21 abr. 2007

Arredor do blog

Estes días tiven múltiples problemas informáticos, dos que vostedes non se enteraron, pero por iso escribín menos (colgando textos dende o Instituto). Unha treboada averiounos ascensor, tv e conexión a Internet: telefónica foi rápida e cambiei a conexión un día despois, pero logo empezou a fallar o portátil. Bloqueábase case ó empezar. Revisado por amigos (Antonio, da Casa da Xuventude) quizais o motivo sexa que o aparello se quenta con facilidade: o técnico de Inforcom (Manuel Expósito) onde fun hoxe limpou a fondo o ventilador, a ver se agora vai ben...
E a noitiña do sábado tiven unha longa entrevista coa xornalista Belén Regueira e co amigo Manuel Bragado (Belén tamén estivo en Ourense, cun fotógrafo, e charlamos moi de vagar). A Belén sorpréndelle sobre todo que dous "carrozas", arredor case dos 50, sexamos tan fieis no asunto este (moitos outros pinchan) e ademais teñamos un coro de seguidores tan entusiastas: no diálogo intentamos explicar as causas diso e niso teñen vostedes moito que ver. (Pola nosa-miña banda, o principal mérito quizais sexa a constancia e dispor dunha vida abondo organizada e rutinaria -agás cando fallan os aparellos-: hai uns meses falaba eu disto con Antón Costa, que me coñece de vello, e dicía el: "ti, si; ti, sendo como es, poderás manter un blog no tempo...").
A entrevista vai destinada a unha reportaxe sobre o mundo dos blogs que seica estará na páxina do Consello da Cultura Galega, no Culturgal e na rede en xeral. Falamos con toda a vivacidade e liberdade co trebello ese do Messenger que nunca usará, pero confeso que é divertido. Agora sei por que entrampan os rapaces co tema. Falamos de moitas cousas das que temos falado aquí (xa lles avisarei cando se publiquen os resultados da charla) e mesmo dei tres ou catro enderezos de contertulios que máis trato, porque creo que tamén lles queren preguntar algo ó respecto (así que, se os chaman, non se asusten, será por isto). Máis nada, seguiremos fedellando...

25 comentarios:

Xosé M. González dijo...

Pois a ver cando sae esa moi prometedora entrevista. Dígoo polo perfil dos entrevistados, sobradamente coñecido aquí; e, neste caso, en particular polo da entrevistadora, canto a min do máis valioso que hai agora nos media galego: cousa que toca, cousa na que atina, e véxase (escóitese) "Extrarradio".

Silvio Falcón dijo...

O tema dos problemas informáticos xa se sabe o que ten, toda a tecnoloxía actual.

E con respecto á túa perseverancia con estes trebellos e "chirimbolos" comunicativos, é admirábel que unha persoa coma ti sexa tan fiel aos seus seguidores.

E mandeiche un mail jeje.

Unha aperta!

a.p.-c. dijo...

Ou sexa, amigo González, que xa somos famosos. Calquera día o NYT virá a entrevistarnos.

arume dos piñeiros dijo...

Eu quixera comentar o alcume de "carrozas" aplicado aos eximios Bragado e Valcárcel e, sobre todo, a sorpresa que lle produce á entrevistadora.
Eu teño que dicir que é precisamente isa idade a que explica o apego e o entusiasmo. Falo por mín, que creo ser un pouquiño (non moito) máis xove. Eu, como recén pequeno burgués gracias á renda familiar, nacín coa televisión encesa. Escoitei en casa dos meus curmáns de pequeno os discos que viñan do máis aló nun idioma incomprensible. Compartín horas nos billares xogando ao futbolín, ao billar de tres bolas e ás novas máquinas de flippers, mentres escoitaba música de Blood, Sweat and tears no picú. Máis tarde xoguei aos primeiros xogos electrónicos, aquel do tenis e despois aquel do hiperespacio cuxo nome non lembro. Despois vin, e xuntabamonos moitos na casa, os primeiros videos musicais, que non mataban aínda á estrela da Radio (Radio 3, por suposto). Despois, cando empecei a estudar, merquei como un proceso natural un Amstrad para sustituir a miña olivetti que aínda conservo. E despois, cando rematei a carreira, manexei o primeiro macintosh que aparecía nas aulas de informática. E despois o primeiro ordenata e o segundo e así ata o de agora, sen baixar nen un só minuto a guarda tecnolóxica. Coma mín, creo que moitos. E en cada fito do proceso, sempre o entusiasmo. Agora, creo que fago o que quixen facer sempre desde que era pequeno. Nin máis nin menos. Levo o mesmo tipo de vaqueiros que mercaba hai 30 anos. Poño o mesmo tipo de niki (ou polo) que hai 30 anos. Teño agora nos pés uns John Smith que recuperei do rocho. Eu creo que todo esto estaba feito para nós. Esta é a nosa era. Non podemos ser carrozas: somos os que construimos esto. E remato: Bill Gates e Steve Jobs naceron en 1955.
E perdón por esta confesión tan persoal, pero creo que non hai sorpresa, senón todo o contrario: o raro sería que nós estivéramos fóra desta festa.

