A ORIXE DO MUNDO (2)
Courbet, regressus ad uterum
Cando eu estudaba o bacharelato, lembro que nos falaban de Gustave Courbet no capítulo da pintura realista e lembro que a miña imaxe do xenial pintor francés non era daquela máis que a dun excelente paisaxista, pintor de castelos ás beiras dun lago, de raposos na neve e graciosos cervatos que bebían en fontes de auga clara. O seu popular cadro onde nos ofrece unha ampla vista do seu obradoiro, que nunha beiriña retrata a Baudelaire lendo, era reproducido nun daqueles volumes da infancia só na súa metade dereita, xusto antes de chegar ao espido femenino que de pé garda as costas do artista.
Era, pois, tan parcial como falsa a imaxe que se nos daba daquel Courbet gran paisaxista e retratista. Por suposto, nada sabía eu entón do cadro “A orixe do mundo” (1866), auténtica “epifanía carnal” como escribiu Carlos Reyero, pintada de encargo para o “cabinet de toilette” de Khalil- Bey, un diplomático musulmán que tivo a tela oculta durante moitos anos, como faría logo tamén o filósofo Jacques Lacan que tamén puido admirala na súa casa. Courbet pinta, si, o “regressus ad uterum”: ofrécenos así a chave simbólica para penetrar no fondo erotismo que presidiu boa parte da súa producción artística.
A subversiva mirada de Courbet
“Bon vivant”, bebedor incansable, rodeado de múltiples amantes, demócrata e republicano, de simpatías socialistas, amigo de Baudelaire e de Proudhon, tal era o xorne do pintor Gustave Courbet. Sorprende aínda hoxe o erotismo espléndido de cadros como “Mulleres dormidas”, tamén chamada “O soño” ou “Preguiza e luxuria”, unha das primeiras representacións contemporáneas dunha escea de lesbianismo; ou de figuras como “Muller cun loro”, “A hamaca” ou “Muller espida cun can”, que poden partir de referentes clásicos como Tiziano, pero non ocultan o seu carácter provocador. O mesmo aceno subversivo está en pezas como “Muller na ola” ou “A muller das medias brancas”: pintaba mulleres “desvestidas”, dixo con acerto algún crítico.
En “A fonte” vemos unha muller espida, de costas, que xoga coas mans coa auga que baixa dos montes: unha imaxe que ben podería ilustrar o recoñecido erotismo das cantigas do noso Pero Meogo. Pintor da carne e da corporalidade como enemigos da alma, definiuno Michael Fried. Avanzou liñas estéticas e modos de traballo, din outros autores, que logo chegarían á súa plenitude na abstracción e no surrealismo. Todo ese mundo estaba xa en xérmolo en Courbet.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
No hay comentarios:
Publicar un comentario