26 ene 2008

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
29. Memoria son.
María Xosé, Saleta, Rosalía e Xosé Alfonso
non poden estar aquí. Son o presente..



Praza do Campo Castelo.
A torre coa campá é a do concello; a outra, da igrexa de Santiago, A Nova.
A casa máis á dereita, branca, debeu ser a de Ánxel Fole cando neno.
(Tomado de http://personal1.iddeo.es/palvez/lugo/lugo2.htm)

Non sempre a evocación é exercicio de saudade. Lembrar pode ter movemento espontáneo, comparanza desapaixonada ou intención conquistadora. Para uns acaba en noción de derrota, outros conciben motivo de esperanza. Peso de vida, grácil rebrinco lizgairo.

Cinco décadas ascenden San Pedro morosamente; de socato, alí volven estar a delegación de Lotarías e un encerado exterior cuberto a xiz, numeracións, premios en peseta, trinta millóns no alto. Un neno que ía con présa de neno demora ollada en infantil dispersión, aquel escaparate amosa libros: un autor, nome de látego, Knut Hamsun; título conciso, “Gog”, que é case onomatopea do estentóreo, insinúa estraños mundos e envía atención ao Giovanni Papini inscrito na cabeceira. Corenta anos despois, non foron lidos.

O neno trae, seguramente de Aquilino, unha pedra de mecheiro. Case transpondo a porta de San Pedro, lembra que tamén se lle encargara carne; onda o Campo do Castelo, fronte a tabernas, un chanzo méteo onde despacha un home de beizo groso, pouco pelo, voz algo sibilante. Manexa coitela, amablemente serve o quilo de bistés por bastante pouco carto. O neno sabe que é vianda un tanto dura, enerxía -porén- certa; atrás quedan rótulo e figura equina. As décadas agachan que certo home de cincuenta criará filla moi amante de cabalos, amazona.

Pasou a vacación de Nadal, retorna a escola; “colexio” para o neno, denotando pagamento moderado. Nunha esquina de Ramón Montenegro hai letreiro cuberto de vidro, fondo negro, co xugo, as frechas, unha lenda: “Hogar del Productor”; xantan alí moitos obreiros, condición nominalmente reconvertida na orde franquista. O primeiro andar da casa alberga academia que certo mestre segoviano, depurado, abrira na cidade. Cativos e cativas, xuntamente, practican debuxo e caligrafía copiando cartonciños (o máis cobizado, “En la fiesta de San Borombón...!”, parranda e animais); aprenden historia e xeografía en competición por parellas; contas, Historia Sagrada; os sábados, lectura: Marco Polo e Pigafetta serán memoria, marabilla, gozo presentido en viaxe, en exotismo. Se ben o titular xa pouco para, ese colexio de don Gregorio ten sona merecida, e os pais do neno esfórzanse en pagalo. Morrendo o século, un corentón encontrará o vello didacta en determinado conto; verá unha imaxe del, algo retorta, en gran pantalla.

Gozosa sexa escola que transmite e nutre vida. A vida que anda fóra, rolando con monotonía desfeita por xornadas de mercar no centro, coa mamá, e escaparate que por unha vez non é espectáculo devecido; ou esa celebración onde o rigor económico dá lugar, sen inconsciencias, a principio xubiloso: “un día é un día e un peso gastouse”. Pouco gasto se fai fóra nun entroido case non enmascarado: percorre o neno San Roque, travestido en feminino polas primas, e como único sinálao o circundante indumentado de diario; as primas, maiores, irán ao baile do Círculo das Artes, que un cronista proclama “Los Carnavales de nuestro pueblo”. Quince anos despois (1979?) retornan disfrace e rueirada que a lembranza nunca perdera.

Non sempre tempo pasado foi peor. O neno vivía rodeado de animais; ratos había polas casas, sapos, rans e vacalouras en poza ou trozo verde; cans e gatos transitaban, testemuño de vida azarosa e procura de sustento. O home de cincuenta viu desratizar; lembranza é a vacaloura, ilustración o sapo no libro dos seus fillos; un can doméstico arrastra o abandono, boquexa un michiño moribundo en tanto marcha o condutor inadvertido.

