11 nov 2007


emigración e identidade.

Pan por Pan domingo 11 novembro. A caricatura de R. Villares é da autoría de Fausto.


Máis de 300 persoas onte en Auria no I Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores. Xuntas para falar dos seus problemas e para escoitar a Ramón Villares, que lles falou da Emigración e a Identidade. Con rigor, fina sensibilidade, unhas pingas de humor e retranca. Os asistentes aplaudiron con entusiasmo. Antes, o presidente do Consello da Cultura Galega desmontou uns cantos tópicos sobre a imaxe estereotipada de fracaso e maldición da emigración, en parte forxada polos galeguistas. E explicou como aló da outra banda do mar reconstruíron a súa identidade e sociedade de orixe. Por exemplo, coa análise do xantar nunha romaría habaneira de 1916: xamón de San Simón, embuchado da Serra, queixo de Lanzós, rabanos de Santa Baia, polo de Vilalba, patacas de Distriz, leitugas de Belesar, etc. Ata pan da Julia do Lagüelo: a comida, firme sinal de identidade.
P.S.: Foi unha conferencia magnífica, como aquí se indica. Deume por tomar apuntes e recollína case toda, co máximo detalle. Cando teña tempo procurarei verquela aquí, que dende logo paga a pena. No resto do día varios amigos ourensáns compartimos toda a xornada con Villares e a súa dona Berta, tamén estaba connosco Clotilde Iglesias, a filla do mítico "Tacholas". Sacamos unhas cantas fotos e, se nolas manda Monxardín, algunhas acabarán aquí tamén.

17 comentarios:

Anónimo dijo...

Sen desmentir, por suposto, a Villares, eu afirmo que pouca xente coma a da contorna vilalbesa pode exaltar a identidade conforme aos productos feraces daquela terra.

Anónimo dijo...

As leitugas de Belesar... como non as levasen plantadas no barco...

Na súa relativamente recente "Historia de Galicia", Villares gosta de presentar os aspectos positivos que para Galicia tivo a emigración doutras épocas.

Eu penso que os efectos a longo prazo foron infinitamente máis negativos que positivos.

Outros pobos ibéricos non tiveron que emigrar masivamente. Por que?

E que pasa hoxe coa emigración encuberta?

A nova emigración galega

Ánxel Vence
Man de obra sen cualificar foi durante os dous últimos séculos a principal -se non a única- exportación que desde Galicia saía para o estranxeiro. Conforme ao noso papel subalterno en España e no mundo, os galegos éramos simples peóns da historia.

Pero eso é xa historia, precisamente. Nas dúas últimas e algo prodixiosas décadas, a tendencia migratoria inverteuse ata tal punto que, a día de hoxe, este pequeno e aínda eivado reino recebe xa máis xente da que sae de aquí a busca-la vida por aí fora.

En troques de peóns e mozos de corda, agora exportamos ao mundo productos de alta calidade e grande aceptación nos ramos do téxtil, da pesca, da alimentación, do automóbil e mesmo da tecnoloxía electrónica. Infelizmente, tamén colocamos no exterior algúns dos profesionais galegos mellor cualificados.

Veno de dicir eses días de aí atrás o Consello de Relacións Laborais, aínda que se tratase dun secreto a voces. O 60% dos veciños deste país que cada ano seguen a facer as maletas na procura de territorios económicamente máis acolledores xa non son peóns, senón licenciados, enxeñeiros e científicos. Xente nova e de alta cualificación na súa meirande parte que vai beneficiar a outros territorios cos coñecementos adquiridos aquí.

A nova emigración galega -moito menos numerosa, pero se cadra tan prexudicial como a anterior- é outro dos moitos paradoxos que caracterizan a esta contradictoria Galicia. Non de outro xeito se entende que unha terra aínda en vías de desenvolvemento como a galega estea a financiar a formación -tan custosa- dos seus mozos para que esta sexa aproveitada finalmente por outros reinos autónomos de meirande riqueza e prosperidade.

Menos traumática que a de man de obra, a exportación de cerebros ha ser, se cadra, moito máis grave a estas alturas do século nas que a sociedade do coñecemento é a que marca a diferencia entre uns e outros países.

Literalmente, trátase dun desperdicio. Investimos decenas de miles de euros na formación dos rapaces que en boa lóxica deberían capitanear o desenvolvemento deste país e, sen embargo, non somos quen de evitar que ese esforzo reverta noutros territorios que o aproveitan de balde.

É a dinámica do mercado, contra a que pouco -si algo- poden facer os gobernantes deste reino coas súas modestas competencias autonómicas. Tan descompensada está en Galicia a lei da oferta e da demanda que as empresas non xeran masa crítica dabondo como para encaixar nas súas nóminas ás xentes máis estudiadas do país.

Non é de estrañar, si se ten en conta que os novos licenciados polas universidades galegas cobran por termo medio unha magra cifra de 1.056 euros ao mes (no caso de que atopen traballo aquí, naturalmente). A ese prezo, raro será que non acaben por sucumbir ás ofertas manifestamente mellorables que lles podan chegar de calquera outra parte do mundo.

