UN TIPO CON INTERESES, Afonso Vázquez-Monxardin (La Región, 5 xaneiro)
Debuxo de Xaime Quessada na revista Dorna, 1986, n.10.
Debuxo de Xaime Quessada na revista Dorna, 1986, n.10.
Antes os ricos eran a xente con bos traballos, estudada e preparada e os pobres eran xente con oficios pouco remunerados e sen preparación nin estudos. Pero iso, como saben, tamén cambiou. Hoxe, todos temos coche, ensino e sanidade gratis, imos aos mesmos Centros Comerciais e gozamos de semellante desenvolvemento tecnolóxico; uns gastan cartos no fútbol, coches e teles e outros en libros, educación dos fillos, viaxes e spas. E a diferenza social mídese xa, sobre todo, na capacidade de descoñecemento de determinados neoloxismos –euribor, por exemplo- e na necesidade e presión do hipotético crédito hipotecario.
E vénme isto á cabeza porque hai pouco un destes mozos hipotecados contoume como certa –aínda que eu non lla acabo de crer- unha historia que parece simpática pero á que el non lle ve a graza. Velaí vai: Dera aforrado nove mil euros no ano. Contra a fin de decembro achegouse á sucursal do banco -tocaba revisión- e falou co director. “Ola, veño traer este millón e medio para amortizar parte do crédito e, de paso, que me diga canto me queda por pagar. Non me fale de intereses e capital; non me líe. Dígame só canto vou ter que pagar mes a mes e en total”. O do traxe e garavata escoitouno con toda amabilidade e botou man da calculadora... E o probriño do rapaz case se topa mal. Debía dezaoito millóns das puñeteiras pesetas –estou cheo do de antigas- e despois de botar as contas, espetoulle cun sorriso colgate: “Pois o da súa débeda, asegún se mire. Deber, vai deber menos, pero pagar vai ter que pagar o mesmo ou un chisco máis”. -¿Pero que me di, home? -Ben. Tranquilo. Voullo explicar fácil para que o entenda. Debe menos capital pero como os intereses subiron e vos-te-de-es-co-lleu-in-te-re-se-va-ria-ble- -movía o índice, acusador-, en vez de pagar por el ao 3,50 % de hai dous anos, cando pediu o crédito, ou 4, 25 do ano pasado, vai pagar neste que entra, o 5,25 % . Así, pois, e botando as contas, vai ter que pagar a mesma cantidade ou un chisco máis todos os meses, e claro, ao final tamén sae máis. Aínda que sempre pode ir amortizando.
-¿Pero que me di? Explíqueme que non o sigo. Debía ao entrar aquí dezaoito millóns, doulle un e medio, e dime vostede que lle sigo debendo dezaoito ¡ou máis! -Non é exactamente así. Deber, débeme –ben, débelle ao banco, claro, eu sonlle un empregado e tamén teño o meu crédito non crea- débeme, débelle, digo, dezaseis e medio... se mos entrega agora todos xuntos. Pero o Banco Central Europeo cambiou os tipos de referencia e nós tamén os nosos tipos de interese e así, a partir de agora, por eses dezaseis e medio, co tipo variable que vostede ten, vainos ter que pagar, vaille ter que pagar ao banco, claro, unha cota mensual como se debese dezaoito de antes, ou se cadra, un chisquiño máis, que aínda hai que facer números… Entende?
-¿Que se entendo? ¿Tipos de referencia? ¿Tipos de interese? ¿Tipo variable eu, que estou sempre nos oitenta e tres quilos e nunca digo unha palabra máis alta que outra? Tipos sen escrúpulos é o que son vostedes. Que ben lin que os seus benficios medraran o 87 por cen o ano pasado... Que non está ben que abusen así de nós. Que un día rebenta todo”.
O mozo marchou do banco nervioso temendo o momento de llo contar á moza, desde había un mes no paro. O director suspirou preocupado; non era a primeira vez que un cliente perdía a calma nesa semana e sabía adiviñar historias feas por debaixo. O mozo case tropeza na porta cun rapaz escuchumizado de anorak moi amplo e que estaba subindo unha bufanda para tapar a cara… Cando escoitou ás súas costas un berro de “manos arriba”, esbozou un sorriso e murmurou para si: “Teña coidado cos empregados. Eles non lle teñen culpa e seica teñen tamén os seus créditos... pero sobre todo, non se lle ocorra firmar nada”.
5 comentarios:
Eis o capitalismo. E si por riba empeza a cundir como en EUA o de deixar de pagarlle ao banco e que se quede coa casa, resulta que cos impostos de todos imos en axuda dos bancos, non en axuda do que deixou de pagar a casa. Non é así o que acaba de facer hai uns meses a Reserva Federal ianqui, o Banco Central Europeo e non sei quen máis?
pois o señor monxardín é ben amigo do capitalismo e do "medio-ambiente" coa súa defensa dos abrigos de pel que tantas bocas alimentan.
Non sexa necio, señor Anónimo, ande, non sexa necio...
O amigo Monxardín, efectivamente, é amigo do capitalismo e da xestión socialmente avanzada-socialdemócrata- do sistema capitalista. (Sen que isto supoña dar de comer ao liberado sindical eternamente ou engordar o estado ata facelo hipopotamesco). Fóra diso, da xestión avanzada do sistema occidental, chamémoslle capitalista, por exemplo, non ve máis que fume e un oco escuro e especulativo. Os seus exemplos son europeos, máis concretamente, noreuropeos. Sen ningún complexo. Seino ben, porque son eu.
Saúde anónimo e tire cos zapatos e co cinto.
Considérese aplaudido por este humilde servidor,avmf.
Publicar un comentario