5 feb. 2008

A boina vai cambiando de partido (Sarille, ECG 5 febr.)

Hai dous cambios na política galega nos que paga a pena fixarse. Un atinxe ao Partido Popular, que cada día é menos rexionalista. O outro ao BNG, que vai collendo a remuda da boina e adáptase sen sobresaltos ao ideario dos populares do rural; instálase nun conservadorismo propio de quen leva lustros no poder, aínda que acaba de chegar.
Na dereita ten cada vez menos peso aquela tendencia que se facía chamar galeguista. O PP de Galicia é xa igual que en calquera outro territorio, perdeu as características diferenciais da época de Fraga, apagou os fogóns ideolóxicos e presenta exclusivamente os pratos que lle cociña a dirección española. Os boinas, aqueles populistas de extracción aldeá desaparecen dos centros de decisión, substituídos polos novos candidatos, figuras en ascenso que apostan abertamente polo españolismo e polos valores hexemónicos da clase media de provincias, consistentes en medrar imitando exactamente a metrópole madrileña, a estas horas extraordinariamente dinámica. O vello discurso galeguista foi empaquetado e o adaptábel Núñez Feijoo acomódase aos novos tempos, sen facer referencia ao amor á terra, a non ser que lle pregunten por ela.
Mentres iso sucede no PP, o discurso do BNG adelgaza moito, fáltanlle nutrientes e caracterízase pola pobreza de obxectivos e unha concepción de Galiza moi cativa, como nunca fora vista na historia recente do nacionalismo. Todo se reduce a traer o AVE, ser alguén na política española e ao orgullo de sermos galegos, como no anuncio, sen que saibamos cales son obxectivos, que Galiza imaxinan, nin cales son os pasos para dar a dous anos vista, sen ir máis lonxe. O nacionalismo, que sempre presumiu de ir por diante, de ter o groso da intelixencia, de ter trazado o debuxo do futuro, naufraga e transparenta un galeguismo rudimentario.
Soldar Galiza cunha modernidade identificada require dun grande esforzo, ao que o BNG renunciou. Relocen as festas gastronómicas e a idealización da aldea nos discursos do seu líder, mesturados con infraestruturas e poucas cousas máis. A boina emigra para o BNG. Falta saber se terán clientes para esas danzas.

35 comentarios:

Etxe dijo...

Anda duro o Sarille. E razón non lle falta. O que pasa é que o país é o que é e non o que soñamos noutrora confundíndoo coas tertulias noitébregas de Compostela.

Xaime dijo...

Non é por traer auga pro meu prado, pero pareceme urxente substituír o PP en Galicia, por unha organización nacional de centro liberal, que sexa capaz de recolle-lo voto conservador galego, e parecemo xa que actualmente somos unha mera sucursal, un saco de votos cos que se equilibran os dous partidos maioritarios, a non ser que o actual BNG, se transforme nesa forza, que segundo Sarille está a pasar, ou o menos é o que eu entendo que pasa.

Xosé M. González dijo...

O Sarille leva moita razón; por exemplo, é notorio que ao BNG actual lle faltan nutrientes e o discurso perde espesor. Tamén é claro que a boina como figura sociolóxica perdeu e perde substancia por un simple motivo demográfico.

Teño eu, con todo, un par de obxeccións; a diferenza do que aparenta con Sarille, diríase que cargado de certezas, o meu vén de dúbidas.

E digo eu, ante todo, se non será (ou seremos, non resultando eu excesivamente inmodesto) a intelligentsia nacionalista quen falla á hora de elaborar o discurso necesario para este tempo; compróbese, se tal, quen e como se cubría tal cometido hai s
oitenta -primeiro- e hai trinta e corenta anos, despois; era desde as estruturas partidarias? Non estaremos esquivando responsabilidades, e proxectándoas nun Deus ex machina fornecedor de coartadas e alivio de frustracións? Non estaremos -de momento non sinalo, moito menos ao Sarille- preparando a xubilación?

Segundo, o campo despobóase, pero vilas e cidades renovan o seu cupo de antigos rurais; non se disolven, nunha xeración, nin os lazos nin os hábitos culturais directamente herdados. Será rendible aínda, en termos políticos, unha certa mensaxe boinística?

Teñan boa noite. Se alguén achega opinión e non contesto, non o tomen a mal. Anda a cousa revolta.

Leituga 1 dijo...

