6 ene 2008


Viñeron os Reis
E, entre outras cousas, deixáronme no Liceo un fermoso libro-catalogado publicado recentemente polo Ministerio de Asuntos Exteriores sobre A Historia de España a través do cine.
As mans xenerosas do amigo Xoán da Coba fixéronmo achegar ata alí. Só dicirlle que quedo sorprendido pola súa bonhomía e xenerosidade. No tema e no detalle, acertou de cheo: non lle caiba dúbida.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi queridos blogueir@s: Unha vez postos ó día nas novas tecnoloxías,que a competencia apreta forte, e como premio ó xeito de vendimar e a boa colleita de uva desta tempada, deixamos na solaina os seus agasallos virtuais.Precisamos para a ocasión facer uso de dous sacos.Un , máis grande, está cheo de saúde e amor. Non só para vostedes,tamén han coller para compartir: amigos,familiares,alumnos/as,clientes, lectores, pacientes,subordinados, superiores,... para todos debe haber,que non hai agasallo mellor que o pracer de querer e sentirse querido.
O outro, máis que saco é saqueta,ten algo de templanza, un petisco de moderación para aplicar nos praceres máis carnais( comer,beber,folgar) que de ser en demasía axiña pasan factura,unhas, poucas, doses de humildade,e uns cantos carbóns de azucre,aconsellable chupar de vez en cando ,de vagar , por tratarse de vacinas para a prevención da carraxe.
Esperando se sintan satisfeitos despídense os seus fieis servidores.
Melchor Gaspar e Baltasar

Anónimo dijo...

Sobre Wenceslao Fernández Flórez, o cine e a postguerra en Galicia.

A conciencia do derrotado
Wenceslao Fernández Flórez na solaina de Villa Florentina, en Cecebre (A Coruña). / la opinión

Wenceslao Fernández Flórez segue a ser o escritor español máis adaptado da historia do cine: as súas personaxes, seres insignificantes da rúa, ilustran a España da posguerra. Héctor Paz Otero.A Coruña

Wenceslao Fernández Flórez segue a ser o escritor español máis adaptado da historia do cine. As súas obras foron postas en forma polos máis relevantes directores nacionais e, nalgún caso, el mesmo participou activamente na confección do guión. O corpus máis representativo da obra de Fernández Flórez concéntrase nos anos vinte, durante a ditadura primorriverista, mentres que é na década dos corenta cando a arte cinematográfica prestou maior interese ás súas novelas. A que é debida esta circunstancia? Por que motivo unha obra escrita dous decenios atrás atopa o seu refrendo visual nos anos da posguerra?

O elemento que fai de ponte entre a narrativa de Fernández Flórez e a cinematografía de posguerra son as súas personaxes. A obra do autor coruñés atópase poboada de seres lastrados pola conciencia do derrotado, seres vulgares que na realidade cotiá pasarían inadvertidos pola súa insignificancia, individuos solitarios que sentan nunha mesa afastada dunha cafetería, que viaxan de forma silenciosa no asento traseiro dun tranvía, ou que pasean a súa escuálida figura polas rúas dunha cidade de provincias, sen chamar a atención do máis observador dos viandantes. Son persoas tristes que levaron unha vida baleira, monótona, anodina, e que, cando chega a hora de mirar cara a atrás para facer balance da súa existencia, decátanse de que a súa vida foi devorada polo paso do tempo sen ter a ocasión de facer nada relevante neste mundo.

Anos despois do retrato literario desta conciencia do derrotado, dá inicio a Guerra Civil. Tras case tres anos de terror, fusilamentos, bombardeos, paseos, exilios, sangue e morte, sobre todo morte, o final do conflito carrexou unha ditadura fascista cunha represión case tan atroz como a propia guerra. Setenta anos despois daquel pesadelo, podemos certificar que, independentemente do bando ao que pertenceran, a gran maioría dos cidadáns saíron derrotados daquela contenda.

