9 mar 2008


Batallán

Pan por Pan domingo 9 marzo


Hai máis de 30 anos que escoitei cantar por vez primeira a Luís Emilio Batallán. Debeu ser nalgún dos peches de estudantes en Fonseca ou nalgún concerto improvisado nunha asemblea universitaria daquel tempo. Batallán cantaba poemas de Curros e de Celso Emilio Ferreiro, entre outros, e viña de Madrid onde militara no comunismo clandestino. Onte estivo de novo en Celanova, na homenaxe a Curros Enríquez xornalista, e escoitei de novo cancións como “O maio”, “Nouturnio” ou “A Rosalía”. Conservan estas versións a mesma forza evocadora de cando as descubrín sendo estudante. Cancións que logo cantaron artistas como o seu amigo Pablo Milanés ou Toquinho. No xantar posterior coñecín un pouco máis a Batallán, médico rural de profesión; é un home afable, impulsivo, como un neno grande: na súa faciana adulta sobrevive unha mirada infantil que segue a descubrir o mundo.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

De Batallán xa teño falado aquí, porque formou parte do Movemento Popular da Canción Galega e tiveramos algún trato. A primeira vez que o escoitei foi no Círculo Mercantil de Compostela, a comezos dos 70; chamaba a atención aquela orientación melódica, e non direi que inicialmente moito para ben.

Despois (supoño que co trato e sobre todo a partir das gravacións discográficas) afíxenme a el; hoxe considéroo unha figura totalmente singular daquel panorama. O disco Aí vén o maio contén varias pezas desas que se volven clásicas, a forza de tan cantadas e versionadas. Máis ca "A Rosalía", "Quen puidera namorala" ou a canción homónima do disco todo, lembro, cantei moito e escollo

NOTAS NECROLÓXICAS
Deron os abecedarios
a nova da túa morte,
meu vello can de palleiro
abandoado da sorte.

O poeta sen fortuna
morto de morte matada
mentres soñaba coa terra
malferida e malpocada.

A moura necroloxía
resultou ser unha trola
pra xente anana e mesquiña
a quen o teu verbo esfola.

Xente a quen debes dicirlle, sorrindo e sen acritude,
que os mortos que vos matades
gozan de boa saúde

Pode o corpo ser vencido,
pode o dereito ser torto.
Mais o lume que alampea
xamais o veredes morto.

Aquí pódense escoitar cachiños desa e as outras cancións.

Anónimo dijo...

Que mal efecto, ese poema.

NOTAS NECROLÓXICAS
Deron os abecedarios
a nova da túa morte,
meu vello can de palleiro
abandoado da sorte.

O poeta sen fortuna
morto de morte matada
mentres soñaba coa terra
malferida e malpocada.

A moura necroloxía
resultou ser unha trola
pra xente anana e mesquiña
a quen o teu verbo esfola.

Xente a quen debes dicirlle,
sorrindo e sen acritude,
que os mortos que vos matades
gozan de boa saúde

Pode o corpo ser vencido,
pode o dereito ser torto.
Mais o lume que alampea
xamais o veredes morto.
(Celso Emilio Ferreiro)

Agora si, espero.

Anónimo dijo...

Que é agora del? Por onde anda?

Aínda recordo un amigo meu de Madrid que cantaba aqueles versos de "quen puidera namorala" así:
No niño novo do vento
hai unha bomba de uranio.

Anónimo dijo...

O seu amigo, ou testemuñal, ou malasombra ou futurista. Batallán foi (que haberá, dez ou quince anos?) presidente do Pontevedra C.F. e mesmo andara nalgún episodio turbio, con gravación e todo. Ultimamente non sei, pero alégrome de que siga na música.

Anónimo dijo...

A mín encántame a canción esa do Batallán,a da pomba. Unha pequena obra maestra musical. Aire "mixolidio", épico, na pequena estrofa, e" maior", cálido, no estribillo. Perfectamente compatible có que dí a letra. Un pequeno tratado de prosodia.

Anónimo dijo...

Batallán, a quen tratei un tempo, cando era propietario (el, non eu) dunha xustamente célebre taberna nocturna compostelá, debe seguir de médico, que é do que el traballa, na súa Moraña natal. O que non sei é se seguirá no PP, no que militou un tempo.

A min paréceme, con Amancio Prada, o mellor que deu a música galega desde os anos 70. Aínda estes días compreille en "El Corte Inglés" o seu último disco. Téñoo no coche pero aínda non puiden escoitalo. En galego creo que mete unha ou dúas cancións nada máis. E ten un "dueto" con Sabina. Xa lles contarei.

Anónimo dijo...

O disco está bárbaro.
"Tu retrato", títúlase.
Ponlle música ao famoso poema "Contra J.G.B.", de Jaime Gil de Biedma. E cántao a duo con Sabina. O mellor do disco.