8 jun 2007

A lingua de todos (na estación de ferrocarril de Ourense)
O mes pasado convidáronme a facer un breve discurso para a saída do Tren da Lingua da estación de Ourense, en actividade que organiza, como sabedes, Caixanova (xa fun tamén o ano pasado). Preparei unhas notas a man pensando que ían ser lidas diante de nenos de primaria, de menos de doce anos. Chegado alí, nesa xornada que os nenos están tan contentos porque van de festa (con pallasos e todo iso), senteime no chan, á altura dos seus ollos, e conteilles o que vai aquí embaixo (o texto completo remata en comentarios).

Hai moitos anos, antes que os vosos avós e que os vosos bisavós e quizais antes que os vosos tataravós, celebrábase aquí en Ourense unha gran festa, á que asistían todas as autoridades da época para celebrar un dos grandes acontecementos daquela época: a chegada do ferrocarril a Ourense. Foi no ano 1881 e chegaba aquí, ó barrio de Ponte-Canedo, a primeira máquina locomotora que viña dende Vigo. Fixéronlle unha gran festa e alí leu Curros o seu famoso poema:
Velaí ven, velaí ven avantando
cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudaina, rapaces e vellos!

E sabedes por qué os ourensáns facían unha gran festa. Porque pensaban que a chegada do ferrocarril era a chegada do progreso e que dende entón a súa sorte ía cambiar. E que melloraría o comercio, a economía e as súas condicións de vida. Hoxe vós ides coller o camiño de ferro, quizais algúns por primeira vez, e para vós este encontro vai ser tamén unha festa. Debedes estar tan contentos/as como os ourensáns que se xuntaron arredor da locomotora hai máis de 120 anos. Vós estades aquí tamén para celebrar a vosa festa que, felizmente, acolle dúas ideas: o ferrocarril e a nosa lingua. Porque ides coller o Tren da Lingua e iso é unha forma de recoñecer a importancia do noso idioma e o moito que debemos traballar para afortalar o seu recoñecemento e facer del unha lingua normal, útil para todos os usos sociais. E iso vai depender sobre todo de vós: se dentro de 30 ou 40 anos o galego é unha lingua normalizada, ben instalada na sociedade, será co esforzo e co entusiasmo dos milleiros de nenos/as galegos que estes días collen o Tren da Lingua en diferentes localidades do país. Fixaivos cal é a vosa responsabilidade e a vosa importancia: seredes vós os queides decidir cómo será a Galicia do futuro. (...) (...)

22 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

A lingua de todos (na estación de ferrocarril de Ourense)
Marcos Valcárcel

Hai moitos anos, antes que os vosos avós e que os vosos bisavós e quizais antes que os vosos tataravós, celebrábase aquí en Ourense unha gran festa, á que asistían todas as autoridades da época para celebrar un dos grandes acontecementos daquela época: a chegada do ferrocarril a Ourense.
Foi no ano 1881 e chegaba aquí, ó barrio de Ponte-Canedo, a primeira máquina locomotora que viña dende Vigo. Fixéronlle unha gran festa e alí leu Curros o seu famoso poema:
Velaí ven, velaí ven avantando
cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudaina, rapaces e vellos!

