11 mar 2007


Nova bitácora auriense.
E unha conferencia sobre a nosa historia.

Acaba de abrirse unha nova bitácora auriense especializada en temas de música, baixo o nome de Auriamusical. Segundo se informa na mesma, dará información abundante sobre concertos, discos, etc. e atenderá os actos do 50 aniversario do Conservatorio de Música de Ourense (na foto). Entre os anuncios deses actos figura este que vai embaixo:

"Aproveito a ocasión para lembrar que o vindeiro luns terá lugar a primeira das tres conferencias que, dentro do citado ciclo, están programadas. Estará protagonizada por Marcos Valcárcel, ben coñecido no mundo cultural auriense, e ten por título "Galicia, 1900-1936: unha cultura comprometida coa identidade" (conferencia con Power Point). Celebrarase o luns, 12 de marzo, ás 20:30 no Centro Sociocultural que a Fundación Caixa Galicia ten na rúa de Xoán XVIII".

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Que arquitectura a do edificio do conservatorio de Ourense. É unha mestura, tan "nosa", de centro comercial en barrio periférico + colexio de primaria + edificio neoxunteiro en capital de provincias, + xulgado-barracón + casa consistorial construída "circa" 1994 + ambulatorio.
A despeito de non resultar politicamente correcto, creo que o autor de semellante peidocemento debería ser fusilado ao mencer, sen testemuñas, e o conservatorio demolido. A música non pode soar ben entre eses bloques, e até as corcheas e as fusas se deben afogar aí dentro con esas ventás estilo "tirita".

Marcos Valcárcel López dijo...

Supoño que o amigo M.Swan coñece o edificio por dentro, porque a foto non dá para tanto. Gustaríame que alguén que o coñeza ben incida neste aspecto: é tan horroroso o edificio como aquí se dixo? Porque eu non coñezo o seu interior nin as súas cualidades acústicas. Polo demáis, nin como fórmula retórica acepto eu ningún "fusilamento": neste país xa se fusilou demasiado, con saber o nome do arquitecto chega para escarnio (se é que o merece, claro).

Anónimo dijo...

Imos ver... O edificio do Conservatorio non é a oitava marabilla do mundo pero, certamente, tampouco está tan mal. Quizais o aspecto estético do centro non estea especialmente coidado e, como habitante habitual do mesmo, podo dar fe de que en algúns aspectos é manifestamente mellorable. Dito isto tamén é de xustiza recoñecer que o centro conta cunhas boas instalacións e que non está mal dotado, aínda que podería estalo mellor. Conta cun bo auditorio, se pensamos que se trata dun centro de estudios, que ten un aforo aproximado de 350 butacas e que ten unha acústica cómoda, dependendo tamén do instrumento ou conxunto que actúe, para o que toca e para o que escoita. Eu non vou xulgar ao arquitecto que o deseñou, aínda que, como moitos outros arquitectos, cometeu erros que cun pouquiño de sentidiño serían moi sinxelos de evitar. En resumo: podería estar mellor? SI; é unha catástrofe que merece ser eliminada da paisaxe auriense? pois, sinceramente, penso que NON.
Si o Conservatorio está mal... que dicir entón do Auditorio-Pazo de congresos? Nin auditorio, a acústica é lamentable, nin pazo de congresos, un auténtico labirinto. Por certo, a súa estética tampouco é para tirar cohetes.

Anónimo dijo...

Corrixo a miña alusión guerracivilista, pero insisto na chafallada que se ve por fóra. Ademáis, estiven a buscar en internet datos sobre o edificio, e isto foi o que atopei:
- O edificio rematouse no ano 1977 e até 2004 non tiña licenza de apertura.
- Tivo unha denuncia por ruídos dun veciño, o que provocou a intervención do Valedor do Pobo.
- Tras a súa apertura houbo queixas sobre a falta de acondicionamento acústico.
(fonte: http://www.ruidos.org/prensa/2004dic/041202_FaroVigo.html

Anónimo dijo...

Que simple é opinar sen coñecemento. O edificio do Conservatorio de Ourense pode non ser moi bonito por fóra pero o importante está no interior. Sen dúbida é un dos mellores centros galegos na súa categoría,e ten bos recursos e dotacións que, obviamente, poderían ser mellores, coma todo. Pero xulgar só pola apariencia soa mal, incluso tratándose dun conservatorio. ¿Por que non visitar primeiro o resto dos conservatorios galegos de igual categoría- horrible Ferrol, enanos Lugo e Santiago, e así o resto- antes de opinar? Con todo, defendo o edificio do Conservatorio de Ourense, moitísimo máis digno que todos os locais por onde este centro de ensino pasou nos seus 50 anos de existencia.