13 abr 2007


Cartas dende o pasado (V). Ramón Piñeiro, Seoane, Celso Emilio e o social-realismo.
No seu traballo, útil e ben atinado, As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, Alonso Montero recupera a carta que Ramón Piñeiro escribiu en xaneiro de 1958 a Seoane, a propósito da súa obra de teatro La soldadera. Piñeiro amósase alí crítico coa liña socialrealista que defendía o seu interlocutor en Buenos Aires e sostén que seguir unha liña socialrevolucionaria nas artes é arriscado e dá resultados estéticos tremendamente febles: "Cando un escritor ou un artista se pon a dar voltas e máis voltas arredor dunha ideoloxía acércase perigosamente ó artificio, que é bastante distinto –ti sábelo mellor ca min– da arte verdadeira". O ensaísta toma posición contra a literatura revolucionaria, coherente coas claves que el mesmo definiu esenciais nas nosas letras: lirismo, humorismo e sentimento da paisaxe.
Catro anos despois, Piñeiro escríbelle a Celso Emilio Ferreiro con nidias gabanzas do seu libro Longa noite de pedra, destacando explicitamente que aposta pola poesía social e que é necesario rescatar ese fío comprometido nas letras galegas. Gaba o libro pola expresión do seu sentir humano máis sincero e agarda que, no seu contido cívico, sexa unha chamada ós novos poetas, "que no dejarán de escucharla".

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Coidado coa "soldadura", amigo Marcos. A obra teatral de Seoane á que se refire Piñeiro é "A soldadeira" ou "La soldadera" (Seoane escribiuna en castelán), que ten como protagonista a María Balteira e sitúase no contexto das guerras irmandiñas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Obviamente trátase de LA SOLDADERA, escrita en castelán en Buenos Aires: debeu funcionar, sen que eu o percibise, o corrector automático en castelán. Deixadez miña por non ter sempre o corrector en galego (ás veces se me pasa) e ó ler os artigos, antes de envialos, non sempre percibes este tipo de fallos. Case é imprescindible imprimilos antes en papel, porque no formato do ordenador, non me digades por qué, hai erros que non se ven. Síntoo. E que Seoane me perdone.

Anónimo dijo...

Hoxe na Casa do Libro de Vigo presenta Alonso Montero un libro sobre Os escritores galegos ante a guerra civil española. Pode resultar interesante: promete, polo que di o Faro, balas contra Cunqueiro e linimento para Otero. Iremos velo, con Freixanes de compaña.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Só podo acreditar que hai Alonso Montero para rato. Anda sobrao, cun entusiasmo sen límites. E aínda que eu tiven que marchar un pouco antes, alí andaba contando de todo (vida propia, vida dos outros, amenas anécdotas daquel tempo). Podo entresacar dúas cousas: a afirmación de que en Galicia non houbo guerra civil, só represión, xunto a un ogallá houbera guerra civil, pero nona houbro; e a afirmación de que entre 1936 e 1946 só escribían en galego os escritores franquistas, obriñas folclóricas ou satíricas (como o romance do Percebe copreiro obra dun boticario de Carril ou unha composición dunha tal Mechitas Viso Troncoso: falo de memoria, no libro veñen os datos e os poemas), mentres os non franquistas escribían en español e sobre temas "aproblemáticos".
Interesantísimo, como tamén a intervención emotiva de Freixanes. Botei en falta máis xuventude na presentación: eu era o máis xove. Con iso está todo dito.

Anónimo dijo...

"La soldadura", de todos os xeitos, sería tamén un bo título para unha obra de teatro social

Anónimo dijo...

Os metalúrxicos e todo iso.

Anónimo dijo...

Nefeuto.