Morreu o mestre
Estamos ante unha situación nunca vista ó longo da historia: Estados Unidos non se limita a exportar a súa cultura, senón que ademais saca diso pingües beneficios, inferiores só ós que dá a industria armamentista. "Globalización" adoita identificarse coa aspiración a facerse con mercados onde colocar produtos propios. Polo xeral pénsase en automóbiles e alimentos, esquecendo estoutro aspecto fundamental: a globalización permite á cultura norteamericana acceder a moitos mercados locais. Xa o plan Marshall contiña un artigo que sancionaba a presenza en Europa da industria estadounidense de entretemento. Jerzy Jedlicki definiu con moito acerto este estado de cousas ó chamar ó mundo provincia de Norteamérica.
(...) A globalización non é global porque abrangue case exclusivamente o Norte, onde se concentra o 81 por cento da inversión estranxeira.
Ryszard Kapuscinski, El mundo de hoy, Anagrama, 2004.
O estudo onde escribo está ateigado de libros: semella que se multiplican por si mesmos e soben polos anaqueis das paredes como edras de primavera. Perto do portátil que estou a usar hai varios títulos de Ryszard Kapuscinski: están aí dende hai anos, sempre ó alcance da man. Debémoslle moito a persoas que non coñecemos nin coñeceremos nunca: algunhas porque viviron noutras épocas e só nos deixaron os seus libros. Desa liñaxe era este xenial reporteiro polaco, premio Príncipe de Asturias de Comunicación e nome imprescindible para entender o noso mundo. Limos os seus libros co pulo xuvenil co que os mozos se achegan ás novelas de aventuras: “Ébano”, “El Sha”, “El mundo de hoy”, etc., escritos cun estilo impecable, transparente. Rematarei esta nota e volverei ós seus libros: seguro que encontrarei neles algunha idea nova que subliñar. E por iso doulle as grazas.
Algunhas referencias posibles na rede:
Ideas sobre o bon periodismo
Testemuña do século XX (na Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano, 2000)
Reflicten os media a realidade do mundo?
Un artigo de Ignacio Ramonet
Na rede "galega" e na prensa falan do mestre, entre outros: Brétemas, Cabrafanada, Dpaso, Miguel Anxo Fernán-Vello.
2 comentarios:
O mellor reporteiro do século XX, con moita diferencia!!!
Era, sen dúbida, un mestre entre os mestres. Que a terra lle sexa leve!
Por certo, hoxe, cando viña conducindo non hai moitos minutos, escoitei unha breve e moi boa semblanza del feita por Manuel Outeiriño, no programa de Tino Santiago.
Publicar un comentario