SALVAR AS PALABRAS (Palabras con memoria)
A AELG iniciou un proxecto de salvación de palabras en desuso e, xa que logo, en perigo de extinción. Tras pedirlle permiso á propia asociación e ó promotor do proxecto, traio aquí a carta que se está a enviar ós socios e máis un primeiro documento de Palabras recuperadas, con indicación das persoas que fornecen os datos respectivos (en COMENTARIOS). Da AELG infórmanme que solicitan a colaboración de todo o mundo que poida achegar máis suxerencias ó respecto.
Esta é a carta enviada:
Prezado Socio/a:Días atrás presentámosvos a iniciativa de recuperación de "Palabras conmemoria", que pretende xuntar un banco de palabras en desuso (e polo tantoen perigo de extinción) co afán de recuperalas e poñelas de novo envixencia e nos dicionarios.Pois ben, hoxe enviámosvos un primeiro documento (anexo) coas achegas recadadas até o momento.Ao enviar a palabra, cómpre facer constancia do seu significado ousignificados, así como a zona (ou zonas) onde aínda pode ser escoitada,amén doutras características que se consideren oportunas para a súarehabilitación.Animámosvos a seguir facendo os vosos envíos ao seguinte enderezoelectrónico a cargo do noso Vogal por Lugo, Isidro Novo: palabra.con.memoria@aelg.org.
Recibe un cordial saúdo,O Consello Directivo da Aelg.
Entre as palabras desta primeira remesa figuran formas tan orixinais como
acomerar, babuxo, broas, cencellar, conaipas, escampaviar, escornapitos, facer xixa, gabuxas, quilar, á rebendía, sifate e xarbote.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
21 comentarios:
VOCÁBULOS E EXPRESIÓNS
EN FASE DE SER RECUPERADAS
DENDE A AELG
(palabra.con.memoria@aelg.org)
ACOMERAR.- Dar de comer. A palabra foi escoitada en participio e facendo referencia a animais: “Os cans xa están acomerados”(xa se lles deu de comer).
Lugar de escoita.- Nebra (Porto do Son), a unha muller de 40 anos.
Fonte.- Anxo Tarrío/ fgtarrio@usc.es
ANUDÚN.- adx. e s. Dise agarimosamente do neno moi pequeno, pero que xa se manexa. Sinónimo de cativo. Lugar de escoita.- Pontedeume e bisbarra.
Fonte.- Isidro Novo/isinovo@wanadoo.es
Outros apuntamentos.- É posíbel que derive de anano.
BABUXO.- Mollo espeso que se xunta coa pataca desfeita dun guiso ou estofado.
Lugar de escoita.- As Mariñas (A Coruña).Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/ Xlmpereiro@mundo-r.com
ben deitar de.- Expresión que co verbo conxugado é case sinónimo de “menos mal que”: “Co frío que facía, ben deitei de traer abrigo”.
Lugar de escoita.- Mariña luguesa.
Fonte.- Xabier Paz / xabierpaz@mundo-r.com
BOLSA DE AUGA.- Ameixa coñecida vulgarmente por xaponés.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/ Xlmpereiro@mundo-r.com
BROAS.- Aplícase como apelativo á persoa sen amañar, descoidada.
Lugar de escoita.- As Mariñas, Teixeiro, A Coruña. Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlmpereiro@nundo-r.com
CASTRE.- No xogo das bólas, choque entre elas. Con tres seguidos, conséguese a bóla do rival.
Lugar de escoita.- A Coruña, aínda que a palabra podería ter máis expansión.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlmpereiro@mundo-r.com
CENCELLAR.- Verbo que conxuga o fenómeno metereolóxico pouco habitual que se produce cando as pingas de néboa por efecto do frío da xeada caen ao chan en forma de minúsculas folerpiñas.
Lugar de escoita.- Ourense e bisbarra.Fonte.- Xerardo Méndez/
CONACHO/A.- Parvo/a
Lugar de escoita.- Sobre todo Ferrol e bisbarra aínda que tamén se escoita noutros lugares de Galiza. Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlmpereiro@mundo-r.com
CONACHADA.- Parvada, cousa carente de valor. Lugar de escoita.- En Galiza enteira.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlpereiro@mundo-r.com
CONAIPAS.- Afeminado.