E sabedes por qué os ourensáns facían unha gran festa. Porque pensaban que a chegada do ferrocarril era a chegada do progreso e que dende entón a súa sorte ía cambiar. E que melloraría o comercio, a economía e as súas condicións de vida.
Hoxe vós ides coller o camiño de ferro, quizais algúns por primeira vez, e para vós este encontro vai ser tamén unha festa. Debedes estar tan contentos/as como os ourensáns que se xuntaron arredor da locomotora hai máis de 120 anos. Vós estades aquí tamén para celebrar a vosa festa que, felizmente, acolle dúas ideas: o ferrocarril e a nosa lingua. Porque ides coller o Tren da Lingua e iso é unha forma de recoñecer a importancia do noso idioma e o moito que debemos traballar para afortalar o seu recoñecemento e facer del unha lingua normal, útil para todos os usos sociais. E iso vai depender sobre todo de vós: se dentro de 30 ou 40 anos o galego é unha lingua normalizada, ben instalada na sociedade, será co esforzo e co entusiasmo dos milleiros de nenos/as galegos que estes días collen o Tren da Lingua en diferentes localidades do país. Fixaivos cal é a vosa responsabilidade e a vosa importancia: seredes vós os queides decidir cómo será a Galicia do futuro. Eu e moitos galegos/as agardamos que nesa Galicia do futuro sexa a lingua de todos e que todos os galegos saiban falar e escribir galego e tamén as outras linguas necesarias para a nosa relación co mundo, como o castelán e o inglés, porque non é contradictorio senón sempre enriquecedor o saber varios idiomas.
Os trens serven para comunicarnos, para coñecer novas paisaxes e cidades, para relacionarnos con outras persoas doutras culturas, para coñecer outras formas de ver o mundo. Pois ben, tamén para iso serven as linguas. Non só para comunicarnos en sentido estricto: se así fose todos teriamos que falar na lingua máis falada, que por certo non é o inglés (nin o castelán), senón o chinés. Pero sabemos que é imposible que seis mil millóns de persoas falen nunha soia lingua. Non é posible. E tampouco sería bo, creo eu, nin desexable.
Porque un mundo que falase unha soia lingua sería moito máis pobre que este mundo que vós coñecedes. Todos sabemos o importante que é para a natureza que non desaparezan as diferentes especies animais, que se manteñan as formas de vida e os ecosistemas diversos da vida animal, que non se talen todos os bosques, etc. Esa riqueza da natureza, tan plural e diversa que só coñecemos unha parte moi pequena dela, é o que fai fermosa, útil e feliz a vida na terra. A iso chamamos Biodiversidade e paga a pena loitar para que o voso mundo sexa tan diverso e rico na súa variedade como que vivimos os vosos pais.
Pois ben, xusto o mesmo pasa coas linguas e coas culturas. Unha cultura é unha forma única de ver o mundo. O labor que fixeron os nosos escritores (dende os trobadores medievais a Manuel Rivas e Pura Vázquez, pasando por Rosalía e Curros, Otero e Castelao e tantos outros) é o de explicar o mundo con ollos galegos. Cando escriben en galego, os nosos escritores dannos unha visión irrepetible da nosa realidade. Nin mellor nin peor que outras, pero si diferente. “Ser diferentes é ser existentes”, dicía Vicente Risco e quería explicar así que o máis importante que pode aportar Galicia ó mundo é a súa cultura propia, expresada en galego, como unha creación propia chea de orixinalidade e fecundidade.
Vós, que aínda sodes moi novos/as, ides vivir un mundo ben diferente do que coñecemos os adultos que hoxe estamos convosco. Quizais un mundo con moitos máis adiantos tecnolóxicos, quizais un mundo moito máis comunicado, onde será máis doado viaxar e estar en relación con xentes de todos os lugares do mundo. Tamén niso podedes ter vantaxes e debedes saber aproveitalas: coñecendo dúas linguas, o galego e o castelán, podedes achegarvos e entrar en relación con todas as culturas que se expresan en portugués, tan próximo ó noso galego, ou en castelán. E iso veñen sendo uns seiscentos millóns de persoas. Se ademais sabedes inglés ben, e a iso debe aspirar a escola galega do futuro, poderedes movervos polo mundo adiante sen ningún problema.
A Galicia de mañá, que será a vosa, pode estar na vangarda do coñecemento, da investigación e do desenvolvemento entre os países do mundo. E vós estaredes aí, collendo esoutro tren, o tren do futuro, que de ningún xeito debe renunciar á expresión da nosa cultura e da nosa identidade.

Anónimo dijo...

E os rapaces cómo lle responderon. Houbo algún que lle sacou a lingua?

Anónimo dijo...

Sr. Valcárcel se os rapaces lle escoitaron ese discurso tan longo é que son uns santiños, non digo eu que o discurso non estea ben, Deus me libre de poñer tacha a súa obra, pero terá que recoñecerme vostede que é algo longo para unha infancia acostumada a ritmos vertixinosos e en xeral a facer poucos esforzos na atención só a palabra cando os estimulos hoxe son tantos e tan variados, tamén está o seu discurso exento de humor e sinceiramente ou empezamos a rir en galego ou imos mal, e non quero con isto menospreciar o seu discurso, está ben pero chámame a atención e case poño en dúbida que os rapaces o escoitaran e que lles quedara alguna idea do que vostede expuxo.
Sobre apoloxía do galego dirixido a alumnado o que teño ouvido que me ten gustado moito son pequenos relatos de Sechu Sende. Coido que aínda non están publicados pero espero que pronto os teñamos nas librerias.

Unha trolla ágrafa

PD ( Para o SR Leituga): non teño ningún lazo familiar nen virtual nen socio-político co troll ágrafo

Marcos Valcárcel López dijo...

