29 dic. 2007


ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé M. González
25. Festa, sombra, melodías.
O Jimmy de Rairo, disque,
ten encontrado entre hortas e portas algún tempo suspendido.
Para el é esta mónada luguesa.

(Foto tomada de http://sanfroilan.lugo.es/postais.asp?cat=Antigas: páxina ben interesante por certo de postais antigas, engado eu, M.V.)

A máis dalgún non oriúndo, a epigrafía local mantén lembranza de tres compositores. Fica extramuros a vía dedicada ao máis recente, Jesús Bal e Gai, e menos popular; pasou moita vida lonxe, non é o labor musicolóxico para multitudes, rara vez se encontrará obra del en repertorio de banda. Naceron os outros dous na Rúa Nova; o máis vello pertence ao Rexurdimento, epígono ou continuador é o máis novo e en tal liña cadansúa peza son ou foron emblema local. Que ambos nomeen rúa no casco vello igual ten fundamento no ano da respectiva morte (1899, 1948) e a escasez do Lugo exterior ata os cincuenta; ou se cadra é debido á máis doada popularidade. Arestora, chámase Xoán Montes un instituto de ensino secundario, Gustavo Freire un auditorio; casualidade ao mellor, volve resultar suxestivo o caso de Bal: dálle nome á residencia universitaria.

Nos anos sesenta, bandas e corais adoitaban interpretar, rexistrar en disco “Negra sombra” e “Festa na Tolda”. Polo topónimo incluído, calquera lugués identificaba a segunda coa propia cidade, relacionase ou non o título con aquel asubiado tan corrente. O da primeira non é sinxelo explicárllelo aos mozos arestora; quen fora Montes, o título e comezo da letra debían integrar o patrimonio inmaterial común. Eran, polo menos, coñecemento moi xeneralizado; un dato: que lembre, non me constaría que o poema o escribira Rosalía de Castro ata ter eu dezaseis ou dezasete anos. Quen sabe cantas veces levaba xa escoitado “Negra Sombra” pola radio, en palco ou ante o busto do compositor, no Xardín de San Roque.

Estaría máis difundida, entre os restantes galegos, a autoría rosaliá. Pero deles, aparte saudade e metafísica, posiblemente moitos non desdeñasen considerar o texto como ex libris xeitoso para a cidade amurallada, aló no seu outeiro; onde o escuro treboento do país se fai alta pantalla e un escaso neón mantén xenuína sensación de noite; onde a néboa, que aparenta acomodada, sen ser negra volve sombras os contornos. Pola contra, con Freire alborexa a romaría na linde fluvial, un arrecendo a herba seca trae sinestesia case alimenticia, pon no cerebro acougante nova de que o verán lles dá tregua e vitamina a óso e artello. Pasa a banda, queda a gaita; sobe e estoupa un foguete, entre a misa e o xantar hai encontro, leria e recoñecemento.

O lugués goza coa festa e tamén se sabe sombra; grande é aínda o prestixio de Montes, sesenta e pico anos xa na cova. Realizara moito labor en Lugo, non foi un dos menores traballos fundar e dirixir o multilaureado Orfeón Gallego onde cantara o meu veciño Luís, pai do Pirulo; nos oitenta, coma o músico tamén se había chamar outro orfeón, dirixido polo Enrique Alvarellos que tiña academia e editorial case ollando aquel mencionado busto. Antes, agrupación distinta abrangue boa parte da sona en materia de música tradicional: Cantigas e Frores; botou un tempo inactiva, pero fotos e imaxes traen vizosa memoria de cando o feito lingüístico e nacional galego tiña acocho e expresión pública no folclore. Os Montes, Os Amigos... tercetos e cuartetos, con diana e alborada, provían alegría fronte a algún desprezo; houbese ou non gaiteiro en Penalta, ninguén probablemente o encontraría “coma un príncipe cumprido”.

Porque “música culta” era idea distanciada do “regional”, e tamén modernidade. O Círculo das Artes fornece marco para a Sociedade Filharmónica programar concerto e sinfonía; “marco incomparable do Salón Rexio” non vulgariza o concepto, resulta lucensemente exacto: ningunha outra sala á altura, con leve dúbida para a lembranza do Gran Teatro. A sociedade fomenta así mesmo o instrumental de corda: Tino Prados organiza un Grupo de Pulso e Púa; xorde o Rocho Musical. Considerada máis selecta, a solfa chamada clásica ten o prestixio do exclusivo e distinguido; espiñento resulta afirmar -a teor de experiencias posteriores- que sempre a audiencia compartise melomanía ou ficase libre de carraspeira. Sexa como for, afección hai; e empezando os setenta xorde a Semana de Música do Corpus.

