9 dic 2007


Morte e fascinación.
Pan por Pan domingo 9 decembro 2007
Son os grandes temas de sempre, os que entretecen a historia da cultura universal: o amor, a morte, o paso do tempo, a vinganza e as paixóns, o sagrado, etc. De todos eles, sorprende a fascinación pola morte: o oculto, o ignorado, o inaprensible. Ninguén volveu para contárnolo. Por iso Cees Nooteboom publica “Tumbas”, libro sobre a última morada de 80 poetas e pensadores do mundo. Por iso en Guatemala e no Salvador causa estragos unha campaña publicitaria para vender zapatos que exhibe mulleres que simulan ser cadáveres na morgue ou suicidas (cunha tarxetiña colgada do zapato). Xa houbo protestas que acusan a estes anuncios de incitar ó feminicidio, tema grave naquelas latitudes. E unha empresa funeraria italiana (Cofani Funebri: busquen en Internet) publica calendarios de cadaleitos con mozas en poses sensuais. A morte: medo e fascinación.

43 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu engadiría aínda máis "fascinacións":
- a "spirit photography": as fotografías nas que saen os espíritos dos nosos antepasados xunta os vivos. Eu, particularmente, encontro fascinante (misteriosa) a visión dalgúns daguerrotipos e, en xeral, as primeiras fotografías.
- as fotografías dos defuntos, que estiveron de moda desde a invención da fotografía até os anos 60. Era un xeito que tiñan os familiares de conservar un recordo da persoa falecida. En Galicia, por algunha razón, cultivouse moito este tipo de fotografía.
- as morgues. No París de mediados do século XIX, a xente pagaba para poder visitar a morgue, coma se fose o zoo. Alí exhibían os cadáveres dos suicidas e dos que morrían morte violenta. Hai por aí un escrito de Charles Dickes no que conta a súa vista a ese lugar.
- as fotografías de tema forense. Encontro especialmente chocantes as antigas. Po exemplo, as que publicou no seu libro Eugenia Parry ("Crime Album Stories"), sacadas dos arquivos policiais franceses de finais do XIX . Son as primeiras fotos que se conservan feitas "na escea do crime".

Marcos Valcárcel López dijo...

Interesante achega, ex-concursante. Dá vostede datos variados e curiosos: tomareime a liberdade, nalgún momento, de utilizalos eu tamén. Saúdos.

Anónimo dijo...

Castelao tén un relato, que imaxino pseudo-biográfico, acerca de cómo foron requeridos os seus servizos como debuxante máis que como médico,pra facer o retrato dun neno moribundo. Ó final, como saben, non se baseóu no modelo real e pintóu un precioso neno imaxinado que lle encantóu á nai.

Marcos Valcárcel López dijo...

"O retrato", de Retrincos. De certo autobiográfico. Un dos máis grandes textos literarios do rianxeiro. A fascinación pola morte que chega e a impotencia do amor do pai. A contradición entre o "ollar da terra" e o "ollar do corazón". Mesmo a dialéctica entre realidade e idealismo, tan propia dun pintor como Castelao.

Anónimo dijo...

En efecto,era o pai e non a nai. Este Alcéimer escarállame vivo...

A diferencia entre o ollar da terra e o do corazón actúa tamén cando nos vemos retratados nós mesmos. Por eso é tan difícil que alguén acepte como tal un retrato (pintado) seu. O bós pintores (bós pró seu peto) "maquíllano" aproximándoo ós cánones de beleza.

Anónimo dijo...

A dialéctica entre a realidade e o idealismo vese claramente, penso eu, no relato de Castelao "Sabela" ("O meu bailador"). Se (non) me descoido, hai máis literatura e verdade nese texto que en todas as novelas xuntas publicadas en Galicia neste ano.

Anónimo dijo...