Lugar de escoita.- A Coruña.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlpereiro@mundo-r.com
CORTANA.- Insecto velenoso de grande tamaño, de cor parda, máis estilizado que a vacaloura. Segundo o dito: “Se che pica unha cortana, vai chamar ao da sotana”.
Lugar de escoita.- As Mariñas.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/ Xlpereiro@mundo-r.com
COUTO.- (Ademais dos significados coñecidos e recollidos nos dicionarios convencionais). No xogo da queda, palabra que se berraba logo de acadar lugar con inmunidade.
Lugar de escoita.- Ourense
Fonte.- Anselmo López Carreira/alopezc@edu.xunta.es
ENCENDEITA/0.- Participio sinónimo de acesa/o ou acendida/o: “A cociña (ou a luz) está encendeita”.
Lugar de escoita.- Nebra (Porto do Son), a unha muller de 40 anos.
Fonte.- Anxo Tarrío/ fgtarrio@usc.es
Outros apuntamentos.- A fonte indica que foi escoitada con seseo: “ensendeita”.
ESCAMPAVIAR ou escampabiar.- Conxúgase cando unha persoa perde o sentido. Sinónimo de desvariar.
Lugar de escoita.- Moraña e a súa bisbarra.
Fonte.- Xosé Monteagudo/ xosemonteagudo@mundo-r.com
ESCORNAPITOS.- Vacaloura.
Lugar de escoita.- As Mariñas.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlmpereiro@mundo-r.com
FACER XIXA.- Ouriñar, mexar.
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa. Fonte.- Isidro Novo/isinovo@wanadoo.es
Outros apuntamentos.- Onomatopeico?
fanar.- (Significado engadido aos xa coñecidos). Latar.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlmpereiro@mundo-r.com
FILUSMÍA ou filusmías.- Individuo fraco que semella un espicho, pouca cousa. Lugar de escoita.- En case toda a xeografía galega.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlmpereiro@mundo-r.com
GABUXAS.- Cóxegas. Lugar de escoita.- Comarca do Barbanza
Fonte.- Carlos mosteiro/jcmosteiro@hotmail.com
GUINDASTRE.- (Significado engadido a outros xa coñecidos). Tentemozo, mastro que sostén a gramalleira.
Lugar de escoita.- A fonte non aclara. É de supor que toda a Galiza rural.
Fonte.- Xulio L. Valcárcel/ procuval@mundivia.es
QUILAR.- Fornicar.
Lugar de escoita.- A Coruña, Bergantiños, Ferrolterra…
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/Xlmpereiro@mundo-r.com
Outros apuntamentos.- A fonte cre que é probable que chegase ao galego desde o latín dos canteiros.
PORTÉN.- Dise que alguén lle portén a unha persoa cando ten con ela lazos de consaguinidade: “O teu fillo che portén, pero a miña muller non me portén”.
Lugar de escoita.- Cangas de Morrazo
Fonte.- Anselmo López Carreira/alopez@edu.xunta.es
rebendía á.- Á competencia, á porfía: “Andar á rebendía”
Lugar de escoita.- Lugo e proximidades.
Fonte.- Xulio López Valcárcel/procuval@mundivia.es
SIFATE.- s.m. 1.Cesta para o pan. 2. Feitura plana de bordo baixo de madeira, como unha patela, pero pequena. 3. Por extensión, calquera cesta para o pan.
Lugar de escoita.- Comesaña- A Ponte – Vigo
Fonte.- Helena González/helenagonzalez@ub.edu
Outros apuntamentos.- Pronuncia con seseo. Quizais se poida emparentar con “safata” (en catalán, bandexa).
SOMETER.- (Ademais dos significados xa coñecidos). Colocar unha prenda de roupa dentro da outra coa intención de suxeitala.
Lugar de escoita.- Ferrolterra e Mariña luguesa
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro/ Xlmpereiro@mundo-r.com
SUBIDAS.- (Ademais dos significados evidentes) Escaleiras.
Lugar de escoita.- Palmeira
Fonte.- jcmosteiro@hotmail.com
XARBOTE.- Parvo.
Lugar de escoita.- Santo André de Xeve (Pontevedra)
Fonte.- Carlos Mosteiro/jcmosteiro@hotmail.com
O de "someter" é de uso frecuente aínda hoxe en Ourense.
