Bienal da Caricatura: homenaxe ó Carrabouxo
por Afonso Vázquez-Monxardín Fdez.
Fagamos un repaso a 1982. Seguía a lentiña guerra entre Iraq e Irán; outra veloz– cheguei, vin, vencín, derrotáronme, caín- promoveu, inxénua, a ditadura militar arxentina nas Malvinas; Maradona veu ao Barça; celebrouse o mundial de fútbol na “naranjita” España; caeu por un barranco e espichouna a Grace Kelly; gañou as eleccións o PSOE de Felipe González e o Nóbel de literatura foi para García Márquez; suicidouse Romy Schneider; morreron Ingrid Bergman e Leónidas Bresnev... E en Ourense houbo un suceso extraordinario que ecoou e ecoa na prensa todos os días desde hai décadas: naceu un home fumando. Como o oen. Veu ao mundo un adulto, cangallón retranqueiro e anfibolóxico. ¿Anfi... que? An-fi-bo-ló-xi-co. Que gusta xogar cos dobres sentidos das palabras e das cousas. Ou como dirían os medievais no tempo das cantigas, coa “equivocatio”. El sería intelixente xograr de escarnio máis que de maldizer. Este home-paisano-bebé naceu entre as follas de La Región –a nai que o acolleu sempre con cheiro de tinta e papel- e estendeu o nome ao pai que o pariu. Así, Xosé Lois González Vázquez foi mutando en Xosé Lois “o Carrabouxo”, como se dixeramos “o ferreiro”, “o capador”, “o Buciños”, nesa liña de bautismo tradicional que é aporlle oficio, procedencia ou realizacións ao nome propio. Seguramente foi esta invasión do éxito por saber beber golosamente na esencia íntima da tradición galaica –unha anfiboloxía retranqueira e divertida- que desde o primeiro momento alumeu a súa presenza diaria. Empatou directamente, pois, sen intermediarios, coa xente. Pero o Carrabouxo non é simplemente un personaxe humorístico. Ca. Eses duran só unha temporada de moda e falamos aquí de 25 anos seguidos. El é é moito máis. É un arquetipo popular que leva dentro, na cerna, onde parece que é máis mol, unha mosca. Igual que a Disholcaspis quercusglobulus inxecta a semente da súa estirpe na cortiza das poliñas de carballo e fai nacer alí bugallo -que nós chamamos en Ourense sempre carrabouxo- o Xosé Lois traspásalle ao seu personaxe a vontade de transmitir sobre todo humor e logo conciencia social ou ideoloxía. Algo semellante –popularidade, humor, intención- achanzou o camiño para que outro humorista se convertise na figura máis importante do século XX desta Terra, e digo Castelao e todos me entenden. Se cadra pensando no de Rianxo, di Xosé Lois con ironía que o Carrabouxo é o único nacionalista vivo cunha estatua. É certo desde logo e non había ser menos. Primeiro choutou das páxinas do xornal á pantalla, alá polo ano 2000 e logo clonou en estatua no 2002. E desde ese momento asumiu tamén o rol de meeting point de boa parte da xuventude ourensá. “Quedamos no Carrabouxo” é unha das frases que máis se oe nas noites de festa entre uns adolescentes e mozos que xa o coñecen tamén dos libros de texto. Atallando, o Carrabouxo é o primeiro que se le no xornal, pasou á pantalla, converteuse en estatua metálica, entrou decidido nos corazóns e nos costumes dos cidadáns... ¿que máis se pode pedir, logo? Ah! A homenaxe dos seus compañeiros, dos debuxantes amigos e das forzas vivas da caricatura e o deseño. Pois velaquí está esta bienal e esta exposición. Graciñas e dálle.
1 comentario:
Magnífica a exposición dos humoristas galegos dedicada ó Carrabouxo. Está na entrada do Campus, perto da pasarela, en grandes cubos con catro viñetas cada unha. Gustoume especialmente a de Pepe Carreiro: prodixio de síntese e comunicación, case un poema visual.
Tamén moi interesante a mostra dos debuxos de RETRANCA que está no Edificio Politécnico: vímola onte na inauguración (presente Rubén Cela, dir. Xuventude) e os políticos (Rubén, Chema Ferreiro, Isabel Pérez, Marta Arribas, etc.)aínda riron coas viñetas contra a cidade da Cultura, por ex.
Como é habitual no "protocolo bipartito", só estaban presentes cargos do BNG. Ningún socialista nin do PP tampouco.
Publicar un comentario