Máis literatura que en todas as poesias, contos, literatura dramática e novelas publicadas neste ano, e porqué non no anterior, ou mellor nos cinco anteriores, mellor ainda nos vinte, cen cento vinte, mil primaveras menos, até que se coñéceu este conto, que se non para outra cousa serbe para denostar a todos, ou case todos menos un e Castelao.

Marcos Valcárcel López dijo...

"Sabela" é tamén excepcional e ten moitos puntos de paralelismo, creo, con "O retrato". De feito, para min, as obras mestras do Castelao LITERATO, a distancia do resto da súa obra, son RETRINCOS e COUSAS.

Anónimo dijo...

Quero felicitar o penúltimo anónimo por ser capaz de ler todas, absolutamente todas as obras literarias se teñen publicado en Galicia nas últimas décadas (e tamén a ex-concursante pola meritoria fazaña de ler tamén absolutamente todo o publicado no último ano).

Porque só así se podería facer, con xustiza e rigor, ese xuízo tan sumarísimo.

Ou é así... ou é que falan con descoñecemento de causa, é dicir, que son uns falabaratos.

Pero eu creo que é o primeiro e que si que o leron todo todiño. Saben do que falan e eu non teño por que dubidar da súa envexable capacidade lectora.

Anónimo dijo...

O último anónimo, tiña que dicir.

Anónimo dijo...

...e que xa se farta un desas afirmacións: a literatura galega é mala, malísima e de súpeto o instalamento no punto de vista privelexiado: e os de agora ningún vale para nada, ningún, instalándose no delirio do coñecimento literario.

Sucede claro porque a "literaturilla" galega, non paga a pena unha lectura atenta y unha reflexión profunda, en cambio outras, si, ainda que nin se reflexione sobre elas nin se lean, porque teñen mais prestixio.

Ao fin un problema de recoñecimento, de autorecoñecimento, e de desaparición da obxectivida, da subxectividade e da aparición da inobxectividade.

Anónimo dijo...

O Sistema de Lercheo Galego está, como diría Pepiño Blanco, "corruto". Non porque haxa unha man negra controlando o cotarro, senón porque é un sistema endogámico: a crítica literaria é académica, academicísta (con ínfulas mesmo canonizadoras) e amiguista. Lida unha crítica, lidas todas: sempre repiten as mesmas fórmulas. Se o libro é malo de solemnidade, pois quítanselle un par de adxectivos e dise que ten aspectos interesantes. Os editores son inoperantes ou, aínda peor, tentan colarnos viño de Zamora por Albariño de etiqueta: eses autores que son un descubrimento pero que logo non duran ni dous asaltos (edicións). Os lectores, evidentemente, somos os paganos do choio. Nós nunca temos razón. O único que temos que facer é pagar moi cara a bazofia que ninguén lle sabe recomendar. Moitos dos premios son dixitais. Pero todo o que conto é mentira, está claro. Este tipo non ten nin puta idea.

O sistema de lercheo perdura porque os implicados están moi agustiño nel. A enorme cantidade de premios literarios (Galicia debeu de bater o record Guiness neste tema) hiperinfla aínda máis egos xa de por sí hiperinchados. Todos son moi bos rapaces, grandes narradores e poetas (velaí a lista de premios!). Son o mellor das nosas letras. A maioría escribe literatura galega porque non terían éxito noutra literatura, pero isto non llo conten a ninguén. Son coma os malos viños: "viaxan mal". Son coma aquela selección de futebol (Santillana, Quini, Arconada...): todos inmensos "cracks", e logo nunca pasaban da primeira ronda no Mundial.

Se alguén se dá por aludido, pois xa sabe o que ten que facer.

Anónimo dijo...

Cito a Jimmy de Rairo:
"Ao fin un problema de recoñecimento, de autorecoñecimento, e de desaparición da obxectivida, da subxectividade e da aparición da inobxectividade."

Grande aportación. Si, señor. Despexoume algunhas dúbidas.