Non sempre o tempo pasado foi mellor. Chega Paco Cerillas arrastrando perna e brazo paralizados, inician cativos a mofa, prepara el un esgarro como argumento disuasorio; o rapaz maior que se pensa coche xorde alasando, hai solaz para algúns (“ata che mete as marchas”), olla e lamenta -compasivo- o pai do neno: “e non o recollerán?”. As décadas verán recollida, atención, educación para tal desvalemento.

Banda sonora para o sentimento. Canta Edith Piaf, un himno de melancolía esperanzada.

32 comentarios:

Anónimo dijo...

Mallao. Perfecto. Redondo.

Anónimo dijo...

"Gog", de Giovanni Papini, líno eu cando debía ter dezeséis anos. Relatos relativamente independentes entre sí. Lembro o do escultor do fume.
Era un dos libros que a miña nai me quería tirar á basura, porque decía que lía aquelas cousas e non estudaba. O que era certo, claro...Outra vez enfadóuse porque me "cachóu" lendo "¡Viven, la tragedia de los Andes!". Y así tantas outras veces. Non sei se vostedes pasaros experiencias similares.

Anónimo dijo...

Cando eu era neno había un rapá en Ourense que conducía tamén un camión imaxinario. Moi ben vestido e aseado, transitaba por as rúas, case sen coches daquela, cambeando as marchas e facendo todolos sons característicos dun camión. De vez en cando, iba co dos bombeiros, e facía a serea coa voz. Outras veces levaba un "seis eixes", e tiña que manobrar varias veces pra dar certas curvas...
Tiña un reló noviño i entendiao perfectamente. A xente preguntáballe a hora pola rua i extendía o brazo orguloso pra decila, pomposamente.

Anónimo dijo...

Lin a traxedia dos Andes na serie que publicaba o diario Pueblo. Foi, sen dúbida, a primeira historia de xornal que aínda lembro.

Benio dijo...

Ben bonito. Tráeme moitos recordos o capitulo de hoxe, lembro perfectamente a navalla xigante —polo menos daquela— do escaparate de Aquilino, fun á escola de don Gregório, onde preparei o ingreso que fixen no 57, as aulas, cuartos dun piso adaptados á función, eran mixtas, estabamos os nenos e as nenas xuntos, aínda que algunha separación que non recordo debía de existir, pois as dúas fotos que conservo só estamos os rapaces; como aínda vexo o “Hogar del productor” dos baixos, —a filla pequena dos que o levaban tamén asistía as clases do Mestre— e asistín aos bailes de Carnaval do Circulo da Artes anos mais tarde. En fin... como pasa o tempo! Por razóns obvias son un incondicional de “Entre hortas e portas”

Xaime dijo...

Parabéns. Como sempre poderíase pensar que é unha película pero en realidade son as nosas vidas, bueno ..., a de un da banda de San Roque, que é un pouco a de todos.

Anónimo dijo...

Estar onte de viaxe impediume mandarlle un saúdo ao Xaime e azo para o congreso. O primeiro vai agora, para el e todos, co agradecemento de sempre polo ánimo.

Entre hortas e portas remata a semana que vén, coa entrada número 30. Algunha xente tenme dito (en Lugo uns, outros aquí, coma o Benito) o que ten significado a serie para eles. Só iso, que quen non sexa Xosé M. González encontre algo, ou se encontre dalgún modo nela, xa fai boa, xustifica a súa existencia; persoalmente, debo dicir que xustifica o meu traballo.

Anónimo dijo...

A historia dos Andes lina eu na mili; vdes. deducirán se naatmosfera máis adecuada. Se chega a xubilación, xunto con moitos outros gardados, gustaríame ler algún deses libros lembrados de escaparate.

Ou sexa, que de maior eu querería ser coma o Xohán da Coba.