Pero é que é precisamente a "intelligentsia" nacionalista quen elabora o discurso acaído para estes tempos. O que ocorre é que a intelligentsia que agora ten audiencia nos cenáculos dirixentes do BNG -Lourenzo Fernández, Antón Losada, Manuel Bragado, Caetano Díaz, José Luis Gómez, Antón Reixa, Suso Iglesias e tutti quanti- xa non é a mesma que a de hai uns anos, cando Beiras era o rostro da fronte.
Sarille confunde a súa queixa: el cre que o BNG xa non ten discurso ou que o que ten é cativo e pouco ambicioso. Eu creo que o asunto é que o discurso é outro, moi condicionado por unha visión máis realista da sociedade galega e pola constatación de que o BNG, se quere pintar algo, non pode situarse frontalmente en contra das pretensións reais do país. É como se pensasen: xa que ninguén quere oír falar da "autodeterminación", pois ímoslles entrar co do "respecto por Galiza", que sempre é máis comprensible e move máis o corazón.

apicultor dijo...

Comparto a certeira análise de Leituga 1: Non é que non haxa discurso no BNG, é que o que hai é outro moi diferente ao anterior, acondicionado -e condicionado- ao perfil medio do galego medio, é dicir, do votante.

apicultor dijo...

Resulta que o BNG se está transformar pola calada, e que moitos dos seus membros e simpatizantes non se enteran ou non se queren enterar.

arume dos piñeiros dijo...

O discurso das diferentes intelligentsias dos partidos resulta en xeral bastante estéril. As marcas esenciais dos partidos, establecidas ao longo do tempo sobre a base de sentencias, ideas simplísimas, frases feitas, constitúen a principal baza electoral. Calquera discurso artellado complace ao grupo inevitable de lectores entretidos (ou non tanto) no xogo de tanteos intelectuais. E pouco máis.
De todas formas, esa especie de complacencia con todo votante ten que ser a seña dun movemento frontista e, sobre todo, se pretende gobernar. Para que van servir os planes ou programas, se o interesante é dar confianza, poñer un careto convincente e falar o menos posible dunha idea definida, polo risco de que moitos non a compartan? A marca do BNG agora mesmo é a de Galicia, así, o concepto. Sen máis. Non vaia ser que cando tratemos de explicalo o choio quede en nada.

Nota: veño escandalizado de ver por todo Barcelona o cartel da campaña de Duran i Lleida. "La gent no se' n va del seu país per ganes sino per gana. Però a Catalunya no hi cap tothom. A xente non se vai por ganas, senon por fame. Pero en Catalunya non caben todos."
"Donc, ves-te'n tu !!" aparecía por riba do cartel.

Anónimo dijo...

Absolutamente de acordo con Sarille.
O BNG era a organización da intelixencia en Galicia, a organización que tiña un proxecto para o país e para o mundo desde o país.
Hoxe padece a sequía intelectual que o mediocre Quintana ten instalado coa complacencia da UPG, que acadou o obxectivo de liquidar o beirismo.

Xosé M. González dijo...

Entro, só un momentiño, para comprobar que o debate está en marcha. Engado obxección: unha cousa é o discurso político inmediato (outrora, para efectos de táctica) e outro o proxecto mediato (ou estratéxico).

O nacionalismo, desde a orixe e con algunha posible lagoa, tivo ou suxeriu proxecto a medio ou longo termo: eis unha das bases fundamentais de sedución na década dos 90. E non nos confundamos: tal alicerce, limitado en por el, sustenta outro crecemento.

Ou sexa: vdes. verán o que vexan, pero non concordo en que a grisura dos días sexa todo o realmente existente. Xa os lerei noutro momento.

Anónimo dijo...

Durán i Lleida, ou a dereita ben falada e mellor vestida. Con ou sen vaselina, ao final métencha igual.

O BNG si ten proxecto, o que pasa é que o cambiou para adapartse a un espazo electoral (un "nicho") que xa había, e os cambios non son do agrado de todos (empezando por min mesmo).

O que non entendo son as críticas (ou comentarios críticos) dalgunhas persoas (non as de Sarille) que antes lle apoñían ao BNG "non estar conectado coa realidade do país" e ser "moi radical". Non querían un Partido Galeguista de centro-esquerda? Pois aí o teñen.

apicultor dijo...