"Sucede claro porque a "literaturilla" galega, non paga a pena unha lectura atenta y unha reflexión profunda, en cambio outras, si, ainda que nin se reflexione sobre elas nin se lean, porque teñen mais prestixio."

Mire, señor (?), eu xa lle teño de abondo con ler os clásicos en galego e noutras linguas, que aínda non lin, como para perder o tempo buceando entre ducias de novelas que hoxe está nos anaqueis e mañá serán devoltas á editorial.

Anónimo dijo...

Señor Ex-concursante:

Non é a miña misión defender ningunha literatura, nin de onte nin de hoxe, nin galega nin finesa, nin peruana nin somalí. Nin tampouco a ningún autor.

Considero que vostede ten todo o dereito do mundo a ler unicamente os clásicos, en galego ou noutras linguas. Todo o dereito, repito. É máis, paréceme unha opción moi intelixente.

Agora ben, o que si que me parece é que non ten dereito é a pontificar en contra dos escritores actuais -entre os que supoño haberá de todo- sen ter lido nada ou case nada do que escriben. Isto é un disparate e un abuso: opinar negativamente do que se ignora non é moi serio que digamos, penso eu.

Non perda o tempo léndoos e, consecuentemente, tampouco perda o tempo en poñelos a parir. É unha simple suxestión.

E por certo, non sei por que ten que dubidar da condición de señor de Jimmy de Rairo, poñendo unha interrogación.

Un saúdo.

Anónimo dijo...

Señor ex-concursante , pode por vostede as interrogantes que queira, pero outra cousa son as afirmacións. Non se sabe o que non se sabe, e se vostede pretende sabelo, permítame que poña eu unha interrogante, señor ex- intelixente.

E non bucee, non explore, se xa ten vostede bastante cos clásicos, quen llo pide?

Tampouco llo piden os autores actuais, que non lé pero sobre os que xa ten dictada unha sentencia, sen advogado defensor, imparcialidade xudicail, nin presunción de inocencia.

Afie un pouco cabaleiro que por aquí no lle somos romos, espabile e xustifique os seus argumentos, ou xa sabe que en boca pechada as necedades éngúlense.

Anónimo dijo...

As críticas inxustificadas poden pretender neutralizar ás loubanzas inxustificadas?

Ou é coma na arbitraxe do fútbol,na que a inxustiza contra un equipo non se corrixe con outra inxustiza contra o outro?

Anónimo dijo...

Sr Jimy de Rairo: a ducia de novelas en galego (xe é cuota, eh!) que levo lidas neste último ano lévanme a facer a seguinte xeneralización: hai moi pouco que se poida salvar. É máis, ogallá puidese volver á libaría e dicirlle ao libreiro, "Mire, devólvame os cartos porque isto non fun capaz de terminalo".

Son consideracións dun lector medio, neste caso eu, que non é escritor. Son as miñas apreciacións, así que tampouco, sr xoha da caoba, cabe falar de "críticas inxustificadas". Son as miñas críticas.

As intervencións de apicultor e de
rairo son do máis curiosas: negan a miña afirmación de que a narrativa galega actual sexa pésima, pero non se pronuncian sobre o resto das miñas afirmacións. Non as vou volver repetir. Ogallá haxe un día unha crítica que separase o gran da palla. Entre outras cousas.

Anónimo dijo...

Por certo: gustaríame que cos cartiños dos meus impostos se promovese a lectura entre os rapaces (xa saben, o futuro da lingua), non mamoneos editoriais subvencionados, premios amañados, bluffs de pitiminí e excursións de fin de curso de catro amiguetes.

Anónimo dijo...

Eu sempre volvo á orixe e non sei como chegamos á literatura galega do último ano tras contemplar a unha bela zagala apoiada nun cadaleito. Que asociación de ideas apoderou todo? Amigo Dacoba, vostede que sabe destas conexións podería explicalo?

Anónimo dijo...

