Suso de Toro en Ourense
Teño escoitado moitas veces a Suso de Toro en privado, en grupos de pequenos amigos, e unhas cantas en actos culturais e presentacións de libros. (Temos un historial común en moitas cousas, que quizais conte algún día: coincidimos na Facultade, non coincidimos na militancia inicial, si anos despois noutras lerias políticas, e noutras aventuras profesionais, ata nunhas oposicións de galego). Pero, das veces que lle oín falar, poucas veces estivo tan brillante como o martes no Liceo ourensán, a onde acudiu a falar da “Literatura e a Memoria”. Asistiron 130 persoas, o que non está nada mal (hai anos presenteille un libro a Suso, supoño que el se lembra, en acto organizado pola Federación de Libreiros e estabamos os dous e tres amigos, Benito Losada e o matrimonio Maruxa Guitián e Arturo Pardavila, amigos de Suso: nin sequera foran os convocantes do acto!!).
Cun breve esquema dun folio diante, desenvolveu un discurso moi ben articulado sobre as relacións entre a literatura e a historia. É difícil resumila e non o vou facer (por sorte a charla quedou gravada), só podo destacar agora algunhas notas que foi deitando aquí e alá, como estas (as expresións non son literais, espero que o espírito do contido si) :
“A infancia e a adolescencia son o tesouro do que se alimentan todos os escritores. No mundo moderno os escritores ampliaron as súas formas de coñecer a realidade, a través do poder dos medios de comunicación. Pero narrar esixe vivir previamente, empatizar con aquilo que se está a contar.
A vida é cíclica. Os nenos traballan coa imaxinación e os adultos queren traballar coa razón. Pero ó cabo os vellos volven á imaxinación e á memoria. Somos seres de imaxinación e non de razón. Funcionamos co piloto automático, como cando conducimos, e a mente traballa soia pola súa banda. Só unha pequena parte do tempo do día (unha hora?) conducímonos dende a razón.
A novela da guerra civil estana a contar os netos. Cada xeración debe cumprir o seu papel. A dos nosos pais abondo fixo con sobrevivir e criarnos a nós, darnos de comer, educarnos, prepararnos. Na literatura, os que se achegaron á guerra civil, como Casares ou Fernández Ferreiro, naceron máis perto do horror e deron conta do que coñecían, cumpriron o seu papel. Nós debemos educar ós nosos non no medo, que se transmitiu xeneticamente na xeración dos nosos pais, senón aprendendo a vivir e a ser libres.
Os escritores que hoxe escribimos sobre a memoria queremos recuperar o que nos foi ocultado, sacar á luz os cadáveres da historia. Somos como os que buscan e levantan os mortos das fosas comúns para darlle un enterro digno. Nós facemos o mesmo coas palabras.
Nunca tanto odio, na historia de España, se concentrou nunca soia persoa, como neste momento contra Zapatero. Nin sequera Felipe González foi sometido a un acoso semellante”
Tamén houbo, como era de temer, a intervención do reaccionario local omnipresente, que todo fachendoso se puxo a defender a Sección Femenina, dicindo que fixera cousas boas. O Suso saíu ben tamén deste reto, respondéndolle algo así: “Home, cando a fame e a miseria é extrema, se alguén che dá un pratiño de caldo, pois, logo, se eres un neno orfo (quizais por culpa da guerra), pois quedas agradecido, claro”.
A cea-tertulia posterior, ata as 12,30 da noite (case todos traballamos ó día seguinte), estivo chea de confidencias e interesantes intercambios de información (asistían Segis Bobillo, Xoán Fonseca e J.Luis Troitiña, do Liceo; o arquitecto Emilio Fonseca e a súa dona Concha, inspectora de educación; o profesor da Universidade Romaní, eu n irmán de Suso que é un médico de moito prestixio na cidade de Ourense (foi, ademais, médico do meu pai e do meu avó).
Houbo lembranzas dos tempos do Prestige e Nunca Máis, interese de Suso por saber qué pasa en Ourense (“os ourensáns estades asolagados baixo un mar de sometemento, sodes un caso particular no país”) e sobre a situación política hoxe en Galicia (poderiase resumir naquela cantiga popular de “Todos queremos máis...”). Falouse abondo de Zapatero e das súas formas de gobernar e comunicar a información ós seus achegados e colaboradores. De Rajoy saiu a súa vergoña e ocultamento do seu avó galeguista (do que se publicou recentemente un libro) e dun seu tío, “Choncho R.”, que seica foi un HSN e é outra das tradicións das que vén Mariano.