Marcos Valcárcel López dijo...

Repítolle, amigo X.M. González, que ENTRE HORTAS E PORTAS, que esperamos ver cedo en formato libro, ocupa xa un lugar de honra na literatura memorialística galega. E a min éncheme de orgullo que tivera esta humilde casa (tamén visitada por bos amigos lugueses) por primeiro acobillo.

Anónimo dijo...

Asino punto por punto o que escribe Marcos Valcárcel. Aínda que non haxa libro, xa poden os historiadores da literatura galega (memorialística e das outras) contar con esta serie. Lembren os estudosos os anos: Entre hortas e portas (2007-2008). Collan os datos, por se teñen que facer algún día un estudio. E a vostede, amigo Valcárcel, noraboa por ofrecerlle hospedería.

Anónimo dijo...

Ando agora mesmo paseando plácidamente ó sol de MOnforte.Vexo cartaces nos muros anunciando un congreso do PG celebrado onte. Imaxino que o amigo Xaime estuvo nel.Nos xardíns perto da Compañía, un tal poeta "Petroyo" vende os seus poemas, escritos en formatos curiosos: coiro, madeira, cartulinas,...adornados con dibuxos e frores. Na libreria da principal rúa peatonal merco algús libros vellos, a euro cada un, un pequeno libro de Casares editado por ANT,a unha revista científica. Entro neste bar, frente a Compañía, que anuncia internet. Estou tratando de convencer a miña dona pra chegarnos hasta Lugo, pero ela é reticente. Voulle ter que imprimir "entre hortas e portas", pra fomentar o seu interés na cidade das murallas.Ou esperar a que saia en formato libro, e agasallarllo...

Anónimo dijo...

Graciñas pola serie, xosé m. gonzález.

Anónimo dijo...

Ah!. E dígalle ós seus amigos de Tris-Tram que lle den comisión. Merquéi os escritos de Mark Twain desa editorial, por a recomendación que fixo dela, XM Glz.

Anónimo dijo...

A semana que vén, pois, haberá que encargar unha tarta con trinta veliñas para coroar este extraordinario exercicio memorialístico do Saavedra.

Xaime dijo...

Foi unha mágoa que non chamara, xa en Monforte, Da Coba.
Ía comer con vostesdes que na miña vida bebin viño máis ruín.

Anónimo dijo...

Veño dun paseo cos fillos, e comprobo que a aludida navalla de Aquilino desapareceu do escaparate; non hai moitos anos aínda estaba, e un dá por sentado que as cousas que moito permanecen han seguir alí.

Para os non lugueses: era unha das do tipo bandoleiro, sen gume, con moito adorno na folla, que aberta mediría camiño de un metro e así estaba no escaparate.

Da Coba, non sei se o sabe: nesa rúa peonal de Monforte, a do Cardenal, nas Galerías Fontecha estivo moitos anos da LIbraría Xistral, do Manuel María e maila Saleta. O que lle daba máis carto era a exclusiva da cerámica de Sargadelos; de mantérena agora, non sei se a manterían, ben me entenderán.

No Campo da Compañía, no baixo dunha daquelas fermosas casas con corredor de madeira, un bar vende os bocadillos mellores que nunca comín no país sen sitio semellante. O bar leva nome de número (o 11?) e os bocadillos ben se ven; se volve, non coñece aínda (aínda o dubido) e gusta de bocadillos, probe. Eu probaría aínda que non gustase especialmente.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Que boa capital de Galicia daba Monforte!

Xaime dijo...