O "punto de inflexión" tivo lugar á altura do segundo comentario do Marcos, como se pode comprobar. Pero non houbo pérdida de continuidade. Máis que "punto de inflexión" debería decir "punto de ensilladura" porque tódolos temas de debate son polidimensinales. Están en contacto con moitos outros. Chámase "divagación" a ese traspaso de dimensiós. Pode ser un vicio ou unha virtud. Outros chámanlle "brainstorming" e manéxano como recurso creativo. XDDD

Anónimo dijo...

Sempre se volve á orixe. Coma os salmós. Por qué tanta xente quere vivir os seus derradeiros días no lugar da infanza?

Na orixe está a clave de todo.
O asesino tamén volta.
A morte é unha volta.

"Volver es una forma de llegar", canta MIGUEL RÍOS

Anónimo dijo...

Máis que volta á orixe o que hai é encher o silenzo. De certos temas é mellor non opinar, non si? Pois metamos ruido...

Anónimo dijo...

O señor Ex-concursante podería usar o seu nick máis habitual. Que se agoche noutros non dá moi boa espiña das súas intencións.

Detecto unha rara contradición en que afirme primeiro que "xa lle teño de abondo con ler os clásicos... como para perder o tempo buceando entre ducias de novelas..." e que logo diga que este anos leva lídas doce novelas recentes.

Para que sexa críble e non sexa tomado por un bardallas máis, podería dicirnos cales son esas doce novelas e expoñer os motivos -sequera brevemente- da súa opinión negativa. Se non o fai das doce, cando menos que o faga de media dúcia.

Por certo que eu non dixen que a novelística galega actual non fose "pésima". Nin tampouco o contrario. E non podo facer nin unha cousa nin a outra porque as miñas lecturas son insuficientes ao respecto, e non teño reparo en recoñecelo. Este último ano debín ler tan só tres, non máis. De aí que non diga nin si nin non.

O único que dixen é que para poder facer unha crítica tan xenericamente destrutiva como a do Ex-concursante é de rigor telas lido todas ou case todas. De todos os xeitos, doce paréceme xa un número considerable. Así que o que debería facer, se quere ser tomado en serio, é expoñer os seus argumentos, para que outros poidan contrastalos.

Cae de caixón, non?

Anónimo dijo...

Pois a mín góstame o que escribe ex-concursante. Siga dando caña, siga,toro. Aiquí hai bós toreros, así que non vai mancarse ninguén.

Anónimo dijo...

Vaia ,Anónimo...

No apartado "últimas uvas...", eu lera: "Máis que volta á orixe o que hai é encher...". E penséi que iba continuar:"...o maleteiro de berzas e de ovos..." XDDD

Anónimo dijo...

O sr ex-concursante non se agocha detrás de ningún nick máis do que se agocha vostede, apicultor.

Encontro a sua referencia insultante, sr xohan da coba. Non será vostede un dos aludidos? Dígoo polo "espontáneo" do seu comentario. Normalmente as súas grazas son máis indulxentes. E mira que llo di un admirador da súa literatura.

Pois si: lin unha ducia das novelas canonizadas pola crítica galega (para que vou dar nomes?). Botan contas e sáelles a baralla completa. [Se cadra debín ler as non recomendadas... e esas eran as boas]

Aínda non retrucaron os meus comentarios. Non os vou ter que repetir, ou?

Anónimo dijo...

Eu téñolle que dar a razón por completo: os cracks aqueles arconada, santillana e mesmo o meu quini eran unhas mantas zamoranas (que seguro fan en Vilagarcía con etiqueta de Villalpando).

Anónimo dijo...

O ex-concursante afirma cousas que son certas a carón de outras que non o poden ser. Perdeo o seu afán de totalización e non sabe como sair, senón recurrindo ao tópico de afirmar que no que dí hai algo de verdade, pero é incapaz de validar o seu pronunciamento primeiro. O mais intelixente sería rectificar.