Á miseria material na que quedou sumida España debemos engadirlle a miseria existencial dos superviventes. En consecuencia, a conciencia do derrotado que Fernández Flórez, por circunstancias biográficas persoais, plasmou na súa obra de xeito reiterado, por efecto da Guerra Civil extendeuse a toda a sociedade española dos primeiros anos da posguerra. Poderiamos dicir que a Guerra Civil encheu España de personaxes fernández-florezcos. O retrato da sociedade e dos seus individuos que o escritor coruñés realizou nas súas novelas dos anos vinte é un retrato focalizado pola mente dun eterno pesimista. Ese pesimismo invadiu a todo o país despois da Guerra Civil, de aí que entre as súas personaxes de ficción dos anos vinte, e os individuos reais dos anos corenta exista unha identificación notable.

Este tipo de personaxes non podían ter mellor encarnación na pantalla que a do actor galego Antonio Casal. O trío Casal-Gil-Flórez deparou ata tres filmes conxuntos:

El hombre que se quiso matar (1942), Huella de luz (1942) e Camarote de lujo (1957). Foron tres as ocasións nas que Antonio Casal prestou a súa faciana a un personaxe ideado por Fernández Flórez. Resulta significativo comprobar como o punto álxido da carreira interpretativa de Antonio Casal coincide cos aluvións de filmes baseados na obra de Fernández Flórez, o que vén demostrar que a figura encarnada por Antonio Casal vincúlase a un momento histórico determinado. Casal é o estereotipo ideal do home da rúa, con eses ollos acuosos que semellan ter a intención de matizar o seu sorriso, en consonancia coa definición do humor feita polo escritor no seu discurso de ingreso na Real Academia de la Lengua: "El humor tiene la elegancia de no gritar nunca, y también la de no prorrumpir en ayes. Pone siempre un velo ante su dolor. Miráis su ojos, y están húmedos; pero, mientras, sonríen sus labios".

É como un gran sorriso da desilusión que se converteu en metáfora da ferida aberta pola guerra.A modo de cerre, e co risco aínda de caer na simplificación, poderiamos manifestar que a obra de Fernández Flórez é unha gran prolepse que anticipou, vinte anos antes, o pesimismo colectivo dunha sociedade desangrada pola barbarie.



`Rafael Gil e Cifesa´

Desde o 3 de decembro e deica marzo, a Filmoteca Nacional mostra a exposición Rafael Gil e Cifesa, co motivo do 75 aniversario da fundación desta produtora. A mostra rende homenaxe a un dos realizadores españois máis exitosos da posguerra, cuxa fructífera relación coa produtora valenciana deparou filmes como Viaje sin destino (1942), Huella de luz (1942), El hombre que se quiso matar (1942), El clavo (1944) ou La guerra de Dios (1953). Os anos nos que Gil traballou para Cifesa foron os do seu nacemento como director e a súa consagración. Entre o material que conforma a exposición destaca un exemplar da primeira edición de

El bosque animado, cunha afectiva dedicatoria do autor na que expresa a súa gratitude ao cineasta pola beleza da adaptación de Huella de luz. Ata en catro ocasións recorreu a textos do autor para trasladalos ao cinema.

Anónimo dijo...

Este Héctor Paz Otero moi axiña presentará a súa tese. Sorte, pois, para el: ben a merece.

Anónimo dijo...

Aproveito a ocasión para recomendar un libro moi interesante do lugués Luis Miguel Fernández sobre a influencia dos mecanismos ópticos (carros de vistas, caixas, lanternas, que aparecen no libro como documentación gráfica moi valiosa), previos ao cinematógrafo, na literatura española.
O título do libro é
Tecnología, espectáculo, literatura. Dispositivos ópticos en las letras españolas de los siglos XVIII y XIX, e está publicado pola
Universidad de Santiago de Compostela. É do ano 2006.