16 ene 2008


O mundo do traballo en Galicia
Pan por Pan mércores 16 xaneiro

Entre as temáticas menos abordadas pola historiografía galega está a evolución do mundo artesanal e obreiro na nosa historia contemporánea. Por iso é ben oportuno o libro “O mundo do traballo en Galicia”, editado por Ramón Villares e realizado por Margarita Barral e Antonio Míguez e promovido pola Consellería de Traballo. Cunha edición moi coidada e abundante documentación gráfica, ofrece unha síntese da historia do traballo dende o século XIX (a primeira folga xeral galega data de 1872 nos arsenais ferroláns) ata os nosos días. Subliñan os autores algún fenómeno específico no mundo obreiro galego como a forte presenza da muller en sectores como a conserva ou a Fábrica de Tabacos coruñesa. Pero a estrutura das directivas obreiras, nesas sociedades, seguía unha xerarquización machista e prestaba escasa atención ós temas laborais que só afectaban ás mulleres.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Como o post vai sobre o "mundo do traballo", é normal que ningún dos contertulios poña nada aquí.

Marcos Valcárcel López dijo...

Irónico e simpático comentario, amigo Apicultor. Poño eu estoutro comentario, a ver se alguén pica. Por certo, as imaxes dos personaxes "traballadores" que saen no libro (como a que puxen no post) non se parecen en nada ós "traballadores" que eu coñezo de entre os que andan/andamos polo blog, iso tamén é certo.

Anónimo dijo...

Non sei se o dirá o libro, que aínda non o lín. Pero a xente de aldea que tamén traballaba en empresas, consideraba o traballo no campo coma o seu "verdadeiro" traballo. O outro, era pra ganar cartos, pero non se identificaban con él, non lles "daba de comer". Remataban a xornada na fábrica e marchaban apresuradamente pra traballar nas fincas tanto como lle permitira a luz do día. Nos días largos do vran, precisamente cando máis traballo agrícola hai, facían case tantas horas nun coma no outro.

Anónimo dijo...

A esa figura que nomea XDC ténselle chamado "proletariado simbiótico" ou termos similares. Moi típica en Galicia e parte do estranxeiro. A pluriactividade era -e nalgúns casos aínda segue sendo- moi importante para complementar as economías familiares.

Anónimo dijo...

Sí, é certo, obreiro simbiótico. Non sei onde o lin... Lamas Crego, tal vez?? Gondar Portasany??
Quén viña sendo, estimado apicultor???
Ou, cando menos, donde foi recollido este termo???

Ufffffffff Lamas Crego é fabuloso.

Cumprimentos.-

Anónimo dijo...

A pluriactividade sigue sendo fundamental nesta provincia, cecais tamén en galicia.
A parte de vos, amados escribidores que no voso lecer vos dedicades a ler e a traballos intelectuais, quen nesta provincia no ten unhas verzas, un marrou ou dous, viño, ...colle castñas, patacas, grelos...cria coellos...ou polos....ou ten o arcón cheo de baril xavarí ?. Alén de estar reformados ou ter outro traballiño con seguridade social?.

Se non for por eso a nosa subsistencia sería penosísima. Non entendo de economía, pero parece ser que estos feitos ( ademáis facenda non lles pode meter o dente, moitos xubilados teñen as súas colleitiñas) supoñen que estemos na metade dun ranking , non sei cal se é "aforro per cápita", se é que existe o término , cando en ingresos debemos estar de penúltimos..

Bueno, bueno non sei como foi o facto, pero os sociolistos recén chegados ó poder ( nesta última lexislatura) querían inspeccionar a fondo para descubrir onde estaba o quid da cuestión. Pretendian entrar a saco no mundo empresarial, meterlle mau para por órden e concordar as contas. Outro socialista, o único empresario que teñen, paroulles os pés e desveloulles o segredo das pataquiñas, do porquiño, etc...

Pouco a pouco construése moito.
En certo modo seguimos a ser grandes, bueno, algúns, parte do povo....sei que pode ser controvertido pero etxe o que hai.

O exemplo que eu teño da miña casa é o de ser tremendamente traballadores. Asumín o deber de darlle continuidade, é parte da miña herdanza cultural.

Marcos Valcárcel López dijo...