Comprenderá que cunha dúcia de novelas, e ademáis as recomendadas, supoño que pola crítica que vostede denosta, non se pode facer esa afirmación, falenos delas, das que leu, non nos xuzgue por favor, as que non leu, ao menos que pense que é a calidade literatira sexa unha cuestión estadística, cun dez por cento, lido, pode facerse unha afirmación completa, como si a literatura, non fose un espacio privilexiado para a individualiade,o raro, extráño, e extraestadístico.

Así que deixémonos de debates rematados antes de comezar pola súa defifiencia argumental.
Non paga apena.

Anónimo dijo...

Lamento telo ofendido, sr ex-concursante, Non era en absoluto a miña intención. Decíao máis bén como xeito de animalo, pero ás veces as connotaciós das palabras escápansenos das máus. Sabe que llo digo en serio cando lle animo nas súas críticas, que coma todas, levan a sua parte de verdade. Unhos atribuiranlle máis e outros menos. Eu non podo darme por aludido, porque eu non son literato nin escritor. O que escribo eiquí non pretende ser literatura, nótase bén.

Anónimo dijo...

Estaba cantado! O Ex-concursante (mister Swann, acaso?) non se atreve a argumentar nada en concreto de ningunha novela en concreto. Quedou mudo!

Pero como somos moi crédulos, teremos, logo, que facer un esforzo e crerlle que leu doce e que, en efecto, son moi malas todas, todiñas. Se el o dí...

Anónimo dijo...

Arume despexa balóns. Iso está ben. Hai que estar sempre "concentrado" e a disposición dos entrenadores por se nos chaman a xogar. "El fútbol es asín".

O sr jimy de rairo aínda non entendeu que a min non me pagan para facer de crítico literario, e que a miña afirmación baséase nun xuizo persoal. Eu reitérolle que o tempo que pasei lendo os mazacotes ben o puiden aproveitar parar ler algunhas cousas de Otero que aínda non coñezo. Para que citar os títulos dos tixolos? Por outro lado ten razón nunha cousa: non debín de facer a afirmación que fixe sobre novelas que non lin. Iso concédollo. Entono o "mexa culpa". Foi un acto sobrevenido de punkismo. Pero vostede tamén é un pouco punk, non? Bótese ao ring, home. Que lle parece o que comento?

O sr apicultor debe de estar obsesionado co mister Swann. Hágaselo mirar.

En fin. As preguntas que lancei seguen no aire...

Anónimo dijo...

Revisei as súas intervencións e non hai preguntas: son afirmacións. E rotundas. Eu non me atrevo, a verdade, a formular retruques nin caneos, por seguir co símil. Eu, patada a seguir e a ver se na melée saco partida.
O que si me estraña, e dígollo con sentimento, é ler doce libros en galego e non gustar de ningún. Supoño que non chegaría ao final de cada un deles. Eu, xaora, non lles dou aos libros máis alá de 5 páxinas de oportunidade. Se non me enganchan (teño a habilidade de lelos nas libreirías por se me gustan) alí os deixo. Despois non teño a forza moral de criticalos, porque non os lín e ao mellor perdín un Macbeth, As flores do mal ou os Essais de Miguel da Montaña.

Marcos Valcárcel López dijo...

A min tamén me gustaría que EX-CONCURSANTE dese nomes concretos, porque así saberiamos de qué falamos exactamente.E debater ou non a propósito. El memsmo recoñeceu xa que a súa afirmación tan global era inexacta, porque nin el (nin ninguén? supoño) puido ler todas as novelas galegas do ano. Pero quizais tamén ten medo de citar nomes por se algún dos aludidos é contertulio ou visitante habitual do foro. Pero, creo que se o fai con elegancia e formalidade, ninguén se vai molestar. Agardo.

Anónimo dijo...

O que algún tiña que facerse mirar é ese punto de ruindade que lle aflora á superficie á mínima de cambio, señor Ex-concursante.

Anónimo dijo...

Apicultor, non me coñece, así que mal pode pontificar sobre puntos de ruinidade. O seu comentario si deixa entrever aquilo do que me acusa.

