24 ene 2007

Libro de Estilo I [Gramática visual] . Consellos para escribir nun blog (do obradoiro de Hernán Casciari)
Os títulos non levan puntos (como na prensa)
Non se debe abusar das maiúsculas nin das negriñas
O importante é o golpe de vista do lector
Parágrafos breves e divididos a dobre espazo. De cinco a sete liñas. Nunca máis altos que anchos. Hai que evitar parágrafos bloque (dobre enter para dividir cada parágrafo).
O punto e aparte ten unha función visual ademais de gramatical
Hai que evitar as liñas de máis de 70 carácteres incluídos os espazos.
(extraído de www.llamaloperiodismo.blogspot.com, 9 febreiro 2006)

7 comentarios:

Anónimo dijo...

O que nos facía falta!
Por favor!!
Moralla

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois a min non me parece mal reflexionar un pouco sobre o estilo formal e mesmo visual dos textos que escribimos nos blogs (todos queremos escribir un bo texto, dicía Kapuscinsky). Aínda que, obviamente, haxa que buscar normas algo flexibles: eu mesmo non cumpro con varias das condicións que aquí acabo de reproducir, tiradas doutro blog. Pero parécenme interesantes...

Anónimo dijo...

O que é o colmo é vir amoestar ao autor do blog polas entradas que pon. Era o que faltaba!

torredebabel dijo...

Ás veces -penso eu- un pouco de fama é un tren moi rápido ao equívoco. Dende logo, Hernán Casciari fixo do seu blog un espacio escollido por moitísimos lectores, soubo contar unha historia que o mercado (famento de novidades seductoras e, sobre todo, vendibles) converteu en libro capitalizando o fenómeno dos blogs (e foi apenas un dos primeiros de moitos que xa están nos andeis) e tamén foi quen de mostrar que o talento tamén ten que ver con facer algo diferente. É listo e sabe escribir moi ben.

Pero pensar que o que el fai ben pode valer coma regra para todos, que o seu estilo é válido e o do resto inválido (quedando dese xeito presos dos criterios do marketing), cando menos a min non me parece ben. Se algo me gusta deste formato dixital é, precisamente, a polifonía, a derrota das regras e o xurdimento doutras que tamén poden ser derrotadas.

Concordo con Marcos, sen dúbida é interesante (e necesaria) a reflexión sobre a forma e o contido do que facemos, sobre o que dí o noso blog máis alá das palabras, sobre o modo en que o soporte imprime as súas pegadas nos textos que publicamos e sobre os novos xéneros (se é que existen) e estilos. E, para iso, tanto vale esa opinión de Casciari coma os libros tradicionales xa de Cassany, por citar un exemplo. E logo, penso que o mellor e fuxir das recetas xerais e mergullar na particularidade.

Anónimo dijo...

Dentro de pouco imos ter que medir os nosos sentimentos e latexos cunha regra ou en centímetros cadrados! O escritor non é un matemático. Respecto as vosas opinións pero non estou en absoluto dacordo co texto de Casciari.
Unha aperta para todos/as
Moralla

Marcos Valcárcel López dijo...

Creo que non hai tanta contradición entre o que dicimos uns e outros/as. Esa "polifonía" da que fala Torre de Babel é necesaria, porque é o que lle dá riqueza ó mundo dos blogs: é un modelo onde cabe case todo, dende o blog de debate e pensamento ata o blog de carácter máis emotivo e sentimental, o blog lírico-de impacto e ata o blog de relato pornográfico, se vostedes queren. No fondo cadaquén exprésase como quere e pode. Ademais, os propios blogs acaban sendo modelos mixtos, tamén este (agás a clave pornográfica, que non é o caso). Son despois os lectores os que escollen, en función do que van buscando previamente ou do que descobren porque lle abre novas fiestras. Aínda que tamén é certo que, a min cando menos, me preocupa a comunicación e gustaríame chegar a fórmulas que sexan sentidas como propias polos lectores/as. Por iso tampouco quero desprezar ningunha aportación, nin a de Casciari, nin a de Cassany, nin calquera outra. Aquí estamos todos para aprender...

Anónimo dijo...

Eu estou dacordo contigo, Marcos, e cos demais; de todo o mundo se aprende, pero é que a min paréceme increíble que Casciari poida pensar así, non o desprezo, pero paréceme flipante o que di, nada máis, non o comparto e xa está, non é tan difícil de entender.
Un bico
Yoli