17 feb. 2007

Amigos que escriben, amigos que opinan...

En Faro de Vigo, Xosé Luís Méndez Ferrín inicia unha nova sección no caderno dos sábados, rematada xa a súa entrega sobre os Apelidos Galegos. Titúlase "No fondo dos espellos", unha páxina enteira, e a primeira achega vai dedicada a Alexandre Finisterre (Aquí en PDF).

Pola súa banda, o contertulio Xosé M. González reflexiona, dende o seu habitual espazo en Xornal.com, sobre a inflación de polígonos industriais e residencias da Terceira Idade no noso país. Eu xa dei alí a miña opinión: hai outra industria tan poderosa como estas. Que pobo de mediana entidade se resigna a non ter un flamante Tanatorio?

12 comentarios:

marcel swann dijo...

Galicia é o país non sei xa se dos mil ríos, mais si das decenas de miles de bares (debemos ser líderes mundiais), dos polígonos industriais baleiros no medio da nada e conectados á nada, dunha regular e dúas malas universidades, dos tres aeroportos que nos deixan en terra, dos pendellos recebados e de "ir botando unha placa", de fillos de gandeiros que xa non se han de dedicar ao oficio dos seus pais, dun turismo que é escaso pan para hoxe e fame para mañá, de cidades da cultura nun país no que non se le, de moita industria aínda colonial (tamén polo que cheira), de incendios e silencios cómplices, do cacique local que me ha asfaltar a pista, de índices tremebundos de fracaso escolar no rural, de aldeas de vellos con visita aos fillos/as e xenros/noras para papar o laconciño cando a matanza, de fogares no rural que viven da pensión dos patronciños, de xente nova que o que lle gustaría é vivir en e falar como en Madrid (co "egh que" incluído), de cidades que xa non parecen galegas, de xente que sabe tanto da historia recente de Galicia como da de Chequia, de cultura subvencionada e polo tanto amaestrada, dun mundo cultural onde se raña pouco polo que todo é un "quítate de ía para poñerme eu", de paseos marítimos novos de trinca en rías onde se verte veleno de forma incontrolada, de prensa hiperlocalista e a ver quen nos pon máis anuncios, de poboación dispersa e con dificultades para distribuír os xa escasos recursos, de falta de converxencia económica con Hespaña e Europa (malgré xuntas de galicia), e de falta dunha mínima autovaloración, autoestima. Se cadra a que estou a mostrar eu...

Etxeokeai dijo...

Carallo, Swann, que ben escribes...

Etxeokai dijo...

E canta razón tes, que me esquecía.

marcos valcarcel dijo...

Magnífica descrición deste noso país, amigo Marcel Swan, aínda que non sexa moi reconfortante...

anónimo político-cultural dijo...

Non hai dúbida que o amigo Marcel Swann ve a botella medio baleira. Outros virán que a vexan medio chea.

Eu, ás veces, véxoa medio baleira, e outras -as menos- medio chea.

Xosé M. González dijo...

Igual o nó da cuestión está en se o líquido vai a máis ou a menos.

Seica o Swann se encontraba con azos para a síntese; e é ben boa cousa facelas, porque -non sei de debido ao pensamento débil, a fragmentación do discurso, a deconstrución ou a preguiza- poucas veces pode ler un cousas coma esa.

Saben que me recorda, en realidade? O poema "O meu país", evocado aquí no seu día como canción (de Miro Casabella), e de autor aínda revisado antonte (Xoán Manuel Casado). Nel está todo o que di o Swann, en clave lírica e alusiva -ou elusiva-. Mira que o tempo anda, pero cantas cousas non se dan movido ("Un paso adiante e outro atrás..."). De momento, ou sexa, medio chea.

anónimo político-cultural dijo...

Por certo, amigo X.M. González, aproveitando o enlace que puxo Valcárcel andei a ler algunhas das súas colaboracións dixitais. Rezuman capacidade crítica dende o sentido común e o coñecemento pausado. Algo non moi doado de encontrar, pode crermo, e por iso transmítolle os meus parabéns.

marcel swann dijo...

Ás xentes que visitamos chez Valcárcel únenos Galicia, cada un desde a súa experiencia e ideas. Ninguén nola vai sacar da cabeza, por todos os defectos que teña.

descrido dijo...

Eu vivo logo noutro país.... nel, centos de miles de persoas se levantan todos os días con gañas de darlle unha dentada á vida, todos os días compiten nun mundo plano e global e mais dunha vez gañan (sexa o líder GAP nun sector, ou ó Ipod de Mac en determinados países, ou nos caldeiros de medio mundo, ou nos estaleiros que non se renden,ou ....) todos os días, moitos deles, acoden a dar as súas súas clases no colexio, no instituto ou nas universidades nas que intentan axudar a que a novas xeración poda construír novas ilusións (por certo Universidades que non desentoan na media da universidade Pública Española, outra cousa sería o nivel das universidades europeas non inglesas e algunha suíza no marco competitivo mundial, nese contexto non aparecen nin as francesas, nin as españolas, nin as de Alemaña, nin as italianas ), persoas que buscan no ordenador do seu estudio como poden construír novas apostas dende o respecto ó paisaxe e as tradicións, traballadores que non se rende en estaleiros que se negan a baixar os brazos ou no sector do automóbil, de artistas que buscan novos mundos plásticos e se preguntan ¿de quen somos nos periferia?; Eu vivo rodeado de xente que chega moi cedo os hospitais e centros de saúde do seu país e se esforzan día a día por mellor as vidas dos galegos, que lle dan a as costas á angustia nos Centros de asistencia e procuran que a xente dependente, con menos medios económicos, poda vivir dun xeito digno e con agarimo, de rapaces novos que asumen as explotacións agrarias e se saben unha xeración que será capaz de vivir e non so de sobrevivir, Paso polas rúas e ademais dos concelleiros de Gondomar... vexo miles de espazos desinteresados cheos de de cooperantes e cidadáns que tratan de votar unha man, acudo os teatros e vexo como centos de galegos buscan que outros moitos podan emocionarse ou que os nenos amen o teatro...

Podería seguir falándote do meu pais, pero reclámanme as as miñas fillas, outra vez será....

Boas noites a todos

marcos valcarcel dijo...

Tamén existe, por suposto, o país que describe con acerto Descrido. E creo que os dous, o de M.Swan e o de Descrido, están nunha mesma dimensión, aínda que pareza imposible: así de contradictoria é a realidade..

Xosé M. González dijo...

A maior parte dos galegos sempre traballaron; coma cans, incluso, nalgún tempo ben duradoiro e pouco afastado. Outra maior parte dos galegos non cren en si mesmos como colectivo, seguindo pauta e rutina establecidas de vello. Non é imposible, non hai contradición: é que non se lle dá dado a volta, para filosofares dalgún e desespero -momentáneo ou non- dalgún outro. A tal dicotomía pode ignorarse ou ser contemplada de varias, se cadra dúas maneiras.

AP-C, grazas. Tento contemplar a botella como medio chea.

marcel swann dijo...

Galegos: 6% de poboación española; 12% de soldados españois.