30 oct 2007

Máis de Conferencias.
Pan por Pan mércores 31 outubro
Contoume Manuel Lourenzo, director de teatro, que unha vez tivo que representar unha obra, con toda a montaxe escenográfica e demais, para unha soia persoa, nunha vila galega. Pagaba a Xunta e impúxose o seu sentido de responsabilidade: hai que actuar. Nunca dei unha conferencia para unha soia persoa, pero eu faría o mesmo: tanto respecto merece unha como cento cincuenta. Creo que foi Millás o que contou un dos peores temores do conferenciante: a sala baleira. Ou peor aínda, engado eu: a sala que se vai baleirando de vagar ata quedar só a voz do orador. Non lembran vostedes o “Ser ou non ser” de Lubitsch?: cada vez que o actor polaco inicia o parlamento máis famoso da historia do teatro, no público o tenente Sobynsky érguese e vaise: xenial a cara de apampado do Hamlet.
Imaxinen a escena: cando o conferenciante diga “Ourense, Atenas de Galicia”, por exemplo...

23 comentarios:

Anónimo dijo...

Aínda que haxa unha persoa sóa,é a "masa".¡Cantos curas ofician na actualidade,nas parroquias de Galiza,prá unha perosa sóa!.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Supoño que todo o mundo saberá que o tal Sobynski erguíase para entreterse coa muller do actor polaco. Non creo que se baleiren as salas precisamente para saír co/a partenaire do/a charlista.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Que tamén menudo nome o de Sobynski: estaba predestinado.

Anónimo dijo...

Sempre quedo eu sozinho,a estas horas da noite,coma o moucho,vixiando o blog.

Contábame de neno o meu abó que cando os animáis falaban atopáronse o moucho e a bobela ó pór do sol.A bobela viña do muiño,có burro cargado cún saco de fariña.O moucho,que traballa de noite,saía cós bóis pra arar.Puxéronse a falar,i encanto fuxiron os bóis e o burro.Dende aquela,pra toda a eternidade,a bobela chama polo burro ("burro-burro"),e o moucho polos bóis ("bóóoiiis").

No bacharelato,o profesor de literatura leéu un poema de non lembro qué escritor de Sta.Cruz de Arrabaldo.Unha das estrofas,dicía:"Berra o moucho ¡perdín o gando!".Eu preguntéille qué significaba i él respostóume que era unha frase inventada polo autor pra conseguir a rima,ou algo así.Eu sorrín prós meus adentros,pensando "Este non tivo un abó como o méu..."

Anónimo dijo...

Eu a conferencia máis aburrida que oín nunca foi fai bastantes anos,no Liceo de Ourense,sobor da gaita.A gaita instrumento,eh!.Musical!.
Proiectaba diapositivas a cores cós distintos tipos dese instrumento no mundo.E un gaiteiro contratado prá ocasión amenizaba cunha peza de tanto en tanto.Así e todo,o fulano era tan plúmbeo que vacióu a sala hasta deses velliños incondicionales que se sentan sempre adiante.Quedamos só a persoa que o invitara (que levaba tres cartos de hora decíndolle que abreviara) i eu,que toméi a capricho ver aquel espectáculo hasta o final,aínda que había unha hora que perdera o fío.

bouzafria dijo...

Xustamente o seu pesadelo, a sala baleirándose, foi o que lle ocurriu ao personaxe de Joseph Cotten no "Terceiro home" de Carol Reed.

Marcos Valcárcel López dijo...

Grazas polo dato, Bouzafría. O certo é que non o lembraba. Teño a película de Carold Reed en DVD na casa e tereina que revisitar estes días. (Por certo, estou aínda co bo sabor de boca de saborear de novo, despois de moitos anos, O Crepúsculo dos Deuses, de Billy Wilder: cine puro, cine cen por cen.

Anónimo dijo...

Despois do fío de "conferencias", habería que encetar outro de "congresos".

Anónimo dijo...

Vostede está a falar da millor película de todos os tempos, contada ademáis, se non lembro mal, por un cadáver.
Gloria Swanson pasará a historia do cinema ou mellor dito o cinema pasará á historia gracias a Gloria Swanson, casada por certo por ese armario chamado von Stroheim, maiordomo na película. Eso son palabras moi maiores e iso que traballa William Holden. O título de Sunset Boulevard é máis acaído, pero os traductores ás veces son xeniais: quen pode competir co crepúsculo dos deuses?

Anónimo dijo...

Estivo casada con von Stroheim?
Falando de von Stroheim... unha das mellores películas (desde logo a miña favorita entre as do cine mudo) é "Avaricia" (1924). É coma poder "visualizar" unha daquelas novelas naturalistas de Zola ou os contos hiper-realistas, descarnados, de Maupassant.
En fin... a literatura francesa do XIX... Onde vai parar dona Emlia Pado Bazán... Aínda estiven lendo est'outro día uns contos desta señora e non hai por onde collelos. Creo que o mellor son as súas cartas ao seu noivo garbanceiro...

Marcos Valcárcel López dijo...

Sr. M. Swan, creo que é vostede un pouco inxusto coa valía literaria de dona Emilia. Espero que non se deixe levar por prexuízos ideolóxicos. Eu estou moi lonxe da súa visión de Galicia e da cultura galega, pero linlle contos realmente magníficos, por non falar de "monumentos" como La Tribuna ou Los Pazos de Ulloa. Non sei, dona Emilia debe ter centos e centos de contos (quizais pasen do milleiro): quizais non escolleu ben na súa selección...

Marcos Valcárcel López dijo...

Agardo que se captase ben a ironía do final da miña columniña: cando escoito nalgún visitante aquilo de "Atenas de Galicia" dáme non sei que no estómago por abuso de tópicos xa esmagados. Fraga repetíao sempre dúas ou tres veces cando viña inaugurar algo na nosa cidade.

Anónimo dijo...

"Ourense Atenas de Galicia".Sóa a decadente,a condescendente.Vella que foi fermosa e vive no pasado.Fraga viña a decir:"A tí xa non che fai falla nada máis,Palas Atenea".Non mandamos nin un peso pra eiquí.
Hai loubanzas que matan a ún como cando de él dixeron que o Estado lle cabía na cabeza.Fulmináronno,e comímilo nós como cadáver político durante mil anos.

Anónimo dijo...

"Ourense: Atenas de Galicia" é unha das maiores cursiladas que aínda se poden escoitar e ler.

Anónimo dijo...

"Ourense: a grande descoñecida de moitos galegos" acáelle máis, por desgraza.

Anónimo dijo...

Eu só coñezo dúas frases asociadas a cidades galegas.

Ourense:Atenas,etc...
A Coruña:Cidade onde ninguén é extranxeiro.
Lugo: ...?
Pontevedra:...? (Cidade do Lérez,non vai nesa vaga)
Vigo:...?

Anónimo dijo...

Eis algunhas redundancias:

"las perlas de sus dientes",
"el vidrio de sus ojos",
"el carmín de sus labrios"
"el azul del cielo",
"a gorxa de cisne",
"os peitetes de chuchamel"
"a doce gaiola dos seus brazos",
"la persona humana",
"el ocaso de la vejerz",
"o nabo de Lugo" (Lugo é o nabo? ou é que non hai nabos noutros sitios?)
"o goberno galego" (no que a "galego" se refire),
"a cidade da cultura" (neste caso, nin "cidade" nin da "cultura")
"o galego-portugués",
"un feito histórico"; "a memoria histórica"
"a televisión educativa",
etc

Anónimo dijo...

Ponferrada, ciudad amante del pimiento picante. Así, a pelo, para andarmos polo mundo.

Marcos Valcárcel López dijo...

LUGO tiña un eslogan sobre algo de comer non?
Das redundancias que cita M. Swan, a maioría non son discutibles agás o de Televisión educativa: na realidade resulta máis unha antítese.
Teño ganas de escribir sobre os vellos eslogans dos anos sesenta e as pegatinas primeiras, lémbranse, con aquilo do FALEMOS GALEGO que en Ourense lanzou o Carlos Guitián. Unha das máis horrorosas era aquela de SER GALEGO É UNHA CARREIRA E DE OURENSE, CATEDRÁTICO. E, con todo, ó mellor ata deixaron unha pequena pegada na galeguización dalgúns sectores sociais, vai ti saber!!!

Marcos Valcárcel López dijo...

Nun post xa un pouco atrasado un Anónimo dinos que este blog está cheo de "sabichóns pedantes". Non fai falta responderlle: hai moitos blogs por aí con menos pedantes e, dende logo, con moitos menos sabichóns: xa sabe cal é o seu territorio. Por certo, remata o seu comentario cun "¡Viva Galicia Ceibe!". Que terán que ver os allos cos ...?

Anónimo dijo...

Supoño que ceibe de sabichóns pedantes. Polo que se refire ao eslogan de Lugo creo que era: Y para comer... LUGO. Aínda o vin hai pouco tempo na vella entrada desde Santiago, a que pasa polo cemeterio, que quedou pechada polo novo acceso. Aquí:
Slogan

Anónimo dijo...

Ogallá Galicia tivese máis sabichóns! Desde logo sería máis ceibe... Miren praos catalaos

Santo Cristo de Ourense
santo das barbas douradas
axudádeme a pasar
a negra noite de España.
(cántiga católica marcadamente nacionalista)

Ourense, capital europea dos balnearios...

E para tapas de orella, a bella Auria.
(isto é unha verdade coma un templo)

Ourens', a cidade dass augass quentess

Tres cousas hai en Ourense que non as hai en España: o Santo Cristo, a Ponte e as Burgas fervendo a auga.
(Esta tamén é nacionaliega, pois non identifica Ourense con Hespaña)

Anónimo dijo...

Por mirar pró Santo Cristo
dín un golpe na rodilla
Él ríu e díxome:"Listo,
mira ben pra onde camiñas"


(Non a busquen nos libros,véñoa de inventar)