Como dí o Saavedra, os ingresos de Manuel e Saleta, viñan pola libraría e pola exclusiva que tiñan de Sargadelos.
Pero tamén por si non-o sabían facía de Procurador no Partido de Lemos, e eu cando tiña asuntos en Monforte sempre tiraba del.
Eu son parente do Manuel e sempre me chamaba para que as escondidas o sacara da libraría para votar un pitillo nas galerías de paso que comentabamos os súcesos políticos máis importantes.
Sempre me recriminaba que sendo da Terra Chá, fora tan de dereitas, e eu, xaora, respostáballe que como era posible que sendo de Outeiro puidera ser marxista-leninista.
Cando fai unhos vinte anos eu facía un artigo semanal no Progreso, sempre me chamaba para poñerme a parir, a mín, mailo Retroceso, como él, chamaba o diario lugués e o que máis me fodia e que me dicía que escribía como un cura. En todo caso, sempre Manuel.
Outra anécdota: Cando ía ter o meu segundo fillo, que ata pouco de nacer era unha pequena, díxome que lle puxera Baia, e finalmente foi Uxio, pero cando se vían, sempre me dícia, "éste é a Baia, non".

Marcos Valcárcel López dijo...

Recoñécese ben ó Manuel nesas anécdotas que conta o Xaime. "Este barbas", como el dicía, era sempre afable, cortés, coidadoso cos detalles, bon observador da vida e das xentes.
Por certo,teño entendido que nos últimos anos da súa vida, xa vivindo na Coruña, non se portaron moi ben con el e con Saleta algunhas xentes de Monforte. Complexo de vila señorita ou qué?

Anónimo dijo...

Pra XM Glz:
Os bocadillos están xa no rótulo. O bar chámase precisamente así! Fai moitísimos anos que o coñezo. O bar con conexión a internet desde o que escribín o meu último comentario está a escasos trinta metros.
Claro que lembro a librería que vostede dice, sí señor. Entrando desde esa rúa que (hoxe) é peonal, á esquerda, con bastante escaparate.Sempre tiña libros interesantes, e lembro comprar bastantes nela. Por motivos de traballo de outro tempo pasaba por Monforte moitas veces.Nunca imaxinéi que a súa titularidade fora tan prestixiosa.
Ao final non puden convencer á miña dona de aproveitar o sol de hoxe en Lugo. Disfrutámolo en Valdeorras.
Chegado a Ourense, entérome pola prensa local de que o novo presidente do partido do Xaime é alguén con quen mantiven unha interesante conversa fai un tempo, cando il era algo así coma presidente "en funciós" do partido.
Se o vira por Monforte, invitábao, Xaime. Que eu coñézoo a vostede polas fotos da Inter-rede.

Anónimo dijo...

Estes relatos activan os vasos comunicantes do tempo noutros espazos.

Anónimo dijo...

O Manuel, en realidade, en Monforte sempre debeu caer así así. Nos anos sesenta e setenta el debía ser unha referencia fundamental de galeguismo e antifranquismo alí (quen faga o EHP de Monforte dificilmente poderá ignoralo), quen ía alí vía por todos lados -posiblemente non é moita hipérbole- espirais pintadas, normalmente tamén a lenda UPG, e quen levaba a culpa daquela teima dos mozos ben deducirán quen era.

Nas eleccións municipais do 1979, o Manuel encabezou a candidatura e saíu concelleiro xunto, se non lembro mal, outros dous. No ano seguinte (supoño), houbo un altercado moi grave nas festas de verán, a boa sociedade local déralle culpa ao BN-PG e particularmente a el; alí se debeu ver e verter parte relevante daquela animosidade acumulada.

Foramos alí apoialo; o día da sesión municipal que tratou sobre o tema a Casa Consistorial estaba acugulada de xente, e botaba fóra pola Rúa do Comercio; había altavoces que daban para escoitar na rúa todo o que se falaba e identificar ben cada intervinte.

Eu estaba no portal, rodeado por claros expoñentes do sector social arriba aludido. Cando falou o Manuel moitos aplaudimos e miraban arredor. Despois da sesión, na Praza de España montamos no coche a megafonía, Lois Diéguez falou convocando a xente, falou o Manuel e dixo, foi o que mellor se me quedou "Eu non teño medo".

Pero fora para el moi desagradable; non volveu desempeñar ningún posto de representación política. Cando volvín alí, haberá década e media, para unhas xornadas de animación á lectura, todo debía estar moi atemperado; pero o Manuel moi a gusto nunca se debeu sentir.

