15 mar 2007

Canon de beleza? (Xavier Cordal, en Galicia Hoxe, 15 marzo)
Alén da "caricatura hipócrita", o feísmo é o resultado dunhas actuacións inmobilarias que destrúen impunemente o territorio.
(Artigo completo)

(...) A ausencia de calquera normativa de construción ou de ordenamento urbano foi o sinal de identidade do desenvolvementismo tardofranquista. As primeiras vítimas foron as zonas mediterráneas, exhibidas con orgullo no cinema cavernícola español cando se iniciaba a expansión do turismo de tortilla e praia apadriñado por Fraga Iribarne. Simultaneamente, ou moi pouco despois, medraron sen control os novos barrios que se foron coagulando nas áreas costeiras máis poboadas de Galicia, erguidos por construtores que non se distinguían pola súa sensibilidade arquitectónica. Pero o doado sería culpar ás empresas; nin as autoridades estatais nin municipais, nin máis tarde as autonómicas, quixeron poñer freo ao negocio, en moitos casos porque participaban del.
Ao galego medio bastáronlle as viaxes en tren polo territorio francés para comprobar que resultaba ben difícil dar detectado os mesmos horrores visuais, polo menos no agro e nas pequenas urbes. Era o xogo das diferenzas: a orde fronte ao caos, o racionalismo urbanístico fronte á lei da selva.
Tardou pouco en aflorar o pathos do autoodio colonial cando, ao volveren, algúns emigrantes galegos -e despois non poucos turistas- interpretaron como indicio de deformidade antropolóxica a nosa sucesión de ladrillos tristes, as vigas de formigón sen pintura. Exactamente ao xeito dalgún dos viaxeiros españois ou ingleses que se aventuraban pola Galicia dos séculos escuros, culpabilizando o indíxena da súa condición miserable e mostrándose incapaces de detectar rastro ningún de beleza -obviamente, tampouco na arquitectura popular.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Cando se pasa a raia desde Galicia a Portugal, o que se nota é un campo e unhas vilas non moito máis ricas que as de Galicia, pero que souberon conservar e embelecer a súa arquitectura. Por que isto non pasa en Galicia?
Que clase de civiliación, cultura, savoir-faire, etc., lles chegou a eles que non nos chegou a nós? Velaí unha teoría.
Eles tiveron sempre unhas institucións propias, un orgullo polo que é portugués que se nota a diferentes niveis: desde a conversa cos "españois" até calquera noticia que aparece nos xornais e na tele.
Nós non tivemos estado, nin institucións culturais e educativas propias, así que aquí (aí) todo é improvisación, individualismo, falta de control.
Que els hi sembla?

Anónimo dijo...

Non fai falla ir só a Portugal a ve-lo, vese nos nosos veciños de Asturias, por exemplo, ou en Cantabria, por non dicir o País Vasco ou Navarra... A verdade é que somos un caso especial...

O Breogán de Gáidil dijo...

Galicia sitio distinto. Supoño que está na natureza do galego medio rexeitar o propio e tentar substituílo polo dos demais. Supoño.

Anónimo dijo...

Un caso bastante especial, si, e de difícil explicación. O de non ter "estado" (?) nin "institucións culturais e educativas propias" (?) non me parece que teña moito que ver. Non sei se Valencia, Murcia, Baleares ou Andalucía terán ou non "estado", nin sequera sei se o teñen Madrid ou Castilla-La Mancha, pero o que si me consta é que as desfeitas neses territorios son semellantes ou superiores ás galegas. O caso de Portugal non se explica por unha especie de "orgullo nacional" do que os nosos conveciños nunca andaron -nin andan- sobrados, exceptuando as rancias e "patrióticas" clases dirixentes tan ben silueteadas polo grande novelista Eça de Queiroz. Eu tendo a pensar que o maior grado de conservación que, sen ser tampouco óptimo nin idealizable, se enxerga en Portugal débese máis ao atraso e á pobreza, do que ese país tardou moito máis en saír, que a calquera outra causa. O mesmo que lle pasou a Santiago de Compostela e a outras urbes galegas, tamén a Ourense, ata ben entrados os anos 60. O atraso e a pobreza son moi bos "conservantes", aínda que tamén teñen as súas desavantaxes.

Anónimo dijo...

