20 jul 2007


Saramago.

Pan por Pan 20 xullo


Creo que desta vez o Nobel das letras portuguesas anda errado, quizais influído pola súa propia experiencia persoal. José Saramago declarou que Portugal remataría por integrarse en España, converténdose en provincia dun Estado que pasaría a chamarse Iberia. O vello ideal iberista do século XIX, en boa medida, pero estamos no século XXI: que tería que gañar Portugal nunha solución dese tipo á marxe de perder a súa capitalidade e poñer en risco a súa diferenza cultural?
O marco europeo xa derrubou as fronteiras económicas que existían hai cen anos: os vellos Estados nacionais cederon a Europa as súas competencias económicas, militares e mesmo estratéxicas. O achegamento entre Portugal e España faise agora dende a contorna europea e non precisa xa outras lecturas. Euroescéptico, Saramago prefire obviar esta realidade e aferrarse ó seu soño. Está no seu dereito.

20 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu non son nada, pero nada saramaguián. Non entendo nin o aprecio pola súa literatura (pesante, pesante) nin menos a estimación polos seus escritos políticos (paupérrimos). Bueno, si: a "Viaxe a Portugal" é o mellor que escribiu. Con eso digo todo.

Anónimo dijo...

Comparto o pouco aprezo de Arume por Saramago, en especial polo político.

Anónimo dijo...

Boeno.O "Evanxelio según Xesucristo" é unha maravilha (persoalmente),e outros moitos.Os que escribéu despóis do Premio,xa peores (persoalmente)...

Hai dúas cousas mal feitas:

1) Que por que un sexa un grande escritor haia que facerlhe caso cando dí burradas noutro ámbito.

2) Que por que ún diga burradas noutro ámbito haxa que deixar de facerlhe caso coma escritor.

Eu xa tenho consiga prá próxima manifa:

¡Estado Federal,contando con Portugal!

Anónimo dijo...

Colgo enlace de blog que trata o tema.Hai moitos máis...
saramago

Anónimo dijo...

O concepto que transmite o Saramago (ignoro se vén de impresión ou de reflexión) paréceme que ten pouco que ver co federalismo ibérico que, por exemplo, os galeguistas defendían hai setenta anos; dígoo porque nalgún foro xa se quixo ver compatiblidade entre ambos.

É certo que en Portugal a crise económica acentúa certos complexos históricos de volta e forro, de ida e volta; é posible que Saramago experimente certa predisposición ambiental, intensificada polas estratexias de establecemento cultural español de cara a que se considere "uno de los nuestros".

É seguro que eu, rematar, de momento só din rematado "O ano da morte de Ricardo Reis", e iso con certo esforzo e por motivos temáticos ben particulares; pero unha cousa non ten que ver coa outra.

Anónimo dijo...

Joder, a que vos dá hoxe o Perfecto Conde no seu blog! Podedes miralo en: www.perfectoconde.blogspot.com

Anónimo dijo...

Perfecto Conde

Marcos Valcárcel López dijo...

Ben, é lóxico que non lle gustasen os diferentes comentarios feitos aquí por varios foreiros (case todos eles aludidos e algúns anónimos): está no seu dereito a defenderse despois de opinar libremente. O que non se entende moi ben é por qué retira o post que deu lugar a eses comentarios?

Anónimo dijo...

Boeno,o feito de retiralo sóame a "excusatio".Por certo,"non petita"...

Anónimo dijo...

Si, desde logo que o Perfecto Conde é moi seu.

Por unha parte, opina publicamente o que opina, e logo mosquéase porque os demais opinen libremente sobre o seu comentario. Un home tan curtido coma el debería saber cales son as regras da libre opinión e non poñerse tan "tiquismiquis".
Coido que algún dos comentarios non son para nada ofensivos (o de González e o meu, por exemplo) e, sen embargo, pónselle a quitar punta a todo un tanto infantilmente.

Por outra parte, o que se colixe é que aproveitou a circunstancia para borrar unha opinión propia froito exclusivo do seu quentamento. Si, soa a "excusatio non petita".

E deixemos aparte os ciumes que amosa respecto deste blog.

Anónimo dijo...

Que conste que, á marxe o acordo ou desacordo, eu non o ataquei. Acabo de dicirllo no seu blog.

Anónimo dijo...

Como a min me chama "parvo", eu estaría lexitimado para chamarlle, por exemplo, "cretino" e "bajito", que é unha cousa, esta última, que seica lle molesta moito. Pero non o vou facer, aínda que si debo dicir que me estraña tanta iracundia por uns comentarios así como de pasada. En todo caso, creo que Perfecto Conde atopou unha escusa -non moi boa nin crible, a verdade- para retirar o artigo "El trepa y la nación", no que puña "a caldo" ao seu novo patrono. Coñéceselle ben que, ademais da retranca, tamén sabe o que é o trasacordo.

Anónimo dijo...

Iso é xogar con vantaxe, amigo Leituga 1, porque vostede non é nin cretino nin "bajito".

Anónimo dijo...

Sr. Valcárcel:
Desexo informalo de que fixen referencia no blogue "O levantador de minas" a unha outra entrevista realizada a Saramago en Compostela en 1990. Nesa ocasión falaba en extenso da súa visión da Galiza.

Anónimo dijo...

Falou Xavier Alcalá, breve pero claro.

Tamén Paco Martín trata sobre o tema hoxe, en "EL Progrso"; lamentablemente, o artigo non está na rede.

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas pola información, Alfredo Ferreiro. Os lectores poden acudir a esa entrevista para complementar a visión de Galicia por Saramago. Pola miña banda, de acordo ó cen por cen co artigo de Xavier Alcalá (aínda que duro nas formas).

Anónimo dijo...

Eu tiven ocasión de conversar algunhas veces con Saramago e podo dicir que en poucas ocasións o seu verbo puido interesar. En todo caso, o carisma, a severidade con que mira, o arrobo con que a xente o escoita fai difícil unha conversa digamos amable ou unha tertulia divertida. Sempre el é o que fala e os demáis escoitan. E non é culpa súa. Pero o que fala é sempre escasamente interesante. Ademáis agora dalle pola teoloxía que desacredita a existencia de Deus e cóstame seguilo. É dicir: anda metafísico, pero non coma o cabalo de don Quijote.

Anónimo dijo...

Gustoume a "Historia do cerco de Lisboa" e non estaba mal "Memorial dun convento". A partir de aí, deixei de lelo. O único que podo dicir desta súa etapa exitosa de é que non me interesa nada como "intelectual crítico". Tras esa solemnidade de balea valeira, non hai máis ca os típicos tópicos e banalidades do catecismo "progre" de principios de milenio. Intensivamente explotada a veta do altermundismo, semella que comezan os traballos exploratorios do xacemento iberista. E o pior de todo é que ese estilo amenaza con crear escola.

Anónimo dijo...

Saramago é o Paulo Coelho da esquerda reaccionaria.
(Frase lapidaria. Copyright: Leituga 1)

Anónimo dijo...

Prá mín o Paulo Coelho sí que é soporífero.Non alcanzo nem sequera rematar de ler un dos seus artigos nos suplementos dominicáis.
Prefiro óutro Coelho.Adolfo Coelho...