Contou tamén que Rajoy lle dixo persoalmente a Zapatero, nunca entrevista entre os dous, isto: “A mi no me obliga nadie a hablar en gallego”. E do mundiño literario, cen mil anécdotas, non reproducibles todas; cito só algúns dos nomes que sairon ó longo do faladoiro: Juan Marsé, Fernando Savater, Antonio Elorza, Antonio Muñoz Molina, Luis Alberto de Cuenca, Luis Racionero, Lucía Etxchebarría, Juan Manuel de Prada, Manuel Vázquez Montalbán, Andreu Martín, Bernardo Atxaga, etc.
(A foto do escritor é de Tino Viz e do Arquivo Xerais.
Podedes, ademais, escoitar a conferencia enteira, na páxina do Liceo: http://liceodeourense.com, pulsando no botón Noticias).
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
20 comentarios:
Eu a Suso de Toro escoito os fins de semana nun programa de Angels Barceló, na cadena Ser. I é unha ledicia. Dos seus méritos literarios non vou falar que son coñecidos dabondo.
Se normalmente, escoitar a conferencia de Suso de Toro xa sería unha ledicia estando tan lonxe como estou, desta vez é ademáis dunha importancia enorme: como sabes, formamos xunto á licenciada en Letras Andrea Cobas un grupo de lectores e imos traballar nel a ultima novela de Suso de Toro dentro dun programa que busca analizar as representacións da guerra civil e o franquismo nun corpus do que chamamos "nova novela galega". Se consigo baixar esta charla, de novo (e xa van tantas veces...) serás o noso tutor e padriño na terra. Grazas enormes!!
Tes razón, Gustavo, debimos gravalas moito antes: teriamos hoxe un auténtico tesouro patrimonial no Liceo. Para Raposo, non escoito a Suso nesa tertulia da SER, supoño que será na fin de semana, e de seguro será contundente nas súas intervencións. E para Torre de Babel, alégrome moito de que vos sirvan aló na Arxentina estes materiais no voso labor cultural e galeguizador. Aproveito para dicirche que chegou a túa postal por correo normal, tan agarimosa (tamén a Monxardín). Unha aperta.
Lamento discordar, pero a min, conferenciante, nin fu nin fa.
Quería dicir "como conferenciante..."
Que dixo sobre Juan Manuel de Prada e aquel famoso artigo irónico, con carga denigrante, que moitos entenderon laudatorio?
Dos citados enriba, Suso falou moi ben de Atxaga, Marsé e Montalbán. Dos outros, con matices, máis ben non. De Prada lembrou, cando aquel artigo irónico e a polémica que xenerou, un titular sensacionalista en ABC deste xeito: ¿Hai que leer a Suso de Toro antes de morir? A liorta veu porque nun xurado dos Premios Nacionais de Literatura, amañado, empeñáronse en darlle o premio a De Prada e Freixanes leu alí un texto da súa novela que non o deixaba nada ben. Despois o Suso na prensa descubriu que o premio fora bastante amañado e que algúns votaran contra del e De Prada, como é lóxico, xuroulle odio eterno. Definiuno como un integrista católico, entre outras cousas. Por certo, hoxe mesmo fala De Prada en Ourense, creo que contra a lei do tabaco, no Foro La Región. Eu escoiteino hai anos, tamén en Ourense, cando ía cunha imaxe moito máis progre, acababa de saír pouco antes o seu libro "Coños" (imitación dos "Senos" de Gómez de la Serna). Pareceume un pouco pedante, iso si. E unha confidencia: nunha ocasión pregunteille hai anos a Casares por el, que o coñecía, e díxome, sen dar máis explicacións: "É un tipo perigoso". Daquela desconcertarame un pouco a resposta.
Coincide básicamente coas novas que tiña: engado que ten de padriño desde que era cativo case o mandarín impertinente Ricardo Senabre.
Pois non sei moi ben que puido pasar querido marcos...... pero debín de estar noutra conferencia...... a min a conferencia de Suso de Toro do outro dia pareceume pouco o nada traballada, moi previsíbel, politicamente correcta, de razoamento simple, sen ideas propias nin nada interesante que aportar, dunha dialéctica bastante pobre e un fío mediocre.... moi moi fulxina.