En todo casó, iso é o que eu fun capaz de facer. Por suposto existen outros posibles xeitos de facelo e sen dúbida máis divertidos, para quen teña esas cualidades. O texto lido non leva máis de 7 ou 8 minutos e só podo dicirlle que os rapaces escoitaron moi atentamente, mirándome todos (eu estaba sentado con eles, á súa altura) e aparentemente moi serios, aínda que contentos porque ían ir no tren. Se de todo isto, incluída a viaxe no tren, queda algo no futuro? Diso non lle sei dicir: nin son adiviño nin estou nas cabezas dos rapaces. Pero creo que paga a pena. Se así non fose, non faríamos case nada do que todos/as estamos a facer todos os días. Con mellor ou peor resultado.

Anónimo dijo...

Ten vostede moita razón, amigo Valcárcel. Eu estou farto do tipo guay del paraguay que chega a unha cousa deste tipo e comeza con bueno, imos ver, eu tiña unha cousa aquí, pero vexo que tal e cual e bueno, vou ser breve, en fin, a mín dixeronme que viñera e bueno, teño aquí unha cousa e blablabla: completamente impresentable. Hai que esixirse; hai que ter un respeto polo que se fai e a quen se fai, sexa a cerimonia de entrega dos premios o curuto de ouro ou para falarlles a uns nenos desexosos de montar nun tren.

Anónimo dijo...

Non fai falta dicir nomes, amigo Arume, pero nisto da literatura galega (e española) hai bastantes expoñentes do escritor que chega e improvisa o seu discurso igual que se fose tomar unha cervexa ao bar de enfronte.

E claro, a capacidade de improvisar algo coherente, intelixente e intelixible, só está reservada a unha moi exigua minoría que leva moitas décadas de traballo ás súas costas. Pero moitos principiantes (e algún que, a pesar dos anos, sigue a participar desta característica) pensan que todo o monte é ourego, polo que o único que consiguen é quedar como uns "cantamañanas". Traballo máis seriedade máis talento máis traballo: non hai outra receta.

Marcos Valcárcel López dijo...

Notas (primeiras) para un estudo da tipoloxía dos conferenciantes:
1. O que chega e repite sempre a mesma conferencia, aínda variándolle o título. Pasou no Liceo máis dunha vez e en Caixanova nunha das ocasións que falou Cela, coa sala a rebosar. Falaba dos viños españois. Repetiu unha conferencia xa publicada nos anos 60. E nin sequera citou ningún viño ourensán nin galego (e seica cobrou un quilo pola faena).
2. O que chega e ponse a falar un bo anaco de tempo e ó cabo de 15 minutos dáse conta de que non era ese o tema e que trouxo as notas equivocadas: pasoulle a un bo escritor galego, tan simpático como despistado, en Auria.
3. O que chega e deriva e deriva e deriva, como dicía Arume, sen chegar a ningures.
4. O que chega cabreado e ponse a rifar con todos, incluídas as persoas que o convidaron a dar esa conferencia.
5. O que empeza a falar ás 20 h. e aínda está falando ás 21,50 h., na presentación dun libro, na que só tiña que dar un breve saúdo ou pouco máis: pasou en Auria, nun acto do Clube Alex. Bóveda, sobre un libro de Luís Lamela. O pobre do Luís, que viñera dende a Costa da Morte, só puido dicir "Ola" porque na sala só quedaban os organizadores do acto. O artista, un académico, xa falecido. Por sorte foi o autor do libro quen escollera o seu nome.
6. Outro escritor ourensán, tamén falecido, presentando un libro dun amigo desta casa. Dedicou máis dunha hora a "fusilar" a obra do que o chamara para tal función, ante o abraio do propio escritor e de todo o público.
(E seguiremos, que aínda hai máis...)

Anónimo dijo...

Vostede, amigo Valcárcel, coñece ben a un "presentador" de libros que, recreándose como narciso na súa propia e redundante palabra, adoita ter unha inveterada tendencia a monopolizar o 99% do tempo para el e a deixar tan só, como migallas despois dunha cumprida fartura, o restante 1% para o autor do libro.

Vostede coñéceo e moitos dos que por aquí veñen tamén.

Anónimo dijo...

Ay jasús,jasús,..
Estóu seguro que os rapaces ficaron altísimamente impresionados con esas verbas,tanto como flipaba eu co sermón do cura...
Deberon flipar unhos rapaces de doce anos ,pra queñes os ordenadores existiron desde sempre,imaxinando a chegada da máquina de vapor...

