29 oct 2007


CULTURA E NACIONALISMO (1)
La Regiuón, Opinión, 29 outubro. Ilustra un deseño de Pepe Barro, anos 70.

O asociacionismo cultural. A finais dos anos 60 e ata os primeiros 80 o nacionalismo tivo un vizoso colchón social no mundo das asociacións culturais, impulsadas dende partidos como a UPG e o PSG. Xa morto Franco, funcionaban no país entre 60 e 70 asociacións culturais, con bastante actividade e de alentos novidosos e creativos. Díxome daquela o director dun xornal galego: o Bloque non sabe ben o tesouro que ten con esas asociacións, é un activo poderoso. De certo, o Bloque sabíao e esa estrutura foi fundamental para apoiar a creación do sindicalismo labrego ou as candidaturas das primeiras municipais. Militantes moi novos desenvolveron un intenso labor cultural: revistas, debates, mesas redondas, ciclos de conferencias, exposicións, mostras etnográficas, etc. En parte este traballo estaba coordenado dende o Frente Cultural da AN-PG, no que tiven a honra de participar, ó carón de personalidades como Manuel María, Lois Diéguez, Felipe Senén, Millán Picouto, Claudio Rodríguez Fer, Carme Blanco, Perfeuto Estévez, Xosé Lois Vázquez, Anselmo López Carreira, e un longo etcétera. En Santiago había outro núcleo potente, que puxo en marcha as primeiras pedras de “A Nosa Terra”, da man de Margarita Ledo e por alí andaban (de memoria) Pepe Barro, Lois Celeiro, Galocha, Xosé Ramón Pousa, Bieito Iglesias ou Xosé Manuel González, entre outros. O estudantado participaba nas asociacións culturais O Galo e O Eixo (Auriense en Ourense) e tamén no cineclubismo da época: lembremos nomes (sempre de memoria) como Daniel Bernárdez Cancelas, Merche Penoucos, Rafael Ojea, Antón Baamonde, Camilo Valdeorras, Xosé M. Sarille, Luís González Tosar, Manuel Figueiras, Xosé Miranda, etc.
Da crise dos 80 á actualidade. A entrada na política activa, nos concellos e logo no Parlamento Galego, relegou a relevancia deste labor. Moitas asociacións desapareceron. Outras minguaron a súa actividade ou vexetaron durante anos. As máis activas foron aquelas que sabían disterar os campos da política e o da cultura (na Coruña, por exemplo, O Facho ou Alexandre Bóveda), pero moitas outras sucumbiron na loita política diaria, cargada de sectarismos e dogmatismos (escritores que sempre foran “da casa” pasaban ás listas negras cando deixaban a militancia nacional-popular). O nacionalismo non soubo recuperar aquel pulo cultural nin rendibilizar a súa enorme potencialidade. Nin sequera, creo eu, cando chegaron ás institucións. Os xeitos de traballo cultural tiñan que cambiar, é obvio, pero nesa mudanza desapareceron moitas iniciativas valiosas e non foron substituídas por outras alternativas. Se o nacionalismo estivo sempre moi vinculado ó labor cultural, a realidade de hoxe, cando mesmo está gobernando, non é excesivamente optimista. A consellería de cultura, en mans do BNG, semella estar vampirizada e engulida pola pantasma do monte Gaiás (velaí un auténtico Alien que acabará por devorar calquera forza renovadora), mentres se expande o desánimo entre moitos axentes e creadores culturais (iso é o que escoitamos de moitos escritores e xentes do teatro, por exemplo).

24 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Na relación de participantes naquelas xuntanzas do FC da AN-PG a nivel nacional esquecín o nome de Césareo Sánchez Iglesias, outro nome habitual nelas.

Anónimo dijo...

Ok,Marcos.Siga "dando caña".Sabe romper pedras cúnha maza?.A clave é dar no mesmo sitio varias veces.

Marcos Valcárcel López dijo...

Cónstame que estes artigos non gustan dentro do BNG: un tamén ten os seus "topos". E sei que algúns esquemas dogmáticos e tiranosauricos aínda non se borraron: p.ex., identificar voces críticas con "españolistas". Pero, qué lle imos facer... Teño bos amigos nesa casa e supoño que eles non cairán nesa tentación de "pensamento simple", que non sei se non será peor que o tan manido "pensmento único".