Non se consola o que non quere, Saavedra. Esa distinción entre táctica e estratexia que vostede establece, non se sostén. Agora, vale para crentes: cambian as formas pero non o fondo. Non, non se sostén.

apicultor dijo...

Ora ben, hai bastantes cousas do BNG actual que eu aplaudo. Esta é unha delas:

Desde Vigo mesmo, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, reivindicou onte que o Estado español sexa "realmente" laico e aconfesional. En roda de prensa para presentar a campaña electoral do BNG na comarca viguesa, Fernández lamentou que os acordos en vigor sigan a ser os mesmos que se alcanzaron no 1979 entre a Igrexa e o Estado e indicou que estes "deberían adaptarse ao que di a Constitución Española", sobre todo, no que se refire a que España é un Estado aconfesional.

"Así que a nosa posición neste conflito é clara", sentenzou Davila: "O Goberno que saia do 9 de marzo ten que dar pasos en serio cara a un auténtico Estado laico, iso significa abordar non só a cuestión económico-financieira senón tamén determinados aspectos educativos e culturais máis propios dun Estado aínda confesional. De aí que explicite o compromiso do BNG para levar ao Congreso o tema da revisión dos Acordos entre a Igrexa Católica e o Estado".

apicultor dijo...

Se efectivamente aparece iso no seu programa electoral, pensarei seriamente en votar BNG. Así o digo.

arume dos piñeiros dijo...

Non me diga que lle seduce semellante brinde ao soleil, amigo Apicultor?
Por qué non lle pedimos a Sánchez Piñón, que a ten case case ao ladiño mesmo na mesa de conselleiros/as, que faga o propio coas concertadas clericais? Ten boa oportunidade. E como esa, unha chea delas.

apicultor dijo...

Home, dixen que o pensaría, non que fose seguro. Obviamente, habería que ponderar tamén outros elementos.

Brinde ao sol? Claro. Case todo o que se di nunha campaña electoral é un brinde ao sol, sobre todo por parte daqueles que non van gobernar.

Verbo da sedución, estou disposto a que me seduzan os partidos. O que pasa é que son moi estreito, ou quizais moi estrito, non sei.

Júlio Medela de Lobeira dijo...

Caros señores:

Algún de vostedes se apunta a unha viaxe iniciática???

*Porto-New York, de avión.

*New York-Chicago, en tren de alta velocidade.

*Chicago(Illinois)-Santa Mónica (República de California), en coche ou moto de aluguer, pola antiga estrada federal nº 66. -3.975 qm.-.

*Haberá paradas onde for preciso: Illinois, Missouri, Kansas, Oklahoma, New Mexico, Arizona e California. Regreso á terminación.

*Parillada conmemorativa en Tulsa (Oklahoma). Bailes rexionais Cheyenne e Lakota. Guest star: Chuck Berry.

*Entrega de premios á regularidade e diploma de asistencia no areal de Malibú (República de California).

Alguén se apunta???

Cumprimentos.-

apicultor dijo...

Apúntome agora mesmiño, señor Medela. Onde hai que asinar?

noguerol dijo...

Se de apañar votos falamos, a reconversión da boina de momento aproveitouna ben máis, e na maioría do país, o PSdG.

Xosé M. González dijo...

Pois vde. saberá por que non se sostén. A min paréceme obvio que os grupos políticos con incidencia social adoitan ter programas de mínimos, convertidos ás veces en proposta electoral, e obxectivos a medio ou longo termo.

A aspiración política do BNG non se substancia na xestión da autonomía; coido que iso téñeno claro a grande maioría dos afiliados do BNG. O problema é que, hoxe por hoxe, a tal substancia está pendente de concreción; é ao que lle chamo eu actualización do discurso de fondo, se non molesta que o diga.

Xaime dijo...

Sr. Apicultor, ainda que sabe e lle consta que coincidimos en moitas cousas, como se fai eso de que " o Estado español sexa "realmente" laico e aconfesional".
Despois eille contar algo que queren montar no Polígono de Sabón.

Leituga 1 dijo...

Apuntáballeme eu tamén de boa gana, Medela. Quen mas dera se as houbera!

E volvendo ao tema que nos ocupa: O Estado Español xa é laico e aconfesional, como establece a Constitución. Outra cousa é que fosen asinados no ano 1979 (non en "período constituínte", como di a boa de Olalla) uns acordos co Vaticano que deben ser revisados e, ao meu modo de ver, anulados e non substituídos por outros que constitúan un novo privilexio.