O Troll Ägrafo

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

O que digo eu nin deriva, simplesmente nin comeza, sobre todo, entre "risitas" e perdóns e desculpas, por non saber nin arrancar. Aí descubres que se ten éxito como escritor debeu ser por amistade co editor, por outra parte irresponsable. Xa sabemos que a elocuencia é un arte, pero, como ben di APC, hai que cultivala e exercitala. A algúns eso dalles entre vergonza e noxo. A nós que eles poidan falar.

Marcos Valcárcel López dijo...

Todos sabemos que o mundo dos escritores está cheo de "egos" e narcisos. Quizais só lles poidan pasar por diante pintores, artistas, arquitectos e escultores. E, para odios africanos, o mundo do teatro (non sei o cine), quizais porque aquí as dependencias económicas son aínda máis evidentes.
Calquera que escribe, pinta, fai música ou mesmo deixa unhas liñas de comentario nun blog, ten o seu pequeno "ego" ben coidadiño: o único problema é saber controlalo e non pasarse. Ou ter alguén sempre perto que che diga "Lembra que es humano..."

Anónimo dijo...

E dentro dos escritores, os peores, con moita diferencia, os poetas.
No gremio conferenciante, eu coñezo un tipo que, cando fala en público, cambia a voz e a actitude corporal. Encolle os hombros e encórvase, como se botase algo de chepa, e pon unha voz como desgarrada ou augardentosa, unha voz que raspa e araña. Estas metamorfoses deben parecerlle necesarias para subliñar o seu discurso, que sempre fai fincapé en que hai que ser "críticos", porque hoxe o poder, a través do pensamento único, quere suprimir o pensamento crítico. Este xeito, unido a unha figura un tanto enclenque e a un rostro con gafas e barbiñas, danlle un aire de troskista de vodevil moi gracioso. A primeira vez que o vin actuar tiven que saír da sala -Sargadelos de Santiago- porque non podía conter a risa que me producía o contraste entre o personaxe actuante e o señor máis ben normal co que estivera falando cinco minutos antes.

Anónimo dijo...

Deste post aínda pode saír outro libro sobre Tipoloxía do conferenciante ou presentador de conferenciantes. Non estaría mal.

Anónimo dijo...

Outro tipo de conferenciante é aquel que, aupándose no seu prestixio académico ou rol institucional, sabe de antemán -porque así o ten experimentado en moitas ocasións- que o habitual será que se gañe o auditorio.

O de menos, neste caso, non é tanto o qué se di, senón cómo se di. Dicir adoita dicir cousas pouco orixinais ou escamente novidosas, pero sabe perfectamente que o envoltorio é o definitorio, e nisto é un acreditado mestre: unha anécdota ben traída aquí, unha cita oportuna alá e un leve ton de complicidade acolá, son suficientes para saír triunfante ou, cando menos, airoso do lance.

E un fica pampo recoñecendo a intelixencia que ten que haber detrás de quen sabe facer un lazo tan elegante e perfecto, aínda que o paquete conteña aire.

Anónimo dijo...

Os egos e os narcisos promóveos o mundo artístico e cultural galego mesamemnte. E saben por que? Porque non se discrimina o bo do regular e o regular do pésimo. Todos son moi bos e acaban crendo que o son; todos teñen unha obra macanuda, porque os sacaron tres ou catro veces retratados nunha revista despois de recibir un accésit nun premio literario. Algún fixo o 99% da súa carreira literaria facendo traballo non literario. É dicir: non os le nin sanpito pato, e os que os leron non atoparon esas presuntas cualidades que transmite o seu magnetismo animal.
Case o único barómetro de calidade é a idade, aínda que, se es moi vello xa non tes moito que dicir e bla bla bla.
Logo hai outra cousa: precisamos, e con urxencia, de bos divulgadores. Por exemplo: o que non pode ser é que cada 17 de maio se publiquen tres ducias de libros sobre o autor homenaxeado e aínda non poidamos ter acceso a obras da literatura galega esquecidas. Tamén fai falla facer divulgación científica en galego.
Tamén temos o defeuto da envexa, pecado capital que nos iguala aos nosos curmáns lonxanos os españois.
En fin: sobre estes ou parecidos temas recoméndolles unha das películas que máis me gustan: "The Fountainhead" (O manancial). É de King Vidor, e ten a Gary Cooper de protagonista. Está baseada nunha boa novela de Ayn Rand.
Xa me gustaría que en Galicia houbese creadores así, rigorosos e insubornables ante calquera tipo de componenda ou "moda" da burricie dominante.

Anónimo dijo...

