dijo...

O porco de pé emprega de forma moi intelixente algúns recursos do humor galego, é verdade. Aínda así eu quedo coa Esmorga: unha historia sobre unha noite de sexo, alcool e violencia plenamente vixente.

Anónimo dijo...

Cando leo nas magníficas historias de Bieito Iglesias as descricións que fai d'Aurens e da fauna humana que por alí pululaba, pregúntome: era así a cidade realmente? Esa cidade envolvente, caótica, onde se mesturaba o campo e a cidade e as fronteiras non estaban claras... Ou é todo unha carallada surrealista?

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Silvio e Mendiho: A Esmorga é mellor que O porco de pé, sen dúbida; para min é a nosa gran novela do XX. Pero iso non lle quita modernidade e valentía ó reto literario de Risco.
Para M.Swan: polo que eu sei e o que lle lin, case todo, e porque compartimos unha parte da nosa biografía e coñezo moitas das súas referencias, mesmo familiares e amizades e militancias, case podo asegurarche que o surrealismo auriense de Bieito Iglesias nace da realidade máis pura. Aínda que, iso si, literaturizado de forma magnífica. El usa a cotío unha cita de Ford que vale para explicar isto: Entre a lenda e a historia, o escritor debe quedarse coa lenda.

Anónimo dijo...

Victor Campio Pereira Gonzalez

Anónimo dijo...

A esmorga ten un problema.
Que se "ve" demasiado a lingua. Ten ruído. Non se deixa ler suave e seguido. Engarra un. Gustame ler como cousas escritas, como dicía Cunqueiro, como quen come pan.
E a esta, para min tamén a mellor novela sobre Ourense, sóbralle invención lingüística.
Dicía EBA que aprendera galego en Baires. Se cadra non foi tan así, pero peca de diferencialista excesiva... Deprocatarse, etc. etc. Máis lingua risquiana do que habitaulmente se adoita pensar.
En calquera caso, creo que conviría unha versión en galego moderno. Só peneirando lixeiramente. Como se fai con tantas obras. O importante é a literatura, o que hai ao fondo, e non só unha pura forma incorrecta que non achega nada... Coido que había gañar moito.
E é un tema social. Así que hai unha lingua peneirada, compre deixar o farelo para os que gocen co labio do amarguexo. O resto, pan branco.