22 dic 2007


ENTRE HORTAS E PORTAS
24. Uns que veñen, outros que se van, de Xosé Manuel González
O Apicultor d’ As Uvas forneceume atención e bo consello.
Isto non é pagamento, só gratitude..
Eu só quería levar pelo máis longo, pantalón máis ancho e, podendo ser, alaranxado; tan pouco, e tan inaceptable para os maiores: en medio século, ou por aí, non se vira home nin rapaz de melena, roupa así folgada por baixo. O 1968 culminaría aquela década rebelde, e a epiderme de toucado e vestimenta daba quizá para albiscar outra insurxencia. Na periferia do mundo chamada Lugo.

Notoria imaxe do Caudillo aínda preside moitos lugares públicos, pero cada vez escasea máis a de ollada á fronte, bigote negro e capote forrado. Un avó substituíuno, lixeira farda aínda militar e ás veces faixa bicolor; paulatinamente, o sogro do moi mundano Marqués de Villaverde amosa traxe, garavata, perfil menos terminante. A escala de mando inmediata, o xerifalte de provincias, van arrombando boina escura, camisa azul, guerreira branca de días sinalados. Insensiblemente, aquí e aló danse de baixa, no partido único FET y de las JONS, este e aquel, tal desafecto, algún decepcionado, outro que non sabe para que valerá iso agora. Franco envellece, tamén o seu poder. Certa oposición, inimigos de sempre atopan oco, fan socialmente palpable a disensión. De a pouco, home e réxime serán provectos.

Non de momento, vive Carrero e o xugo con frechas mantén educación política en escolas, institutos. “Formación del Espíritu Nacional” é chamada; José Luis de Blas Escolante elabora un manual da materia, publícao en Bilbao; imparte a doutrina oficial, disque con alento joseantoniano, quizá tamén retórica, na Escola de Maxisterio lucense. Posiblemente ande xa a elaborar unha longa Historia da Guerra Civil; en todo caso, con dona Cecilia a de Música é dos máis coñecidos, permanente no elenco profesoral que forma educadores.

A carón de Maxisterio, no Instituto Feminino o catedrático de Historia chámase Federico Bouza; alto, cabeza grande, expansivo, non parece de mal trato; “la coña integral” escóitoo unha vez definir certa situación de paradoxo. Protexe, traspasando límite, cando menos unha alumna ante abuso de poder: din que por iso e outras cousas decae como Xefe Provincial do Movimiento. Que Bouza é falanxista firme, Lugo enteiro ben o sabe. Filias aparte, e asoballamento, algún respecto merece quen mantén fidelidade e coherencia, principalmente se o tempo vira.

Coma o Pepiño da Lotaría, peixe miúdo. Esborrállase todo e el segue a proclamar adhesión fascista pola Praza Maior, Rúa Nova ou estación do tren; cotián, ruante. Dous uniformes con gorra, azul e gris, alternan para cubrir corpo, sustentar a insignia vermella e amarela; esa que algúns reclaman, outros aceptan, case ninguén ostenta. Avanzando os setenta fai Pepiño coda no desfile militar, e a marcialidade pretensa mal disimula fatiga nun continente escaso, volto repoludo. Caín se lle chamaba, ás veces con asañamento algo inane ante a patente decadencia.

E os outros agroman. Jesús Vilela García dá tamén clase de Historia, no Instituto Masculino. Testa redonda, mestamente poboada; un noventa seguro, amplo tórax e contorno, pándego indesmentible. “Voy dispuesto a todo”, afirma certo día -de garda, reclamado por alumnos- cara á porta atrancada do retrete. As listas do 23-F presentan coma “nacionalista radical” a quen nos últimos anos, talvez marcando distancia, apenas fala galego en acto público e se proclama de “los unitarios”. A súa academia no Camiño Real abeirara algunha reunión de contacto e intención post-franquista. PSP daquela, PSOE máis tarde.