Nin unha sola frase das que dixo na hora e pico de conferencia mereceu ser anotada no meu caderno....nin unha sola aportación que subliñar...
Eu non teño dubidas, sempre uve claro que pódese vivir perfectamente sen ler a Suso de Toro (hai demasiado bo que ler) , agora podo afirmar que, para min, tampouco escoitalo merece a pena...
¿Esa gran diferencia entre os temas da axenda de uns e outros será so cuestión da diferencia de xeración?
Eu non lle dou moito crédito á versión que conta agora Suso de Toro sobre aquel premio Nacional de Literatura gañado por Prada. Digo "agora" porque antes o que dicía era que o premio llo deran a Prada, quen tiña como contrincante a Atxaga, por razóns ideolóxico-políticas. Xa daquela a min me pareceu dunha incorreción maiúscula que Freixanes e De Toro saísen da reunión do xurado cuestionando o seu veredicto e atribuíndollo a causas extraliterarias, do mesmo modo que me parecería igualmente incorrecto se o gañador fose Atxaga e os cuestionadores os "pradistas". Agora De Toro di que o premio estaba "amañado" da mesma maneira que di que Elorza e Savater son uns fascistas ou uns vendidos ou que pouco lles falta para selo. O que creo eu é que Suso de Toro debía ser algo máis consciente das súas limitacións, decatarse de que non é nin Sartre nin Camus, nin sequera Vázquez Montalbán ou Casares ou Manolo Rivas. A partir de aí, estou seguro de que ata o ABC deixaría de tomalo a chufla.
Coincido basicamente con Leituga One. Sinceramente, penso que Suso de Toro non un grande novelista -malia ter escrito algunha obra notábel hai anos. Pero, dende logo, nin é nin será un bo ensaísta -carece absolutamente de ideas orixinais, é superficial e baralla sobre temas, conceptos e cousas das que só lle soa a música, pero nada da letra; repite un discurso progre-galeguista ma non troppo sen nada que surprenda, sen nada que desentoe, sen ningunha reflexión propia e realmente provocadora; libros como "Outra idea de España" son un verdadeiro timo, neles hai pouco e, dende logo, ningunha idea de España alternativa-, e moito menos un bo conferenciante, ao meu ver -sempre que o escoitei eran intervencións pouco coidadas que daban a sensación de improvisación, sen orixinalidade, sen retranca, nada que xustificase o pasar o tempo a escoitalo se xa se estaba convencido das verdades básicas (sobre Galiza, o mundo, o Prestige ou Nunca Máis, e o marabilloso que é agora que goberne ZP). Por certo, que sexa como se afirmou e insinuou mesmo ZP un filósofo de cabeceira do presidente do Goberno español só amosa o moito de bluff que é este derradeiro. E, dende logo, cada vez que debate con Savater -esteamos ou non de acordo cos postulados deste derradeiro canto á cuestión nacional ou o xeito de combater o terrorismo etarra, que iso é outra cuestión-, é cruel constatar como os retruques do filósofo donostiarra adoitan ser fulminantes no seu desprezo conmiserativo cara a Suso. A verdade é que unha cousa é escribir novela negra, e outra atreverse a ser Saramago ou Eduardo Lourenço sen arroutos nin talento para iso. E conste que non é nada persoal: Suso de Toro é un bo tipo. Compartir un compromiso coa cultura galega non implica, ao meu ver, comungar con todas as rodas de muiño.
Non quixen ser cruel na miña primeira apreciación. Mais no que eu dicía latían consideracións moi semellantes ás dos tres últimos intervintes.
Tendo en conta a amizade ou boa relación de Suso de Toro co noso anfitrión, Marcos o xeneroso (utilizo se me permitides o epíteto épico), entendo que a (pouca) consideración sobre a figura de de Toro é froito dun pensamento completamente libre e que de ningunha maneira ten a misión de molestar. Eu comparto en gran medida estas apreciacións, pero tamén teño que recoñecer que para moitos (non é tampouco o meu caso, pero admítoo) Suso de Toro é un referente político-moral, máis que intelectual, por moito que el se empeñe no contrario. Vese moitas veces obrigado a explicarse, cando probablemente sexa o seu a propia acción/actuación pública, sen máis adornos. É como, e perdoade a comparación, como eses pintores, arquitectos ou cineastas que teñen a necesidade de amosar e xustificar a súa obra con palabras. Este instrumento (a palabra) non é fácil, a pesar de que falamos e de vez en cando escribimos: ser un artista (narrador no caso de de Toro) non significa ser un intelectual ou un home/muller de letras. Ser unha conciencia pública que se expresa de forma sinxela pode ser suficiente.