Outra cousa é o comportamento dos políticos e autoridades nestas cuestións. Un xoancarlista coma min, o único que ten que reprocharlle á Royal Family é a súa ostentación pública e institucional de catolicismo. Igualmente, creo que os socialistas na Xunta deberían irlle dicindo ao Rei que o 25 de xullo, mecachis, están todos ocupados con compromisos ineludibles e non poden aceptar a delegación rexia na Ofrenda ao Apóstolo. Neste aspecto, recoñezo que a miña postura está máis próxima á mantida estes dous últimos anos polo BNG. Aínda que, claro, Quintana ten aquí a vantaxe de que nunca se viu na tesitura de "ser pedido" polo Rei.

apicultor dijo...

Buf, acabo de ver o programa electoral do BNG e o de "levar ao Congreso o tema da revisión dos Acordos entre a Igrexa Católica e o Estado", non aparece para nada concretado. Fálase de revisar os Acordos, mais... en que termos? Pois non se sabe, non se di nada de cal ía ser a proposta concreta que di que pensa facer nin tampouco cal sería a postura que o BNG tería ao respecto. Unha indefinición máis, polo tanto.

Pero o que aínda peor: no que chaman "Decálogo" (isto é, a "substancia" básica do programa) para nada aparece contemplado ese asunto, para min desde logo moi importante.

Ou sexa, que se trata dunha vaga declaración de intencións á que, ademais, non se lle dá prioridade ningunha.

Ai, ai, ai! Isto de querer pescar troitas coas bragas enxoitas...

non teñen remedio dijo...

¿Queren pintar algo en Madrí e aquí a casa feita uns zorros?


DI QUE PODE AFECTAR A MÁIS DE 20 PERSOAS

A CIG denuncia "purgas' no SLG

O delegado da CIG no SLG, Gabriel López García, denunciou hoxe unha 'purga' entre os traballadores desta organización agraria que se manifestaron a favor da candidatura de Xurxo Álvarez que competía coa oficial de Carmen Freire.

De momento, lembrou que se despediu unha das traballadoras no local de Silleda. Non obstante, advertiu de que esta "purga" pode afectar "entre 20 a 25" empregados máis do sindicato.
López García admitiu que foi consciente desta "persecución" ao día seguinte do congreso, no que a candidatura oficial de Carmen Freire se impuxo á de Xurxo Álvarez. Por iso, revelou que nos días que seguiron o congreso se solicitou unha reunión co secretario de Relacións laborais do SLG que lle negou estes feitos.
Freire, designada por Lidia Senra como a súa sucesora, gañou no congreso celebrado en novembro a outra candidatura liderada por Xurxo Álvarez.

"Tomar medidas"
Non obstante, o delegado da CIG mantivo que se están a "tomar medidas" contra a xente que o transcurso do congreso non se posicionou co sector maioritario, que correspondería á de candidatura de Carmen Freire, avalada pola anterior secretaria Lidia Senra. Así, puxo como exemplo diso o despedimento dunha traballadora no local de Silleda.
En canto a Lugo, provincia onde máis apoios solicitou Xurxo Álvarez, López García asegurou que se percibe "bastante tensión". Por iso, augurou o despedimento tamén de traballadores "non proclives" á liña oficial do Sindicato Labrego Galego.
En concreto, López García apuntou que se trataría de "entre 70 e 90" os traballadores, se ben lamentou que non se lle faciliten datos a este respecto e que atribuíu a que moitos destes traballadores están contratados "por obra".

O SLG asegura que é unha "cuestión interna de renovación dunha traballadora"
Redacción . A nova secretaria xeral do SLG, Carme Freire, non quixo afondar nas críticas feitas polo representante da CIG neste sindicato e asegura que é unha “cuestión interna de non renovación dunha traballadora”.

En declaracións a ANT Diario, Carme Freire, asegurou que as denuncias realizadas polo delegado da CIG no SLG, Gabriel López García, “non teñen que ver coa política sindical” do SLG. López denunciou hoxe unha 'purga' entre os traballadores desta organización agraria que se manifestaron a favor da candidatura de Xurxo Álvarez, quen competiu coa de Carmen Freire.

“Dende a Executiva e a Secretaría xeral non imos valorar isto. Temos cousas máis importantes que facer”, asegurou.

apicultor dijo...