Apuntan vostedes certeiramente a unha disintonía entre autor e público que ven provocando unha distancia entre ambos, que só poden salvar as mellores obras.
Hai quen precisa ter ao seu lado alguén que non so lle recorde que é humano, senón que fai o rídiculo. Esta disintonía ten a súa causa no descoñecimento do autor respecto dos seus reais receptores, se é que os ten. As mais das veces represéntase un papel para un pùblico que xa non existe, dando lugar a todo tipo de fantasias que se resolven ao final nalgunha das variantes do solipsismo. Cando esto sucede, é que algo falla. Entre a producción e a recepción literarias advirtese unha extensa incomunicación, unha serie de engarzamentos miméticos, mecanicos, operando con formulas fracasadas, desaxustadas, improcedentes que sobreviven independentemente da interacción producción-recepción debido a que, lamentabelmente no sistema literario non encontramos eficiencia, senón conveniencia,paralizante subvención, culto a personalidades de corte estamental e obliteramento das obras as que hai escasos achegamentos serios, rigorosos e tende a resolverse todo nun aletexo banal de acritica aceptación,rechezazo ou esquecemento. A valoración estética faise con argumentos, por tanto presumese un grao de racionalidade no xuizo, se os argumentos son deficientes, inconsistentes tende a resolverse todo no gusto e correse por tanto o perigo de reducir a arte a gastronomía, a que tan aficioados somos os galegos, festa do cocido de Lalín, da empanada, festa do lacón con versos, dos ovos con chiculate, festa da larpeirada de Toscón, do zanco de Rebordegalo, do crítico afeicioado, da literatura feminista en salsa de Lamprea, do asesor espetado a bara, festas reunidas na cidade da cultura, exposición, mostra, galicia no mundo, unha literatura para outros mil invernos.
jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Quixera, se non ten inconveniente, pedirlle a Jimmy de Rairo que nos diga, dentro da literatura galega dos últimos tres ou catro anos, cales son na súa opinión os títulos de tres libros de narrativa, tres de poesía e tres de ensaio, que acadan a difícil categoría de "mellores obras".

Moitas grazas.

Anónimo dijo...

Está ben cuestionarse se os rapaces recordarán algo do que lles dixo.Se eu fose vostede pediríalle por favor ó profesor que lles pedira unha redación acerca do acto pasados tres ou catro días,cando xa se esfumara a memoria a corto plazo,e leeríaa con atención.Ö fin e eo cabo,a única palabra que importa ,é a que queda "escrita" no cerebro da xente...
O Troll ägrafo

Marcos Valcárcel López dijo...

Contestando a Arume: xa pensei en facer este post sobre Conferenciantes, presentadores, etc. E queda pendente para cando teña máis tempo: quedaron moitas cousas no tinteiro.

Anónimo dijo...

Señor APC, pídeme vostede unha síntese demasiado violenta, seguro que hai mais de tres...e falando de rigor, habería que xustificalas, e non sei se este é o medio máis adecuado. Outros ámbitos hai onde tratar esta cuestión máis axeitadamente.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Amigo Jimmy:

Dixen tres por non dicir catro ou cinco ou seis. E todos sabemos que os comentarios que aquí se fan son, á forza, breves e informais, polo que estaría excusado que xustificase a súa escolla cunhas poucas liñas.

Claro que hai outros ámbitos para tratar mellor esta cuestión, pero como eu non sei quen é vostede, quédome coas ganas de coñecer a súa opinión (no sentido de ver reflectido en casos concretos os seus sempre interesantes criterios xerais que aquí ten a ben expoñer).

Outra vez será, pois. Un saúdo.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Confía vostede no sentido común. Compréndanme como cidadán vigués que non albisca esa cousa por ningures. Un dos novos concellais, a quen xa vin a noite electoral na procura desesperada de palabras para rematar unha frase (ao mellor é bó xestor, ninguén o dúbida), non logra disipar as miñas dúbidas: a súa interpretación de que os votantes "quixeron poñer punto e final ao victimismo e a falta de proxectos e demandaron un goberno que dea estabilidade, en clave de futuro e con ilusión, e nós temos que ser quen de satisfacer esa demanda cidadá" esquece dun plumazo que eles mesmos, os partidos PSOE e BNG, digamos, podían ter feito eso de poñer punto e final tres anos (digamos) antes.
O que como cidadán un non soporta é que nos tomen por parvos.
E, por suposto, unidade sí, pero "dous referentes", por se acaso. Empezamos ben. Por se lles vale de algo, eu non quero dous referentes, que se enteren. Quero un.