Síntoo, xa deixei clara a miña opinión sobre as capacidades literarias e no ámbito do ensaio de Suso de Toro na que coincido cos intervintes anteriores.... No que se refire ao do referente político-moral penso que temos que ter algo de rigor (se non deixamos valeiras as palabras e os cualificativos sen sentido) ......Que aportacións ten feito en ambos campos? ¿Que ten el feito para ser referente de alguén que non teñan feito moitos outros asumindo mais compromiso real e mais risco persoal incluso?
Si iso fora así os referentes cotizarían moi a baixa.... (salvo que o poñamos ao nivel dos participantes de OT ou Cronicas Marciasnas claro..)
A min Suso de Toro tamén me parece un bo tipo. Por iso dáme rabia velo facer o ridículo polemizando con Savater ou con Elorza, que son máis hábiles dialecticamente e traballan ben os seus argumentos, á marxe de que esteamos de acordo ou non con eles. O último que lle vin a Suso nas páxinas de opinión de "El País" foi un ataque contra Elorza absolutamente infantil, maniqueo e mal escrito, unha contestación a un artigo no que Elorza criticaba a Zapatero. De pena, de auténtica pena.
O corolario de todo o dito sería: Zapateiro aos teus zapatos ou, o que ven ser o mesmo, Suso de Toro ás túas novelas.
De acordo con todo o anterior. A cuestión é, e iso daría para que o amigo Marcos abrise outro tema de debate: Que intelectuais, homes de letras ou pensadores galegos poden ser hoxe referentes para a opinión pública e a cidadanía deste país? Existen entre nós auténticos intelectuais comprometidos con capacidade de intervir no debate público máis alá das tomas de posición de opinantes e opinadores xornalísticos, blogueiros (coma nós), persoeiros con asento simbólico-institucional ou pedigrí biográfico (poñamos por caso: é Villares un referente nese senso? Éo Díaz Pardo ou Fernández del Riego?), ou escritores máis coñecidos por como din as cousas fermosamente (p. ex., un Manolo Rivas) que polo que realmente din no fondo? Témome que non. E ese baleiro, que a sociedade ou a cidadanía tamén percebe, ha ser enchido por alguén. De aí que no país dos virollos, Suso sexa o rei.
Para ben e para mal, hoxe xa non hai lugar para ningún “maître a penser”. Coa extensión da educación superior a amplas capas da poboación, coa aparición da figura omnipresente do especialista, cos cambios nos medios de comunicación e o predominio do homo videns, coa implosión dos espazos de formación-información, etc., no hai espazo xa para o intelectual á antiga usanza: como referente moral da comunidade ou, no seu defecto, para un significativo sector desta.
Pretender asumir hoxe ese papel, e máis se fai por "sucedáneos", non deixa de resultar máis ou menos patético ou inútil. Supón isto a morte do pensamento? Coido que non. Máis ben trátase dunha profunda e irreversible mutación das sociedades contemporáneas. Hai, e seguira habendo, opinión pública e publicada, plural, excéntrica, inevitablemente nesgada. E a partir de aí, que cada quen se faga a súa composición de lugar. É o que hai.
Traslado este interesante debate sobre o papel dos intelectuais a un fío independente, como suxeriu un lector: creo que o tema dá de si para estenderse ó respecto.
Comparto con APC a súa consideración sobre o novo papel do chamado intelectual, pero tamén é certo que aínda quedan reliquias dese mundo ás que a xente (certa xente) segue. Por moito que nos empeñemos en decretar a morte do referente moral, a tendencia de parte da humanidade de depender dun ser superior (incomprensible, ao meu xuízo) fai que certos nomes sigan tendo hoxe esa marca. Saramago saíu hai pouco. Pero hai uns cantos que van polo mundo con ise carimbo. Os comentarios á morte de Kapuscinski son elocuentes neste asunto: aínda quedan nomes que serven de referencia.
Publicar un comentario