a.p.-c. dijo...

Blood, Sweat & Tears eran un extraordinario grupo. Xa de pequeno tiña vostede bos gustos musicais, Arume.

arume dos piñeiros dijo...

O tipo do futbolín tiña un grupo de música naquel tempo e tiña unha boa selección musical naquel tocadiscos. Abofé que si: e BST eran os seus preferidos. E mira que eran raros para aquela época en que primaba o pop. Seguinlles pouco a pista, pero "And when I die" con aquela harmónica e o órgao hammond da nosa infancia era e é impresionante.

Xabier dijo...

Que ben que alguén se recorde de vez en cando de Blood, Sweat and Tears, una das bandas pioneiras en fusionar elementos do jazz co rock, invento ese da fusión que tamén deu lugar a músicas míticas coma Weather Report ou Mahavisnhu. Sen dúbida estamos a falar das miñas músicas preferidas.
A informática non cabe dúbida que dá moitas satisfaccións pero a costa de algún quebradeiro de cabeza as veces. Agora deume por pasar ao Vista pensando que todo ía ir de rosas e xa levo unha boa parte da tarde arranxado problemas, en fin. O da permanencia e fidelidade na rede ou nun blog en concreto e moi meritorio pois neste medio todo resulta demasiado efímero. Eu xa veño doutros blogs, foros etc e pola miña experiencia aos dous anos moita xente descólgase imaxino por que atopan outras cousas xa que a oferta e inmensa.

marcos valcarcel dijo...

Teño que confesar que son dos que me poño bastante histérico cando me falla o ordenador: teño bastante dependencia del e do correo electrónico (todos os días mandar varias mensaxes obrigadas e artigos ó xornal, ademais de atender o blog). Pero a informática ten a marabillosa cualidade de permitirnos a todos/as xogar con estes elementos tan cheos de posibilidades aínda que non entendamos nada do caso. E iso hai que agradecelo: non se pode tocar música sen saber música ou pintar un cadro sen saber coller o pincel. E o ordenador é para todos, ata para os máis inútiles coma min.

Xabier dijo...

O de enfadarnos co ordenador penso que nos debe pasar un pouco a todos. Eu tamén recoñezo xa certa dependecia e as veces penso cómo me podía arranxar antes. No é de estrañar que haxa publicados auténticos tratados sobre a psicoloxía na rede en todos os seus máis diversos aspectos. O libro "Adaptarse a Internet" de Helena Matute e dos que recomendo ler pois deixa a nosa conciencia máis tranquila. Persoalmente fun dos que cheguei a este mundo máis tarde (fai uns cinco anos) e recordo canto me resistín. O cambio que hubo nestes dous últimos anos coa chegada da web social foi do máis interesante ao deixar de ser simples lectores de webs e pasar a ser protagonistas activos dos contidos.

Ana Bande dijo...

Amigo Valcárcel, espero que se manteña vostede por moito tempo neste enderezo onde procuramos tanta saúde mental nos saborosos debate que vostede e os sus contertulios habituais suscitan. Eu considero este o seu blog como unha taberna onde un grupo de mentes inquedas andan á procura de enterder o noso complexo mundo. O que se bota de menos son unhas cervexiñas para alegrar a conversa pero o Demiurgo tecnolóxido seguro que non a tardar en tomar boa conta.

Anónimo dijo...

