CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1988: O ESPLENDOR DA NOVELA
Algúns títulos máis completan a relación do ano 1987. Na narrativa, as novelas Saraverde, de Xesús Rábade Paredes, e O sorriso de Gardel, de Isaac Otero, e a última novela de Ricardo Carballo Calero, Scórpio. A reedición do volume de José Ogea, El mundo rural (Biblioteca Gallega) e o valioso ensaio de Xosé Chao Rego, Para comprendemos Galicia, ademais do estudo da profesora Nicole Dulin Bondue, El granito y las luces (Xerais), sobre a pegada da cultura francesa na Xeración Nós. (...)
Os anos 80 foron decisivos na narrativa galega. Abríronse campos ata entón case inéditos: a novela policial, a novela de aventuras, a de ciencia-ficción, a novela histórica da guerra civil etc. E publicáronse cando menos dúas ou tres novelas por ano de relevancia destacada, consolidándose unha xeración con nomes como Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Carlos Casares, Méndez Ferrín, Xavier Alcalá e un longo etcétera de nomes máis novos que viñan detrás.
O tema da guerra civil estivo presente en 1988 (tamén o ano anterior, como vimos, con Casares): nesta ocasión con Vísperas de claudia, de Manuel Guede Oliva, o relato do fascismo auriense, e O bosque das antas, de Francisco Xosé Fernández Naval, cun espazo xeográfico semellante (Ourense, Velle, o protagonismo do río Miño), a novela que gañou o Xerais daquel ano, resolto en Baiona. Da mesma andaina son a novela intimista de Marina Mayoral, Unha árbore, un adeus; unha procura na ciencia-ficción de Xesús González Gómez, Ucronía; a novela de viaxes e aventuras de Martínez Oca, As florestas do Mañuema; e os relatos de e os relatos de Camilo Franco, na súa estrea literaria, A lúa no cénit e outros textos. E unha das ambiciosas novelas do ciclo de Víctor Freixanes, O enxoval da noiva, trasladada ata a Italia do Renacemento, á Roma de Alexandre VI e o papa Borgia, cando as vodas da súa filla Lucrecia. , trasladada ata a Italia do Renacemento, á Roma de Alexandre VI e o papa Borgia, cando as vodas da súa filla Lucrecia. A narrativa do 88 achegounos Catro novelas sentimentais, de Ramiro Fonte; Meta-relatos, de Claudio Rodríguez Fer; O camiño de Middelharnis, de Xosé Cid Cabido; O misterio do barco perdido, novela policial de Carlos Reigosa; As cereixas, de Riveiro Loureiro, e Turbo, de Miguel Suárez Abel. Na narrativa xuvenil tiñan especial éxito, Anagnórise (Galaxia), de María Victoria Moreno, que arrasou nos institutos; Investigación 091, sobre o mundo do contrabando, de Pepe Carballude; Moncho e Driar, en clave de ciencia-ficción, de María García Yáñez; De cando o Suso foi carteiro, de Neira Vilas; Lembranza nova de vellos mesteres, de Paco Martín; Chuchamel, de Concha Blanco, e O gato metido nun saco, de Alberto Avendaño.
5 comentarios:
Era o segundo libro -en serie- de González Reigosa, e para o meu gusto non melloraba o primeiro. Así e todo, confirmaba un camiño que ía sendo necesario na narrativa do país: non vexo agora, desde A esmorga, outra novela "negra" para citar. Viría despois A tres bandas (Miranda) e bastantes máis, incluíndo a serie luguesa de Xoán Ramón Díaz.
No 2001, Reigosa remataba -de momento- a faena con esa gran novela, para min se cadra menos recoñecida do merecente: Narcos.
Sorpréndeme, creo que xa o dixen outras veces, que case ninguén se acorde de EL GRANITO Y LAS LUCES, o libro da profesora Nicole Dulin, que amosa a forte pegada da cultura francesa na galega e o longo pouso que quedou en Nós dos poetas e novelistas galos.
O libro de Dulin ten o seu mérito. Pero xa cando se fixo era metodoloxicamente deficiente, penso eu. Predomina nel máis unha ollada descritiva e enumerativa ca unha análise en profundidade. Ten a súa utilidade, certamente, e, polo que eu sei, é unha mágoa que non se teña afondado nunha dirección análoga con máis fundamentación teórica e metodolóxica.
De acordo con Apicultor. O libro de N. Dulin sinalou un camiño que podería ter sido máis fructífero do que foi, e non só polo tocante ás relacións entre a literatura francesa e a Xeración Nós, senón no relativo á presencia e influencias de diversas culturas europeas no conxunto da sociedade galega, non só na cultura de impronta galeguista.
A este respecto, pouco se fixo. Paréceme a min...
Selecciono esta diatriba de Alfredo Conde do seu artigo de hoxe:
"Nunca, nen sequera nos tempos nos que o finado Filgueira Valverde xestionou a Consellería de Cultura sin a penas recursos que xestionar nin orzamentos cos que poder facelo; nunca, nen sequera nos piores tempos da xestión atribuibles ós distintos governos do PP, e miren que os houbo sinalables, e sinalados, estivo tan desastida a xestión cultural no noso país como lamentable e desesperanzadoramente o está dende que o governo bipartito rexe os nosos destinos coma pobo. Por iso a declaración, alomenos no noso caso, pois bascos e cataláns saberán dos seus, antóllasenos, a non poucos, unha innobre e desafortunada cortina de fume que oculta a realidade e intenta velar o propio fracaso na xestión cultural habida nos últimos tempos. Deixéimonos xa de argumentacións decimonónicas, de atravesadas e oportunas transversalidades e de tanta retórica ó uso e vexamos de emendar o rumbo dunha bendita vez e antes de que a desfeita sexa total e totalizadora."
Publicar un comentario