Marcos Valcárcel López dijo...

Daquelas xuntanzas en Compostela do FC da AN-PG (isto xa non collía no artigo) gardo moi bo recordo. Aínda que non sempre eran moi efectivas, todo hai que dicilo. Máis dunha vez pasabamos case todo o tempo escoitando as espléndidas anécdotas do Manuel María ou revisando unha colección de diapositivas sobre patrimonio monumental que nos traía o Felipe Senén. Pero eu aprendín moito naqueles días...

Anónimo dijo...

Se a cousa queda en "españolista" e non en "facha"...Vostede ten a sorte de estar porriba do ben e do mal nese aspecto,non ten que demostrar nada nese senso.Outros,non o temos tan doado.

Anónimo dijo...

E logo a vostede xa lle chaman españolista?

Anónimo dijo...

Pero son votantes, militantes de base, cadros ou T. Rex?

Marcos Valcárcel López dijo...

Chegoume ese comentario, para min e para un egrexio escritor galego, das terras ourensás, que deixou este o Bloque hai dous ou tres anos, por parte dun alto cargo nacionalista (deixémolo así, sen máis importancia).

Anónimo dijo...

Non faga caso.Hai anos que debe coñecer ese recurso de "Komitern": calificar de "españolista" a calquera que faga crítica molesta.

Anónimo dijo...

Por certo,a Rexión anuncia a súa conferenza de hoxe,pero non pón o sitio,só pón "Ourense".Imaxino,no Liceo.

Anónimo dijo...

Eu, como comentei nalgún outro momento, vivín o ocaso de ERGA na universidade, a partir daqueles famosos feitos do ano 1979 (tasas e pisos) nos que permaneceu á marxe, mesmo nalgúns casos tirando para atrás. (Esa foi a miña percepción do asunto, sometida desde agora a revisión) Coincidiron aquelas movidas coa movida musical e cultural que emanaba de Madrid e que en Galicia, nomeadamente en Vigo, tiña un bastión importante. Neses primeiros momentos, os militantes do que era entón o movemento estudantil nacionalista renegaron deses novos pulos xuvenis ("y yo caí, enamorado de la moda juvenil, de los precios y rebajas, de los maniquís, enamorado de ti") con desprecios moi notorios (insisto na miña percepción que pide ou confirmación ou refutación). A xuventude virou cara outros intereses, outros gustos e quizáis o labor anterior ficou desatendido. Tampouco convén esquecer que boa parte daquel estudantado comezou a traballar fundamentalmente como profesores de ensino medio (a nómina que publica Valcárcel apunta nesa liña, onde, por certo, predomina o xénero masculino) e coa nova situación laboral foise esfarelando ese asociacionismo.
É esa unha pequena aportación desde a miña perspectiva de estudante daqueles anos que viviu a paulatina desaparición daqueles sindicatos nacionalistas que nos primeiros intres chamaban ás portas da clase para as asambleas e que nos últimos cursos, tras anos en que eran olímpicamente rexeitados, acabaron por misturarse ou agocharse sen deixar o mínimo rastro.

Anónimo dijo...

Coincido co señor Valcarcel en que a obra do monte Gaias pode engulir calquera cousa, e para empezar engule gran parte do orzamento da Consellaría de Cultura, e ademais nun camiño que non se sabe se terá saída, porque os custos non rematarán coa obra, xa que a mantenza dese “monstro” non vai ser liviá. É unha herdanza que envelena calquera cousa que se faga con ela, o diñeiro xa gastado e comprometido leva ao goberno da Xunta a tomar a decisión de continuar a obra e redefinir o proxecto (había proxecto?). Mais a realidade será, no mellor dos casos, que os que non apostaban por tal obra e modelo cultural (a falta de proxecto tamén é un modelo) teñan que xestionar e procurar utilidade ao feito (cuestión nada doada). Os tempos de criticar o feito polo PP iranse esvaecendo pouco a pouco e virán os tempos nos que terán que gabar o feito (máis difícil aínda), xa que logo sospeito que o veleno da herdanza vai perdurar.
E mentres se invisten recursos (económicos e de xestión) para alimentar a bicha, outros eidos fican sen eles.