Ponse vostede señor Arume, dun cachondo nostalxico subido. Supoño que tirará bastante do youtube porque a imaxe ao recuperar o espacio fixa mais, soslaia a evaporacion lírica que a música facilita.
Indudabelmente a informatica posibilitanos unhas relacións maiores, eu entendoa ao modo machluguaniano, como una extensión, unha extensión da mente, que nos permite chegar a lugares e persoas que doutro xeito non chegariamos, pero usamos estes medios porque outros tipos de accesos están a desaparecer. Compensación, esta é a clave adaptativa, a percura da compensación.
É unha sorte, coincidir dalgún xeito nun espazo que o tempo, os tempos, os diferentes tempos, as turbulencias da proximidade negarían. Este é un medio Cool, que se pode incendiar,un xeo que pode arder, oximorón, a través dun canal no que non importa a distancia nin espacial nin temporal, un cronotopo de novela onde as personaxes mostran como no conto a patiña.Eu tamén sangrei, suei e chorei
podo pasar?
Jimy de Rairo

arume dos piñeiros dijo...

Poñerme cachondo é unha das miñas debilidades: confésoo. Senta divinamente: aconsélloo. Se é con nostalxia, ha ser malgré moi. Pero, si, cachondo, si.

a.p.-c. dijo...

Agora quedaría ben que alguén puxese algunha cita clásica para confirmar ou refutar as querencias excitantes de Arume.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Non se apure, amigo APC, eu teño unha boa: In dubio, morreo.

a.p.-c. dijo...

Mais non se esqueza, Arume, do célebre provervio: Omnis saturati mala.

a.p.-c. dijo...

Con v ou con b?

Xosé M. González dijo...

Proverbio. Non confundir con protervo.

Xosé M. González dijo...

"Aquello fue un golpe de hacha en la pasión infantil. Vibró de indignación y de asco su tierno espíritu. Durante varios días le obsesionaron en su oído las palabras del gañán, y le martirizaban más agudamente aún que un sufrimiento físico. Nada fue entonces tan innoble para él como Celsa. Su imaginación se la representaba de continuo entregada a actos repugnantes, que él no podía precisar concretamente, en unión del protervo Poupariña".
(Wenceslao Fernández Flórez, "Volvoreta", capítulo II).


A cita pretende explicitar certa asociación de termos e conceptos probablemente enigmática.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Sicalíptica, non enigmática.

Xosé M. González dijo...

Pero queda o remate:

"Y odió a Poupariña, a sus ojos saltones, que se le antojaban desencajados por curiosidades abyectas, a su barbita de chivo, a sus manos peludas... ¿Cómo podía Celsa soportar las caricias de aquellas manos de ogro?... Celsa murió dolorosamente en el corazón del rapaz; quedó bajo la losa de un recuerdo de humillación y asqueamiento. La revelación brusca de la triste y miserable verdad de la vida casi enfermó al niño. Una noche, heroicamente, rompió sus versos y tiró por la ventana, al oscuro jardín, el hueso de la claudia, amorosamente guardado. Lo tiró con tanta rabia y con tanto desprecio como si hubiese estado en la boca de Poupariña, bajo el bigote, en el que un día, comiendo en el Pinar, vio quedar colgantes unos pequeños trozos de fideos".

A xeito naturalístico, parece, con carozo romántico.

Leituga 1 dijo...

A min gustábame moito "Lucrecia MacEvil". Sabe, Arume, que foi de David Clayton-Thomas?

arume dos piñeiros dijo...

O Lucrecia Mcevil é un estándar da música, con esa sección de vento, tan estándar que ninguén recoñece case aos seus autores: vai camiño do anonimato. Pero, xa digo, perdinlles a pista.
Pero para Leituga 1 vai esta pescuda rápida: o sábado estaba tocando no Apelsin Club de Moscova.
Para máis información:
http://www.davidclaytonthomas.com/news.asp
http://www.rdrop.com/users/rickert/news.html

a.p.-c. dijo...

Poderiamos fletar un avión e ir de fin de semana a Moscova a vérmonos actuar o gran cantante que foi de BS&T, ademais de aprovisionarnos cun bo cargamento de vodka. Mais vai ser que non...

Leituga 1 dijo...

Non era mala idea, non. E aproveitábamos para irlle ao funeral a Yeltsin, ben cheíños todos de vodka...

a.p.-c. dijo...

A min o de ir ao funeral de Ieltsin... como que non me enrolla moito.