21 abr. 2007

Escribía Ramón Piñeiro
(Fragmento dun artigo de prensa. O artigo enteiro vai colocado como primeiro comentario)
Asistimos ó nacemento da revista “Grial”, emulando o modelo da “Cruz y Raya” de Bergamín, e comprobamos a plena consciencia que tiña o grupo Galaxia do significado no seu tempo da tradución ó galego de Heidegger: “para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros segundo a cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar ós labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía”. Mesmo Piñeiro rexeita con acerto, xa en 1954, unha crítica que anos despois lle sería dirixida, o seu suposto “culturalismo”: “o meu orgullo galeguista cifrábase en ter incorporado á lingoa galega dous nomes de primeirísima calidade: Ánxel Fole e Luís Pimentel. Eu penso que a incorporación dun bo poeta ou dun bo prosista é máis importante para o porvir histórico de Galicia que a posible incorporación dun ministro ao Goberno de Madrid. Na etapa actual da vida galega pódese dicir que os verdadeiros ministros de Galicia son mesmamente os seus poetas e mailos seus escritores e artistas”.

4 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

DO EPISTOLARIO DE RAMÓN PIÑEIRO
Marcos Valcárcel
Relín nestes días, saboreando o celme das súas páxinas, o libro de don Francisco Fernández del Riego “Un epistolario de Ramón Piñeiro” (Galaxia, 2000). Gusto de vello dos epistolarios, escasos nas nosas letras, porque poden ser unha magnífica inmersión na personalidade do escritor, cando este se amosa máis auténtico e fiel a si mesmo, menos personaxe. Para o caso de Ramón Piñeiro, é inútil buscar nestas páxinas agravios ou resentimentos. Del Riego recolleu un bo mangado de cartas dirixidas a el mesmo desde 1948 ó ano 1970. Nas primeiras cartas, Piñeiro aínda estaba no cárcere: “poucas cousas poden orixinar máis mágoa que o arredamento forzado do noso mundo auténtico; pois tal arredamento produce sempre a sensación de que che cortan as raíces”. Pasaba entón Piñeiro malos momentos, ó borde da depresión polos seus problemas coa vista. Por iso sorprende aínda máis a súa forma de ilusionarse coas novas da futura Editorial Galaxia, daquela en xestación: “sinto degaros inmensos de facer cousas que foron madurecendo en moitas horas de meditación”, escribe en marzo de 1949. Moi cedo sabemos cales eran os motivos dese entusiasmo: “estamos en presencia dun inmenso xermolar de enerxías creadoras. A alma galega, tan atormentada e pasiva de seu, comeza a sentir a paixón dramática da liberdade, que é a única paixón salvadora dos homes e dos pobos”. E Piñeiro verque ese entusiasmo en acción creadora, rexeneradora da cultura galega: a descuberta dun novo escritor, un rapaz de Outeiro de Rei (o poeta Manuel María) ou do novo narrador Méndez Ferrín; a aventura de “La Noche” e as censuras invisibles do seu suplemento cultural; a ledicia ante a lectura de “Os eidos” de Novoneyra, “o máis interesante libro que se escribiu en galego nos tempos derradeiros”.
Son moitos os aspectos de interese neste epistolario: por exemplo, a relación coa emigración, sobre todo con Luís Seoane, e a consciencia das responsabilidades dos emigrados en facer medrar o prestixio universal de Galicia a través da cultura. Velaí a relevancia que tiñan as colaboracións de autores galegos en revistas portuguesas (Otero Pedrayo, Carballo Calero...) e a correspondencia en medios galegos de autores portugueses (Rodrigues Lapa, Prado Coelho, etc.). Asistimos ó nacemento da revista “Grial”, emulando o modelo da “Cruz y Raya” de Bergamín, e comprobamos a plena consciencia que tiña o grupo Galaxia do significado no seu tempo da tradución ó galego de Heidegger: “para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros segundo a cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar ós labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía”. Mesmo Piñeiro rexeita con acerto, xa en 1954, unha crítica que anos despois lle sería dirixida, o seu suposto “culturalismo”: “o meu orgullo galeguista cifrábase en ter incorporado á lingoa galega dous nomes de primeirísima calidade: Ánxel Fole e Luís Pimentel. Eu penso que a incorporación dun bo poeta ou dun bo prosista é máis importante para o porvir histórico de Galicia que a posible incorporación dun ministro ao Goberno de Madrid. Na etapa actual da vida galega pódese dicir que os verdadeiros ministros de Galicia son mesmamente os seus poetas e mailos seus escritores e artistas”.
(La Región, 16 abril 2007)

Anónimo dijo...

Con los de cruz y raya si que no!
con los de cruz y raya no te metas!!!!

marcos valcarcel dijo...

Ninguén se meteu cos de Cruz y Raya, creo eu; todo o contrario...

a.p.-c. dijo...

Creo que "Cruz y Raya" son uns humoristas, señor Valcárcel.