Á vacaloura ("Ciervo volante") na alda chamábanlle "escornabóis". Reservábase o nome "vacaloura" pró castelán "carraleja".
O de "quilar" xa o tiña oído, pero en contextos informáis. Tamén "grilar"(pron.ghrilar), que tamén é do barallete.
Fornicar: esa si que é unha palabra en completo desuso. Só figura nos diccionarios.
O de dar de comer ós animáis na miña aldea, e imaxino que na de vostedes, era "acomodar".
E cómo lle falaban ós animáis?
Ás vacas, pra que andiveran: "EEeii+nome propio da vaca". Ex: "EEeii Macarena". Non é broma. Meu abó tivo moitos anos unha vaca que se chamaba Macarena. Cando se puxo de moda a canción eu divertíame escoitando aquela expresión que tanto lle oíra ó meu abó: "EEeiii Macarena".
Ás vacas, pra que pararan "UÓOoOJa".
Ás vacas, pra indicarlle que chegáramos ó lugar de pasto, e que podían escomenzar a comer: "XÓouJaA"
Ás vacas, pra que "ciaran"(deran marcha atrás,no carro): "Cía,Cía".
Ás vacas, cando se enfadaban, pra que non embestiran: "TOOo...ToOo::"
Ás vacas, pra que beberan: "Ouxe, Ouxe".
Ós burros, pra que andiveran: "Arre, burr@". Tamén se facía o característico chasquido coa língua. Unha vez díxome o abó: Hai unha palabra que a entenden os burros e tí, que eres tan listo, non a sabes escribir. Preguntéile cal era, e fixo o chasquido ese.
Ós burros, pra que pararan: "XOOO".
Ós burros, pra que beberan: (silbido continuo, vibrado).
Ós burros,pra chamar por eles: "Bicha toma!".
(Curioso, as vacas non se chamaban, iban a buscarse. Non atendían a señáis de chamada).
Ás ovellas, pra chamalas: "Perica,to!". Ás chivas: "Chiva, to!".
Pra chamar polos cás: "Tís, toma!".
Pra facer fuxir ó can: "Marcha, can!".
Había infinidade de voces máis pra diferentes situaciós...
Nobles comandantes!.
Desde a miña aldea vexo unha de entre as tres que ten xan da coba. Na miña hai gheada e na de xdc non. Paréceme a mín. Unha línea isoglosa pasa pola chaira da lagoa de Antela.
Lembreillo ó tío Markus porque nunha das primeiras oposicións que aprobou foi con un tema dises.
Básicamente a miña cultura é a de xdc, concordamos en caseque todo, sons, cosmovisión, fala (temos que comprobar o da gheada).
SAlvo no de quilar que non coñecía; "someter", "escornabois", "vacaloura" coinciden.
Para sermos máis exactos os nomes de bichos deberían ir acompañados dos nomes científicos, tampouco costa tanto e o esforzo pagha a pena.
Última precisión. Eu utilizo moito o verbo fornicar, por a connotación bíblica e para refrescar palabras.
Bueno non sei porque é pero faime ghracia.
O caso é que fornicar ten un significado concreto, paréceme, axudádeme a comprobalo . Non se trata de un sinónimo de foder. O noso foder, o de sempre, o grande o único o verdadeiro. Aghora hai outras prácticas diferenciadas que non sei ben como nominar na nosa cosmovisión. Foder debe aproximarse do senso de "cavar" en latín. Así os Italianos empregar "clavare", bastante axeitado, parente próximo.
O caso, nobles irmaus, é que me parece que fornicar , tan consumado e prohibido por os mandamentos da lei de deus é facer o coito con casadas ou entre casados ou fora do matrimonio.
Algúns decían "no desearás a la mujer de tu prójimo", outros "no cometerás adulterio". Deso se trata.
Moisés que era listo, sabía moi ben que no deserto, fuxindo dos Exipciós, con fame, sen acougo , precisaban de unha gran coherencia social senon íanse o carallo e non sobrevivían. Por eso paríu unhas leises e deulle rango de mandato divino. íaselle a vida nelo.
Prohibiu fornicar que crea conflicto, pero non prohibíu foder.
Foder que gran palabra nosa. ¿Cavar?. Tradicional, profunda, extensa....
Fornicar non vos ten connotación de señoritingo e nocturnidade?.