Outra máis!

Pra min que o BNG ten dentro topos que queren facer que fracase electoralmente. Se non, non se explican tantos despropósitos xuntos cunhas eleccións ás portas.

Unha de dúas. Ou topos ou unha irrefreable tendencia ao suicidio político.

Xosé M. González dijo...

E iso, Apicultor, ¿que tería que ver co BNG? Vexa que os presuntamente purgados pasan por ser UPG ortodoxa.

Eu chamaríalle movementos internos sindicato. Os outros tampouco non lle son quintanistas, eh. Noteillo ben o outro día, na convención.

apicultor dijo...

Home, que que teen que ver?

E logo moita xente non sabe que a CIG e o SLG son organizacións "irmáns" e que moitos militantes do BNG están nelas e que os seus dirixentes tamén son membros do BNG?

E que todos forman parte da mesma "familia"? E que o que lle pasa a un membro da familia repercute nos demais membros da familia? E que se a xente ve que os membros dunha mesma familia se pelexan entre eles vaise facer unha mala imaxe e unha mala opinión desa familia, e que se cadra non van votar ao "cabeza de familia" que é o encargado de presentarse ás eleccións?

Pois iso. Que ou teñen topos dentro ou teñen unha tendencia irrefreable ao suicidio político.

Xosé M. González dijo...

Ben, entendo logo que a suposta tendencia ao suicidio político non sería característica de grupo como tal, senón individual de cada militante; iso si, con efectos colectivos. Xa me perdo: pola forma de falar non sei se se trata de política do BNG, actitude das súas maiorías orgánicas, visión política de militantes concretos...

De todos modos, direille algo: canto ao que me consta, sería un proceso sindical entre sectores sindicais; e pode ser, incluso, que ambos estean a militar no mesmo partido político, máis concreto có Bloque, se me entende.

Direille tamén que no SLG, o mesmo ca na CIG, traballan tamén outros sectores políticos; e non hai que minimizalos: ata non hai moito, en Lugo ocupaban cargos medios e, se non me confundo, algunha liberación.

Ou sexa, que: primeiro, vexamos que hai de substantivo e que de gasosa; segundo, se tal, distingamos protagonistas. Á marxe da oportunidade, que aí cadaquén fará o que pode ou o que lle cadra.

apicultor dijo...

Carezo de información acaída e contrastada sobre o particular. O único que sei é esa nota que lin e que está arriba, que supoño tirada dalgún xornal.

Todos eses matices que vostede fai, Saavedra, non dubido que sexan pertinentes. Pero a sensación que queda no común dos mortais é que andan de lea dentro do nacionalismo (logo, por extensión, dentro do "Bloque"), sen distinguir se tal ou cal. Iso foi o que quixen dicir eu co da "familia". Creo que a opinión pública o pode percibir así, sen matices coma os que vostede establece. Isto paréceme bastante obvio. De aí que coide que é algo que fai dano electoralmente ao BNG. Vostede non? Pensa que é algo inócuo e sen a máis mínima transcendencia?

arume dos piñeiros dijo...

Eu creo, sen embargo, que ao común dos mortais o que pase dentro do BNG lle trae ao pairo. Alguén, fóra da familia (e con iso comprendo aos que nalgún momento sentiron o chamado do sangue como dicían en El viaje a ninguna parte), coñece os intríngulis do partido frontista? E, de coñecelos, por poñer un exemplo, realmente lle interesan? Esa é a grande vantaxe do BNG, que baixo unha bandeira dilúe as supostas contradiccións internas ou, para poñernos máis drásticos, difumina os seus plantexamentos políticos, de habelos.
Pero non me fagan moito caso hoxe: acabaron Os Soprano e ando demasiado triste e melancólico. Fundido máis ben en negro.

Xosé M. González dijo...

Estou dacordo co primeiro que di o Arume; non co segundo, obviamente: o Bloque é, arestora, bastante menos franquía do que os seus concorrentes electorais relevantes. Bastante máis ca bandeira, e non máis contradicións internas ca eles.

Ora ben, en efecto: unha grande maioría de votantes -incluíndo os que viñeron ata o de agora sendo propios- confírenlle unha escasa importancia a estes asuntos, dos que, por riba, unha grande parte deles non son coñecedores. Fiemos máis: moito moito moito votante non sabe o que é o SLG, e menos o relaciona co Bloque.