Pero a ollada máis frecuente e numerosa procura outro albo, certa usual evidencia. Adoita a lingua do país no trato ordinario, en momento escolar motivado que dará lugar a advertencia; “o galego non é vehículo docente”. Conta el na aula, porén, o que pouquísimos saben: houbo cantiga de amor e rexouba, hai historia literaria que chega a Celso e Manuel María; no seu pupitre, Darío e Xesús Rábade xa eran coñecedores, pero seguen aprendendo. Corre a especie de que o profesor é comunista e non todos o cren, tan forte resulta a palabra. Que ateo, di algún, pero é tema menor; a querenza pola poesía de Curros, que difunde arreo, transmite censura ao estamento eclesiástico. Deu clase en Maxisterio, sae de alí ou bótano; a cátedra no Instituto queda fóra dese alcance. No curso 1970-71, noticia de que era desterrado trae consigo unha homenaxe dos alumnos maiores; á hora da reunión hai dous policías armados no soportal do concello, e os de paisano comparecen no “Monterrey”, xa que o acto quedara suspendido. Pola Rúa Nova, algún grupo pequeno canta o “Venceremos nós”; aquela noite, o delegado dos alumnos no PREU de Letras, Xosé Manuel González, discute de política por primeira vez na casa. Xesús Alonso Montero, compendio antifranquista; embaucador de mozos para a voz anónima que trona sobre o ouro de Moscú.

E os novos chegaban. No lar do boticario Figueroa, a filla prepara as probas de madurez preuniversitaria. Pero vén do corredor alta voz de muller madura, “a ver, onde está esa mociña que me quería coñecer?”. Virxinia Pereira fálalle a unha impresionada rapaza en cuxa alcoba entrou subitamente a lenda, aínda que sexa por medio interposto. A Adela parécelle recibir un legado, o do galeguismo cuxos militantes sempre se trataron por “irmáns”; había ser o 1964, igual 65. Polo 71, os alumnos do PREU de Letras encontran certa mañá, ás nove, os primeiros panfletos da Unión do Pobo Galego. Entrégaos na dirección o delegado, logo de cada un gardar o seu; mal pode el saber, xaora, canto semellante espallará nun futuro escasamente demorado.

Como rolan as cousas, que fluencia. De fondo, un cantante afirma que a vida segue igual.

10 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

Noraboa por esta nova entrega, Xosé Manuel. Moitas das cousas que contas son testemuña de toda unha xeración. De feito, ó De Blas Escolante tamén o padecimos no Instituto masculino ourensán: conta a lenda (e creo que non é lenda) que nunha ocasión puxo unha pistola na mesa para asustar a un alumno que non lle respondía como el quería.

Marcos Valcárcel López dijo...

Merecida homenaxe a Alonso Montero e os seus anos de auténtico "maxisterio" en Lugo (outras veces houbo voces críticas nesta casa co Xesús, este artigo pode compensar as perspectivas).
Esqueceuchese dicir que Adela Figueroa era unha das mozas máis fermosas que moi logo militaron no nacionalismo galego.

Anónimo dijo...

Bo texto, unha vez máis. Grazas pola inmerecida dedicatoria. Que teña unhas Felices Festas, Saavedra (e tamén todos os participantes no blog).

Xaime dijo...

Na entrega de hoxe atoute corto ó Apicultor, é déchelle leria abondo.
Noraboa.

Marcos Valcárcel López dijo...

Corrixo: dime Benito que non é o mesmo De Blas Escolante. Eran irmáns e nin sequera se parecían no físico. José Luis estaba en Lugo e o de Ourense era Enrique.

Anónimo dijo...

Ben mo quixo parecer. Aquí hai noticia de ambos irmáns.

Anónimo dijo...

Rapazas guapas tén Lugo, a xuzgar pola foto. Creo que séi qué praziña é, que hoxe tén columpios. Debe ser no mes de Maio. Algúns xa levan manga curta. Quén é o que mira pró cú das rapazas?

Anónimo dijo...

Desculpe o involuntario engano, da Coba: a foto non é de Lugo, está collida no Google. Vista desa maneira poderíase confundir cos xardíns da Praza Maior, por riba da Alameda; pero nin agora, nin moito menos nos anos sesenta, deixarían a xente sentar nos macizos.

Xaime dijo...

Que non lle minta Xohan, somos o Saavedra máis eu de novos.

Anónimo dijo...

Ola. Grazas polo artigo, que me trae bos recordos. Só unha precisión: Federico Bouza non era Jefe Provincial del Movimiento (cargo reservado ao Gobernador Civil), senón Lugarteniente Provincial de la Guardia de Franco.
Saúdos.