Todo esto parece lóxico nun mundo imparcialmente aberto á libre circulación de persoas e mercancías. Do mesmo xeito que os productos galegos atopan mercado nos máis improbables lugares, seica ha ser natural que tamén os profesionais galegos sexan reclamados por aqueles países que descubriron o discreto engado da investigación e o desenvolvemento aplicada aos negocios.

Por desgracia, un país que deixa marchar sen remedio aos seus futuros cadros dirixentes está inevitablemente condenado ao fracaso ou, canda menos, ao estancamento.

Máis cedo que tarde, Galicia haberase resentir da sangría que xa está a supoñer a nova emigración. Xa o dixo Rosalía, tan vixente: "Este vaise e aquel vaise e todos, todos se van: Galicia sen homes quedas que te poidan traballar". Nin que o escribise onte.

Anónimo dijo...

O suxeito Galicia aparece como culpable da diatriba de Vence. Supoño que detrás del haberá xente coma o propio Vence ou coma mín responsables de todo isto, ou non?

Anónimo dijo...

Eu non sei moi ben de "suxeitos", nin aínda dos famosos "suxeitos da historia" (algúns destes necesita Galicia), nin de "complementos circunstanciales", senón de "obxectos" pacientes.

Anónimo dijo...

Teño eu algúns alumnos dese programa: sonlles ben agradecidos e participan entusiastas. O que máis me gusta deles é precisamente o abraiante que lles resulta contemplar o día a día dunhas xeracións xoves preparadísimas e educadísimas, a anos luz das que eles mesmos crían que existían. O contacto con esa mocidade que denostan noutros lugares permítelles desmentir tales especies.

Anónimo dijo...

Fronte á insistencia nos aspectos negativos da emigración durante máis dun século, agora faise máis fincapé nos positivos. Cuestión pendular, pois. Unha visión histórica acaída debería ter en conta, o máis ponderadamente posible, estas dúas facianas.

A "nova migración cualificada" dos nosos días é, penso eu, algo distinto, que tamén habería que ponderar sen caer en ningún dos extremos. Xa se fará.

Anónimo dijo...

Existe un Belesar na comarca de Vilalba

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

parroquias de Vilalba
As liortas entre Lanzós e San Simón da Costa por apadriñar queixos son míticas.

Anónimo dijo...

Chatolas ou Tacholas?

Anónimo dijo...

Paréceme que efectivamente, hai que evitar o catastrofismo e o potencial revisionismo, ponderar semella a actitude mais rigorosa e aseptica para a analise da emigración. Mais logo da ponderación haberá que emitir algún xuizo, xa que este non se manifesta pola evidencia descriptiva do fenómeno autónomamente, pareceme a min?

Villares seguro que expuxo o asunto como acostuma, con moita lucidez, se Marcos colga aquí as notas, poderíamos debater sobre este asunto, tan importante para nos, galegos, amais semella que hai personas entendidas por aquí das que aprender.

Anónimo dijo...

esquecin a firma

Anónimo dijo...

Pois que cotesten os que entenden. Eu xa fixen de abondo con sacar o tema á luz. Pero recórdolles que a día de hoxe segue habendo emigración.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

E tamén "inmigración", utilizando unha expresión que a mín non me gusta nada. Hai que recordalo tamén.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Lección práctica de Torredebabel sobre este asunto

Anónimo dijo...

A análise de Vence segue un perfil clasicamente galeguista: a emigración como saída individual e sangría para o país. Tal visión debeu loitar, e por tempo, contra a propalada por medios con interese no mercado de emigrantes; no sur do país, e a costa, encóntrase mostra histórica diso.

A min paréceme evidente que o balance nos é moi desfavorable. Xaora e por exemplo, dos indianos viñeron certos elementos de intención modernizadora; é claro tamén que de eficacia moi parcial. Que arestora marche xente profesionalmente moi calificada -e tamén albaneis para as Canarias-; que chegue xente -algunha con formación académica- para ocupar postos humildes e precarios, segue ofrecendo un balance negativo.

Hai tempo que non creo que o galego medio emigre por afán de aventura, aínda que algún teña entre outras cousas intención autoformativa. A estatística di que moitos dos que marchan quedarían se puidesen. Para min non ofrece dúbida o balance, nin en desexo nin en conveniencia; penso que o estudo demorado -será benvido no seu día- non dirá cousa substancialmente distinta.

Anónimo dijo...

Supoño que o amigo Marcos se referirá a "Tacholas", non a "Chatolas". Polo demais, de acordo con Villares. Aínda que son teorías esas que máis ben me soan de telas lido noutros autores, e non tanto nel, se ben coido que cando lin, hai como vintetantos anos, a súa "La propiedad de la tierra" xa apontaba algúns datos.

Anónimo dijo...

Por certo: vostedes vinculan Galicia coa cultura celta? Velaquí un interesante debate televisado (hai uns anos) entre Andrés Pena Granha e Isidoro Milhám (a favor) e Felipe Arias e Miguel Anxo Seixas en contra.

TVG - A Chave - Somos uma Nação Celta? (1999!