22 ene 2008


LUIS MATEO DÍEZ NO LICEO: REFERENCIAS GALEGAS.

Como xa se fixo coa de Juan Cruz, o Liceo colgará na súa web a gravación íntegra da conferencia que onte pronunciou Luis Mateo Díez no Liceo ourensán, nos XVIII Encontros Literarios, despois de ser presentado con xeito por Teresa Devesa. Xa que logo non a vou resumir aquí e limitareime a contarlles, ós non asistentes, que se centrou sobre todo no poder da Palabra, a Memoria e a Imaxinación na construcción da literatura. Polo camiño falou de qué é a novela, da relación entre a relembranza e o relato e do poder fecundador da memoria: “A imaxinación non é outra cousa que memoria fermentada”, en fermosa definición de Lobo Antunes.
Pero si sorprendeu a algúns (non a outros, que xa o tiñamos escoitado outras veces), o fondo coñecemento que o leonés Mateo Díez ten das letras galegas. Iniciou a súa charla reivindicando o centro do mundo nas súas terras natais de Laciana, que se multiplican no noroeste peninsular, dende o que os autores galegos e leoneses loitan en tensión co desexo de universalidade (e citou a mestres como Kafka, Roth e Faulkner). Esta loita e esta tensión é común, dixo, a autores galegos que foron moi relevantes na súa formación e citou, entre outros, a narradores como Rafael Dieste, Ánxel Fole e Méndez Ferrín. Tivo palabras de fascinación para “Os biosbardos” e para “Xente ao lonxe”, confesando o poder de Blanco Amor no espertar do escritor. E, por suposto, para o amigo Carlos Casares. Pero tamén falou de Curros (viña de visitar Celanova, con Teresa) e de Celso Emilio Ferreiro, a quen coñeceu nunha Feira do Libro de Madrid (“un dos meus poetas favoritos”). Aínda, noutros momentos da charla, saíron a conto autores como Manuel Rivas. E logo, na cea, alguén lle preguntou por Álvaro Cunqueiro, a quen, nun lapsus deses parvos, esquecera citar, sendo un dos escritores fundamentais do seu universo literario, que coñece moi ben, como logo nos demostrou, e a quen sempre admirou moi fondamente ("uno de los más grandes").

No hay comentarios: