21 abr 2007






CARLOS GIMÉNEZ E A MEMORIA
Carlos Giménez é un dos nomes máis relevantes do que en tempos se chamaban tebeos e a modernidade deu en chamar comic ou banda deseñada. Os lectores da miña quinta lembrarán as súas series en medios como “El Papus”, “Totem” ou “Muchas Gracias”. Neles e tamén en albumes independentes popularizou historias como “Paracuellos”, que relata, nun clima lóbrego e gris, a infancia de moitos nenos da posguerra española no “Auxilio Social” franquista. Moi logo soubemos que o propio Giménez pasou boa parte da súa infancia nun orfanato franquista. Nos anos 70 devoramos as historias de Giménez, singularmente aquelas tan tinguidas de sátira e denuncia, que levaban os títulos de “España una”, “España Grande” e “España Libre”.
Leo agora unhas súas declaracións nas que afirma que foi un adiantado en reivindicar a memoria histórica. E dende logo non lle falta razón. Poucos retratos tan duros da España franquista e miserenta trala guerra civil como as historias deste gran debuxante e guionista. Agora que os lexisladores discuten como restaurar a dignidade das víctimas da ditadura, recoñezamos que ese labor xa se fixo, con toda humildade pero tamén co rigor necesario, dende aqueles tebeos memorables.

1 comentario:

Roque Soto dijo...

Alégrome que Marcos Valcárcel recolla o nome de Carlos Jiménez, un dos mellores debuxantes de banda deseñada de Europa, como amosa en Paracuellos, serie neorrealista xunto con Los Profesionales e Barrio. Tamén é un destacado loitador polas libertades en tempos pasados, o cal quedou reflectido en obras como Hom ou Koolan el leproso. Por certo, Jiménez ten ademáis no seu amplo currículo unha serie do Oeste: Gringo.