Curiosa a novela en galego que se está a facer nestes momentos. É aquí cando un bota de menos críticos rigorosos coma o chorado
Xoán González-Millán para dar conta do contexto sociolóxico no que se está a desenvolver.

O narrador galego medio aínda non sabe a diferencia entre "contar" e "amosar". Unha das primeiras lecións que debían aprender os novelistas. Non saben amosar, e contar contan mal as historias. Os diálogos son acartonados. Ninguén fala así. Ninguén é así. Situacións estereotipadas. Todo soa como a comedieta da TVG.

Tropezan no galego, lingua na que non mamaron máis que lecturas apresuradas pois é o castelán (non podía selo doutro xeito) a lingua base, inicial, primaria, na que traballan as súas mentes. Non son Joseph Conrad, evidentemente. Nin Samuel Beckett.

Chuchan da historia porque non son capaces de inventar unha. O tema central, indiscutible, é a guerra civil e as súas consecuencias. Non os saquen de aí. E o resto: pois as neuras dos profesores de instituto desenamorados, historias "post-it" para os tempos postmodernos, parellas que deixan a cidade para vivir nunha casa no campo (prantando tomates), semi-biografías historiadas dos nosos grandes heroes, narrativa semificionalizada de viaxes, guións de cine tipo "Estrenos Televisión", etc, etc.

Anónimo dijo...

Vaia.

Anónimo dijo...

Se actividade literaria e as que se desenvolven ao seu arredor tivesen que estar renumeradas, paréceme que non estaríamos falando hoxe de literatura galega. Aquí case ningúén cobra, ou son moi poucos os que cobran.
Pódese escribir por moitas razóns e sinrazóns, pero si a adicación é vocacional, quero dicir, que si o autor se toma en serio a súa "bildung", estes tempos resultaranlle moi ingratos, porqueven producíndose toda unha colonización das esferas reservadas os productos con calidade cultural por parte da industria do entretenimento. Esta situación agrávase en situacións como a Galega que conta cunhas institucións culturais flebes, un lectorado alarmantemente nímio, e unha industria cultural escasa en medios e experiencia.

A obxectividade desta situación pode non recoñecerse e trasmutarse en subxectividade moral e estética. Todo o SLG sería un conxunto de impostores, e os autores criticos e editores terían unhas deficiencias insuperabeis, motivo polo que non cabería a crítica constructiva senón a simples aniquilación. Literatura galega RIP.

Esta trasmutación señor ex-concursante eu rexeitoa, evitoa e distánciome todo o que podo dos seus practicantes.
Prefiro asumir as duras realidades derivadas da obxectividade, sen renunciar en ningún momento a crítica, pero constructiva, e dicer fundamentada e aplicarlla aos nosos autores, aos nosos críticos e aos nosos editores.

Anónimo dijo...

Eu, amigo De Rairo, estoulle fóra de todo este "mundillo" (mundo pequeneiro).
Comento:

- "Se actividade literaria e as que se desenvolven ao seu arredor tivesen que estar renumeradas..."

Terían que estar renumeradas. Menos autores e mellor pagados e considerados. Xa vería como se elevaba a calidade da nosa literatura. Que cre que pasa polos países estranxeiros? Pois voullo contar. Alí publícase o que se vai vender ou, polo menos, o que non vai dar perdas cuantiosas. En primeiro lugar, case non hai premios literarios. Non é coma aquí. Aquí, para darse "tono" e lavar a mala conciencia por isto das "letras gallegas" e do "galleguiño", até as asociacións de encaixe de bolillos da illa de Ons organizan concursos literarios. No estranxeiro, non. Alí o que si se estila é un invento pouco común entre nós: as revistas literarias. Son estas as encargadas de crear premios, consistentes na publicación e nunha viaxe á cidade onde se vai entregar o galardón.
Nos estranxeiros o que quere escribir ten que facerse cun axente literario, que rexeitará, por exemplo, os candidatos que non saiba redactar. Este é xa o primeiro filtro. Logo o axente intentará colocar a novela do seu patrocinado(r) en distintas editoriais. Se ás editoriais non lles gusta, adeus. Dá igual se é fillo, primo ou sobriño dunha profesora do departamento correspondente. Igualmente, se non encaixa na política da editorial, por moi bo que sexa o mecanoscrito, tampouco serve. En calquera caso, as editoriais teñen lectores adestrados que saben facer o seu traballo.