Un amigo que estivo emigrado contoume que tuvo un problema cunha italiana nun momento íntimo. Chegados a un punto, ela díxolle en italiano "aspetta, aspetta!" ("espera,espera!") i él entendéu "espeta,espeta!", en galego. Imaxinen o resto.
Conacho, conachada e someter... ¿en perigo?
Sobre todo, se conachada está en perigo tamén estara carallolavela. E espero que non.
Virán nacho e nacha ferrolterráns de aférese de conacho, conacha?
Tamén eu o pensara, ao ler a orixe da fonte.
Pero agora descólgase a AELG coa promoción de palabras "sexistas" e "politicamente incorrectas"?
Conachas, conachada, ... Non sei se non se lle dará de baixa algunha escritora feminista.
(Conste que, por min, chapeau!)
E con toda razón: pensen vostedes na diferencia entre acolloante e conachada. Pois iso: demisión en bloque (con perdón) da directiva da AELG. Eso si, antes de marchar a Cuba, que logo non volven.
Como queren que entren féminas se se poñen con esas conachadas tan viriles? (tan de casino e puro) Era broma, por min digan o que queiran.
E volvendo ao de rescatar palabras, paréceme moi loable como arqueoloxía lingüística. Supoño que moitas estarán xa no diccionario, que é ese armario porento onde están todas. O que non entendo é que se están en desuso, é dicir a piques de morreren, teñamos o afán de mantelas con respiración asistida.
Eu son partidaria da eutanasia lingüística. Xa virán outras, máis fermosas ou máis uteis que encherán as nosas bocas que é onde deben estar as palabras.
Así foi sempre na historia das línguas vivas.
Un bico e apaguen os xarutos!
Amigo Saavedra, propón vostede carallolavela, así, todo xunto. En español tamén aparece un carajo la vela/carajolavela. Non entendo moi ben.
De todas maneiras, hai palabras empregadas nos anos sesenta ou setenta agora completamente esquecidas. Supoño que cando falan desas palabras en perigo de extinción sempre se entende un pasado un pouco remoto. Sen embargo, hai palabras recentes que pasan moi cedo a peor/mellor vida. Mesmo cultas. Nesas raramente pensamos.
Ser un "estafermo". Un tipo parado, calado, aburrido, insulso.
"Ciar" claro, andar marcha atrás as vacas.Non se vai dicir "recúa, recúa" que as vacas non entenden... Non sei se agora co normativo...
Tamén lle oín dicir ás vacas "Ferma", "ferma" como "pára", pára". Non sei se o vello tería estado en Suíza e coincidido con italianos, pero supoño que non.
Tamén oín algunha vez a un borracho chamarlle a outro como insulto "Ise é un "mamanacona", forma moi besta de dicir "calzonazos".
"nacho" aférese de conacho? Ah. Curioso.
De vocabulario sexual.
¿Fixáronse vostedes como o taco suave en castelán é o feminino -coño, pero coño...- equivalente ao masculino galego -carallo, que tamén se pode traer sempre na boca, sen máis complicacion- e o contrario, máis besta en castelán é dicir "carajo" ou "cona"?
¿Quedarán restos do "conón" medieval galego nalgunha aldea?
O de "estafermo" díceo aínda hoxe moito a miña aboa, de 95 anos. Tardéi en saber que era o boneco xiratorio que usaban os cabaleiros medieváis nos torneos.
De alguén a quen non se lle entende o que decíase que era un "papabello". "Facer o papabello" era tamén esmagar moras maduras e comelas cun cubierto ("tenedor"), preferiblemente feito de pau.
Cantos de vostedes saben qué é "o cadouco" ?.
Saber "qué é o cadouco" era unha especie de broma pra determinar se un xoven tiña xa algo "de mundo". Como saber "el cuento de la buena pipa", ou saber cómo se cazan os biosbardos.A un rapá algo cándido preguntábaselle :" -Tí sabes qué é o cadouco?" Se o rapá decía que non, os máis grandes rían, e un calquera respostaba: "-Meter as narices no cú doutro".
"Quilar" non será da verba dos arginas?
Quero dicir "do verbo"
Segunda feira, terza feira, corta feira, quinta feira, sexta feira... en perigo de desaparición ou xa desaparecidas de todo?
Publicar un comentario