De feito, xa antes dunha vez me dixera que se encontraba unha casiña na parte vella de Lugo víñase de boa gana. Acabou indo para A Coruña e o resto xa é sabido.

Anónimo dijo...

Pódenos relatar, Saavedra, cal foi ese "altercado moi grave nas festas de verán" en Monforte? É que se non, non se entende moi ben a historia que conta.

Anónimo dijo...

O que é a memoria XMGlz. Evoquéi onte á noite, antes de durmir, coma nunha nebulosa, a imaxe desa librería, que quizáis nunca máis relembraría de non ser polo seu comentario,e a do libreiro. Viñéronme imaxes moi esquecidas das espiráis e da cerámica. Tamén do home maduro que acarreaba libros, con xesto grave, pra darllos a unha muller que os colocaba na estantería. Era Manuel María!! Moitos dos libros estaban nunha especeie de ancha plataforma, ao longo do escaparate, se estas nebulosas imaxes da miña memoria non fallan. Nesas mesmas galerías, un pouco mais interior e do outro lado, lembro unha tenda de discos...Pois voulle decir algo. EU non sabía quen era o libreiro pero lembro agora, eso sí, unha sensación estrana ó entrar alí. Coma se alí houbera "máis do que se ve a simple vista".

Anónimo dijo...

Imaxino, buscando na rede, que os incidentes dos que fala XM Glz,

Anónimo dijo...

A ver agora

Anónimo dijo...

Mais aiquí:.

Anónimo dijo...

Moitas grazas, da Coba, polo seu traballo de pescuda. En efecto, ese fora o caso, que eu non lembraba; estaba xustamente a botar contas de como podería satisfacer a curiosidade do Apicultor, e a miña propia reverdecida, ata chegar a estas súas mensaxes.

Fora no 79, polo tanto pouco despois das eleccións municipais, e non no 80; o meu relato anterior, feito á présa, probablemente é moi pouco claro aínda sabendo a orixe daquel proceso (con todas as da lei, agás o tribunal) político. Se tal, dígaseme, que se sei máis verei de contalo.

Canto á Libraría Xistral, lembro que tiña un aspecto ben moderno, con andeis de cor clara (madeira vernizada de branco, supoño) e claridade en xeral. O tipo de establecemento que suxería, precisamente, innovación, distanciándose do máis recargado e escuro aspecto das librarías tradicionais; tan bonitas a miúdo, porén.

Marcos Valcárcel López dijo...

Os incidentes de Monforte que se citan andaban tamén nunha novela galega que pasou por varios premios (eu lina estando de xurado dun deles): ignoro se finalmente esta novela foi publicada e tamén quen era o seu autor.

Anónimo dijo...

Restitución dos enlaces que atopou o Xohán da Coba.

Algúns integrantes daquela corporación municipal poderían dar moito xogo (e zume) de avalialos; aparecen nas crónicas.

Anónimo dijo...

Debeu ser teima daqueles tempos, porque en As Pontes recordo, gracias a estes enlaces, tamén que houbera intentos de boicots aos bailes nos que se cobraba unha cantidade ou nos que había que ser socios. Esto último pode soar raro, cando xa damos por boas as festas privadas e o acceso restrinxido ás salas, pero naqueles tempos (tampouco había moitos locais para as verbenas sobre todo en inverno) era un feito claramente antidemocrático e antipopular. A mín aínda hoxe me queda a mesma opinión ao respecto: non aturo esa especie de absurdo elitismo, sobre todo nas vilas onde todo o mundo se chama Calpita.

Anónimo dijo...

A ver se entra o enlace perdido: É este. Este tamén é interesante.

Aquilo da pista cerrada, Arume, teño certa lembranza de que debía ser tradición; e polo visto, notablemente estimada polos que pagaban. A animosidade contra o Manuel María, como vella cabeza visible, nós interpretarámola así; ou así nos fora contado.