- "situacións como a Galega que conta cunhas institucións culturais flebes"

Institucións culturais febles? Pero se non hai país en Europa (quitado Cataluña) que conte con tantas insitucións culturais coma Galicia!!!!!!!!!! ( E velaí os resultados, por certo)
Non, home, non. Bótelle a culpa ao "pobo", que pasa olimpicamente do SLG. Xa sabe o que di José Luis Barreiro Rivas: "A terra quere pobo" (en versión dobrada para LVG, sería "La tierriña quiere puebliño"). A "terra" deben de ser el e mais os outros galeguistas liberais. Nós aínda non fomos descubertos. (Ir)realité galicienne number two.

- "ven producíndose toda unha colonización das esferas reservadas os productos con calidade cultural por parte da industria do entretenimento"

As institucións culturais non saben como fomentar o galego. Por que non podemos ver películas nas salas de cine na nosa lingua? Porque os devedés non veñen dobrados ao galego? Son exemplos claros do que SI poden facer as institucións culturais. Se queren que o galego apareza diante da mocedade coma unha cousa viva, como unha ferramenta con futuro, pois haberá que potenciar todas estas cousas, non, e non subvencionar o SLG, entre outros subvencionados.


- "Todo o SLG sería un conxunto de impostores, e os autores criticos e editores terían unhas deficiencias insuperabeis, motivo polo que non cabería a crítica constructiva senón a simples aniquilación. Literatura galega RIP."

A miña non debe ser unha crítica construtiva. Debe de estar feita desde o pasotismo ou o españolismo recalcitrante. Debe ser un destruír para non constuír. Pois non, meu señor. É hora de que alguén, que nin ten que gañar nin perder nada nesta "Feira das Vanidades", diga as cousiñas altas e claras. O SLG é un sistema feito para pervivir, para non se mover moito (se o fas, non saes na fotica), non para mellorar a calidade da literatura nin para captar máis lectores. Que dean as cifras reais de lectores en galego.

Xa está ben de todo este encerellamento de silencios, medos, complicidades e conservadurismo mal entendido.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Eu creo que, neste caso, todo o mundo admite, moi ao seu pesar, que combatir cun idioma que está aí ao lado de non sei cantos millóns de falantes é unha tarefa imposible. Daí procede todo. A sensación de derrota completa está na base de moitas destas especulacións, como aquel que busca desesperadamente unha saída, unha luz onde agarrarse. Se dun golpe, alguén decidira suspender toda axuda (desde as institucións) ao galego, morrería todo nun par de segundos, engulido por esa máquina engrasadísima, colosal do idioma castelá (quedei pampo o outro día por exemplo cun especial sobre Colombia ou sobre a poesía nova arxentina). Nun par de segundos. Necesitamos ese osíxeno (composto de vontades) ou retiramos a respiración artificial e deixámonos invadir mansamente por outros airiños, airiños, aires?

Anónimo dijo...

Miro ese "nundillo pequeneiro" de esguello e dende unha crecente distancia. Por duas razóns:
1) porque non me vai quitar a fame
2) porque dase un grao de picaresca, egolatría, megalomanía,mesquindade e envexa que resulta distorsionante.

Di vostede cousas evidentes, pero saiba que os politicos e os empresarios culturais escollen aos seus asesores, para que lle digan o que queren escoitar, non para actuar mellor sobre o pais.