PROLETARIADO SIMBIÓTICO (para XDC e para todos):
Este concepto, que eu saiba, púxoo en circulación RAMÓN LÓPEZ SUEVOS, a mediados dos 70. Había tempo que non o escoitaba, agás unha cita de R. VILLARES cando veu falar da emigración ó campus.
Non sei se hoxe o termo é correcto dende as claves económicas: os que saiban máis que o digan.
Pero usouse moito nos 70: pasou á prensa, á linguaxe panfletaria e, sobre todo, ós seminarios de formación da UPG, como lembrará o BIEITO IGLESIAS, que deu algúns (e non o pode negar porque eu lle gardo as notas daquela).

Anónimo dijo...

O concepto de "proletariado simbiótico" foi, en efecto, popularizado por Suevos, e constitúe, ao meu xuizo, unha das escasas aportacións interesantes do nacionalismo leninista naqueles tempos. Queríase indicar un tipo de clase obreira que ocupaba estructural e case simultaneamente dous modos de producción: o capitalista (a fábrica) e o precapitalista (a leira. Había, sen embargo, na teoría de Suevos unha certa visión limitativa da simbiose: a economía familiar era entendida como unha insuficiencia ou válvula de escape ante o feito de ser un "auténtico" proletariado. Sería CIES (Círculo Interdisciplinario de Estudos Sociais: Basilio Lourenço, Daniel Pino, César Portela e moitos máis)), pouco despois, quen elevase o simbiotismo a categoría positiva ao descubrir as virtudes da autosuficiencia e da pequena escala, fronte á heternonomía e despilfarro propias da civilización capitalista de consumo. A industrialización masiva e éxodo cara as cidades debilitou o carácter simbiótico da nosa poboación traballadora. Pero aínda así, como se dixo aquí moi acertadamente, Galicia continua a ser simbiótica, tal vez non tanto na súa realidade económica coma no seu pathos cultural máis profundo. E eu non o vexo como algo necesariamente negativo.

Anónimo dijo...

Lembranse daquel "Exercito Simbiótico de Liberación", norteamericano, no que militou Patricia a filla do magnate Hearst?

Moi interesante o que escribe Jim Morrison.

Eu sempre o entendín como procesos de transición que se alongan e perduran mais do agardado e calculado. En Galicia a mentalidade premoderna pervive nas cidades precisamente porque non se cortou o vínculo co rural. Hai unha urbanización deficiente, peculiar, moi a galega. Hai unha acomodación, e ten efectivamente creo aspectos moi positivos.
Pero tamén negativos, esa simbiosose facilita os baixos salarios que a longo prazo extrangulan o desenvolvemento do pais, e o orientan a non ser productivo, a vivir compensadamente entre baixos salarios e os grelos da aldea.
En consecuencia, tampouco se desenvolve o rural, que indefectibelmente vai quedando a ermo nun movemento poboacional de grandes dimensións, como o que está agora sucedendo.

Anónimo dijo...

Interesantísimo, nobles irmaus.

Anónimo dijo...

O simbiotismo ten, sen dúbida, eses aspectos negativos que apunta vostede, Jimmy. Pero, nun mundo dominado pola concentración e a grande escala, non semella negativo reivindicar estructuras de pequena escala (parroquia, aldea)anque só sexan como elementos residenciais. O desenvolvemento do rural non virá, na miña opinión, dado por unha política de creatio ex nihilo: deserticemos o campo e introduzamos elementos urbanos que o desenvolvan, unha "ideoloxía" universalista que acabe co caciquismo das reciprocidades, etc. Todo iso está moi ben e eu compártoo. Pero unha sociedade como a galega goza dun habitat natural, un sistema de ordeación do territorio e de economía familiar rural de pequena escala, qu eu estimo coma un valor positivo. E coido que as políticas agrarias e territoriais non deben obviar estes aspectos, pois, do contrario, faríamos noso o ideoloxema compartido por liberalismo e marxismo: a historia como un proceso liñal de industrialización, a canta maior escala, máis "racionalización". Nese sentido, o apego do galego á súa segunda residencia rural, o abesentismo laboral da vendima, a identificación simbólica coa aldea, a complementación da economía cos escasos inputs obtidos na producción non mercantil, e, especialmente, os valores de autonomía e de control sobre o propio mundo que estaban presentes no mundo campesiño, non me parecen mal en absoluto. Tanto máis cando vivimos nun mundo de grande escala sobre o que non temos ningún tipo de control.

Anónimo dijo...

Os valores comunitarios deben, paréceme, ser revisados e avaliados, para sostelos ou reprobalos. É obvio que coa desfeita do rural perdese unha riqueza en múltiples dimensións do social. O problema é esa diferencia entre o ser e o deber. O proceso móstrase letal para o rural, e de pouco sirben as polítcas mais que para paliar algunhas consecuencias negativas dun proceso que tende a borrar as identidades.