Ora ben: como ata o de agora o Bloque tivo, posiblemente, unha porcentaxe de voto "informado" (en miudezas internas) máis alto cós dous concorrentes, tal feito, que algún efecto ten, pode resultar nalgún impacto electoral. Pero un matiz: o carácter deses presumibles votantes lidos ao mellor contrasta co feito de ler só titular, ler só superficialmente ou, a falta de máis datos, dar creto completo ao que parece contar unha noticia que sae unha vez.

Eu penso que a xente, moita, tende a ser máis escéptica e menos impresionable. Non teño por que atinar. Por certo, igual o fenómeno político que parece estar a darse no SLG podía ser de interese para alguén coma vde.; dígollo sen segundas, e a teor do que -moi indirectamente- me chega.

apicultor dijo...

Datos deste calibre, xunto con outros semellantes, acaban sendo como unha choiva miúda que van conformando a opinión de moitos votantes (de difícil estimación na súa porcentaxe, pero non irrelevantes).

De feito, en certas enquisas periódicas pregúntaselle aos entrevistados sobre os partidos políticos. Entre elas, hai unha pregunta sobre o grao de unidade dos partidos. E non por mera casualidade se vén coincidir que se tal partido tivo nos últimos tempos problemas internos -reflectivos na prensa- a avaliación adoita ser negativa, e se non os tivo a avaliación adoita ser máis positiva. Vistos de forma seriada a evolución destas cuestións, sinala unha tendencia que logo se pode reflectir electoralmente: os votantes penalizan os partidos desunidos.

apicultor dijo...

... se vén coincidindo...

marcos valcarcel dijo...

É certo que o electorado castiga nidiamente a desunión nos partidos. Pero isto refírese máis ó discurso dos líderes máis relevantes (o caso Beiras no seu momento). Dubido que os incidentes internos no SLG teñan demasiada repercusión porque escapan, na súa interpretación, ó común dos mortais: entran xa na lectura críptica das vísceras do nacionalismo.

marcos valcarcel dijo...

Tamén é sorprendente a flexibilidade á que se chegou na relación entre partidos e aparatos sindicais. Hai uns anos, un militante do BNG que non estivese na CIG xa era motivo abondo para botalo. Hoxe hai moitos militantes da CIG, moi convencidos, que non votan BNG nin cousa semellante: esoutro día estaba no Pavillón un deles, enfervorizado seguidor do PSOE, segundo el mesmo me dixo.

Xosé M. González dijo...

Coincido basicamente co Marcos na penúltima mensaxe. De feito, direi que aínda o asunto xudeu non penso que tire moitos votos; e ao mellor aínda trae algún, se lles digo o que cheiro.

Canto ao segundo, é de vello. Lembro dunha vez, fins dos setenta, que certo coñecidísimo líder das CC.LL. falábame de afiliados activos que eran de AP (e/ou UCD), con certa rexouba pero en plena normalidade. Daquela tamén, se todos os afiliados de sindicatos nacionalistas votasen o BN-PG, igual ata se chegaba preto do deputado.

Hai xa moito que o Bloque é, nese sentido, grupo que asumiu unha perspectiva moderna e razoable; aínda que ao mellor hai quen o ignora. Zita Méndez, médica que igual coñece o Marcos, pasou de UG (ou EG?) a IU cando aquela entrou no Bloque; e seguiu con toda normalidade na CIG. Certo amigo meu -era, mesmo me foi á voda, pero retiroume o saúdo- estando na CXTG entrou no PSOE; cando pasou á UGT foi mediando (ou coincidindo) que o fixeron liberado sindical, e foi a partir daquela cando debeu decidir romper antigos lazos. Iso si, dixera que pasaba á UGT porque non estaba dacordo coa integración da CXTG na CIG.

O anterior é unha anécdota coma tantas. Outra: no 77, certo obreiro lugués da construción votara polo PSOE; supoño que era xa afiliado do SOG (xa fora a grande mobilización iniciática), e no 78 militaba na UPG. Dato novo, xa aludido máis arriba: na estrutura das organizacións sindicais nacionalistas, en Lugo, tivo e ten -ha de haber dez anos- xente da FPG; falo de cargos e liberados.

E logo, cambiando de póla, o Antonio Gutiérrez? Non se confundan, malia algunha grosa zoquetada, o Bloque é moito máis normal e moderno do que a miúdo aquí se dá a entender.