A deriva é preocupante, a desafeccción respecto a literatura galega aumenta. Todo o mundo ten dereito a equivocarse,pero o que arrepía e observar como se estabelecen xerarquías literarias por capricho, como se promociona indolentemente obras se valor, e como onde hai valor se tapa, non vaia ser...que se salga da medianía.

Esta súma de equivocacións, esta indolente suma, con coñecimento do erro, esta prevaricación dos axentes politico-culturais, está a queimar o lectorado.

Pero señor ex-concursante, non podemos cair na critica infundamentada, así que haberá que deixar esta para o momento oportuno no lugar oportuno, que me parece que non é este, ao menos para min.

Se quere afonde vostede na súa crítica, pero fagao ben e de nomes, obras, politicas, responsabidades, marcas, carimbos e medre a palabra.

Anónimo dijo...

Arume ten vostede toda a razón, pero por eso mesmo precisamos de politicos e axentes culturais astutos, ousados, intelixentes, precisamos pequenos David pero o panorama pinta mais ben algarrobos.

Anónimo dijo...

Xosé Luis Franco Grande

SOLEIRA :

Pouca lectura

Fecha de publicación:

Domingo 16 de diciembre de 2007
Sinto moito dicir, despois de máis de medio século participando no mundo cultural galego, que nada me estraña que a xente non lea literatura galega, nin, en xeral, libro galego. Por unha razón moi sinxela: porque o que se escribe en galego acostuma ser, non só de moi pouca calidade, senón un timo á cultura, á intelixencia e ao bo gusto. Penso que nos últimos corenta anos a creación en lingua galega se foi degradando, feito non específico noso, senón común ao mundo en xeral, e por moitas razóns, entre elas as mentiras que proveñen do mercado editorial, a ausencia dunha crítica merecente deste nome e unha xeneralizada banalización intelectual.
E a falta de honradez intelectual. Porque son moi comúns as mentalidades delirantes que comparan a escritores que provocan sono con Tolstoi ou con Stendhal, que proclaman como xenios da poesía a coitados rapaces sen o menor alento creador, e que, non poucas veces, tributan silencio a quen é merecente de certa atención.
Paréceme que o peor que lle pode pasar a un lector é poñerse a ler un texto literario e comprobar que lle empeza a entrar o sono. Ou algo peor aínda: diante dunha obra proclamada como «xenial» ir decatándose da ausencia de calidade ou da falta total de bo gusto. Do timo, ao cabo.
Porque, ao meu ver, mellor fose traducir máis e boa literatura foránea que encher os andeis das librerías dos timos a que estamos acostumados. E ter máis xeito no emprego dos adxectivos e tamén no uso do botafumeiro.

Anónimo dijo...

O mal éstá a ser detectado dende fai tempo. pero quen lle pon o axóuxere ao gato?
Quen lle dí ao rei que vai espido?

Quen vai facer a denuncia e dende onde?

Que títulos e prestixio amparan ao denunciante?

Cando todo prestixio e título é un fraude.

Sería preciso un movemento, de autores, de criticos...pero no aillamento so cabe a salvación personalizada. E con media promesa calase a case todos, e o resto silénciase co bacío.

Salvese quen poida ainda que se condene a literatura galega.
Quen cree hoxe na literatura galega?
Quen é capaz de estudala, expurgala, discernila para emitir un xuizo desinteresado?

A verdade é que agardan unhas oito direccións xerais na CIdade da CUltura, e ninguén se move da foto, todo o que é captado polo obxectivo cuádrase. Esa foto será a que se imporá no tempo, o resto é silencio, complexo, resentimento, perdedores...pero de que se fai a boa literatura, porqué hai tan pouca de calidade?, demasiados exitantes.
Demasiada institucionalización.

É precisa unha revolta literaria, pero os literatos, están demasiado ocupados en ser eso, literatos, ou parecelo, e cun publico tan escaso, como se van a arriscar a ser condenados a nada polas institucións todopoderosas.