9 dic 2007


"Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano"
Antón Patiño. Ediciós do Castro. Arte, 2007.

"O presente libro vai abranguer a figura de Urbano Lugrís na súa dimensión conxunta, vida e lenda, a creación artística e a súa produción literaria. Relatos breves e poemas que xiran sempre de xeito hipnótico (e mesmo obsesivo) arredor do mundo mariño e toda a súa iconografía. Ese foi o Norte magnético do compás que guiou sempre a Urbano Lugrís. Mesturando o espazo físico e mítico na alianza da imaxinación creadora." (Fragmento do prólogo)
(Segue en Comentarios)

1 comentario:

Anónimo dijo...

O libro que Antón Patiño ven de publicar en Ediciós do Castro sobre Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, 1973) trátase dun longo traballo de achegamento á vida e obra do pintor do mar, elaborado despois de décadas de esculcas. Rastrexando datos biográficos e referencias perdidas na néboa do tempo. Iste libro é o resultado máis completo despois de moitos textos e publicacións que dedicou o autor á obra de Lugrís. Xunto con Rosario Sarmiento, Antón Patiño foi comisario da meirande exposición dedicada a Urbano Lugrís (que tivera lugar en Madrid e Santiago de Compostela contra o 1997). Daquela xa fixera un extensa achega en profundidade ao pintor cunha morea de datos publicados no catálogo da mostra.

A revista "Atlántida". A vida do pintor na Coruña. A ermida dos Santos Reis. As estancias en Vigo. Os faladoiros nas tabernas. Un dos capítulos mais amplio rexistra a chea de anecdotas que protagonizou ("Multimillonario en anécdotas": segundo o alcume de José María Castroviejo. A amizade con Antón Avilés de Taramancos, A. González Pascual, Mariano Tudela e con Antón Patiño Regueira. As lendas, os mapas, as cidades asolagadas, a influencia de Verne. As técnicas pictóricas e a análise literaria. O libro propón un percorrido transversal pola vida de Urbano Lugrís ou Ulises Fyngal (no seu alter ego literario).

"HOME-OCÉANO. En contadas ocasións podemos falar desta simbiose: da virtual fusión do home e océano. Poucas vidas poden reclamar de xeito lexítimo ista súa condición oceánica. A biografía de Urbano Lugrís ten que acoller o idioma primordial do océano (no cerne simbolico: coma unha fértil alianza intempestiva). Victor Hugo no exilio de Guernesey a falar co océano (e coa noite poboada de espíritos e vellas ruínas). O océano é unha moitedume que transporta o sedimento espiritual das patrias perdidas e dos corazóns asulagados. O océano é o infinito. Todos os enfermos de infinito transmiten isa ebriedade oceánica, coma recendo primordial e chamada mítica. Mergullados na memoria oceánica escoitan o rumor de vellas civilizacións. Van sentir tamén o desacougo dunha deriva existencial, xenérica se cadra (mais única e senlleira para cada alma que sofre en soidade). Náufragos baixo o sinal de Saturno. Para os que a vida existe no alén. A densidade metafísica do que contemplamos xa dende a outra beira. A beleza é o aura, que vai proxectar o espesor do lonxe no preto (que dicía Walter Benjamin). Facendo sentir a irrepetíbel aparición dunha lonxanía. Senlleiro sedimento nutricio. A imaxe poética é tránsito: sutil devalar metafórico."


"URBANO LUGRÍS: A CHAMADA DO MAR. A pintura, e a vida de Urbano Lugrís representan unha inmersión senlleira no océano primordial. A chamada do mar é o eixo da súa sensibilidade artística, sempre á procura dun espazo intemporal. Auga e soño celebran unha alianza orixinaria: os movementos e a metamorfose onírica coinciden na atracción do fluido e do líquido. A súa pintura semella brotar dunha fonte de ensoñación oceánica como para lle dar a razón a Gaston Bachelard no seu achegamento a Auga e os soños ou a tese do “sentimento oceánico” de Freud. Unha estética que sublima e condensa as operacións psíquicas que acontecen no fluir do soño. Condensación, desprazamento e metamorfose da imaxe que lle permite artellar as composicións do soño do mar, ao través das moitas e variadas homenaxes que lle ten feito ao longo da súa vida."