Non estou de acordo con case nada do que di, leituga1.
1- Xa me gustaría que os galegos tivesemos o 10% de orgullo que pola súa nación demostran os benqueridos portugueses. Mesmo actúa como barreira para o bo entendento de Galicia e Portugal. Por certo: que Eça foi o que leu vostede? O que querían os dirixentes era parecerse aos franceses, ingleses... (nunca españois, por certo)
2.-O maior grao de conservación da arquitectura non sempre está relacionado co grao de atraso e probreza dun país. Velaí os exemplos que apunta roi queimado: Navarra e o País Vasco.
3.-Ten que haber unha razón cultural, antropolóxica ou o que queiran que explique eses cochazos aparcados ás portas de enormes e feas construcións sen recebar, rodeadas de valados de bloque e sen un xardín nin unhas árbores nas que deter a mirada. Aquí pasámonos anos filosofando sobre as quimbambas, a grande cantidade e calidade dos nosos poetas, a diferencia entre a saudade e a morriña, e a relación entre a retranca e os arrotos a lacón con grelos. Pero o que ninguén nos dá explicado é por que somos como somos os galegos neste aspecto.

Anónimo dijo...

Unha das razóns que se me veñen á cabeza ten que ver coa nula acción/influencia/desenvoltura que tivo a nobreza e a burguesía autóctona nas cousas de Galicia. Os que puideron influir nos gustos populares non o fixeron. Neste sentido, Galicia estivo "orfa" de dirixentes, porque tampouco o estado se comportou como tal.

Anónimo dijo...

Concordo bastante co dito polo señor Marcel Swann, penso que a falla dunha burguesía nacional está na raíz do problema, sen pretender que sexa a única razón. Os últimos pazos que se poidan denominar tal son do século XIX. No século XX non hai case modelos de arquitectura onda a xente que muda de posición social poida imitar. Os indianos que veñen de América xa non atopan moitos modelos propios e importan formas que son unha auténtica ruptura co anterior, eso si dun alto valor arquitectónico.
Coa emigración da segunda metade do XX aconteceu o mesmo pero de forma moito máis masiva. Esto da lugar á copia do chalé suízo ou o caso máis esperpéntico ou chale de Falcon Crest resultado dun premio da primitiva. O tempo dirá cantos deses chalés serán no futuro ben considerados.
Con todo hai no meu entender un elemento máis a engadir como é a necesidade que houbo nun período moi curto de tempo de dispoñer de vivendas que superasen as insuficientes, raquíticas e tamén, por que non dicilo, infravivendas nas que moraban moitos galegos e galegas aínda non hai moitos anos. A partir dos anos sesenta comezou a haber un diñeiro para a vivenda que tiña que dar uns servizos e unha calidade de vida até entón inalcanzábel, ficando o aspecto estético sen relevancia.
Sobre a pobreza como conservante que di o señor Leituga 1 algo ten que ver, exemplos hainos, un deles a muralla de Ávila que non foi abaixo por falta de diñeiro para derrubala, onde houbo diñeiro tiraron coas murallas.
Con todo penso que un problema máis importante que si a arquitectura que se fai é fea ou bonita é a ordenación do territorio.

Anónimo dijo...

Parece ser que o termo "feismo" é oriundo de Galicia, ou iso foi o que atopei na entrada da wikipedia en español.
Louvado sexan os anteriores conselleiros de ordenación do territorio, nomeadamente o galeguista José Cuíña.
A min gustaríame saber, con nome e apelidos, quen foi o primeiro que plantou en Galicia a primeira casa "americana", o patrón que seguiron as posteriores. Refírome a esa "casa-taller 24 horas", habitada, pero que non é un taller nin de coches nin de reparacións. Velaquí as calidades:
- tellado a catro augas. Cadrada.
- dous andares, un para vivir (o de arriba!) e o outro para non se sabe moi ben qué
- escaleira frontal exposta á vintimperie (ou sexa, exterior) que é unha agresión á vista e ao tento dos paisáns que a teñen que subir e baixar.
- garaxe-galpón, como se fose un taller 24% horas (o piso de abaixo)
- sen pintar, ou con partes "ladrillo a vista"
- porta de alumunio sen lacar e fiestras da mesma guisa
- tella en zona de pizarra e pizarra en zona de tella ou, horreur total, uralita gris
- depósitos de auga nas outuras
- grande como para sete familias, pero cos cuatros mal distribuídos
- rodeada de alcolitros, para que lle dea a sombra todo a ano

lourixe dijo...

Pódeselle chamar pobreza ou pódeselle chamar falta de diñeiro, o patrimonio que mellor se conservou foi o da xente que non tiña cartos abondos para tirar có vello e construir de novo. De tódolas características do feismo tal como as descrebe o Sr. Swann, coa que menos concordo é coa súa crítica aos depósitos de auga. Até hai ben pouco non apareceron no mercado bombas submersíbeis e as únicas alternativas para o abastecemento de augas no rural eran eses depósitos ou carrexar caldeiros desde a fonte. Porque a estas alturas do século XXI non hai traída de augas nin alcantarillado na meirande parte das vivendas rurais, estes servizos nin sequera están garatidos en concellos como Santiago ou Lugo.