27 ene 2007



POLO RESPECTO ÁS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO
(Andoliña, Galicia Hoxe, 27-I-07)

Celébrase hoxe o Día Mundial en lembranza das vítimas do Holocausto, cando se cumpren 62 anos da liberación do campo de exterminio de Auschwitz polo Exército Vermello, o 27 de xaneiro de 1945. O Parlamento catalán celebrou un acto conmemorativo coa presenza de Jorge Semprun e de varios superviventes do gueto de Budapest e antigos deportados a Buchenwald (http://www.galiza-israel.blogspot.com) e tamén o Parlamento español fixo algo similar. Ante o horror do xenocidio perpetrado polo réxime nazi contra o pobo xudeu, temos a obriga moral de non esquecer as vítimas, seis millóns de mortos, dun dos episodios máis execrables da historia da humanidade.
As institucións europeas planean estender a toda Europa as leis que condenan o revisionismo negacionista a favor dos nazis: oxalá este tipo de leis non fosen necesarias, pero calquera prevención é pouca cando falamos de crimes tan monstruosos como os que protagonizou o réxime de Hitler: "É un horror tan grande que nunca se debería comparar con nada por evitar o risco da banalización", dixo con acerto Carod Rovira no Parlamento catalán. Só desde ese respecto poderemos de verdade construír unha cultura de democracia, liberdade e paz.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Síntome solidaria cas víctimas do holocausto padecido polo pobo xudeo mais non gosto da equidistancia. Non se pode estar a favor do estado de Isrrael sen que supuña unha desconsideración do sufrimento do pobo palestino, do holocausto particular que a política dos falcóns israelís estan a levar. En consecuencia, a páxina de solidariedade co estado de Israel que aparece na ligazón non conta ca miña simpatía. Supoño que tampouco ca súa.

Anónimo dijo...

Lamento ter que opinar que mensaxes como a anterior non fan máis que banalizar o Holocausto.

Mesturar cousas ben diferentes, de contextos distintos e de alcances igualmente diferentes, contribúen inexorablemente a iso. A pesar das boas intencións que, plausiblemente, poida ter o emisario.

Anónimo dijo...

A pesar das boas intencións que, plausiblemente, poida ter o emisario anterior parece confundir pobo con estado. O pobo xudeu non se pode reducir ao estado de Israel, responsable de moitos dos sufrimentos do pobo palestino.

Anónimo dijo...

Botar a culpa da actual política do Estado de Israel aos xudeos europeos de 1933-1945 aniquiliados polos nazis, é un despropósito.
Noutro sentido diferente, botar a culpa a Marx do Gulag soviético é outro despropósito. E outro máis é culpar aos alemáns de hoxe en día dos crimes dos nazis.

Entón, por que tanta cicatería á hora de honrar aos xudeos asasinados polo nazismo?