Pero se un di popular, a máis da resistente gaita refírese inequivocamente a banda e orquestra. Gusta o lugués adulto, non despreza moito mozo, das agrupacións con gorra de prato e habitual vestiario azul: ten sona a Lira de Ribadavia, algo equívoca a de Celanova e na provincia a de Sober; esperta interese o grande e prestixioso colectivo que veña en ocasión especial. Pero sobre todo, ante todo, a Banda Municipal de Lugo, dirixida polo Mestre Méndez, é unha das cousas que o cidadán coñece e verifica por súas e ben feitas; xoves pola tarde, domingo á mañá son as semanais e concorridas exhibicións, na Praza Maior.

Onda a orquestra hai encontro de vellos e novos. Aqueles oen, botan o pé se toca pasodobre; estes danlle a todo, ao que poden se cadra ou lles deixan. Sesión vermú, festa, verbena... Cada cidade ten o seu creto ou mito; Poceiro en Pontevedra, Pontinos de Ourense, Trébol ferrolá... Sintonía viguesa, Satélites ou Españoles; por riba, atinxible canto á música, de incomparable semántica, aquel grupo cun nome do río Tambre e o único Boedo. Acaban os sesenta, Pavillón dos Deportes; entre dúas cancións, conta un conto: fóra do país, entra na barbería, demanda servizo, pregúntanlle se é galego, “no”; reitérase logo a pregunta, “no, aféiteme”; entra un compañeiro, igual Prudencio Romo ou Paisal, “Pucho, vés agora?”, “despois, desque me afeiten”; barbeiro: “oiga, ¿por qué me ha negado que es gallego?”; “muy sencillo: es que no me gusta darme importancia”.

En mal tempo para tales alegrías, emerxendo, Pucho Boedo e Os Tamara presumen polo mundo de galegos. O país devolve enorme popularidade: en toda Galicia, grupos e orquestras mandan correr a Carmela, que chove; compadecen os mariñeiros de Noia, cegado porto de Compostela. Con diferente aire e motivo, a luguesa Clave, se cadra, no San Xosé das Gándaras pregunta polo carro do Manolo; a Vélez evoca un rancho grande en Domingo Tallo; Kalú ao mellor -e co Julito no palco, movendo o pedido cigarro, vertixinoso e incrédulo ante tanto protagonismo- mándanlle a Alma Llanera na Praza da Soidade. Probablemente, en todas partes remata a Muiñeira de Chantada.

Rock e achegados son asunto exclusivamente xuvenil, madia leva, e para iso limitado, baixo certa sospeita. Curioso que o primeiro grupo de guitarra eléctrica e batería forxe nome baixo o abeiro dun influínte cidadán, Alejandro Santín Díaz; Los Alesandi abren camiño polo que andarán Nez, Amable, Moreno, Grandío... Dous programas da SER -“Superventas” e“El Gran Musical”-, un de Radio Popular de Lugo (“Aquí la Juventud”) facilitan encontro, non ficamos sós. No espazo lugués da COPE, cara ao público, sábado á tarde, Manolo Lombao ofrecerá escenario, actuación para moitos; virá tamén folk, O Carro, Sendas del Folk, Fuxan os Ventos, máis tarde A Quenlla. Historia, porén, que me pide outro relato.

5 comentarios:

apicultor dijo...

Boas e musicais festas, Saavedra e compaña.

Antronte merquei un disco delicioso que lles recomendo: In the moment (2007), de Alasdair Fraser e Natalie Hass.

El é violinista escocés senior e ela chelista norteamericana junior. Son pezas de música que, para simplificar, se adoita chamar celta.

Agora ben, a peculiaridade sonora do disco está en que non ten os típicos arranxos que uniformizan este tipo de música, senón que son dous instrumentos de corda os únicos que se escoitan, en delicado equilibrio de matices.

apicultor dijo...

O son da gravación en directo é moi malo e carece de matices, pero velaí unha das pezas do disco citado:

Fraser & Haas

Xohan da Coba dijo...

Boeno. Pra que soase máis equilibrado habería que engadir un instrunmeno que fora máis pequeno ca o chelo e máis grande que o violín. Por exemplo. XDD

Xohan da Coba dijo...

Cantos anos que non lembraba a expresión "pulso e púa" !

Non chegaba a Lugo a fama da Banda de Merza?

Totalmente auténtica a expresión "bota o pé se toca pasodobre". Curiosa a capacidade dos pasodobres de facer bailar a parte importante dun grupo heteroxéneo de xente.

Xosé M. González dijo...

Eu, da Coba, da mesma existencia do lugar de Merza (se non media esquecemento) souben cando coñecín os irmáns Viz, acabando os anos setenta e comezando os oitenta; sobarda, polo tanto, o límite temporal da serie. E nunca escoitei a banda de alí, aínda que sentín falar dela. E algo curioso tamén é: paréceme que é un dos últimos lugares, contra o Sur, do Bispado de Lugo; como mínimo, a linde diocesá anda preto.

Ben bonita, Apicultor, a execución de Fraser & Haas.