Marcos Valcárcel López dijo...

SUSTO. Amigo Xoán da Coba: deume vostede un bo susto co da conferencia. Pensei que me esquecera dalgún compromiso. Pero non. Todo se debeu a un erro dunha nota de prensa. Esa conferencia é a que xa dei, sobre Arturo Vázquez Núñez, o pasado día 19 no Liceo. E hoxe non irei repetila, por suposto.

Marcos Valcárcel López dijo...

Por certo, algunha vez soñei que me tocaba dar unha conferencia, nunhas xornadas ou algo así, e que chegaba e non sabía nin de que tiña que falar. O soño convertíase en pesadelo. Pero unha vez vinlle a un escritor galego (de literatura xuvenil) unha situación semellante, aquí en Ourense: estivo a falar media hora dun tema ata que se decatou de que tiña que facelo sobre outra cuestión. Pero como fala tan ben ninguén se molestou e seguiu falando do seu primeiro tema.

Anónimo dijo...

Se o problema fora só a Cidade da Cultura... O que hai é un malestar crecente en todos os sectores culturais polas intromisións continuas e o desexo de controlar e patrimonializar todo do señor Bará. E a quen non se doblegue ou non sexa da sua corda, vía. Xa hai quen dí que son peores que os do PP.

Anónimo dijo...

Vaiche ter razón o outro con aquelo de que todos son iguais. Cada un vai ao seu... e Bará, tamén.

Anónimo dijo...

Titular (hoxe) de ECG:
Pérez Varela: “Cada patacón que gané fue trabajando como un desgraciado”
[Foto: P. Varela sorrindo en pose de "lo tengo todo controlado"]

Titular (hoxe) de GH:
Pérez Varela vai de ‘pobre’: “Eu gaño para vivir grazas ó PP e teño as mans limpas”
[Foto: P.Varela sinalando acusadoramente co furabolos a alguén da comisión]

Anónimo dijo...

Pobriño,estivo a piques de chorar bágoas de "can-codrilo".
A ver se se fai verdade o refrán,que estamos perto do San Martiño.

Anónimo dijo...

Eu nestes casos como o de Pérez Varela fíxome nos detalles, que son por forza os máis delincuentes digo elocuentes, perdón. O de que sen o carguiño na Comisión de RTVG non viviría ben. Imos ver: canto gana un tipo nesa comisión que se supón debe ser dunha altura intelectual e dun traballo colosal (como lle gusta decir ao seu jefe rajuá)?
Porque, vamos, a pregunta seguinte, a xeito de Mcenroe, é: somos parvos ou que?

Anónimo dijo...

Os detalles delicuentes...!!!!!! Que bo! Que bonito lapsus linguae... Que diría Lacan (o da firma "Lacan avec Grelos") deste exemplo...

Ai, a linguaxe corporal... os xestos... a xente que non che mira pra os ollos... os que se rascan a orella ou o nariz cando cha están cravando (metaforicamente)... os mintireiros ao seu pesar...

Por iso, que bonito é o chateo que permite contar as maiores bólas sen enrubescar...

Anónimo dijo...

Xa saben que queñes minten,evitan incoscentemente a primeira persoa do singular e distáncianse do asunto obxeto da mentira.Por exemplo,se alguén chega tarde e no canto de decir "TIVEN unha avería no coche" dín "O COCHE averióuse",e probable que mintan.
Aplíqueno cando oian as declaraciós de P.V (e outros).

Anónimo dijo...

O cerebro traballa de xeito tan diferente cando se minte de cando se dí a verdade,que,aparte de afectar á comunicación non-verbal,cousa coñecida,afecta á propia sintaxis das frases.Sábeno os especialistas da policía.

Anónimo dijo...

Esquecín engadir o que pretendía: Un equipo de espacialistas dese tipo debería valorar declaraciós dos políticos,e facer o seu pertinente informe,cara a opinión pública.

Anónimo dijo...

Iso pasa na linguaxe da prensa, da coba: "Muller de vintecinco anos víctima de violencia doméstica". E quen a matou?