Esperanza.
(Andoliña 2 marzo. Imaxe: Espido sentado nun sillón, de André Lhote)
A finais dos anos 70 no País Vasco un 52 por cento da poboación sentía máis a súa identidade vasca que a española, un 20 por cento sentía sobre todo a española e un 27 por cento á vez a española e a vasca. Ademais, un 24 por cento optaba pola independencia, que era rexeitada expresamente por outro 29 por cento . Estas cifras, que destaca Javier Tusell en La transición española a la democracia (a Galicia xa nin a cita), demostran que o problema vasco nunca foi doado de resolver (en Cataluña o catalanismo radical estaba daquela no 11%).
Moitas cousas pasaron dende entón e algunhas saíron ben: lembren as negociacións entre Rosón, ministro do Interior, e Euskadiko Eskerra que levaron á disolución de ETA-PM nos comezos dos anos 80, con Bandrés e Onaindía polo medio. Algo novo debe estar pasando no País Vasco, iso é obvio: Otegui aposta un día por unha comunidade autonóma conxunta de Euscadi e Navarra; outro, polo diálogo e a negociación; outro máis, recoñece que non se lle pode pagar un prezo político a ETA. Son cambios de discurso, que poden ter precedentes, pero que van todos nunha mesma liña e non deben ser desprezados. Algo se avanza, aínda que devagariño. Que non maten a esperanza.
5 comentarios:
Eu espero (desexo) que despois de que De Juana deixara a súa folga de fame, ETA declare a súa desaparición definitiva. Creo que neste caso é máis que de xustiza recoñecer ao goberno unha valentía extraordinaria. A mín faiseme durísimo escoitar durante todas estas horas as reaccións da xente. Por iso creo que se hai vergonza na cabeza do mundo abertzale, este é o momento exacto, preciso, de dicir adeus ás armas. A todas as armas.
Quixera ser optimista.
Ou que fagan un suicidio colectivo como aqueloutra secta irmá na Guyana...
Fora bromas, tamén eu sospeito que pode ser o momento da disolución... xa lles gustaría que con desarmamento pousado, con mediación internacional como no caso do IRA, etc. Pero este non é o momento exacto.
O momento exacto foi cando non quedou ninguén no cárcere como consecuencia da amnistía que se lles deu no comezo da democracia. Desde alí, todo é fascismo visto con particulares espellos de feira que vendían con maior ou menor fortuna os vasquistas e vasquistófilos.
Moi ben o menistro cando asume toda a responsabilidade.
Os datos de Tusell -xa manifestei a miña renitencia- sen dúbida non deben ser os de agora. Tampouco non ten iso demasiada importancia, porque non se trata do fondo da cuestión nacional vasca, senón de conducila a un contexto "de ausencia de violencia".
De ser vostedes, agardaría por noticias máis substanciais por parte de Batasuna. O goberno español deu un paso arriscado e digno de loa; agora tócalle á outra parte.
Despois do atentado de Barajas eu estou escéptico, e así penso seguir. Se os contactos PSOE-Batasuna deron en algo firme, se ambas partes son de fiar e ambos poden cumprir os seus compromisos, probablemente se chegará a algo.
Son demasiados "se", e a distancia entre a percepción política vasca e a española é tan considerable que dá para diversas hipóteses e sucedidos. Esperanza, pero cautela.
Creo que son vostedes demasiado optimistas. E sono porque pensan coa lóxica da política democrática, que non ten moito que ver coa lóxica de Batasuna e de ETA.
¿Como vai interpretar a "esquerda" abertzale a prisión atenuada para De Juana? A inmensa maioría farano como unha "derrota" do Estado diante da "loita" do "heroe" De Juana e de todo o movemento "popular" de liberación nacional de "Euskal Herria". En ETA non hai xente que procese a realidade da mesma forma que nós. A miña única -mínima- esperanza é que en Batasuna si haxa algunhas persoas -Otegi, se cadra, aleccionado por Gerry Adams- que manteña a súa capacidade de convición e liderazgo dentro dese mundo esquemático, maniqueo, fanaticamente ideoloxizado e absolutamente afastado da lóxica da política democrática.
Publicar un comentario